Benvidos de novo. Seguimos adiante con este intento de aclarar dúbidas para mellorar a competencia lingüística. Porque o galego necesita de usuarios e transmisores, pero tamén de xente comprometida que faga un uso e unha transmisión correcta, o máis correcta posible. Falaba Taibo do
tino aloumiñante, namorado, cheo de aprensións e respectos, do a modiño que se ha coller a pluma na man para escribir a nosa lingua limpamente, sen botala de perda nin derramala.
Sucede que este noso idioma non adoita infundir ese tino, ese respecto, non adoita, en fin, facer pensar o usuario que está diante dunha ferramenta importante que debe utilizar con orgullo e dignidade; porque os erros no uso do galego non se senten como síntoma de incultura. Así, podemos escoitar que alguén di ou escribe
Hola. Aier fun a comer un plato a base de rape e queda tan pancho. Pero pensemos nunha persoa que metese a pata (as mesmas patas, pero ao revés) falando en castelán:
Ola. Onte fui comer un prato a base de pez sapo. Que se diría del? E non coidedes que é unha esaxeración; ben, si o é na frase en castelán (impensable!) pero non na outra que podedes ler ou escoitar con demasiada frecuencia.
Pois ben, o que tratamos é de facilitarlle as cousas a quen queira mellorar, pero tamén de picar nas conciencias e espertar ese orgullo, esa dignidade, que vos empurren a un tino o máis aloumiñante posible.
Pinchade na palabra para descargar o
Autocorrector 1, o
Tema 2 e
2 Exercicios. Se o pasades ben, moito mellor.