DE LINGUA EN LINGUA


BLOGUE DE LINGUA GALEGA DO CPI DE PONTECESURES
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 WEBS RECOMENDADAS
 FOTOBLOGOTECA
 DESTACADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

VIAXE A FERROL-FRAGAS DO EUME
“CORRELINGUA 2010”


O “Correlingua” son unhas carreiras escolares reivindicativas en prol do idioma galego que se celebran en distintas cidades e vilas de Galiza arredor do Día das Letras Galegas dende o ano 2000. A intención desta actividade lúdico-didáctica é a concienciación do alumnado e da sociedade en xeral da necesidade e a importancia de que sigamos mantendo vivo o noso idioma. Arredor destas carreiras, os organizadores convocan varios concursos para fomentar a participación dos escolares, entre eles a elaboración dun cómic e un manifesto que se le ao remate de cada carreira. Este curso, ademais, incluiuse como novidade o concurso musical “Cantalingua”, no que se selecciona o grupo ou solista gañador que anima a festa.
O alumnado de 4º de ESO do CPI de Pontecesures participou no concurso de elaboración do manifesto. Aínda que o premio recaeu no IES Pedra da Auga de Ribadeo, o noso centro quedou finalista xunto co IES Xoán Montes de Lugo, polo que fomos galardoados cunha viaxe de dous días a Ferrol e as Fragas do Eume, visita organizada dentro do Proxecto Terra polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza. O primeiro día a visita ao parque Aquaciencia, ao Castelo de San Felipe e á aula de Ecoloxía urbana completouse cunha excursión en barco pola ría de Ferrol até Mugardos e cun percorrido polo barrio da Magdalena para estudar as peculiaridades urbanísticas desta parte da cidade. Pernoctamos no albergue Alvarella, onde coñecemos de primeira man os beneficios para o medio ambiente das técnicas de bioconstrución. Ao día seguinte, finalizamos esta saída didáctica cun roteiro de sendeirismo polas Fragas do Eume.



MANIFESTO FINALISTA DO CONCURSO CORRELINGUA 2010
NONSOMOSPEIXESQUESOMOSTROITASDOULLA
ALUMNADO DE 4º DE ESO
CPI DE PONTECESURES

…pos yo estudei nun senter onde me ensinaron three lenguas e con moito esforso conseghín o Ghraduado. Fun pá Ghran Bretaña e alí era a caña. Empesei a traballar de barman pero non ghañaba moitos moneys. Botaba en falta a miña Terra e afoghaba as penas en caña de herbas. Ao mes chimpáronme fóra, de patitas en la calle, pois non promosionaba o ghüisky escosés. Pensei en voltar ao lughar onde nasín, xa que aínda me quedaban cartos pa un billete de plane.
…Puentevedra, Sanjenjo, New Port, La Carretera… Que aleghría, que ilusión! De novo na Terra!

-Hi, familia!
-Hola, hijito! Manolo, xa voltou! Miña nai, prepare o caldo, que ten aquí o seu netiño!
-Por fin estás connosco! Canto te botamos de menos! Pero, que che fixeron alá, meu neto, que pareses un bacallau polo rabo?

Coa energy que me deu aquel caldiño, erghínme in the morning pa buscar un currito. Na cafetería, na carnisería, no supermarket e na panadería, todos pedían falar ben o castelán e o inghlés.

-No problem, no problem! Eu falo three lenguas!

Botáronse a rir e sinalaron a porta. Fun pedir o xornal; mirei os anunsios por palabras. Galicia siempre, Diario gallego de por la mañana, Gallejeros…hai que ver, ninghún traballo pa políghlotas!

Aghobieime. Quixen relaxarme e fun ao cinema. Nine, Los sustitutos, La decisión de Anne, La herencia de Valdemar... Non entrei porque nada me ghustaba. Xa era noite e funme de party. Faleille a unha rapasa:

-Gelou! Ghuach yor name?
-Gelar non gelou pero vai un frío… Acaba ti o conto… A min non me enghanas, ti… de quen vés sendo?

Estivemos falando aínda un anaco. A rapasa paresía que valía a pena. Ao día seghinte, un café, ao outro un conserto; ao mes xa falaba o seu idioma… e canto máis doado non era! Convenseume de que eu viña sendo o “typical galego da Galicia do futuro” coa que alghúns soñaban, que así deixaba de ser eu mesmo, reneghaba das orixes por algho que non me daba praser nin sustento. Foron tardes a falar e, mentres medraba o noso amor, soñamos con construír outro futuro. E como dous pensan mellor ca un, unha dusia mellor ca unha parella e un sento máis aínda, asosiámonos aos máis intrépidos da vila e… xuntos foron xurdindo as ideas: consertos, contos, xoghos cos que ghosar en ghalegho. “Nonsomospeixesquesomostroitasdoulla”, demos en chamarnos, e con este berro de axitasión, disímosvos:

DEIXADE DE SER “PESCADOS”, NON CAIADES NA REDE E NADADE CONNOSCO NA LINGUA DAS TROITAS DA NOSA TERRA!
Comentarios (0) - Categoría: PARTICIPANDO SAÍMOS GAÑANDO - Publicado o 19-05-2010 11:25
# Ligazón permanente a este artigo

SE EU PUIDESE…


Se eu puidese voar moi lonxe,
fuxiría das sirenas que anuncian
a primeira hora da mañá,
e sería unha araña en Pontinglandia
destilando adrenalina no seu parque de atraccións.



Se eu puidese voar moi lonxe,
agocharíame das noites de tronada
que nos atormentan con castigos e berros coma lóstregos e estrondos
e converteríame nunha pomba
para perderme nun sono de tranquilidade e paz.



Se eu puidese facer paracaidismo,
brincaría cos esquíos de póla en póla,
para contaxiarme da súa vitalidade
e nunca sentir os vermes pola gorxa
nin apodrecer como unha mazá.



Se eu puidese facer acrobacias na auga
divertiríame como un golfiño xogando no Paraíso
entre a alegría e diversión do público,
para librarme así do gran megalito pesado
que levo enriba cada vez que soa o timbre.





ALUMNADO DE 1º ESO A
CURSO 2009/2010

Comentarios (1) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 28-04-2010 14:44
# Ligazón permanente a este artigo
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO EN POSITIVO - Publicado o 23-02-2010 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO EN POSITIVO - Publicado o 12-02-2010 11:19
# Ligazón permanente a este artigo
Comentarios (0) - Categoría: LIBRO DE RECLAMACIÓNS - Publicado o 09-02-2010 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
MANIFESTACIÓN EN DEFENSA DO GALEGO 21-01-2010
Comentarios (0) - Categoría: LIBRO DE RECLAMACIÓNS - Publicado o 02-02-2010 12:27
# Ligazón permanente a este artigo
PRENSA EN GALEGO

http://www.galicia-hoxe.com
O primeiro diario impreso escrito integramente en galego, editado polo grupo de El correo gallego, con sede en Santiago de Compostela

www.anosaterra.org
Publicación dixital diaria dependente do semanario A nosa terra, con sede en Vigo

http://www.anosaterra.org/seccion/semanario/
Neste enderezo podemos consultar en formato pdf as edicións do semanario A nosa terra xa publicadas


http://lv.galiciae.com/
Único xornal impreso gratuito en galego, distribuído polo grupo do diario lucense El progreso.


Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO EN POSITIVO - Publicado o 20-01-2010 18:24
# Ligazón permanente a este artigo
UN GOLPE DE SORTE
Con dezasete anos Abedin tivera que abandonar a súa casa, a súa nai, os irmanciños e todas as lembranzas daquel poirento lugar. A viaxe até o país onde cría que podería chegar a xuntar os cartos suficientes para voltar á súa Terra e por fin comer e durmir decentemente fora demasiado dura. Naquel anaco de madeira de apenas 60 m2 viaxaban arredor dunhas cen persoas, entre eles cativos que non superaban os sete anos. A pequena pateira ameazaba con afundirse con cada onda que batía contra ela. Unha semana e media levou a viaxe pero só a metade dos viaxeiros chegaron vivos. A barriga rilláballe dende había polo menos dous días e a auga do mar que inxerira fixérao debilitarse e incluso chegou a delirar nunha ocasión. Pero a pesar da debilidade nunca pensou en voltar para a casa abandonando todo o esforzo feito até entón. Lembraba o que o seu pai fixera coa súa nai, aquel dano que lle causara cando a abandonara con cinco fillos dos que coidar e levando outro no seu ventre. Consigo levárao todo, agás un teito inseguro, unhas paredes en ruínas, tres cazos e dúas moedas que a nai gardara sen que se dese conta.

Abadin tiña a teima de encontrar traballo e poder vivir ben xunto cos seus cinco irmáns e a súa nai. Un ano tardou en atopalo, mal pagado, pero era, de todas formas, un traballo. Botaba catorce horas axeonllado recollendo amorodos nuns invernadoiros por só uns poucos euros ao mes. “Sacrificado, pero menos dá unha pedra”, pensaba todas as mañás ao se erguer dos fríos cartóns nos que durmía.

Un día, mentres camiñaba pola rúa ás sete da mañá para ir traballar, lamentouse da súa mala sorte cando aqueles folios que levaba envoltos nunha pel de camelo e atados cunha cinta amarela que fixera a súa nai, lle caeron ao chan. Aqueles debuxos da súa familia e a súa Terra, feitos cunha sensibilidade incrible, deixando á vista o talento que o rapaz tiña, fixeron chamar a atención dun home que camiñaba casualmente detrás del.

O tempo volveu pasar e Abedin xa deixara aquelas longas xeiras de traballo mal pagadas. Agora espertaba ás dez da mañá, bicaba a súa muller e os seus pequenos meniños e pechábase, logo de percorrer dúas rúas, nun pequeno despacho con papel e lapis para comezar a debuxar o cómic que sairía publicado tres semanas despois. Nos trazos intensos daqueles debuxos, nunca esquecera as súas raíces nin o cariño dos seus, aos que aínda soñaba axudar traéndoos consigo algún día para que puideran compartir con el unha vida digna.

María Guerra Lafuente
3º ESO Curso 2009/2010
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 20-01-2010 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
NOVAS CANTIGAS DE AMIGO DOS TROBADORES DE CESURES
Miña naiciña querida,
onte cando fun lavar
os meus panos brancos
á fonte do Fungueiro
veu un cervo beber a ela.

E dime, miña filla,
era un cervo nobre,
de boas pelaxes,
ou un calquera?
Dime, miña filla.

Era ben bonito,
de boas pelaxes
e grandes ollos negros,
escintilantes e intensos,
que só con mirar para eles
quedábache o corazón teso.

E dime, miña filla,
levoute este cervo
a dar unha volta
ao redor do monte?
Dime, miña filla.

Levoume, miña naiciña,
levoume por camiños
que nunca hei esquecer
cheos de inmensos rosais
de vermello apaixonante.

E dime, miña filla,
tiña un bo manto
onde poder durmire
sen ningún coidado?
Dime, miña filla.

Tiña unha boa cama
para durmir el e outra persoa
onde caberían tres:
el, a súa amada
e mais o seu froito.

E dime, miña filla,
cres que o cervo
volverá ollarte
agora que levas roupas de cores?
Dime, miña filla.

Volverá, miña naiciña,
sei que ese cervo
volverá por min
e polo seu froito
e iremos ao máis alto do monte.

Miña filla, non te enganes,
eu cría o mesmo ca ti
pero perdín a confianza
dende que o meu cervo
que vin daquela
ao lado da fonte
onde eu lavaba camisas
non volveu máis,
nin por min nin polo seu froito,
que es ti, miña filla querida.


Steven Castro Carballeda

3º ESO curso 2009/2010

Meu amigo,
Que marchou para a guerra,
Non sei como nin cando volverá dela

Pero sigo amándoo.


Meu amigo,
Que sempre me deu o seu corazón.
Sei cando marchou, pero non cando virá desa prisión.

Pero sigo amándoo.



Meu amigo,
Que xa hai tres anos que o país está tranquilo.
Por dentro tápame el e por fóra o seu abrigo.

Pero sigo amándoo.


Rubén Domínguez Elías
3º ESO Curso 2009/2010


Ai, que vento vai
Cando o cervo vai á fonte
A beber,
A bebeeer!

Ai, miña nai,
O cervo foi á fonte
Fixo moito vento
E bebeu,
E bebeeeu!

Ai, miña irmá,
Lavoume as camisas meu amigo,
Cando me levou ao monte
E fixo vento,
Moito vento!

Sergio Manteiga Varela
3º ESO Curso 2009/2010

Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 13-01-2010 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
O MISTERIO DAS BADALADAS, XABIER P. DOCAMPO
ARGUMENTO

En Eiranova acaban de instalar un novo reloxo no campanario da igrexa. Xa dende a primeira noite o reloxo compórtase dunha forma estraña: ás doce da noite non dá doce badaladas, senón trece. O reloxeiro demostra que non hai avaría que xustifique tan peculiar comportamento, e en Cristina e nos seus amigos esperta o interese por desentrañar o misterio da décimo terceira badalada. Pouco a pouco van chegando aos rapaces unhas enigmáticas e sucesivas mensaxes que os levan a coñecer a verdade. Cando coñezan a causa de que o reloxo dea unha badalada de máis cada media noite, atoparanse cunha gran sorpresa.

TEMAS

Na miña opinión, o tema principal baséase en dicir que non todo o mundo é como parece, como no caso do xuíz, que lle gustan moito os nenos porque os adultos son demasiado serios e non se pode xogar con eles.

PERSONAXES

Cristina: é a irmá maior de Miguel; é alegre e intelixente, pero algo descoidada. Gústalle a literatura e os libros de Cunqueiro.

Miguel: é un neno moi espelido e a pesar de ser o máis pequeno do grupo, aporta moito ao descubrimento da persoa que toca a badalada número trece.

Elisa: é unha nena bastante educada e calada, pero á vez moi lista.

Delio: é amigo das bromas, moi chistoso, aínda que ás veces demasiado. É moi amigo de Pedro.

Pedro: o maior do grupo, maduro e sensato. É o máis valente de todos.

Xes: crego de Eiranova, unha persoa sensata pero despreocupada.

O xuíz: a pesar do seu oficio, é alguén feliz, intelixente e cariñoso, aínda que impón respecto e seriedade a primeira vista.


TEMPO E ESPAZO


A historia desenvólvese en Eiranova nas vacacións de verán.

CRÍTICA PERSOAL


Este libro gustoume en especial porque o lector participa na historia, xa que ten que descifrar mensaxes para poder continuar e decatarse do que sucede, de forma que ao final non é o escritor o que desvela o misterio, senón un mesmo.
Pablo Potel Mariño

2º ESO Curso 2009/2010

Comentarios (2) - Categoría: CLUB DE LECTURA - Publicado o 13-01-2010 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal