DE LINGUA EN LINGUA


BLOGUE DE LINGUA GALEGA DO CPI DE PONTECESURES
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 WEBS RECOMENDADAS
 FOTOBLOGOTECA
 DESTACADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

EXCURSIÓN A CANTABRIA 2013
O martes 2 de abril un grupo de 16 rapaces/as do CPI de Pontecesures xunto a outros 12 do IES de Valga saímos de excursión a Cantabria. A vila pesqueira de Cudillero foi a nosa primeira parada. Alí puidemos admirar a beleza da disposición das casas encaramadas na ladeira dunha montaña que remataba no mar. O porto pesqueiro, as cores das fachadas, as tendas turísticas das rúas... fan de Cudillero un enclave que merece a pena visitar. Logo dirixímonos ao Santuario de Covadonga onde fixemos unha foto de grupo a carón dunha fermosa fervenza. Rematamos o día instalándonos no albergue Max de Entrambasaguas, ás portas dos Picos de Europa. As instalacións eran aceptables pero o que nos chamou a atención era a hora da cea: ás 20 hs!, o que nos facía levantarnos pola noite a comer lambetadas.
Ao día seguinte tocaba visitar o lugar máis esperado da excursión: o Parque Natural de Cabárceno, onde vimos moitas especies de animais salvaxes, algún deles en posturas un pouco comprometedoras, quizais demasiado íntimas... Chamounos a atención a extensión de terreo que tiña cada grupo de animais con respecto a un zoo clásico. Sirva como exemplo que os elefantes dispuñan de 25 hectáreas. Pola tarde visitamos Santander, onde tivemos un tempo libre para percorrer a cidade e tamén a Isla de la Magdalena, na que había leóns mariños, focas e pingüíns. Pola noite, viñeron uns rapaces canarios aos que lles chamaba a atención que nós falásemos en galego: como se fósemos doutro planeta!
O xoves foi un día dedicado a visitar a montaña cántabra: o teleférico de Fuente De, o santuario de Santo Toribio de Liébana e a vila turística de Potes. Nunca viramos tanta neve, pero a experiencia foi incrible.
O último día suspendeuse a visita as covas de El Soplao, debido a que nevaba demasiado e era perigoso. Finalmente regresamos con tristeza e coa sensación de que a excursión se fixera demasiado curta. Quen nos dera repetir e, a ser posible, cos mesmos compañeiros/as de Valga cos que fixemos moita amizade.

Alumnado de 2º ESO
Curso 2012/2013
Comentarios (0) - Categoría: COMENTARIOS ALUMNADO - Publicado o 08-04-2013 12:43
# Ligazón permanente a este artigo
EXCURSIÓN A CANTABRIA 2013
O martes 2 de abril un grupo de 16 rapaces/as do CPI de Pontecesures xunto a outros 12 do IES de Valga saímos de excursión a Cantabria. A vila pesqueira de Cudillero foi a nosa primeira parada. Alí puidemos admirar a beleza da disposición das casas encaramadas na ladeira dunha montaña que remataba no mar. O porto pesqueiro, as cores das fachadas, as tendas turísticas das rúas... fan de Cudillero un enclave que merece a pena visitar.
Comentarios (0) - Categoría: COMENTARIOS ALUMNADO - Publicado o 08-04-2013 11:52
# Ligazón permanente a este artigo
UN OFICIO CON MOITA TRADICIÓN EN CESURES
Chámome Verena Vieites Fernandes. A miña familia dedícase á venda de churros na churrería "LA CESUREÑA", dende hai catro xeracións, cando comezou a miña tataravoa Luísa. Ela, á parte de ser a pioneira na miña familia, tamén o foi en Pontecesures e arredores.
Houbo épocas mellores, pero agora coa crise e co explotado que está o negocio, xa non se gaña tanto coma antes.
Na actualidade nós vendemos por mercados e romarías en: Vilagarcía, A Estrada, Melide, Padrón, Caldas, Forcarei, Lalín, etc. Traballamos os Luns, Martes, Mércores, Sábados e Domingos. Tamén, algún Xoves e Venres que nos cadre. Acostumamos traballar dez horas aproximadamente.
Tárdase sobre 20 minutos en montar un posto de churros.
Para preparar a masa, o primeiro que hai que facer é quentar a fariña (se vai frío) senón non fai falla. Mentres peneiras a fariña, pos a ferver a auga e bótaslle un cacharriño de sal. Despois, cando a auga ferva, engádeslle a fariña e, coa pa, amasas. Despois a masa métela no molde e vas cortando os churros (o aceite ten que estar ben quente, senón saen aceitados) e, cando estean ben torradiños, bótanse na bandexa. Así xa están listos para a venda. Ademais dos churros normais, tamén se venden churros de chocolate, porras de crema e roscas.
Á miña avoa, actual xefa, gústalle moito o oficio porque lle encanta tratar coa xente, coñecer novos sitios e ata lle gustan os madrugóns que se ten que pegar. A min en cambio non me agrada nada porque hai que levantarse moi cedo, e é un traballo moi duro para calquera rapaz.

Verena Vieites Fernandes
2º de ESO Curso 2012/2013
Comentarios (1) - Categoría: COMENTARIOS ALUMNADO - Publicado o 05-04-2013 13:13
# Ligazón permanente a este artigo
BIOGRAFÍA DE ANDRÉS DO BARRO
Andrés Lapique do Barro naceu en Pontedeume o 1 de outubro do ano 1947 e faleceu en Madrid o 22 de decembro de 1989. Foi un músico galego nos últimos anos da ditadura franquista. Por se querer adicar ao mundo musical, Andrés pasou a ser a ovella negra da familia xa que rompeu a tradición familiar de ser membro da Armada.
Aínda que por aqueles tempos na ditadura franquista estiveran prohibidas todas as cancións en galego, o público non dubidou un instante en mostrarlle o seu apoio ao artista.

Os seus maiores éxitos musicais foron:"O Tren","Corpiño xeitoso" e, por último, "San Antón"(estes tres éxitos chegaron a ser moi rápido número un nos medios radiofónicos).
Tamén actuou en filmes como "En la red de mi canción" acompañado por Concha Velasco.
Un dos mellores amigos de Andrés foi Juan Pardo, tamen músico, pero un día, por unha pelexa entre ambos, romperon a súa boa amizade e seguiron por separado.
Como Andrés xa rompera coa compañía discográfica RCA decidiu marchar para México durante tres anos onde sobreviviu traballando de cociñeiro nun local. Aos tres anos da súa ida regresou xa repatriado en 1979.
Pese a todos os éxitos musicais que logrou ter ao longo da súa carreira, o final da súa vida foi marcado pola penuria económica.
As súas últimas aparicións foron en programas da TVG en 1989.
O día 23 de decembro de 1989 coñeceuse a noticia da morte de Andrés do Barro debido a un cancro hepático aos 42 anos de idade.
Atrás deixaba unha estela de grandes éxitos e grandes cancións aínda moi coñecidas hoxe en día.
Cristian Creo Baleirón
Ricardo Eitor Tubío 3ºESO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 05-04-2013 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
¿FANTASÍA OU REALIDADE?


Xoana ía xogando polo xardín cando de repente tropezou cunha pedra e caeu. Ao caer, quedou profundamente durmida.
Cando espertou, viu que estaba nun mundo distinto ao seu e tiña que voltar o antes posible.
Preto dela apareceu un grilo que lle dixo:
-Ola neniña! Ti non es de aquí, Xúpiter, verdade?
-Non, eu son da Terra.-contestoulle Xoana moi timidamente.
-Da Terra? Que nome máis estraño. E onde está iso?- preguntoulle o grilo.
-A Terra, o planeta azul. Ten moita auga e persoas coma min-díxolle ela.
-Perdoa polos meus modais, non me presentei. Eu son Antonio , o grilo- informoulle el.
-Ola, Antonio. Eu son Xoana. Pódesme axudar a voltar ao meu planeta?- preguntoulle a rapaza.
-Claro que si, pero temos que solucionalo antes das 12 senón, isto non tería sucedido- aseguroulle Antonio-. Pero, non te preocupes. Imos ver o que atopamos- suxeriulle o grilo.

Xoana e Antonio estiveron andando un bo anaco. Antes de renderse, atoparon un reloxo que podía facer retroceder o tempo.
A nena ocorréuselle retrasar a hora ata antes de tropezar coa pedra.

Entón, apareceu outra vez brincando polo xardín e cando se atopou coa rocha, saltou por enriba dela. Despois, deuse a volta e fixouse que nela estaba un grilo. Parecíase moito a Antonio. A neniña parecéralle que lle chiscara un ollo.

SOFÍA RARÍS FROIS
1ºESO/ CURSO 2013
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 05-04-2013 12:22
# Ligazón permanente a este artigo
ANDORRA'13


O día 2 de febreiro ás 23.00 comezou a nosa intrépida aventura. Reunímonos todos na entrada do colexio para esperar o autobús que nos levaría a Andorra. Esperamos ansiosos a súa chegada para coñecer por fin aos nosos compañeiros de viaxe. Connosco viñan os colexios de Barrantes e Meaño. Nós eramos o grupo menos numeroso, tan só dez, pero iso non trouxo ningún problema. Durante o traxecto de ida fómonos coñecendo mellor. Unha vez alá asignáronnos as nosas habitacións e os nosos equipos de esquí.
Ás 7:00 soaba o espertador que nos anunciaba o comezo doutro marabilloso día. Logo de almorzar, o autobús levábanos ás pistas, onde máis dun caía aparatosamente. Despois de recibir as clases de esquí, comiamos no restaurante de alí. Cando rematabamos tiñamos unhas horas de esquí libre, e ás 18:00 regresabamos ao hotel, onde, logo dunha ducha, adicabámonos a percorrer as habitacións dos nosos compañeiros/as para coñecernos mellor.
O xoves foi o único día que non puidemos subir ás pistas porque estaba caendo unha das maiores nevaradas que se recordaban en Andorra nos últimos trinta anos. Este pequeno contratempo non nos impediu divertirnos, xa que estivemos pelexando coa neve e facendo concursos de bonecos de neve entre os tres colexios que participamos na actividade.
Este mesmo día, á tardiña, fomos a Caldea. Alí relaxámonos nas piscinas exteriores á luz das estrelas e máis dun saíu enrugado da sauna. Sen dúbida este foi un dos mellores lugares nos que estivemos.
O venres á noite tivemos que devolver os nosos equipos de esquí e despedirnos dos nosos apartamentos (aos que lles collemos moito cariño, sobre todo ao microondas...) Collemos o autobús e emprendemos o camiño de regreso facendo paradas puntuais.
Cando estabamos chegando, comezaron a brotar as primeiras bágoas e, unha vez en Pontecesures, todos rompemos a chorar na despedida. Fixemos unha foto no colexio como último recordo e dixémoslles adeus aos nosos compañeiros/as con bágoas nos ollos.
Sen dúbida foi a mellor excursión que tivemos dende que estamos no CPI e que nos será imposible esquecer, xa que foi unha semana incrible con persoas impresionantes ás que non poderemos esquecer e coas que seguimos en contacto a día de hoxe.
Finalmente, queremos dedicarlle esta crónica aos nosos amigos de Meaño e Barrantes aos que non esqueceremos xamais. Tamén lle agradecemos a Felipe o esforzo realizado para levar a cabo esta actividade.

Carla Constenla Barral e Antía Sanmarco Martínez
3ºESO Curso 2012/2013
Comentarios (1) - Categoría: COMENTARIOS ALUMNADO - Publicado o 03-04-2013 13:38
# Ligazón permanente a este artigo
AS VERBENAS TAMÉN EN GALEGO
http://praza.com/cultura/3980/chega-o-tempo-da-verbena-e-galega/
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO EN POSITIVO - Publicado o 02-04-2013 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal