DE LINGUA EN LINGUA


BLOGUE DE LINGUA GALEGA DO CPI DE PONTECESURES
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 WEBS RECOMENDADAS
 FOTOBLOGOTECA
 DESTACADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

AS ARAÑAS SEMPRE DAN MEDO


Como serán as arañas? Terán sentimentos? Terán medo das persoas? Por que usan a tea que fan para desprazarse?
Estas e moitas máis, son as preguntas que me formulo destes animais. Á maioría dos meus amigos e amigas danlles medo. A min non. Eu sempre os asusto dicíndolles que teñen unha araña no pelo, no brazo, no lombo, etc… E sempre se asustan. Un día na aula deille un susto a Branca. Ela estaba sentada ao meu carón.
Díxenlle que tiña unha araña no pescozo. Ela comenzou a berrar. A profesora botoulle a bronca e Branca respondeulle que eu lle gastara unha broma. A profesora castigoume. Nos trinta ou trinta e cinco minutos que estiven soa na aula tiven tempo a ver todo o que había. Foi cando vin un bicho con patas, pelos e que facía teas. O caso é que non era unha araña normal!! E se tiña veleno? E se me mordía? Comecei a berrar e a chorar. Dende aquela eu tamén lles teño medo!!

Jenny Garanger Domínguez. 2º E.S.O
Comentarios (1) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 28-10-2014 09:35
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA NOVA EDICIÓN DAS SAN LUCAS DE MONDOÑEDO
Neste artigo do xornal praza aprenderás algo máis sobre unha das máis famosas feiras de Galicia: As San Lucas de Mondoñedo. Leo en:

http://praza.gal/lecer/8052/mondonedo-858-anos-de-feira-e-festa/

1. Que tipo de artigo xornalístico cres que é: noticia, reportaxe ou crónica, tendo en conta as definicións que se dan a continuación?

NOTICIA:Texto xornalístico que ofrece información sobre un suceso de actualidade, que aconteceu no día anterior ao que sae publicado. Non vai asinado polo autor/a.

REPORTAXE: Texto xornalístico de máis extensión que a noticia que ofrece o resultado dunha investigación realizada sobre un tema de actualidade, no cal se presentan os datos, analiza as causas e consecuencias deles, dá a coñecer as opinións dos protagonistas e confronta distintas interpretacións dos feitos. Vai asinado polo autor/a

CRÓNICA: Texto xornalístico no que o autor dá a súa visión sobre un acontecemento da actualidade. O cronista relata e analiza o sucedido dende o seu punto de vista, mostrándoo cun estilo ameno no que se inclúen anécdotas e curiosidades así como describindo o contexto e o ambiente. Vai asinado polo autor/a

2. Menciona brevemente todos os actos que se organizan para este ano.

3. Segundo o vicepresidente da Deputación de Lugo, que beneficios trae esta feira para o Concello de Mondoñedo?

4. Busca no dicionario e explica o significado de: aglutinar, egua e salientar, congregar, mindoniense, mariñáns.

http://www.realacademiagalega.org/dicionario

5. Investiga:

5.0. Cal é a orixe destas feiras? Cando se comezaron a celebrar, en que consistían entón e cantos días duraban?

http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=3632&seccion=5

http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=3632&seccion=5
5.1.Sobre Mondoñedo:
-Provincia na que está, poboación, monumento máis destacado:
http://gl.wikipedia.org/wiki/Mondo%C3%B1edo

5.2.Sobre as Covas do Rei Cintolo:
-Por que teñen tanta importancia?
-Data na que se descubriron.
http://gl.wikipedia.org/wiki/Cova_do_Rei_Cintolo

5.3. Sobre Pardo de Cela:
-Resume as lendas que hai sobre a súa vida.
http://gl.wikipedia.org/wiki/Pardo_de_Cela

5.4. Sobre Kepa Junquera:
-De onde é?
-En que estilo musical podemos encadralo?
-Cal é a súa relación coa música galega?
-Escoita algún tema seu do último disco e comenta a túa opinión:

http://gl.wikipedia.org/wiki/Kepa_Junkera
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 21-10-2014 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
NOVA ENQUISA SOBRE O USO DO GALEGO
Este estudo referido ao ano 2011,reflicte un descenso considerable de uso do galego:

http://praza.gal/movementos-sociais/8017/o-galego-deixa-de-ser-a-lingua-habitual-da-maioria-da-poboacion/

1. Explica o significado das seguintes palabras: apelar, contundencia.

2. Cal é a diferenza entre estas dúas palabras homófonas: REBELAR e REVELAR

3. Neste artigo ponse de manifesto que un mesmo estudo estatístico se pode interpretar de xeitos diferentes: Cal é a análise que fai o xornal Praza e cal é a da Xunta?

4. Segundo o estudo, cal é a cidade con maior porcentaxe de monolingües en castelán? Cal é a que ten un maior uso do galego? Finalmente, en cal cidade medrou o número de monolingües en galego?

5. Segundo o xornal, hai algún dato positivo na enquisa?

6. Resume o texto en cinco ideas breves. Para iso, pensa previamente as cinco preguntas máis importantes ás que dá resposta o texto:
-Cal son os datos de uso de galego resultantes da enquisa?
-Cal é a análise dos resultados que fai a Xunta?
-Cales son estes mesmos datos nas cidades galegas?
-Cal é o único dato positivo segundo o redactor do artigo?
-Tendo en conta os datos de competencia, que medidas debe adoptar a administración?

7. Seguindo os resultados que aparecen no mapa, cal foi a evolución do uso do galego en Pontecesures nos últimos anos?

8. REDACCIÓN: A que cres que se deben estes resultados no caso de Pontecesures? Que medidas cres que frearían esta caída? Podes ler o seguinte artigo por se estás de acordo coa análise que se fai nel e basearte nelas para a túa redacción ou propoñer outras:

http://praza.gal/movementos-sociais/8025/hai-remedio-para-o-descenso-no-uso-do-galego/
Comentarios (0) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 17-10-2014 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal