DE LINGUA EN LINGUA


BLOGUE DE LINGUA GALEGA DO CPI DE PONTECESURES
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 WEBS RECOMENDADAS
 FOTOBLOGOTECA
 DESTACADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

UN RELATO SEN FIN
Non podía crer o que estaba pasando. Iria pensaba que era algo normal, pero eu, astuto coma sempre, sabía que algo raro estaba sucedendo. Só había que cavilar un pouco.
O meu nome é Anxo. Son un rapaz cun expediente académico perfecto. Gústame dicilo xa que é algo que se me dá moi ben. Teño catorce anos e son de Ourense, ao igual ca miña nai. Meu pai morreu cando eu só tiña cinco anos. Apenas me acordo del. Non teño irmáns, pero si unha curmá á que quero moito. É unha das persoas máis importantes da miña vida, igual que mamá, claro. Chámase Iria e ten quince anos. É un pouquiño máis vella ca min pero somos os mellores amigos. Contámonos todo e estamos sempre xuntos para o bo e para o malo.
O outro día, ela e mais eu decidimos levantarnos cedo para poder ir á igrexa e meditar un pouco. Hai xente á que lle pode parecer absurdo, pero a min axúdame moito a estar máis relaxado. Cando acabamos de meditar, fomos á taberna do meu tío Cecilio, un paisano moi honrado, almorzar un chocolate quente, para afrontar a xeada, e unhas boas torradas de pan, como me gusta a min, cun bo aceite...Mmmmm, que ben sabía!!! Cando rematamos de saborear ese manxar fomos dar unha volta pola vila e encontrámonos con Dona Roseta, unha vella veciña, que nos dixo:
-Vós, rapaces!!!Hoxe non tendes escola?
-Non, estamos de ponte -contestamos.
-Vouvos propor un xogo. Se conseguides superar todas as probas, gañaredes unha moi boa recompensa. Só vos digo que coa cantidade de cartos que é, poderedes comprar moitas cousas.
Nós por suposto que aceptamos, quen non vai aceptar se se fala de cartos? Seguímola sen saber a onde nos dirixiamos. Só pensabamos que iamos facer con tantos cartos. Cando chegamos ao lugar, non podía crer o que estaba pasando. Iria pensaba que era algo normal, pero eu, astuto coma sempre, sabía que algo raro estaba pasando. Só había que cavilar un pouco...
-Moi ben, Xan, gústame a túa historia. Tes que mellorar un par de cousiñas e terala perfecta -dixo o profesor de galego.

-Pero, pero...aínda non rematei -agregou indignado Xan.

-Xoana, leme o teu relato! -dixo o mestre, ignorando ao seu alumno.

Alba Miguéns Cordo
1º ESO B
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 26-03-2015 11:36
# Ligazón permanente a este artigo
COMO SE INVENTARÍA ISTO?

Nunca vos preguntastes por que hai vacacións de verán? E non é para descansar da escola, nin para separar un curso doutro, nin porque quixeran os profesores (como algún de vos pensará). Todo se remonta a uns 396 anos atrás:
Nunha escola pública, estudaba unha rapaza máis ou menos da vosa idade. O seu cabelo era curto e negro. Pero os ollos eran dun verde intenso coma o dos chícharos. Tiña o nariz pequeno (o que facía que fora unha persoa de grande beleza). Tiña uns dentes brancos coma o algodón, que destacaban no seu gran sorriso de orella a orella. Era delgadiña, pero bastante forte aínda que non o parecera. Como era tan fermosa,todos os rapaces da súa idade se namoraban dela, igual que un rapaciño de tres aniños se namora do seu tren de xoguete.
Pode ser que fora moi guapiña ela, pero, aínda que destacaba entre todas as rapazas no tema de fermosura, non era igual así nos seus estudos. Non sacaba moi boas notas e ía aprobando como podía pero... Bueno, mellor dito, que non lle gustaba a escola.
Antes, na súa época, había que ir igual á escola (todos os días do ano. Dende o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro).
Ninguén se queixaba diso, pero ela si. Pois así era Isabel.
Non quería ir ás clases de matemáticas, xeografía, debuxo, etc. Non lle gustaba ningunha!
Dicía que ogallá non tivera que ir á escola e xa nacera aprendida!.
Resulta que un día, así sen máis, a rapaza enfermou. E, para non agravar máis a cousa, faltou durante medio mes á escola.
Pasaran xa dous meses e Isabel aínda non puxera pé no edificio.
Pero, o que non sabían, era que a lacazana da rapaza xa estivera ben dende había semanas.
O que pasou despois de días, días e días, foi que os pais da nena se decataron de todo. E, cun enfado tan grande coma un avión que transporta 521 pasaxeiros por viaxe, mandárona dun berro para a escola:
-ISABEL! PASA PARA O COLEXIO DUNHA VEZ SE NON QUERES QUE CHE PASE ALGO MALO DE VERDADE!
E, rápida coma un raio, a medorenta rapaza foi á escola.
Pero non ía deixar que a obrigasen a estar alí metida durante todos os días da súa vida.
Polo que a rapaza pensou que, para faltar ás clases, ía finxir cada ano que tiña unha doenza .
Cando os seus compañeiros e amigos se decataron, comezaron a facer o mesmo ca ela.
E así comezaron as vacacións de verán.
Quizais sexa algún de vós, queridos lectores, parente afastado de Isabel.
Por que non probades entón, a alongar máis as vacacións?
Se o facedes, poderedes chegar, incluso, a ter soamente tres días de escola. Pero quen sabe...

Xiana Magariños Barreiro
1º ESO B
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 23-03-2015 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
O ESPELLO

Xan volveu do instituto á súa casa pola tarde. Como tardou en chegar, xa lle deran as nove. Rematou cos deberes e ceou. Agora xa podía durmir tranquilo.
Cando ía para o seu cuarto, no corredor algo lle chamou a atención: o espello de corpo enteiro, e preguntouse: "Que haberá ao outro lado?". As dúbidas puxérono nervioso, porque vía un rapaz no espello, pero cando quería entrar a través deste, sempre chocaba con el! Era imposible pasar ao outro lado!
Pero esta vez non se ía render. Intentou pasar por debaixo, pola esquerda, pola dereita..., pero nada, ata que deu a unha da madrugada. Estaba xa a piques de quedarse durmido, fatigado, cando viu que o rapaz que estaba diante súa, tamén estaba canso.
Foi entón cando o despistou, e puido así entrar ao outro lado.
Telmo Portas González
1º ESO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 19-03-2015 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
PATINANDO NO CEO

Eu empezaba un novo curso escolar no Instituto Brisa. Mentres estaba asombrado mirando a súa porta polo grande que era,vin que algo do ceo se dirixía cara a min cunha velocidade espectacular e, ao pouco, impactou comigo. Era unha adolescente, e pregunteime que faría no ceo esa rapaza? Pois esta pediume desculpas é contoume que facía no ceo. O caso era que no meu novo Instituto tiñan un deporte raro, asombroso, pero inimaxinado. Tratábase de… patinaxe aérea! Quedei perplexo.
Logo a rapaza presentouse: chamábase Camelia. Era fermosísima, case tanto como unha deusa. Camelia preguntoume se me quería apuntar á patinaxe aérea, pero eu contesteille que non me interesaba xa que parecía arriscado.
Na presentación, o director deu o aviso de que a patinaxe aérea deixaría de practicarse debido a que lle faltaba un só integrante para o grupo. Mirei para Cami, que estaba triste. Nese momento aceptei entrar no grupo. Cami alegrouse tanto que me deu unha aperta.
Ao día seguinte, encontreime coa miña nova compañeira no campo traseiro do Instituto, que me dixo que puxera os patíns, que realmete eran chulos, pero as rodas eran diferentes. Cando acabei de calzalos, a rapaza levoume ata unhas placas que nos ascenderon ao ceo. Alí arriba había outros estudantes adestrando. Eu non vía nada ata que Cami me deu unhas lentes especiais para ver a pista . Estiven practicando moito, porque resultaba divertido.
Un dos integrantes do grupo trouxo un cartel do campionato de patinaxe aérea deste ano. Vin a todos os meus compañeiros de grupo preocupados, pregunteilles o que pasaba, e eles dixéronme que o Instituto Tornado de Destrución era sempre o campión. Eu intentei que cambiaran de opinión, que este ano gañaríamos nós, máis eles aceptaron pero non totalmente.
Era o día do campionato. Os do outro instituto tiñan vantaxe sobre nós pero grazas a un desafortunado accidente do seu líder nunha das rodas, eu puxen todo o esforzo que cheguei a meta antes ca el . Iso quería dicir que……¡¡¡¡¡¡ERAMOS OS GAÑADORES!!!!!!
Camelia e o resto do equipo tiráronse enriba miña, cheos de alegría. Desde ese día máis estudantes se uniron ao grupo de Patinaxe Aérea.
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 10-03-2015 14:48
# Ligazón permanente a este artigo
COUSAS PEQUENAS

Nun banco dun parque unha rapaza miudiña de pelo cor acibeche entretíñase observando a un neniño, que xogaba cun aparello que emitía sons infernais. Nese intre, o rapaz golpeouno contra o chan desfacéndoo en mil anacos e empezou a chorar. A rapaciña do pelo acibeche acercouse.
- Por que choras? - díxolle abaneando o seu pelo que escintilaba co sol.
- Estaba xogando e ía gañar! Só tiña que matar a unha xoaniña xigante, pero quedei sen batería! Agora teño que esperar dous días ata que meu pai me compre outra maquiniña! Que vou facer mentres tanto?
A rapaza, que traía consigo unha mochila, sacou dela un globo vermello. Inchouno e deullo.
-Toma, regálocho.
- E que vou facer con isto? Nin sequera ten botóns!
Ela soltou o globo, que saíu voando facendo círculos no aire. O rapaz, de súpeto, saíu correndo detrás del rindo.

Era unha mañá cálida, e os vellos saían a dar un paseo. A rapaza correteaba entre a herba húmida polo orballo. De súpeto viu a un velliño, triste, coa mirada fixa no chan. A rapaza acercouse.
- Por que estás tan triste?
- Ai! Acabo de perder os meus aforros nunha aposta! Vou morrer sendo pobre!
A rapaza sacou da mochila unha caixiña de música antiga.
- Anda! Pero se é a miña caixa de música! Perdina cando era un cativo, así coma ti. Moitas grazas, meu anxo.
Do rostro do vello desapareceu a tristura.
Non se volveu ver esta cativa. Moitos dicían que era un anxo e outros, un demo. O certo é, que ese rapaz co globo medrou sendo feliz, e o velliño morreu, pero feliz. Porque o que importa na vida non son as últimas tecnoloxías, nin os cartos, se non a felicidade que se encontra nas cousas pequenas.

CANDELA LAFUENTE LÓPEZ 4ºESO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 10-03-2015 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
DE XAN A COSME

Ola! Son Xan. Teño 15 anos e son un rapaz valente, decidido, simpático, guapo, alto e teño tanta axilidade coma o mono Paquito do zoo da cidade. Pois en realidade non, xa me gustaría ser a min ese rapaz. É verdade que son alto, o máis alto dos meus irmáns, pero non son nin valente, nin decidido, nin tampouco simpático, e o de guapo só mo di a miña nai. Máis ben son tímido, caladiño e non me gusta destacar. Prefiro pasar desapercibido para que non me molesten. O meu pelo é algo longo e tan crecho que, se me cae un lapis na cabeza, desaparece. Tamén son moi delgado, cando me queren dar un abrazo é coma se se abrazasen consigo mesmos.
Teño dous irmáns e eu son o do medio. Primeiro naceu Cora. O nome non é moi bonito que digamos pero ao meu pai gustoulle. De pequena era rebuldeira, non deixaba de chorar e sempre tiña que ter ela a razón en calquera disputa. Agora ten 20 anos e é unha muller feita e dereita. É tan delgada coma min e bastante alta cos tacóns. A amabilidade e a simpatía fai dela unha boa muller. Eu quéroa moito e os meus traballos do colexio non serían tan bos de non ser pola súa axuda. Óscar é o irmán pequeno. O seu nome é de orixe celta e significa guerreiro saltón. Non lle vén tan mal, pois non deixa de saltar e aos meus pais ocasiónalles moita guerra. É espelido coma el só e moi traballador. Só ten 9 anos e parece tan maduro coma min. O seu pelo é tan crecho coma o meu e teno bastante longo tamén. A miña nai chámase Samanta. É deseñadora e iso fai que sempre vaiamos moi ben vestidos. Nunca nos berrou, nin a min nin aos meus irmáns. Só lle facía falta facernos un aceno coa man ou mirarnos cos seus ollos de desaprobación e xa nos metía o medo no corpo. Se teño algún problema, ela sempre está aí para o que me faga falta e sempre me escoita con moita atención, sexa o que sexa o que lle queira dicir. Por último está meu pai. Chamábase Emilio, e digo chamábase porque morreu pouco despois de nacer Óscar nun accidente de tráfico. Era un home moi bo e traballador, aínda que algo tímido coma min. Nunca deixaba de traballar, pero encantáballe xogar con nós e contarnos historias de medo a min e a Cora para que non durmísemos de noite. Óscar non o chegou a coñecer, pero ten unha foto del e non se separa dela. Quero moitísimo á miña familia e non a cambiaría por nada no mundo. Sempre están aí, e se teño algún problema non dubidan en axudarme.
Agora mesmo estamos arranxando as cousas da mudanza, pois acabamos de mercar unha nova e pequena casiña. É acolledora, bonita e, para nolos tres, chéganos. A outra era moi grande e decidimos vendela para unha familia máis numerosa. Mañá vai ser a miña primeira clase no colexio novo. Gustaríame dicir que estou impaciente, pero é todo o contrario, só quero pasar desapercibido e non meterme en problemas. Xa é moi tarde e aínda non acabamos de amañar as cousas. Mañá teño clase e non quero chegar tarde ao meu primeiro día, polo que vou para a cama. Ao levantarme, vístome rápido e vou para a parada do autobús. Xa o vexo dende lonxe e xa me estou poñendo dos nervios. Oxalá non tivera que ir á clase, facer amigos non é o que mellor se me dá. Subo ao autobús e todos miran para min e murmuran polo baixo, eu estou moi asustado e quedo parado nada máis subir. De súpeto non me dou conta e o condutor arranca bruscamente facéndome caer ao chan. Todos rin e sinálanme. Que ben acabo de empezar o curso! De repente unha rapaza achégaseme a min e axúdame a levantarme.
- Ola, estás ben? Vaia golpe! Non lle fagas caso a estes paspáns. Ven, séntate comigo.
Eu collín a mochila e senteime con ela sen dicir palabra.
- Chámome Mabel, es o novo, verdade? Como te chamas?
- Xan.- Respondinlle tartamudeando.
- Vaia, se es tímido, non te preocupes que te espabilo eu! - Rímonos os dous e chegamos ao colexio.
Sempre me custara moito ler, cando intentaba ler un libro ou unha revista sempre me confundía nas letras e nas palabras. Ler en alto era unha misión imposible para min, pero no anterior colexio deixábano pasar e nunca tiña que facelo. Agora era distinto. Na miña primeira clase paseino moi mal. Sentei do lado de Mabel e a profesora, neste caso de lingua Española, mandoume ler en voz alta o poema que tiña diante. Eu púxenme moi nervioso e non puiden nin pronunciar correctamente o primeiro verso.
- Que pasa? Que non sabes ler con 15 anos que tes? - dicíame e eu poñíame mais nervioso.- Deixa, anda, deixa, que lea outro. - Eu calei e outro rapaz seguiu lendo.
Sentinme moi mal e con ganas de chorar. Aquela profesora era ruín e mala. Comprobeino durante toda a semana cando daba clase. E non só comigo, con tódolos rapaces e rapazas. Sempre nos botaba a bronca por algo, fose o que fose, pola letra, pola entoación ao ler, se iamos ben vestidos ou non... Ao final acabei por non falar nesa clase, pois se todo o que dicía ía estar mal, para que dicir nada.
Despois destes problemas, a miña nai decidiu actuar, pois o de non ser capaz de ler con 15 anos non era normal. Ao final o que teño é dislexia, son incapaz de ler ben e non sei que me vai pasar na escola. Os profesores xa estaban informados, pero aínda así pasábao moi mal no colexio. Os meus novos compañeiros metíanse comigo e ríanse de min. Tirábanme as cousas ou rompíanme os deberes que tiña feitos. Gastábanme bromas de moi mal gusto e metíanse comigo por ter dislexia. Ao final o que facía era esconderme nos baños toda a mañá e polos corredores intentaba que non se me vira, tarefa complicada pois era un dos rapaces máis altos. Cos profesores tamén tiña moitos problemas, non só coa de lingua Española. O profesor de Bioloxía era un vello dos que se criou nas escolas nas que, se non facías as tarefas diarias ou se berrabas mais da conta, dábanche unha labazada que te acordabas del toda a vida. Sempre ridiculizaba aos alumnos, cousa que eles vían normal porque xa lles dera clase varios anos, pero eu acababa de chegar e nunca vira tal cousa. Eu sempre facía as cousas mal, sempre tiña ou un til mal colocado ou un óso da perna colocado nun do brazo. Debo aclarar isto dicindo que a min o tema dos ósos non se me dá nada ben e unha tarefa do día era debuxar un brazo dun esqueleto humano sinalando tódolos ósos que souberamos. Eu a maioría inventeinos. As únicas persoas que me animaban eran a miña familia, que sempre me axudaban a facer os deberes e a que non me dera por vencido e seguise cos estudos. E despois estaba Mabel, a única rapaza que me falaba no colexio e me trataba ben. Ao final decidín non falar, non só na clase de lingua Española, senón en tódalas clases, pois todo o que dicía e facía estaba mal. Xa non respondía na clase cando me preguntaban e tampouco falaba moito con Mabel, que pasaba as mañás enteiras intentando que dixera algo e animándome. Ría moito con ela, era moi simpática, pero eu seguía sen dicir palabra.
A min o que me gusta é a música. Toco o piano e bastante ben. Miña nai mercáramo ao saber da miña paixón pola música. Encántame os Beatles e tamén Freddie Mercury. Cando estou só poño a miña habitación patas arriba e vólvome tolo. Sempre soñei con ser cantante ou músico de pop, aínda que son algo tímido. Tamén compoño, teño algunhas cancións escritas que canto mentres toco no meu novo piano, pero son moi malas. A música que compoño non só vai acompañada del, tamén toco a guitarra e a batería. Estes instrumentos xa os tiña dende pequeno, pero o que mellor se me da é o piano. O que fago para compoñer é gravarme tocando individualmente cada instrumento. Despois mesturo os sons cun programa de internet e póñome a cantar. As miñas cancións adoitan ser modernas e bailables. Cando estou na miña habitación, Cora sempre entra e ponse a bailar comigo. Ela e a miña nai din que teño moi boa voz e que podería chegar a ser alguén importante. Pois non sei, son patoso, algo tímido e disléxico. Eu músico? Nin en soños.
A clase de Música era onde mellor o pasaba e onde máis me esforzaba. A profesora tampouco axudaba moito, pero eu tiña voz e tiña que recoñecelo. Hoxe tiñamos que facer un traballo e lelo na clase. Era sobre o que quixésemos, ben podíamos falar sobre a vida de Wolfgang Amadeus Mozart, ou de como se tocaba a trompeta. Eu non tiña nada para expoñer, pois se o dera feito non o podería ler ou quitaríanmo os abusóns da clase. Así que chegou a miña quenda.
- Xan Pereira - ese era eu - Ten vostede algo que presentar ou vai quedar aí calado sen facer nada coma sempre?
Ao escoitar isto unha rabia intensa que nunca sentira invadiume o corpo, empecei a pórme vermello e non de vergoña. Decidín acabar por unha vez cos malos tratos dos compañeiros e dos profesores que pensaban que eu non valía nada e non ía facer nada de proveito. Estaba farto, sabía que moi bo estudante non era, pero hai algo que fago ben, e iso é cantar mentres toco o piano.
- Si - a miña primeira palabra en 3 meses dende que decidira deixar de falar. Levanteime e fun ata o piano. Os meus compañeiros, ou mellor dito acosadores, que me fixeran a vida imposible dende que comezara o curso, agora mirábanme sorprendidos. Tamén Mabel, que fora a única que me apoiara xunto coa miña familia, mirábame pero cun sorriso de orella a orella. Collín e senteime diante do piano. A profesora mirábame sorprendida. Empecei a tocar. Era unha canción que eu mesmo compuxera, de título "Enfurecido". A canción era triste e trataba dun rapaz coma min, farto dos problemas que tiña e como a xente o infravaloraba. É unha canción moi mala, debo recoñecer, pero serviume para mostrar o que quería. Empecei a cantar xunto co son do piano. A aula quedou en silencio escoitándome. Púxenlle todo o sentimento que tiña e máis. Era a primeira vez que cantaba con público e estaba moi nervioso, pero tiña confianza e puiden acabar a canción sen ningunha entoación fóra de lugar. Ao acabar, Mabel levantouse e púxose a aplaudir, foi a única, pois todos estaban pasmando mirando para min, incluso a profesora. Nese intre decateime de que nese colexio non ía a aprender o que necesitaba para ser músico ou cantante. Tocou o timbre e fun o primeiro en saír da aula e marchar para a casa. Non collín o autobús, necesitaba pensar e camiñar.
A miña casa estaba a 2 quilómetros, pero non tiña présa e dei un rodeo. Mabel veu detrás miña. Colleume polo brazo, estaba eufórica.
- Que lección lle deches á profesora de música! Non deu chío dende que saíches da clase! Xa verás coma non se volven meter contigo eses paspáns!
- Non van ter a oportunidade.
- Como? Non te entendo.
- Non vou volver. Voume dedicar á música, que é o que quero.
- Pois fas ben, eu non perdería aquí o tempo, para o ano tamén marcho. Os profesores non axudan, e deberían apoiar aos alumnos. A única que me cae ben é a de Plástica, podes falar o que queiras na clase que non che di nada.
- Iso será pola cantidade de pastillas que toma para os nervios, a pobre non se dá conta de nada.
- Anda, se es ata simpático e todo! O día que te coñecín non eras así.
- Iso foi pola torta que me peguei no autobús.- respondinlle rindo.
Fixen moi boa amizade con esa rapaza, facíame rir, a ver se vai ser verdade o que me dixo nada máis levantarme do chan do autobús. " Vaia, se es tímido, non te preocupes que te espabilo eu! " Pois si que me espabilou si.
Ao chegar á casa, comenteille á miña familia o que sucedera e estiveron de acordo con que deixara os estudos. Miña nai díxome que preto da casa había un local onde ensinaban música a novas promesas, é dicir, rapaces con boa voz que poderían triunfar algún día. Eu díxenlle que me encantaría ir e aprender o que non aprendín neste instituto. Ao día seguinte non asistín á clase e a miña nai foi arranxar os papeis para deixar o instituto. Esa mesma tarde iríamos ao novo colexio de música.
Ao chegar alí encontreime cunha muller moi amable, pero seria. Preguntoume que era o que sabía facer. Díxenlle que tocar o piano e cantar. Fíxome un aceno e sinaloume un. Era precioso, moito máis caro que o meu. Empecei a tocar e a cantar. Non me apartou o ollo de enriba, eu non sabía se lle gustaba, se o estaba facendo mal ou ben. Entón empecei a elevar o ton e paseino en grande. Bailaba e todo. A muller miraba para min desta vez cun sorriso moi amplo. Ao acabar dirixiuse á miña nai e a Mabel, que nos acompañara, e falou con elas. Despois saímos e pregunteilles se lle gustara, que qué dixera de min.
- Que qué dixo? Que tes unha voz espléndida, unha voz única que só podes ter ti. Encantoulle! Dixo que mañá podías empezar, que te ían ensinar a compoñer e como controlar os tons da túa voz. Dixo que ías saír de alí formado para poder ter unha profesión como compositor e cantautor.
Eu emocioneime moitísimo e abraceime a Mabel e a miña nai. Dende aquel día todo cambiou.
Pasei tres anos estudando e compoñendo. Saía da escola e ía directo á casa para compoñer. Non facía outra cousa que non fose cantar e volverme tolo na miña habitación escoitando música e bailando. Xa tiña varias cancións feitas e gravadas cos instrumentos. A miña profesora dicíame que non podía estar compoñendo e tocando para que despois ninguén vise o que facía. Así que decidín ir a discotecas a ver se poñían a miña música, xa que era moi bailable a aos xóvenes seguro que lles gustaría. Ía ás festas e soaba, á xente gustáballe, pero non daba encontrado cunha casa que me publicara un disco. Pasei moito tempo intentando que se me recoñecese o traballo.
Xa tiña 20 anos cando un día fíxose realidade o meu soño. Fomos a un pub, Mabel, Cora e eu, so para pasalo ben. Pero entereime de que un editor estaba por alí e decidín facerme notar. Subín ao karaoke, un moi cutre, pero se lles dabas un disco podías cantar a canción que quixeses. Tamén había un par de músicos, e só tiven que ensinarlles un par de notas para que tocasen mentres eu actuaba. Cantei coma nunca cantara, bailei, berrei e paseino en grande cunha das miñas cancións. Á xente gustáballe e bailaba mentres eu facía un pequeno concerto de karaoke. Cando acabei todos aplaudían e pedían outra e eu seguía e seguía ata que deron as 5 da mañá. Despois baixei do pequeno escenario e encontreime cun home máis ben regordete.
-Como te chamas rapaz?- díxome pasando a man polo seu bigote.
-Xan, señor.-respondinlle sen tartamudear nin dubidar o máis mínimo.
-Eu son Pedro e podo facer que un rapaz coma ti se transforme nunha estrela mundialmente coñecida. Interésache probar e gravar un disco? A túa voz é única e terás moito éxito. Que me dis?
Eu abraceime á miña irmá e a Mabel, díxenlle que por suposto, traballaría con el encantado.
-Pero necesitas un nome artístico, polo que sexas coñecido, ti que dis? - estiven cavilando un anaco.
-Cosme - solteille de repente - si, gústame, C de Cora, a miña irmá maior, O de Óscar, o meu irmán pequeno, que xa non era tan pequeno, S de Samanta, a miña nai, M de Mabel, a miña mellor amiga, e E de Emilio, o meu pai, que de estar aqui estaría moi orgulloso. Quero representar con este nome a tódalas persoas que quero e que me apoian faga o que faga.
Aquel día a miña vida daba un xiro brusco e todo cambiaba para mellor. Oxalá me vexan os meus acosadores do colexio e a profesora de música triunfar!

CANDELA LAFUENTE LÓPEZ 4ºESO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 10-03-2015 12:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal