DE LINGUA EN LINGUA


BLOGUE DE LINGUA GALEGA DO CPI DE PONTECESURES
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 WEBS RECOMENDADAS
 FOTOBLOGOTECA
 DESTACADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

UN ANIVERSARIO INESPERADO
Cando Carlota se ergueu aquel dous de novembro, nunca pensou que lle ía suceder algo como o que pasou. Non se cumprían todos os días nove anos, así que os seus pais deixárona ir a Santiago á casa dos tíos recoller o regalo que lle mercaran e a pasar o día con eles. Era a primeira vez que ía soa no tren á cidade. Camiñou con certo medo cara á estación de Pontecesures, onde había curiosamente bastante xente agardando o mesmo tren. As caras desas persoas resultábanlle familiares, pero non sabía dicir quen eran. Todos pasaban dos trinta e pico.

O tren chegou con cinco minutos de retraso, que fixo que Carlota se impacientase. Sentou no último vagón e entre a calefacción e os nervios que tiña, comezou a sentir cada vez máis calor.

-Por favor, pódeme dicir onde están os servizos?- preguntoulle Carlota á compañeira de asento, unha muller duns corenta anos, cuns lentes de cor violeta coma os que lle regalara ela á súa mellor amiga da clase, Yasmina.
-Vaia ata o primeiro vagón, que están alí á dereita.

Carlota foi ao servizo refrescarse. Cando saíu del, sentíase mellor, pero mentres ía ao seu vagón sorprendeuse de que xa non houbese ninguén. Asustouse máis cando chegou ao seu asento e non viu aquela muller cos lentes violetas. Pouco máis tarde, decatouse de que levaba no tren dúas horas e na estación dixeran que a viaxe era moi curta, como moito duraría trinta minutos. O tren ía cada vez máis amodo ata que parou. Carlota comezou a sufrir unha crise de ansiedade; cada vez resultáballe máis difícil respirar. Aínda así colleu forzas e baixou.

Quedou moi sorprendida ao ver que o tren abría as portas moi amodo e que curiosamente parara no CPI onde ela estudaba 4º de primaria. Carlota lembrouse de que cando saíra da estación era completamente de día e que nese momento era noite. Aínda que ela era unha rapaza moi medrosa, armouse de valor e entrou no centro pola porta principal.

Ao entrar picáronlle os ollos. Refregounos e, cando os abriu de novo, sorprendeuse de que era o seu CPI pero moi vello. As paredes estaban cheas de fendas e de brion, as tearañas cubrían os teitos e algunhas mesas estaban tombadas. Caían pingueiras polos corredores e as luces palpebrexaban. Aínda así seguiu cara a diante para averiguar o que pasaba.

Camiñando polo corredor viu as fotos dos alumnos de 4º de ESO. Parou un intre a ollalas e decatouse de que eran as fotos dos pasaxeiros do tren pero con menor idade, entre elas aquela muller cos lentes de cor violeta, pero por suposto todos tiñan entre dezaseis e dezaoito anos. Sorprendeuse moito ao ver tamén a súa propia cara alí con maior idade. De repente as portas fecháronse e ela tivo cada vez máis medo. Ao fondo dunha aula viu unha luz. Achegouse a ela paseniño… Cando entrou pola porta, atopou un libro enriba da mesa do profesor. Colleuno e púxose a lelo. Misteriosamente ese libro contaba exactamente a historia pola que estaba a pasar Carlota. Estaba moi desconcertada porque o libro dicíalle que se tiña que enfrontar aos seus medos, pero ela non sabía como facelo.

Pensou un momento cales eran eses medos. Ela cría que o principal era que non ía ser capaz de cumprir as súas ilusións na vida. Sempre desexara ser veterinaria, pero era moi sensible ao sufrimento dos animais e tiña pánico a non poder evitar que estes morreran. Lembrouse dunha vez en que salvara a un paxaro que tiña unha á rompida e caera do niño. Daquela levárao á casa para curalo e logo subiu a aquel alto carballo para volvelo ao niño. Enorgulleceuse daquela fazaña e nese momento sorprendentemente abríronse as portas do cpi.

Cando viu a saída, escapou correndo, dirixiuse de novo cara ao tren e, na porta da locomotora, viu un papel que lle dicía que para que todo volvese á normalidade, tiña que guiar ela o tren ata a estación. Armouse de valor e enfrontouse tamén a ese medo. Custoulle aceptalo. Estivo dez minutos mirando como o tiña que manexar. Cando arrancou fíxoselle máis sinxelo do que pensaba.

Ao chegar á estación, baixou e ao momento púxose toda leda pois viu que todo volvera á normalidade. Camiñou un pouco; polas rúas foi vendo os seus veciños. Pasados algúns minutos, atopou á súa compañeira de clase Ahía, que saía da súa casa camiño do colexio. Alegrouse; un sorriso iluminoulle a cara pensando que había só un intre que a vira no tren con moita máis idade, chea de enrugas e canas. Carlota foi correndo abrazala. Ahía de primeiras asustouse por aquela reacción da súa amiga.

-Ahía, estás ben? ¿Pasouche algo?

Ahía aínda se sorprendeu máis por aquela pregunta.

-E que me ía pasar? Comerme os deberes o can? Anda, tira que chegamos tarde á clase. Sempre andas cunhas fantasías máis raras…

Cara ao colexio foi atopando aos demais compañeiros que estaban con ela no tren, pero coa súa idade real: nove anos. Quedou un pouco atrás ela soa, cavilando que os seus compañeiros non se lembraban de nada do que sucedera. Daríanlle as grazas se soubesen todo o que fixo por eles para que a súa vida seguise cara a diante.

Alumnado de 1º ESO A
Curso 2009/2010




Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 24-11-2009 12:41
# Ligazón permanente a este artigo
UN DÍA NORMAL?
…Foi entón cando decidimos que Camila comezara a tomar nota do que estaba a suceder. As cousas xa empezaban a preocuparnos seriamente. Que pasara coas palabras? Todos os libros que traiamos á clase estaban en branco. Claro! Ao principio foi unha festa, pero despois comezamos a asustarnos pois tamén desapareceron as portas e as fiestras e non tiñamos por onde saír. Non! Quedar pechado no colexio era o peor pesadelo dun rapaz. Por iso cumpría deixar constancia do que nos estaba a acontecer porque ben podía ser que non puidésemos contalo.


NOTAS TOMADAS POR CAMILA ÁS 9.30 HORAS DO 2 DE NOVEMBRO DE 2009


Ai, que dor de cu! Onde irán as cadeiras? E as mesas? Desapareceron! Desapareceron? Cousa máis estraña non a vin na miña vida. Oh, non, quedamos atrapados! E por riba co profesor de lingua! Tal vez esteamos horas, días ou quizais semanas! Non! Tranquila, Camila, tranquila, intenta calmarte.

DIEGO: Ei, rapaces, as paredes estanse estreitando!
PALMIRA: Si, xa, vaia mentireiro. Xa nunca che fago caso como para facercho agora.
DIEGO: Pois compróbao coa regra.


MEDIDAS DA AULA DE 1º ESO B ÁS 10.00 HORAS DA MAÑÁ

-10.00 hs. da mañá: 678 cm.
-10.05 hs. da mañá: 667 cm.
-10.20 hs. da mañá: 650 cm.


LARA: Carlos, para xa coa calefacción, que nos estamos asando coma polos.
CARLOS: Eu non son, seguro que foi Palmira.
PALMIRA: Eu non lle estou tocando.
SERGIO: Non vos decatades de que non foi ninguén, apampados. Sobe soa!


SILENCIO TOTAL 5 MINUTOS…


REMUÍÑO DE IDEAS DOS RAPACES ATRAPADOS



“andar a patadas coa calefacción para que se apague”

“coller o armario e tiralo contra a parede a ver se rompe”

“pintar unha porta a ver se se volve real como pasa nos contos e podemos saír por ela”

“pór o radio casette moi alto a ver se escoitan fóra e nos veñen salvar”


Desbótase a primeira idea. Así que entre todos optamos por coller o armario para romper a parede.

GABRIELA: ¿E esa fenda? Saen… CASCUDAAAAAS!!!

Non… que… iso… Diegoooo! Saca esa cascuda que che sobe polo queixo!!! Pánico xeral. Hai rapaces desmaiados.
As paredes aprisiónannos moito. Temos cada vez máis calor. Respiro con dificultade. Desta non nos salvamos. Isto xa é moito. Que máis pode pasar?


13.HORAS: APARECEN OS SEGUINTES ENIGMAS NO TABOLEIRO


CAlEFACCIÓN: Aparece unha estrela, un ollo e unha variña máxica. Debaixo o seguinte: 3/4-3/5= x

BECHOS: Aparece un aforcado, un sol e unha lúa. a_b=2

PAREDES: Hai unha casa, unhas chamas e a seguinte palabra: blondeblug ricoac

SAÍDA: Aparece un M e un D en cada esquina e unha chave nunha pechadura.


Os tres primeiros enigmas xa están resoltos grazas ao noso traballo en equipo. Decatámonos de que só había que dicir a oración que correspondía a cada enigma e foron desaparecendo as tres primeiras trampas. O último parece moi sinxelo, pero estamos sendo incapaces de solucionalo.


UNHA HORA DESPOIS...


CARLA: Mil quiñentas chaves para unha mesma porta!

Ai vai, unha porta! É a nosa salvación! Pero... será a nosa salvación? A maioría decidimos abrila, aínda que algúns con certos reparos. Naiara e Borja din que pode ser unha trampa, porque a resposta parece demasiado fácil. Rubén e Carla aseguran que pode ser a única posibilidade de salvarnos. Sairemos desta? Xa é moi difícil respirar. Estame custando escribir, non teño folgos para facelo. Temos que obrigar a entrar en razón a Naiara e a Borja.

-Imos, se vós queredes quedar, será responsabilidade vosa o que vos suceda; nós marchamos.

Por fin! Xa rematou este pesadelo! A aula de 1º A, o ascensor, as escaleiras... Todo é igual ca sempre! Saltamos de ledicia, abrazámonos, alguén está chorando de alegría: ao final do corredor agárdanos a saída. Corremos cara a ela. Baixamos as escaleiras e... do primeiro andar saen rapaces tranquilamente, como calquera día de clase. Pero... que sucede...? Son coma nós... mellor dito... somos nós saíndo de primaria!!! En que ano estamos, en que día, estaremos na terceira dimensión????

Alumnado de 1º ESO B
Curso 2009/2010






Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 19-11-2009 09:52
# Ligazón permanente a este artigo
AS AVENTURAS GASTROINTESTINAIS DO DOUTOR JEKYLL
Debeulle sentar algo mal. Que tomaría? Ten mala cara... ou iso parece polo que se ve no espello. Agora o pobriño está na cama. Cóidate, anda! Que vai ser de nós! Como morras, armámola! Faino por nós e vai ao médico. Iso pásache por tomar tantos xaropes. Estou farta de que non me aceptes como son. Pero deixémonos de lerias, vístete e imos ver o doutor. Eu conduzo.

-Sr. Jekyll, pase vostede á consulta número 9.

O bigotes cada vez desmellora máis. Se non o coñeceramos ben, pensariamos que sacou o título na tómbola.

-Bos días, sr. Jekyll, sente e cónteme o que lle ocorre, por favor.
-O de bos días... para algúns, doutor Aspirina. Como vostede sabe, que xa nos coñecemos de vello, sigo coas miñas investigacións sobre o ben e o mal. Quero atopar unha beberaxe que logre que todos os seres humanos sexan bos. Para iso teño que apagar o lado malo das conciencias.

Xa estamos outra vez coa mesma leria de sempre. "Apagar o lado malo das conciencias..." Pobre de min!

-Sr. Jekyll, vostede escoitou algo?
-Non, non. Eu non escoitei nada. A ver se non son eu o único que se atopa mal. (Case me cacha. Como se che ocorre falar en voz alta?). Imos ao caso: onte probei unha mestura de arsénico con metano, nitrato amónico enriquecido con uranio e cunhas pingas de viño Sanson para adozalo. Vamos, o típico.
-Home, home, a vostede váiselle a pinza. Como lle botou Sanson, se sabe que lle senta mal? A esa mestura bótaselle augardente.
-Era o único que me quedaba na casa...

Que mentireiro! Ben sei que tes a alacena chea dela!

-Sr. Jekyll, teño interese por saber se é posible que a parte boa e a mala do ser humano se poden separar. Gustaríame acompañalo á súa casa.

Iso, que veña, que veña, a ver se recapacitas e deixas de tomar esas pócimas, que xa non es un neno!

-Imos no meu coche logo, sr. Jekyll.

Por fin chegamos. Este bigotes non fai máis que falar.

-Quere que vaiamos xa ao laboratorio, Doutor Aspirina?
-De acordo, paréceme ben.

Veña, e que sexa rápido... brrrr...como odio que non me aceptes así!

-Mire, por aquí teño aínda algo do de onte.
-Moi ben, pois estou preparado para ver o seu efecto, sr. Jekyll.

Alá imos, espero que non pase nada malo...

-Ha, ha, ha! Teño ganas de matar alguén! Estou furioso porque case desaparezo!

Pois a culpa é do bigotes... Acaba con el!

-Tranquilo, sr. Jekyll, ou de...de...debería cha...cha...marlle sr. Hy...Hy....Hyde? Haberá algunha forma de chegar a un acordo, non? sen que eu morra, claro.
-Non a hai, estúpida miñoca, ti acabarás mor...mor....tooooo! Ai, o meu estómago! Teño que ir ao baño, pero voltarei para darche o teu merecidoooo!!!
-Buf!, salvado polo retrete, ou máis ben polo viño Sanson. Creo que está expulsando toda a beberaxe. Se cadra teño sorte e saio desta con vida.

Ao día seguinte...

Ves que malo é dividirme? Case matas ao doutor Aspirina. A ti paréceche normal? Vai de novo onda el e descúlpate, anda.

Unhas horas máis tarde, na consulta do doutor Aspirina...

-Bos días, doutor Aspirina. Ante todo, doutor, perdóeme polo de onte. Non era eu... de verdade, non sei que me pasou despois de tomar a beberaxe.
-Está desculpado, home, consegue aillar o seu lado malo pero non o bo, así que terá que seguir investigando. O caso é que a pócima ten un efecto laxante sobre vostede, e por iso non dixire ben os alimentos. Se bota un mes co seu tratamento e sen tomar beberaxes, recuperarase.

Menos mal, agora vasme deixar tranquila, ou sexa, terás a conciencia tranquila.

-Si, si, de acordo, teña por seguro que seguirei as súas recomendacións. Será o mellor que podo facer. Moitas grazas, doutor Aspirina.
-Aquí me ten, para calquera eventualidade.

Si, veña, vaite, a ver se non tes que volver nun tempo, porque con este home... nunca se sabe.
Alumnado de 2º ESO Curso 2009/2010


Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 17-11-2009 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal