DE LINGUA EN LINGUA


BLOGUE DE LINGUA GALEGA DO CPI DE PONTECESURES
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 WEBS RECOMENDADAS
 FOTOBLOGOTECA
 DESTACADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

O LADO ESCURO DOS TREBELLOS TECNOLÓXICOS
http://praza.gal/ciencia-e-tecnoloxia/6013/somos-conscientes-do-dano-causado-polos-nosos-smartphones-ou-ordenadores/
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 27-02-2015 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
COMO ESCRIBIR UN HAIKU E UN MICRORRELATO
Avanzamos na proposta de elaborar un mural de temática meteorolóxica da que falamos estes días. O primeiro paso do traballo é captar un instante fotográfico de interese meteorolóxico centrado nalgún lugar emblemático de Pontecesures e o seu contorno, titulalo empregando cando menos unha palabra do campo semántico do tempo atmosférico e redactar un haiku que retrate a sensación que che provocou. Neste enlace dannos algúns consellos para o noso taller literario:


http://es.wikihow.com/escribir-haiku

Outra variante literaria para o noso cartel pode ser redactar un microrrelato ambientado nun lugar de Cesures e nunha determinada situación climática. Na seguinte ligazón dannos unhas instrucións para que nos saia mellor:

http://microrrelatosterror.wikispaces.com/INSTRUCCIONES+PARA+HACER+UN+MICRORRELATO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 14-01-2015 18:15
# Ligazón permanente a este artigo
BENVIDA AO 2015
Dámoslle a benvida a un novo ano, para que veña maino de malas novas e acugulado de bos presentes. Comezamos a nosa andaina con este artigo que publica o xornal Praza, co que se nos convida a reflexionar, tras a voráxine consumista do Nadal, sobre os esteoritos sexistas que se lles transmiten aos máis novos por estas datas.

http://praza.gal/movementos-sociais/8555/os-nenos-tamen-xogan-con-isto-os-xoguetes-non-tenen-sexo/
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 07-01-2015 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
O ÚLTIMO SAMAÍN

Todo empezou hai unha semana. Daquela era todo moi normal. Estabamos ensaiando a obra do colexio para o concurso de relatos de medo do Samaín. Eu non participaba na obra teatral pero encargábame do decorado que previamente me describiran un pouco por encima. Xa acabaramos por aquel día e na clase de galego ocorréuseme unha idea moi interesante. Ao saír do cole, estiven facendo os bonecos con moito reparo para que coubesen no seu sitio. Pensei en poñerlles mecanismos pero eran moi complicados, así que barallei na cabeza un sistema de cordas e poleas. Non llo dixen a ninguén porque ía ser unha sorpresa aínda que alguén seguro que me vería coas cordas. Pensaba en poñer morcegos que voasen polo escenario mediante fío de pescar transparente, que o vampiro se incorporase do cadaleito e que o home lobo camiñase mediante unhas pequenas rodas na base e unha pequena corda. Aínda que non era gran cousa, dáballe vida á interpretación. Ao día seguinte, cheguei ao escenario antes de tempo para instalar os meus aparellos. Cando chegaron os demais, xa tiña as cordas colocadas. Só me faltaba meter o vampiro na súa tumba. Agora que tiña todo o móbil en cadanseu lugar dediqueime ao decorado das árbores, do fondo e do chan.

Agora acabo de saír do cole. Como estiven tan ocupado estes dous últimos días, non tiven tempo de presentarme. Chámome Nicolás. Teño 13 anos e, como puidestes notar, gústame moito a arte plástica e o galego. Non son moi alto senón de estatura media. Teño o pelo escuro, cun ton marrón e a xente dime moitas veces que os meus ollos verdes son bonitos. Teño, ou paréceme a min, un moi bo gusto para a combinación de roupa e de complementos. Por iso creo que me puxeron a decorar a obra. Tardei os dous días seguintes en acabar o decorado. Agora que durante os recreos estou libre, dedícome a pensar onde puxen o meu “segrediño” para o profesor de galego. O caso é que me acordou e, ao saír do cole, fun dereitiño ao terceiro caixón da miña mesa do cuarto, onde fago os deberes. De alí saquei un conto que levaba escribindo dende o verán e, agora que case estamos no Samaín, chegou a hora de poñerlle un título, o meu nome e entregalo. O da “sorpresiña” era que lle dixen ao profe que non ía presentarme ao concurso, así que, unha alegría tampouco lle viría mal, que vise que, cando lle dixen que non me presentaba, quedou un pouco decepcionado.

O conto ía do espírito do Samaín, que ía matando a toda a xente que non cría nel na súa propia noite. Saía ás 12 en punto e ía casa por casa, acoitelando xente, sen piedade... O sangue saía a regueiros por todas as portas abertas das casas sen unha cabaza ou sen o espírito do Samaín, enchendo a rúa dun río vermello que trastornaba a milleiros de crentes cando sentían o último berro...

Á falta de tres horas para entregar o conto ao xurado, co Samaín esperando na mochila, deime conta de que tiña un erro e, cun boli de cor negra escura, moi escura, que encontrara tirado no cemiterio cando fora orar polo meu avó falecido, corrixino. Ao rematar de escribir, cambiou de cor a un verde sinistro e brillante e logo volveuse negro escuro, moi escuro. Non lle dei importancia, pero nese momento, veume Andrés, o profesor de lingua castelá, e preguntoume que estaba escribindo, así que eu, por motivos instintivos, rompín as follas e respondín: “Nada, señor Andrés, non tiña importancia”.
No seguinte recreo botei os vinte minutos escribindo de memoria o conto na biblioteca, co boli negro escuro, moi escuro. Dei acabado a tempo, metino na mochila e marchei correndo. Dentro dela, sen que eu me dera de conta, brillou ese ton verde arrepiante. Faltaba unha clase, a de bioloxía, e tiñamos que ir ao laboratorio, que quedaba un pouco afastado da biblioteca, na outra punta do cole. Cando ía tocar o timbre de cambio de hora, á falta de dous minutos, entrou Xoán, o profe de galego.
-Permítesme un minuto, Samuel? -preguntou o profe de galego.
-Si, por suposto – respondeu Samuel.
-Ben, quen queira presentarse ao concurso de relatos de medo do Samaín, como xa avisei hai uns días, teñen que ir inscribirse e presentar o conto -indicoulle Xoán á clase.
E marchou. Eu, como non quería que se decatase, metín o conto dentro da chaqueta e pregunteille a Samuel se podía ir ao baño. Pasei polo lado de Xoán e metinme no servizo. Esperei a que desaparecese polas escaleiras, saín do baño e seguín recto. Cheguei alí e entreguei o conto. Puxen o meu nome e marchei a fume de carozo.

Ao saír do cole, viña falando co meu mellor amigo Manuel e pediume que lle contase o das cordas.
-E ti como sabes iso, se era unha sorpresa?- pregunteille.
-Xa sabes que fun o primeiro en chegar despois túa. Vin como pechabas de golpe o pano do decorado e, cando marchaches, picoume a curiosidade. Sen que ninguén me vira, fun botarlle unha ollada. Non o puiden ver moi ben porque non estaba en funcionamento, pódesmo escribir e entrégasmo mañá? Prométoche que non llo digo a ninguén. É que hoxe teño présa, chao!

Cando cheguei á casa, escribino nun papel pequeno e enrugado que tiña no lixo dos papeis, con ese boli negro escuro, moi escuro, volveuse verde sinistro e brillante, como sempre, e logo, outra vez negro escuro, moi escuro. Cando acabei os deberes, como non tiña nada que facer, púxenme a escribir con boli negro escuro, moi escuro, porque me aburría. Escribín que ese dia ía encontrar dous euros debaixo do armario. Volveuse negro arrepiante e brillante, e logo negro escuro, moi escuro. Entón, caeume a goma que estaba mordendo debaixo do armario, fun por ela, e encontrei dous euros, pensei que era unha coincidencia, e non lle den importancia, aínda que quedei sorprendido.

Ao dia seguinte era o concurso. Estaba eu nunha cadeira, chegou Xoán pola porta e viume, achegouse a min e preguntoume:
-Que fas ti aquí? Non terías que estar na clase? -Non, eu participo no concurso, agarde un momentiño e verá. Era unha sorpresa para vostede.
Viuse moi ben o orgulloso que estaba, o seu medio sorriso descubría o seu intento de procurar estar serio sen emocionarse, como dicindo: “Moi ben, Nicolás, grazas pola sorpresa”. Empezou a obra e Xoán sentouse no seu sitio. Nicolás, estaba un pouco nervioso, quería gañar para que o seu profesor de galego se sentira moi orgulloso del. Tamén o estaba para ver se os seus “mecanismos” funcionaban. Empezou a obra, todo ía normal, ata que...

***

Ese día, ao espertarme, un calafrío percorreume as costas. Non sabía por que era, pero sabía que algo malo ía pasar, non sabía o que, pero estaba seguro de que ía pasar algo malo. O día de Samaín ten que ser divertido, pero este ano non foi así. Estabamos na biblioteca, no concurso de relatos, estaba tendo lugar a obra de entrega de premios. Faltaban só uns diálogos para que entrasen os meus aparellos. Estaba moi nervioso. Nese momento oíuse un ruído como de moitas ás revoloteando, un son agudo e apagado, que case non se oía, e de súpeto apareceu unha banda de morcegos, pero non de plástico e con cordas. Eran de verdade. Con eses dentes e ese corpo de rato, saíron disparados e puxéronse a sobrevoar toda a biblioteca. Todos estabamos mortos de medo e a un neno mordeulle unha desas alimañas voadoras. Empezou a botar escuma pola boca e caeu en redondo da cadeira. Un riso sinistro escoitouse dende a tumba do , abriuse e dela saíu el, de verdade, saíu e dixo:
-Coidado, por detrás!
Todos miramos cara a atrás asustados e oímos:
-Booooooh!!!
Era o vampiro. “Pero como pode estar aí se estaba no escenario?” pensei morto de medo. Entón converteuse en morcego e púxose a falar cos demais, empezaron a caer cara a abaixo nunha manobra ofensiva, mordendo e chupando o sangue de moitas das persoas. Eu, cubrindo a cabeza coas mans, fun correndo debaixo dunha mesa. Dende ela, vin os pés de Manuel. Só lle vía ata a xeonllo, así que lle dixen:
-Manuel, por aquí, debaixo da mesa!
E nisto cae de xeonllos e case deseguido, cae de todo, co tronco no chan. Eu metino debaixo da mesa e deille a volta e... botaba escuma pola boca, da que sobresaían uns . Eu non o podía crer, unha bágoa de tristeza e medo caeume pola cara.

Eu estaba debaixo da mesa, atemorizado, cunha tortura psicolóxica terrible, trastornado ao ver os cadáveres de moitos amigos e amigas; oín un ruído moi forte nese momento, parecido a un ouvido.
Por debaixo da mesa vin unhas pernas peludas, que camiñaban lento, raro, e... cara a min!! Eu estaba morto de medo, varios calafríos percorréronme as costas, e o meu pantalón non podía estar máis mollado. O home lobo, ao ver que xa estaban todos mortos, menos un, foi a polo máis fresquiño, libre de virus de morcego. Cheiroume a cinco metros, debían ser os pantalóns, e viña cara a min cun andar sinistro. Tiña que pensar algo rápido, de súpeto, encontrei un cable que pertencía a un ordenador, rompino pola metade e enchufeino. Coa parte que tiña o cobre ao descuberto apuntei ao único sitio que se me ocorreu.

Saín correndo pola porta, deixando atrás a un home lobo deitado no chan, doéndose e coas mans na entreperna. Corrín todo o que puiden, e pensei: “Pero non había tamén morcegos? Onde se meteron mentres apareceu o home lobo?”

Polo camiño, fun vendo xente tirada no chan, con escuma na boca e sangrando polo pescozo. Ao ver que só quedaba eu vivo, marchei para a casa. Pola rúa tamén vin xente morta, non pensaba que un Samaín, o propio día, puidera ser tan malo. Entrei na miña casa e vin ao meu pai sentado, lendo o periódico. Fun correndo a darlle un abrazo porque me estaba volvendo tolo vendo a tanta xente morta. Estáballe dando o abrazo e notei húmido o brazo. Mireino e vin a “cousa” branca, aínda non lle vira a cara a papá pero ao ver aquilo no meu brazo marchei de alí correndo e chorando. Sabía que a miña nai fora de compras a non sei onde e non volvía ata a noite, así que me temín o peor. Metinme na cama e quedei alí ata a noite. Ás 12:30 da noite, oín que se abría a porta. Pensei que era a miña nai e levanteime chorando da cama pero cando cheguei á porta do meu cuarto, por debaixo dela, aínda sen abrir, filtrouse unha luz branca. Tiña tanto medo que estaba pálido, tiña frío, e me empezara a sangrar o nariz, empecei a sacudirme coma un boneco ata que a porta se abriu soa. Alí estaba, brillaba cun ton branco nunca visto, no lugar do corazón, unha lapa de lume; cunha pedra parecida á que utilizaban os celtas nos sacrificios, toda vermella, chea de sangue, e tres bólas de lume azuis voando diante. Acercouse a min, ergueu a pedra e, nese momento, detívose todo, o calafrío, o terror, o tembleque, todo! Púxenme máis branco aínda, da cor da que se me puxeron os ollos, caín rotundo no chan, sentín unha dor intensa no corazón, deime conta de que sería o último Samaín, por unha razón: porque non cría; parecíame de nenos o “couso” do * Hallowen. E xusto por iso, tíñao diante de min, cravándome unha pedra no meu corazón de, alí estaba o... ESPÍRITO DO SAMAÍN.

Jorge Temperán Potel
2º ESO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 17-12-2014 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
DESCENDE PREOCUPANTEMENTE O USO DO GALEGO NA MOCIDADE
É o momento de pararnos a pensar que é o que se fai (ou o que non se fai) para que os datos de uso do galego entre a xente nova que publica o INE para o 2013 sexa tan alarmante. Neste artigo analízanse os resultados e publícase unha gráfica moi reveladora da situación:

http://praza.gal/movementos-sociais/8390/o-devalo-da-lingua-na-mocidade-non-se-deten/
Comentarios (0) - Categoría: LIBRO DE RECLAMACIÓNS - Publicado o 13-12-2014 22:50
# Ligazón permanente a este artigo
PEPE TEN QUE EMIGRAR
Non sei como contarvos que teño un gran problema. Para comezar, presentareime. Chámome Pepe e son de Galicia, e ben orgulloso que estou. Fai un ano que quedei no paro. Isto é un gran problema para min e para moitos dos galegos. Nos tempos que vivimos cada vez hai máis galegos que teñen que emigrar por non atopar un traballo, xa que na nosa terra, Galicia, non hai suficiente traballo. Antes, era todo o contrario. Cada vez chegaban máis inmigrantes, para buscar emprego, porque nos seus países non tiñan para todos eles. Noutros tempos, Galicia era un bo lugar para traballar, e nós, os galegos e galegas, vímolo pola gran cantidade de inmigrantes que chegaban.
Agora, por desgracia, en Galicia non quedan tantos postos de traballo como había antigamente; polo tanto, vémonos obrigados a emigrar a outros países para poder encontrar un emprego e así poder manter as nosas familias. Noutros lugares tampouco quedan moitos, xa que pola crise foron diminuíndo os postos de traballo e agora as empresas non contratan a tanta xente como antes. Por esta causa os galegos, temos que emigrar para buscar emprego e arranxarnos a vida como poidamos para poder vivir con dignidade.
E aquí estou no porto, despedíndome da miña familia con moita dor, porque sei que a vou botar moito de menos. Desexádeme sorte.
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 10-12-2014 13:00
# Ligazón permanente a este artigo
AS FRAGAS DO EUME

As Fragas do Eume, que se atopan na provincia da Coruña,foron declaradas Parque Natural o 30 de xuño de 1997 e abarca 9126 ha. Na actualidade residen nela 521 persoas, dos concellos de: Cabanas, Capela, Monfero e Pontedeume. Os bosques das fragas son dunha elevada biodiversidade. A flora fora moi explotada polo home a causa da fertilidade das súas terras. As árbores que máis abundan no parque son os carballos e os castiñeiros. As fragas polo seu clima, húmido e sombrío, ten moitas especies de anfibios, entre os podemos atopar 13 das 15 especies que hai de salamántigas. Tamén podemos atopar moitos: sapos, ras, cabalos do demo, martiños pesqueiros... Dentro dos límites do parque existen numerosos vestixios de actividades humanas, por exemplo, cruceiros, pontes, ou santuarios. O 31 de marzo de 2012 produciuse un incendio no concello da Capela que queimou 750 hectáreas. 350 correspondían ao parque. O terrible incendio non se puido apagar ata o 3 de abril.

SAMUEL GARCÍA CASTRO
4º ESO Curso 2014/2015
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 01-12-2014 13:32
# Ligazón permanente a este artigo
"O DÍA QUE PERDÍN O MÓBIL E NON TIVEN INTERNET"

Un día que paseaba polo parque coas miñas amigas deime conta de que xa era tarde, que tiña que ir para a casa e, como non me dera présa, miña nai íase enfadar. Levaba unha chaqueta posta co móbil e cos cartos no peto. Empecei a correr porque xa chegaba tarde e non quería que mamá discutira comigo. Cando cheguei, ía coller o móbil para chatear cos meus amigos, pero decateime de que non estaba. Empecei a buscar por toda a casa, pero non aparecía e pensei que o puidera perder polo camiño. Cando llo dixen a mamá enfadouse por non ter coidado coas cousas. Fomos buscalo á vila e non o dabamos encontrado, así que volvemos para a casa. Loxicamente sen móbil non tiña internet e non podía falar cos meus compañeiros a través das redes sociais. Pola noite sentíame mal por perder o móbil. Tamén estaba aburrida porque todas as noites adoitaba falar con todos. Ao día seguinte, miña nai traballaba ata as nove da noite e eu quedei estudando na casa, aínda que, debo admitir que en vez de estar centrada nos estudos, estaba preocupada polo móbil. Chegada á noite, miña nai chegou a casa e entrou no meu cuarto, díxome que íamos ir comprar outro teléfono, xa que ese non aparecía...
Eu estaba contenta porque íamos ir a por un novo. Era luns pola mañá. Miña nai e mais eu fomos á vila a comprar e, por casualidade, mamá contoulle a un amigo seu, que era o dono dunha tenda preto do parque, que eu perdera o móbil. O home díxolle que o sábado, diante da súa tenda encontrara un, que pasaramos por alí para ver se era o meu. Cando chegamos á tenda ensinoume o teléfono e, efectivamente, era o meu. Estaba sen carga, así que, ao chegar á casa púxeno a cargar. Logo, cando o acendín, tiña moitísimas mensaxes do Whattssapp preguntándome se me pasara algo (xa que eu adoitaba estar moito conectada) e moitas chamadas perdidas. Fun contestando un a un, contándolle o que me pasara e todos quedaron máis tranquilos.

Verena Vieites Fernandes
4º ESO Curso 2014/2015
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 01-12-2014 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
Cáritas denuncia que 3.600 galegos viven na rúa
1.Le a seguinte noticia e resúmea en ideas breves.

http://www.europapress.es/galego/noticia-caritas-denuncia-hai-mais-3600-galegos-viven-na-rua-pide-unha-vivenda-digna-todo-mundo-20141126182942.html

2. Redacta un texto no que expliques que medidas cres ti que se deberían adoptar para axudar a remediar a situación que se recolle na noticia.
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 27-11-2014 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
DETRÁS DA XANELA
Fionde é unha vila moi tranquila, fermosa pero misteriosa. Na vila hai dous colexios: un deles, o máis vello, cerrado porque se oían berros e ruídos. Tamén se vían nel alumnos pantasmas. Ao cerrar este, fíxose outro máis lonxe do antigo.
Noelia é unha rapaza fermosa, boa é moi intelixente. Un día, cando ela ía cara á súa casa, pasou pola mansión dos Bultorre, onde sentíu unha presenza dunha sombra nunha das xanelas. Ela, ao principio, non lle deu importancia, pero como esa sombra se ía parecendo pouco a pouco a un rapaz, Noelia marchou un pouco asustada.
Daquela, no colexio de Noelia estaban celebrando o Samaín. A súa profesora Carmiña presentoulles un novo alumno. Noelia, cando o viu, asustouse e empezou a chorar. A mestra acudiu onda ela; Polo Baixo, Noelia contoulle á profesora que ese rapaz era o que estaba detrás da xanela dos Bultorre. Pero Carmiña non a creu e aseguroulle que iso das pantasmas era mentira, que se centrase e se deixase de lerias. Aínda así, Noelia seguiu matinando naquela coincidencia.
Ao final das clases, Noelia colleu outro camiño para chegar á súa casa e sen pasar pola mansión dos Bultorre. Pero, nun momento en que mirou para atrás coa intención de asegurarse de que ninguén a seguía, decatouse con sorpresa e pavor que o novo compañeiro estaba atrás dela.
Sen que Noelia tivese oportunidade de reaccionar, o misterioso rapaz saltou enriba dela, atouna e levouna ata a mansión. Alí, atouna a unha cadeira cunha corda, preparándoa para cravarlle un coitelo e matala. O motivo deste propósito era que, tempo atrás, unha rapaza semellante a Noelia deixouno plantado nunha cita. Daquela o mozo estivera mirando a través da xanela esperando pola súa amada; como non chegaba, aforcouse alí mesmo.
O caso é que, cando o rapaz se disponía a cravarlle o coitelo á pobre Noelia, que nada tiña que ver con este asunto, mentres o mozo estaba na cociña buscando un coitelo ben grande, a pantasma da rapaza que o deixou plantado, apareceu, desatándoa e contándolle o que tiña que facer para desfacerse del.
Noelia fixo o que a rapaza lle dixera: colleu a corda coa que se aforcara o rapaz, amarroulla a unha man e coa outra a un extremo da xanela. Ao chegar o mediodía, o rapaz pouco a pouco estaba sendo arrastrado cara á dimensión da ventá cando este lle colleu a man de Noelia arrastrandoa con el.
Dise que cada Samaín, o rapaz sae da xanela obsevando a próxima rapaza que vai asasinar, aínda que pode impedilo a axuda da pantasma de Noelia.
Cando dicimos que temos a sensación de que nos están observando, é porque a pantasma maligna do rapaz vixíanos… Coidado!!!

Pablo Oliveira Chenlo, 3º ESO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 19-11-2014 10:46
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal