DE LINGUA EN LINGUA


BLOGUE DE LINGUA GALEGA DO CPI DE PONTECESURES
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 WEBS RECOMENDADAS
 FOTOBLOGOTECA
 DESTACADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

VIDEO POEMA "NIMBOS"
O alumnado de 4º de ESO elaborou unha serie de video poemas baseados en textos de X. Mª Díaz Castro. Seleccionamos este creado por Antía Sanmarco Martínez e Carla Constenla Barral, sobre o poema "Nimbos":

Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 29-05-2014 13:11
# Ligazón permanente a este artigo
PREPARÉMONOS PARA VISITAR O PETRÓGLIFO DA PEDRA DAS SERPES, EN PONTECESURES

Este curso, o Equipo de Actividades deportivas, conxuntamento co Equipo de Normalización do centro e diversos Departamentos, organizan un percorrido a pé o último día de clase deica o Monte do Galiñeiro, onde se atopa o petróglifo denominado "Pedra das Serpes". Para preparar a visita imos pescudar nas aulas algo sobre estes vestixios prehistóricos. Estes son os enlaces que visitaremos:

Podedes consultar cal será o noso percorrido en:

https://maps.google.com/maps?saddr=Estrada+das+Escolas&daddr=42.709261,+-8.620323&hl=es&ll=42.716372,-8.637614&spn=0.019518,0.027595&sll=42.715615,-8.63873&sspn=0.019518,0.027595&geocode=FXzhiwId_gd8_w%3BFQ2xiwId3XZ8_w&t=h&dirflg=w&mra=ls&z=15

Exposición xeral sobre os petróglifos en Galicia:

http://gl.wikipedia.org/wiki/Petr%C3%B3glifos_de_Galicia

Despois de leres o texto, responde a estas cuestións de comprensión:

1. Sobre que tipos de rochas se asentan os petróglifos galegos?

2. Cales son os dous tipos xerais de representacións iconográficas dos petróglifos galegos?

3. Elabora un esquema que clasifique e inclúa as principais imaxes representadas nos petróglifos.

4. Cales son os tipos de imaxes máis frecuentes nos petróglifos galegos? Cales son os que espertan maior interese e por que?

5. Como era a sociedade que os deseñou e con que finalidade se cre que foron creados?

6. Onde se sitúan a maioría dos petróglifos galegos?

7. Elabora un relato en primeira persoa ambientado no Neolítico que teña como protagonista un rapaz/a da vosa idade e no que apareza un petróglifo

Unha visita virtual ao museo dos petróglifos de Campo Lameiro, un centro de interpretación no que se considera o conxunto de arte rupestre máis importante de Galicia:

http://paar.es/

Para ver outros petróglifos galegos, podedes ir á páxina de Turgalicia:

http://www.turgalicia.es/petroglifos

Outras páxinas sobre o tema que podedes empregar para a exposición oral de fin de curso son:

http://patrimoniogalego.net/index.php/17034/2012/06/petroglifos-dos-ballotes/

Aquí tedes unha noticia alarmante sobre o estado de conservación dos petróglifos:

target=_blank class=tEnlac>http://www.galiciaconfidencial.com/nova/18696.html


Dous alumnos de 1º de ESO déixannos dous contos que idearon sobre a época na que se fixeron os petróglifos. O primeiro deles é de Alba e o segundo, de Álvaro.

MEU IRMÁN ATREYU


Hoxe cumpríronse catorce primaveras dende que Atreyu, meu irmán, naceu; chegou o día no que terá que demostrar que xa pode valerse pola súa conta. Cando a Lúa estea no seu cénit comezará o día de Abib-nié, no cal o meu irmán cumprirá o seu desexo: ser un home. Eu son unha rapaza, polo que nunca terei que pasar por iso, xa que as mulleres non teñen poderío especial, coma os homes. Eles poden ser guerreiros, curandeiros ou xefes. Polo contrario, o título máximo que as mulleres poden acadar é o de muller de xefe, que non ten moita diferenza de ser unha muller normal. Mais espero que iso cambie algunha vez.
A Lúa xa está no seu punto. Estou agochada tras unha pedra, vixiando a meu irmán, que está recibindo ordes do xefe, meu pai. Ártax, meu can, máis ben lobo, está ao meu carón. Sei que o que lle gustaría neste intre é perseguir galiñas, xogar a que lle lance o pau ou durmir. Pero necesito ver como é esa cerimonia da que ninguén fala. Sinceramente, asistir a isto está prohibido. Pero a miña curiosidade é superior ás leis. Miña nai pensa que estou pasando a noite fóra, observando as estrelas e a Lúa, coma outras veces, e meu pai non volverá ata mañá á mañá, iso seino doutras veces; o xefe sempre ten que estar presente neste tipo de cerimonias. Por iso non sufro perigo de ser descuberta.
Meu irmán xa recibiu ordes do xefe fronte a guerreiros de confianza. Terá, entre outras cousas, que pasar a noite enteira só no bosque, fronte aos perigos que este agocha; conseguir alimento para o poboado, pese a que xa hai de sobra; e traer o corpo dun cervo. Entón logrei comprender por que sempre neste tipo de cerimonias, entre o alimento que traen, hai sempre un destes animais.
Dentro dunhas horas sairá o Sol. Estamos na hora máis escura da noite, e Atreyu está agochado tras unhas silvas, vixiando un boi desorientado. Estase preparando para atacar, e creo que vai lograr cazalo. Con moito sixilo, achégase e lánzalle un puñal. Acércase e obsérvao. Despois dun anaco, arrástrao cara ao montón de comida. Ten carne suficiente para abastecer o poboado durante unha estación, mais aínda lle falta un cervo. Está a punto de amencer, xa vexo luz tras o monte. Se non logra cazar algún, quedará coma rapaz ata a próxima primavera. Mais, para a ilusión dos dous, acaba de aparecer un. Non, un non, parece ser que tres. Sen darme conta, empezo a marcar o seu número na pedra na que estou agochada. Acábome de dar conta, e ocorréuseme unha idea que non sei se é moi boa. Mais non teño nada que perder, así que me poño a debuxar. Como puiden, non me quedou ben nin nada, pero vese claramente a meu irmán cazando unha manda de cervos. Á parte, debuxeime a min mesma ao carón del, coma se tamén estivese cazando. Volvo mirar cara a Atreyu. Xa rematou o seu labor, e xusto a tempo, pois acaba de amencer. Quero debuxar o Sol, pero brilla demasiado e non o podo ver con claridade. Así que o debuxo como eu penso que pode ser. Meu pai e os outros guerreiros van onda el a felicitalo. O meu traballo rematou, xa vin todo o que quería ver. É hora de marchar para a casa. Se teño sorte, a Ártax aínda lle apetece xogar.

Alba Mariño Oliveira
1º ESO

VALGUESES CONTRA CESUREÑOS


Chámome Xoán e, como cada mañá, hoxe fun co meu tío de caza. Cando iamos de camiño cara o monte, vimos uns homes gravando na pedra e chamoume moito a atención. Entón pregunteilles que estaban a debuxar. Eles contestáronme que, coma había pelexas entre os de Valga e os de Pontecesures, decidiron facer un gravado na pedra para marcar o límite entre un poboado e o outro. Marchei pensando sobre iso. Ao baixar do monte, non cazamos máis ca un cervo e díxenlle ao meu tío que pasásemos por alí de novo. Cando chegamos, xa non había ninguén; só había unha inscripción en pedra á que lle decidín chamarlle ``Pedra das Serpes´´xa que tiña forma de espiral. A ver se pode durar anos sen que ninguén a estrague.

Álvaro Dopazo Doce
1º ESO

Historias da nosa terra

O sol xa se eleva polas montañas. Os primeriros raios de luz cólanse entre as

fendas do tellado de palla do castro da miña familia. Levántome da cama feita de

herbas verdes e póñome a miña roupa de traballo no campo, feita de pel de cabra.

Collo o pan, o mesmo pan que miña nai sempre me deixa nunha basixa de barro, e

diríxome á porta para levar o gando da miña familia a pastar ao borde do río.
Ao saír chamo ao meu can, collo un pau, e abro a porta do valado onde se atopan

as reses.
Coa axuda do pau, e do meu can, dirixo ás 20 cabezas de gando ata á beira do

río.
Ao pasar o bosque encóntrome coa pedra na que habían tres espirais unidas por

unhas raias. Isto significa que xa saín do territorio do meu poboado.
Por sorte esta semana non choveu moito, e as beiras dos ríos non desbordaron.

Mentres vixío as vacas túmbome ao lado dunha sobreira, mentres o meu can

se entretén cunha presa de bolboretas que andan voando polas beiras do río.

Pouco a pouco vou cerrando os ollos ata que me quedo durmido. De repente o meu

can empeza a lamberme a cara, e grazas a isto esperto. Decateime que xa

estaba anoitecendo. Levántome e, dirixindo as vacas, volvo ao poboado.
Ao chegar volvo a meter ao gando no valado. Vexo a miña nai e aos meus catro

irmáns levando o trigo, carne e algúns peixas ata o castro común. Decido

axudalos. Cando meu irmán me veu, díxome que o noso pai foi acompañar aos anciáns

sabios xunto á aldea veciña para asinar unha especie de tratado de paz. Tamén me

dixo que o outra ancián que quedara na aldea fixera un petróglifo dunha escena

de caza de cervos.
Ao terminar de levar as reservas ao castro común acordeime de que dentro duns

meses terei que ir cos anciáns ao bosque, xunto cos outros nenos de 16 anos,

para cazar o noso primeiro cervo. Este é un rito que todos os nenos da miña idade

teñen que facer. Consiste en que cada un, armadado cun arco, frechas e un

coitelo, mate un cervo e o traia ata a aldea. Despois diso xa será un home,

poderá formar a súa propia familia, ter un castro para o uso exclusivo da súa

familia, e posuir algunhas cabezas de gando. Pero para isto aínda faltan varios

meses. É mellor que vaia durmir, que mañán terei que madrugar, para levar o gando a pastar.
Como sempre...

Continuará????

Xenxo Santiago Lorenzo
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO EN POSITIVO - Publicado o 26-05-2014 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
DOUS CONTOS DE DENTES
Mellor implantes de titanio

-Como me doen os dentes! Como me doen as moas!- Queixábase o Conde Drácula. De tantos séculos que viviu, ao final picáronselle os dentes.
E seguíase queixando:
-Isto pásame por tomar sangues tan doces.
Decidiu ir ao dentista, e este díxolle:
-Estes dentes non teñen arranxo. Están moi estragados. Ten que poñer uns novos.
O dentista añadiu que os mellores eran os de titanio, pero que tamén eran moi caros. Pero o Conde contestoulle que non quería gastar moito, porque ía comprar un cadaleito novo. Entón o dentista púxolle unha dentadura de quita e pon, desas que de noite se gardan nun vaso con auga.
A noite seguinte, cando o Conde Drácula saíu a cear, viu unha rapaciña nova e engaiolouna coa súa mirada penetrante. Chimpoulle unha mordiscada no pescozo, chuchoulle o sangue e cando se apartou, viu que os dentes lle quedaran enganchados na rapaza. Avergoñado tapou a boca coa man. Ao día seguinte voltou ao dentista e díxolle:
-Póñame os de titanio, que o cadaleito comproo de segunda man.


Segundo conto:
O medo de señor Antón

O señor Antón era un home de 86 anos, apenas lle quedaban dentes, porque xa os perdera ao longo da súa vida. Un día comendo unhas noces escapóuselle un cacho de casca, atragoouse e non podía respirar. O seu neto máis novo, tívolle que facer a manobra de Grembich. Colleu tanto medo que xa non quería comer carne con óso, nin tampouco pescado polas espiñas, nin pan con codia, nin froita dura nin con pel, nin froitos secos, nin fabas, nin garabanzos, nin caramelos, nin turrón duro... Ata bebía por palliña a grolos pequenos. A sopa e o caldo con culler pequena, o biscoito e as galletas desmigadas e as verduras en puré. Deixou de comer tantas cousas e comía tan pouco, que adelgazou vinte quilos. Xa era un home fraco e agora parecía un esquelete.
Entón a súa veciña díxolle:
-Ai! Don Antón, por non morrer esganado a morrer esfameado.

Raquel Estévez Brea
2º E.S.O
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 10-04-2014 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
OPINIÓN: OS INCENDIOS FORESTAIS
GALICIA EN CHAMAS
Os incendios en Galicia foron crecendo estes últimos anos queimando gran parte dos nosos bosques, vivendas, etc. Isto ocasionou tamén moitos debates políticos polas múltiples queixas que se lle dan aos concellos por non evitar que os nosos bosques se perdan.
As consecuencias dos múltiples incendios ocasionan tanto danos persoais como materiais e ambientais. Moitas persoas morreron no intento de apagalos e axudar a veciños a extinguilo lume. Tamén trae problemas ambientais e materiais, pois o fume contamina o aire e os bosques traen moita riqueza na madeira, nos froitos silvestres, na biomasa, na micoloxía, etc. que pode ser danada.
As causas que poden provocar incendios poden ser naturais, aínda que poucas veces o é, ou sociais como o abandono rural de zonas agrarias que despois son destinadas a bosques. A sequía estival ocasiona que haxa incendios, pero tamén pode ser obra de pirómanos, que lles gusta ver como o lume acaba con todo, ou neglixencias da xente, que sin querer poden tirar un cigarro mal apagado ou facer unha fogueira en zonas prohibidas. Moitas persoas teñen intereses económicos na queima de bosques, porque poden queimar unha zona para logo construir alí.
Algunhas solucións para este problema poden ser que os equipos de extinción conten con máis xente que axude a apagar os incendios e máis cualificada. As leis deberíanse modificar para evitar que un incendio dea beneficios, é dicir, que se poida construir nunha zona forestal unha mina ou edificios. As sancións deberían ser máis duras, no caso de que o incendio sexa provocado, para que non se lles volva ocurrir queimar nada. Os montes deben estar máis limpos para que non ardan, e o concello debería mandar xente para limpar todo creando brigadas.

CANDELA LAFUENTE LÓPEZ 3º ESO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 10-04-2014 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
ARTIGO DE OPINIÓN: OS CONCURSOS INFANTÍS
Eu vou opinar sobre os programas nos que participan menores de idade. Hai menores que acoden a este tipo de espazos televisivos obrigados polos país, porque queren que os seus fillos sexan capaces de conseguir o que eles non puideron.
A min isto non me parece adecuado porque a maioría dos nenos non acoden pola súa vontade senón por compracer aos pais. Hai que recoñecer que nalgúns casos non é así xa que hai rapaces que, dende pequenos, van a clases de piano, canto, etc., e participan nos programas porque eles o deciden.
Ambos os dous casos poden ser prexudiciais para os rapaces porque se divirten, si, pero o feito de competir con outros concursantes infantís pódelles causar sufrimento.
A maioría dos pais non pensa nas consecuencias que lles pode traer isto aos nenos. Algúns incluso, só pensan nos beneficios económicos que conseguen os fillos. Ese é o principal problema xa que pode causar problemas na súa educación.
Como exemplo podemos poñer "La voz kids", que é un programa moi divertido con moitísimos espectadores pero, a miúdo, os nenos pasan por estes problemas.
Para evitalo, os pais deberían poñerse no lugar dos seus fillos de vez en cando e comprendelos. Así saberían que algúns rapaces non son felices participando nestes programas e os que o son, poden ter no futuro comportamentos competitivos insáns.

Verena Vieites Fernándes

3º ESO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 08-04-2014 11:50
# Ligazón permanente a este artigo
ANTEPASADO E DESCENDENTE


No ano 2025 había dous anos que se inventara a máquina do tempo e ao pricipio só a xente importante a podía usar. Álex era un rapaz activo que vivía nunha gran metrópole. Ía a un colexio no que o director, un personaxe moi importante no mundo da tecnoloxía, lles daba a certos alumnos a máquina do tempo. Este artiluxio consistía nunha pulseira cunha xema capaz de que teletransportar ao seu propietario a certo lugar espazo-tempo desexado polo usuario.
Unha vez Alex, sen querer, apertou a xema teletrasportándose a unha época na que coñeceu a un antepasado seu. Este chamábase Mauro, que era detective, e contoulle a Alex como era alí a vida. Alex tamén lle contou como era a vida en 2025. A xema da pulseira empezou a alumear, o cal quería dicir que tiña que volver ao ano 2025 . Cando Alex regresou ao seu tempo, decidiu repetir a visita ao seu antepasado todos os días e contarlle o que ía pasando na Terra ao longo da historia.

Pablo Oliveira Chenlo
3º ESO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 07-04-2014 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
GUÍA DE LECTURA DE A ESMORGA
CLUB DE LECTURA DE 4º DE ESO: A ESMORGA, DE EDUARDO BLANCO AMOR

1. ANTES DE LER:

1.1 QUEN O ESCRIBIU?

A esmorga publicouse por primeira vez en Buenos Aires en 1959, cando España levaba xa dúas décadas de goberno ditatorial dirixido polo xeneral Franco. O seu autor, Eduardo Blanco Amor, que tiña daquela 60 anos, levaba vivindo na capital arxentina a maior parte da súa vida, a onde emigrara con tan só 20 anos.
A pesar do seu afastamento físico da Terra na que nacera, non deixou de participar activamente no movemento nacionalista que se desenvolveu a partir de 1916 arredor das Irmandades da Fala e a Xeración Nós, tempo no que destacou como poeta en lingua galega.
Durante o periodo da Guerra Civil (1936-1939) apoiou dende os xornais bonaerenses nos que colaboraba a lexitimidade do bando republicano, o que lle impediu o regreso a Galicia durante os anos máis duros da represión franquista. De feito, aínda que a editorial Galaxia intentou publicar A esmorga aquí, a censura franquista impediuno. O libro traído a Galicia clandestinamente e distribuído entre un público non moi numeroso, acada, no entanto, un importante éxito e sinala un fito na renovación da nosa narrativa de posguerra.
Pouco tempo despois, en 1962, EBA volta definitivamente a Galicia, onde pasa os seus derradeiros anos, que decorren entre a súa cidade natal (Ourense), Santiago e Vigo, onde falece en 1979. As outras dúas obras narrativas en galego máis recoñecidas, Os biosbardos e Xente ao lonxe, publícanse nesta última etapa.

1.2. QUE TE PODE MOTIVAR PARA LELO?

A esmorga foi un libro que conseguiu moito éxito de público e crítica. Como mostra podemos sinalar as varias reedicións que tivo o libro, sobre todo cando xa morrera o autor. Axiña se converteu nun clásico da narrativa galega, cuxo contido foi obxecto de reelaboración noutros formatos artísticos: banda deseñada, música, cine...
No libro-cd editado en Ourense co gallo do 50 aniversario da súa publicación (EBA 5.0. O universo de Eduardo Blanco Amor, 50 anos despois d'A esmorga) podes ler, por exemplo, un cómic que versiona episodios do libro, meterte na pel dos personaxes a través dun xogo de rol ou escoitar varias cancións de grupos galegos baseados no contido da novela. Poderás levar un exemplar do libro-cd que compramos para a biblioteca do centro.
Entre estes grupos musicais, temos a Guezos, do cal é batería o teu profesor de música en E. primaria. Deles é o tema rock "A esmorga", que podes ouvir no enlace:




Tamén podes visionar o inicio do filme de Gonzalo Suárez Parranda, de 1977 cuxa versión en galego podedes atopar en:



Recoméndoche que vexas só ata o minuto 10'30'', posto que a película é unha adaptación moi libre da novela, que te pode confundir se a ves antes de lela. O inicio do filme tampouco recolle fielmente o que lerás nel, pero pode servirche para entender mellor o punto de partida argumental da trama. Fíxate se a ambientación e a linguaxe dese fragmento da película se adapta ou non ao libro.

Por último, debes saber que se está rodando en Ourense e no sur de Lugo unha nova versión cinematográfica d'A esmorga que veremos en breve. A rodaxe rematou o 30 de marzo deste ano e podes escoitar o que din algúns actores participantes no novo filme nun acto de presentación:



1.3. QUE É CONVENIENTE QUE SAIBAS PARA ENTENDERES E GOZARES DO LIBRO?

-O primeiro que quizais che chame a atención é a linguaxe utilizada polo protagonista, que non se adapta en absoluto ao galego normativo que estás a aprender nas aulas. O texto inclúe moitos vulgarismos, castelanismos e algún dialectalismos de Ourense e moitas palabras inventadas polo propio Blanco Amor. O importante non é, por tanto, que identifiques con exactitude o significado de cada palabra por separado, senón que vaias entendendo o sentido global do enunciado. Tamén que captes os matices emocionais, sociolóxicos ou incluso humorísticos que xiran arredor desas "palabras raras", posto que con elas o autor intenta facer un retrato dese personaxe marxinal e marxinado, que nin sequera fala o que a sociedade ben-pensante cre que é o que se debe falar. Fíxate na relación que pode haber entre estes catro items:
-O Cibrán non está casado legalmente, senón amigado cunha prostituta.
-O Cibrán traballa construíndo unha estrada pero non ten un contrato legal de traballo.
-O Cibrán ten unha doenza psíquico-física para a que non recibe un tratamento médico: automedícase inxerindo bebidas alcohólicas.
-O Cibrán fala un idioma que non é o oficial-legal do Estado no que vive, e, ademais, non o fala coas palabras que os académicos consideran correctas.

-Aparecerán ao longo da lectura moitos topónimos e antropónimos, entre estes últimos, moitos alcumes, algúns moi divertidos. Non te perdas no medio deles. Recoméndoche que no canto de marcapáxinas empregues unha tarxeta onde vaias anotando a lapis o nome do lugar onde transcorre a escena, o nome dos personaxes importantes cos que se encontran os protagonistas e o suceso moi resumido que acontece alí.

-Fíxate nas referencias constantes ao tempo meteorolóxico e á descrición sensorial dos espazos (referencias á luz, son, cheiros...) porque teñen un simbolismo claro na novela.
-A novela ambiéntase a fins do século XIX ou principios do XX nun lugar chamado Auria, que é o trasunto literario de Ourense na narrativa de EBA. Evidentemente os costumes non eran os mesmos cós de agora: había arrieiros en vez de empresas de mensaxería instantánea ou camioneiros, había xastres, fidalgos nos pazos, prostíbulos rexentados por "madamas"...


2. DURANTE A LECTURA.

Como actividade avaliadora individual vouche pedir que me entregues un DIARIO DE LECTURA. Consiste en que cada día anotes as páxinas que liches do libro e que indiques (non tes por que estenderte demasiado) as sensacións, lembranzas ou asociacións mentais que che transmitiron os sucesos desas páxinas. Pode ser que un suceso te leve á túa infancia e te poña alegre ou triste, que asocies un personaxe a unha película que viches recentemente, que veña á túa mente unha reflexión a raíz do que lle pasa a un personaxe... Podes incluír un debuxo, o título dunha canción, doutro libro ou película coa que relaciones ese fragmento se che parece oportuno.

3. DESPOIS DA LECTURA.

3.1. CUESTIONARIO DE COMPRENSIÓN INDIVIDUAL E ESCRITO.-

Debes entregar contestadas as seguintes preguntas que teñen que ver coa túa comprensión do texto, coa organización do que sucede nel e coa túa capacidade para resumilo:

3.1.1. Enumera brevemente nun cadro resumo os actos delitivos que cometen os tres esmorgantes ao longo do libro por orde cronolóxica.

MOMENTO NO QUE SE SITÚA ACTO DELITIVO QUE SE COMETE


3.1.2. Sinala nun mapa de Google Maps da cidade de Ourense o percorrido dos tres esmorgantes. Pódeche axudar a Ruta turística da Esmorga da cidade de Ourense:

http://www.ourense.es/portalOurense/fdes_d4_v1.jsp?contenido=1823&tipo=6&nivel=1400&language=gl&codMenu=29&codMenuPrimerNivel=3&codMenuSegundoNivel=37

Abres Google Maps en galego, vas á cidade de Ourense e vas poñendo o nome das rúas por onde pasaron os esmorgantes en "obter indicacións", "engadir destino". No mapa vaise sinalando cunha frecha o itinerario. Cando o teñas concluído, imprímelo

3.1.3. O discurso narrativo artéllase arredor das respostas de Cibrán ante as preguntas ausentes do xuíz. Imaxina ti cales serían as cinco primeiras preguntas do xuíz tendo en conta as respostas do Cibrán.

3.1.4. Selecciona cinco alcumes de entre os que aparecen na novela referidos a personaxes secundarios que máis che chamaron a atención. Indica cal é o papel dese personaxe no desenlace argumental da novela.

3.1.5. Que lle sucedeu ao final aos tres protagonistas?

3.2. CUESTIONARIO ORAL PARA A POSTA EN COMÚN DA LECTURA DA NOVELA.

Entre todos nunha sesión de clase falaremos sobre como interpretamos e xulgamos o sucedido na novela. Podemos seguir este guión sobre o que reflexionarás brevemente na casa para poderes participar logo no debate na aula.

3.2.1. A precariedade laboral é unha constante nos nosos tempos. Aparece tamén tratado este tema no libro? Sinala algunha realidade laboral actual que se poida relacionar co que sucede neste sentido na novela.

3.2.2. A pesar dos golpes e insultos, o Bocas e o Milhomes eran inseparables. Como definirías ti a relación que hai entre eles? Argumenta a resposta.

3.2.3. O tema da homosexualidade está presente na novela e xúlgase a través da visión do Cibrán. Cal é a súa visión sobre ela? Que relación ten este tema cos demais da novela?

3.2.4. A que se pode referir o Cibrán cando fala de que é asediado polo "Pensamento"?

3.2.5. A realidade sociolingüística de Galicia tamén está presente na novela. Exemplifícase dalgunha maneira a diglosia?

3.2.6. O final da novela queda aberto a varias interpretacións. Como o interpretas ti?

Comentarios (0) - Categoría: LITERATURA GALEGA - Publicado o 22-03-2014 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
O CAMBIO CLIMÁTICO TAMÉN AFECTA A GALICIA
http://www.galiciaconfidencial.com/nova/17668.html
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 14-02-2014 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
MANIPULACIÓN INFORMATIVA
http://www.galiciaconfidencial.com/nova/17676.html
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 14-02-2014 12:21
# Ligazón permanente a este artigo
GALEGOS NOS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN NAZIS
http://www.galiciaconfidencial.com/nova/17399.html
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 27-01-2014 13:24
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [29]
© by Abertal