DE LINGUA EN LINGUA


BLOGUE DE LINGUA GALEGA DO CPI DE PONTECESURES
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 WEBS RECOMENDADAS
 FOTOBLOGOTECA
 DESTACADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

O DRAMA DOS REFUXIADOS DE TRISTE ACTUALIDADE
Estes últimos días as constantes novas sobre a chegada masiva de refuxiados sirios e iraquís ás portas de Europa golpeou as nosas conciencias. O sufrimento que provocan as guerras e a fame, oculto moitas veces polo silencio informativo ou simplemente minimizado polo efecto da distancia, fíxose patente ante parte da opinión pública europea, que demanda unha resposta política fronte esta situación. Este texto que imos ler trata precisamente disto.

1. Lemos con atención o texto.

href=http://www.noticieirogalego.com/2015/09/xunta-entidades-sociais-e-concellos-mantenen-a-primeira-xuntanza-para-coordinar-a-acollida-dos-refuxiados/ target=_blank class=tEnlac>http://www.noticieirogalego.com/2015/09/xunta-entidades-sociais-e-concellos-mantenen-a-primeira-xuntanza-para-coordinar-a-acollida-dos-refuxiados/

2. Procuramos nun dicionario virtual as seguintes palabras: protocolo, axilizar, eloxiar, solidariedade. Intentamos explicar o significado sen copiar a definición literal que dá o dicionario. Indicamos tamén, coa axuda do dicionario se fose necesario, a categoría gramatical das palabras anteriores.

3. Respondemos ás seguintes preguntas de comprensión do texto:
a)Cales son as entidades sociais que estiveron presentes na reunión cos representantes da Xunta e os Concellos ?
b) Con que intención houbo esta xuntanza ? Para responderes, completa con catro infinitivos seleccionados do texto o seguinte enunciado:

........... e............. unha serie de medidas para ...........e .............os refuxiados que cheguen a Galicia.
c) Segundo a conselleira, cal foi a actitude do pobo galego ante esta situación? .

4. Pescudamos información sobre o conflito sirio coa axuda de internet. Trata de entender as ideas globais do resumo que ofrece a canle BBC Brasil, para explicalas na clase:
http://www.bbc.com/portuguese/noticias/2014/11/141112_siria_explainer_hb

5. Contrasta esta información coa que ofrece este artigo do Jornal de Notícias portugués, que comentaremos oralmente:

http://www.jn.pt/Dossies/dossie.aspx?content_id=3407383&dossier=Conflito%20na%20S%edria


6. Redacta un texto na casa de máis de 10 liñas sobre este tema. Debes seguir este guión e lembra que cada idea do mesmo desenvolverase nun parágrafo independente:
-Introdución: resumo da situación da que imos falar, a chegada de refuxiados a países europeos.
-Medidas que adoptan ou deberían adoptar os gobernos dos países europeos ante esta situación.
-Accións que podemos levar a cabo os cidadáns.
-Reflexión persoal final sobre este acontecemento.

7. Copia no cartafol de galego do teu computador o texto, presentándoo adecuadamente:

-Comproba nun corrector ortográfico que todo estea ben e corrixe aquilo que faga falta.
-Tipo de letra: Times New Roman, cor negra.
-Tamaño: Título 18, corpo do texto 11.
-Espazo entre o título e o corpo do texto.
-Título centrado na páxina e en maiúsculas.
-Espazos entre os distintos parágrafos.
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 15-09-2015 09:35
# Ligazón permanente a este artigo
COMEZA UN NOVO CURSO ESCOLAR RODEADO DE TRACTORES
As cidades galegas, particularmente Santiago e Lugo, recibiron estes días de comezo de curso a reivindicación de moitos gandeiros/as que protestan pola preocupante baixada no prezo do leite nos últimos tempos, que pon en perigo a pervivencia deste sector clave da economía galega.
Este artigo do xornal Praza intenta esclarecer unha das cuestións de fondo do problema: os custos de produción do leite e o prezo de venda.
Leremos o artigo nas aulas de 3º e 4º de ESO para logo analizar e interpretar as gráficas que nel aparecen.
http://praza.gal/economia/10122/canto-custa-producir-un-litro-de-leite-galego/

Logo, intentaremos responder as seguintes cuestións:
1. Explica en que consiste o apartado denominado "Recría".
2. Que tipo de gastos se inclúen no apartado "Varios"?
3. Que parte dos gastos na produción dun litro de leite é a máis cuantiosa?
4. Segundo o artigo, que consecuencias ambientais e económicas para unha explotación leiteira trae que esa parte dos gastos de produción sexa tan cuantiosa?
5. Por que os gandeiros/as inciden tanto en protestar por que se venda o litro de leite por debaixo de 61 céntimos?
6. OPINA: Por que cres ti que algunhas empresas comercializadoras venden por debaixo deste prezo? Cales cres ti que serían as posibles solucións a partir do que se expón neste texto?
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 13-09-2015 12:29
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal