DE LINGUA EN LINGUA


BLOGUE DE LINGUA GALEGA DO CPI DE PONTECESURES
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 WEBS RECOMENDADAS
 FOTOBLOGOTECA
 DESTACADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

O BALLÓN. XORNAL DE METEOROLOXÍA
Este curso os departamentos de Lingua Galega e Bioloxía decidimos poñer en andadura esta actividade para o Plan Proxecta "Meteocesures", na que colabora tamén o ENDL do centro. Trátase dun breve xornal, que pretende ter continuidade e ser máis ambicioso en próximos anos, que na edición deste curso recolle dúas noticias, unha reportaxe e unha crónica de temática meteorolóxica, redactadas nas aulas de 1º e 2º de ESO de lingua galega, co asesoramento e a colaboración do Departamento de Bioloxía.

A continuación, explicamos como organizamos o traballo nas aulas:

1. Decidimos cales foron os temas de maior interese informativo deste curso:

-A escaseza de choivas e as altas temperaturas do outono de 2015.

-A acumulación de choivas na 1ª quincena de xaneiro.

-As consecuencias dun trebón extraordinario en 1939 en Pontecesures.

-Os datos fenolóxicos observados este ano no CPI de Pontecesures.

2. Tratamos o tema dos xéneros xornalísticos na aula de lingua galega.

Para iso baseámonos na información que incorpora a seguinte ligazón:

http://cotovia.org/proxecto/tex/tex_ud4_03.html?orix=ud4&tare=12&tema=tex_ud4_03.html

3. Decidimos que xénero xornalístico se adaptaba mellor a cada un dos temas seleccionados e a cada nivel educativo:

-REPORTAXE: O outono do 2015 (2º ESO)
-NOTICIAS: Inundacións de xaneiro e datos fenolóxicos (1º ESO)
-CRÓNICA: O trebón do 39 (2º ESO)

4. Incorporamos ligazóns neste blog para que o alumnado de 1º e 2º buscase información sobre estes temas nas aulas de lingua galega.


ENLACES DE INTERESE XERAL PARA A REDACCIÓN DO BALLÓN



"METEOCESURES"

BLOG DO PLAN PROXECTA DE METEOROLOXÍA DO CPI DE PONTECESURES

http://meteocesures.blogspot.com.es/p/galego.html

CANLE DE YOUTUBE DO PLAN PROXECTA METEOCESURES


https://www.youtube.com/channel/UCo4h2pq7Rxu1c2Ns34hnP4A

DATOS DA ESTACIÓN METEOROLÓXICA DO CPI DE PONTECESURES


http://www2.meteogalicia.es/galego/observacion/climantica/resumostaboas.asp?Nest=20154&x=8&y=-44&red=110&idprov=3

CAMBIO CLIMÁTICO


http://cambioclimatico.cmati.xunta.es/portada

http://siam.cmati.xunta.es/presentacion-do-proxecto-cligal



LIGAZÓNS E INDICACIÓNS PARA TRABALLAR CADA UN DOS TEMAS NA AULA DE LINGUA GALEGA:

A) A FENOLOXÍA:

-PROXECTO TÉMPORAS. PÁXINA DE FENOLOXÍA

http://temporas.cesga.es/index.htm

Baseándonos na información que nos ofrece esta páxina, elaboramos unha noticia que recolle os datos fenolóxicos obtidos nesta primavera no CPI de Pontecesures. A noticia pode seguir este guión:

0. Pensa cal pode ser o TITULAR DA NOTICIA.
1. Que é a fenoloxía?
2. Que é o proxecto Témporas?
3. Fenoloxía e cambio climático.
4. Especies que investigamos no CPI de Pontecesures ao longo deste ano.
5. Análise dos resultados e comparación cos obtidos outros anos.
6. Conclusións.



B) INUNDACIÓNS DE XANEIRO DE 2016.


TIPO DE ARTIGO: NOTICIA XORNALÍSTICA

GUIÓN:
1. Que aconteceu? Cando? Onde? Cales foron as consecuencias? Cal foi o tratamento que lle deron a esta noticia os principais medios de comunicación?
2. Comentario dos datos de precipitación recollidos na nosa estación meteorolóxica o día 13 de xaneiro.
3. Finalmente, pon en relación o acontecido nese día coa situación meteorolóxica habitual da primeira quincena de xaneiro. Houbo outros casos de alerta meteorolóxica durante eses días?

FONTES DE INFORMACIÓN:

TELEDIARIO MEDIODÍA DA TVE DO 14 DE XANEIRO
http://www.rtve.es/alacarta/videos/telediario/telediario-15-horas-14-01-16-lengua-signos/3444402/

AVISO DE ALERTA METEOROLÓXICA DO TELEXORNAL DA TVG DO 13 DE XANEIRO
http://www.crtvg.es/informativos/activase-o-aviso-por-chuvia-1731191


ARTIGO NO BLOG 4GOTAS SOBRE O TEMPO DA PRIMEIRA QUINCENA DE XANEIRO EN GALICIA
http://www.4gotas.com/mas-tiempo/blog-noticias-meteorologia/lluvia-enero-2016/?lang=gl

INFORMACIÓN SOBRE OS RÍOS ATMOSFÉRICOS E TEMPORAIS EN GALICIA

http://galego.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2016/01/10/rios-atmosfericos-procedentes-golfo-mexico-generan-lluvias-extremas/0003_201601G10P7991.htm


C) UN OUTONO (2015) MÁIS CÁLIDO E SECO DO NORMAL
TIPO DE ARTIGO: REPORTAXE

GUIÓN:

1. INTRODUCIÓN. RESUMO DO RECOLLIDO NO ARTIGO DE 4 GOTAS.

http://www.4gotas.com/mas-tiempo/blog-meteorologia-4cosas/noviembre-diciembre-seco-calido-galicia/

2. ANÁLISE DOS DATOS DE OUTONO DE TEMPERATURAS E PRECIPITACIÓN RECOLLIDOS NO INFORME DE METEOGALICIA.

http://www.meteogalicia.es/datosred/infoweb/clima/informes/estacions/anuais/2015_gl.pdf

3. CONTRASTAR ISTO COS DATOS QUE HAXA DA NOSA ESTACIÓN METEOROLÓXICA.



D) REDACCIÓN DUNHA CRÓNICA SOBRE UNHA TREBOADA DO ANO 1939.

-Resumo do acontecido baseándonos no relatado en dous xornais da época:

"El Faro de Vigo"



El Pueblo Gallego



-Incorporar a información de entrevistas do alumnado a persoas maiores que viviron o acontecido.

-Redacción do artigo aplicando o estilo xornalístico da crónica.


5. Realización de distintas portadas para o xornal e elección dunha delas nunha reunión do ENDl.

6.O RESULTADO FINAL: XORNAL O BALLÓN. MAIO DE 2016

Cada alumno redactou no seu ordenador portátil o artigo que se pedía para cada nivel. Logo lemos na clase distintos resultados e seleccionamos o que consideramos que tiña máis calidade, facendo as correccións oportunas:


o Ballón. Xornal de Meteoroloxía Do CPI de Pontecesures

Comentarios (0) - Categoría: O BALLÓN. ANUARIO METEOROLÓXICO DO CPI - Publicado o 22-01-2016 11:59
# Ligazón permanente a este artigo
2016: O ANO DAS IRMANDADES DA FALA E MANUEL MARÍA
Comeza un novo ano con conmemoracións importantes coa lingua galega de por medio: a celebración das Letras Galegas, cuxo homenaxeado é Manuel María, e o centenario da creación das Irmandades da Fala na Coruña, unha importante entidade que loitou na promoción, dignificación e normalización do galego na etapa previa ao franquismo. Enlazamos este artigo do xornal Praza que comenta isto polo miúdo.

http://praza.gal/cultura/10883/un-ano-para-lembrar-a-manuel-maria-e-as-irmandades/
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 06-01-2016 17:21
# Ligazón permanente a este artigo
A DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA NO MUNDO
Este mapa conceptual sintetiza a información do texto que aparece na páxina 68. "O plurilingüismo. Situación e status das linguas".

Comentarios (0) - Categoría: TEORÍA 3º ESO - Publicado o 11-11-2015 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
"MEDO NA ESCURIDADE" RELATO GAÑADOR DO CONCURSO DE RELATOS DE TERROR 2015 NA CATEGORÍA DA ESO
O reloxo da cociña empeza a soar. Xa son as dúas da noite. Estou falando cun amigo polo móbil. Teño ganas de ir ao baño. Apago e deixo o móbil enriba da cama. Levántome e vou moi paseniño ata o corredor. Se os meus pais espertan e descobren que non estou durmido a estas horas, castigaranme. Abro a porta do baño moi amodo, prendo a luz e pecho a porta. Ao acabar, tiro da cadea. Por sorte é moi silenciosa, e volvo á miña habitación.
Cando xa estou a punto de meterme na cama, oio un ruído, como de algo que cae contra o chan. Ese ruído vén da habitación dos meus pais. Decido ir para ver que pasou. A porta está aberta, e a luz da lúa entra pola fiestra e ilumínao todo.
Póñome á beira da porta e inclino a cabeza para ver o que hai aí dentro. No chan hai un regueiro de sangue. Sígoo coa mirada ata chegar a un corpo inerte, creo que é o meu pai. Contra a xanela vese unha figura estraña, cun brazo longo e punzante, semellante ao dunha gran espada, e no seu extremo está a miña nai.
Fago un gran esforzo por non berrar, porque faría que o asasino se decatase de que estaba alí, e viría matarme a min tamén. Ese ser xira a súa cabeza cara a porta onde estou eu. Saio correndo e o único sitio onde se me ocorre agocharme é na miña habitación. Noto como os seus pasos dirixíndose ata onde estou eu e, nun acto de nerviosismo, métome na cama e fágome o durmido. Poucos segundos despois entra pola porta.
Eu estou cos ollos pechados pero o suficientemente abertos para poder ver.
O home queda mirándome fixamente, sen moverse. Dá a volta e vaise. Estou pensando en saír correndo cara á porta da saída, pero seguro que me atrapa polo camiño. Outra posibilidade é tirarme pola fiestra. A miña habitación está nun primeiro piso, tal vez non me faga moito dano, pero é mellor iso a que te maten atravesado por unha espada.
Xa é demasiado tarde para poder facer nada, o home volve á miña habitación. Ten aos meus pais nos ombreiros. Tíraos ao chan. Colle ao meu pai e séntao nunha cadeira. Xíralle a cabeza para que mire cara a min. Escóitase como as vértebras do pescozo rompen e estalan. Fai o mesmo coa miña nai.
Intento non chorar nin moverme para que pense que sigo durmindo. El tamén colle unha cadeira e senta. Os minutos convértense en horas, cada vez desespérome máis. Empezo a pensar que está xogando coa miña mente, pero non o conseguirá. Tal vez canse axiña e se marche.
Levántase da cadeira e crava no peito do meu pai a súa espada . Achégase a min, mírame e logo escribe algo na parede.
Ao acabar, marcha ao corredor, pecha a porta e vaise. Oio como rompe unha ventá. Levántome dun chimpo da cama e miro pola fiestra. Está camiñando pola calzada. Vai vestido de negro, cun sombreiro, unhas botas de coiro e unhas luvas, pero non ten nin unha pinga de sangue nin ten esa especie de espada coa que matou aos meus pais. Párase, dá a volta e mira a onde estou eu. Agáchome rapidamente para que non me vexa. Pasados uns segundos, volvo mirar e xa non está.
Os raios da lúa iluminan toda a habitación e fai que poida ver os cadáveres dos meus pais. Os dous miran cara a min cos ollos abertos e cun sorriso sinistro.
De repente acórdome que escribira algo na parede. Xírome e leo o que puxo: “Sei que estás esperto”.

Xenxo Santiago Lorenzo.
4º ESO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 04-11-2015 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
O DELIRIO

Unha vez un home que se encontraba moi mal, chamou o médico e díxolle que, se o curaba, lle daría o mellor porco da ceba. O médico aceptou o trato e o home ó fin curou.
Cando chegou a ceba, o médico foi á casa do home e preguntoulle que cando lle daba o cocho. O home, tan pancho, contestoulle:

- ¡Ai, vaia por Deus! ¡Que maliño estaba! ¡Mire como deliraba!

Lucas Carou Eitor

2º ESO A
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 16-10-2015 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
LÚA
Lúa é unha gata con demasiado carácter, xoguetona e tamén birolla, de ollos azuis. A Lúa tirouna unha señora na finca da miña nai (no medio das coliflores). Nós collémola e metémola na casa, onde ía estar quentiña e segura. Lúa sempre amou aos animais, sexa un poliño, un coello... dálle igual, aínda que o que sempre desexou foi ter gatiños. Que pasou? Pois que lle trouxen unha gatiña pequena que rescatei da rúa. Chameille Manoplas. Lúa, cando a viu, namorouse, empezou a darlle moitos, pero que moitos, bicos. Adoptou a Manoplas. Agora nunca se separan. Sempre dormen xuntas e, como Manoplas sempre dorme comigo, durmimos as tres xuntas. Ben, teño que deixarvos, Lúa necesita comer!

Zaira Estévez Fuentes
2º ESO B
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 13-10-2015 13:42
# Ligazón permanente a este artigo
ANTÓN QUERE SER MILLONARIO
Antón é un xove rapaz de dezaseis anos que sempre quixo ser millonario. Esta teima vénlle de dez anos atrás, cando estaba co seu pai vendo o telexornal das tres da tarde (xusto ao chegar do colexio). Estaban dicindo que había outro novo millonario no país. Antón preguntoulle ao seu pai que significaba ser millonario e el contestoulle que esa era xente que dun día para outro conseguía moitos cartos por herdanzas familiares, por lle tocar un premio ou por traballar arreo durante moitos anos. A Antón ocorréuselle que el tamén podía conseguilo e díxolle a seu pai que ao día seguinte mesmo empezaba a traballar na carpintería de Andrés. Seu pai respondeulle que para contratalo alí facía falta ter a titulación da ESO, así que debería agardar dez anos máis.
Cando por fin cumpriu os dezaseis, levárono para traballar media xornada polas tardes. Andrés pagáballe, o primeiro mes, uns trescentos euros de mil que lle pagaba aos outros empregados máis veteranos.
Pasaron así os días, ía facer os dous meses e Antón decidiu que xa era hora de descansar. Dende aquel día non volveu traballar xamais, pois a teima de ser millonario só quedara como unha lembranza da infancia.

Raquel Oliveira Chenlo
2º ESO B
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 13-10-2015 13:30
# Ligazón permanente a este artigo
AS FESTAS DA VILA
As festas comezan hoxe. Todos están emocionados por ver A Panorama e Musica para Vellos . Tamén hai xogos como a petanca ( para a mocidade ) e o fútbol ( para os máis vellos ). Isto faise para que os vellos saiban o que é correr e a mocidade o que son as dores de costas. Iso si , sempre con coidado, non vaia ser que a un cativo se lle ocorra lanzarlle unha pedra a outro . Para as vellas hai actividades de coser e de saltar ao potro da súa peor inimiga. Este xogo faise porque xa sabemos que teñen unha pillería ...
Pola noite hai cantidade de botellóns para os novos ... coma se fosen as rebaixas do Cascon Bertas. Pero non só os rapaces fan botellóns, tamén os vellos e as vellas para buscar unha escusa e bailar coas mozas de 20 anos , que aos vellos gústanlles as mozas.
No último día das festas os velliños da vila xúntase para ir ao monte a facer unha excursión, mentres os máis cativos están a xogar na praza principal. Alí todo son berros; mentres os vellos están fóra da casa, as vellas aproveitan para falar mal deles e tamén dicindo que todo o fan as mulleres (aínda que iso é mentira pero o que pasa que as vellas sempre queren que as demais lles dean a
razón ) Cando faltan 5 minutos para que as festas rematen , vellos e vellas , rapaces e rapazas, homes e mulleres reúnense no cruceiro e berran todos: "MEU DEUUUUS, QUE XA ACABAN ESTAS FESTAAAAS".

Manuel Castrelo Codesido
2º ESO A
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 13-10-2015 10:38
# Ligazón permanente a este artigo
O DRAMA DOS REFUXIADOS DE TRISTE ACTUALIDADE
Estes últimos días as constantes novas sobre a chegada masiva de refuxiados sirios e iraquís ás portas de Europa golpeou as nosas conciencias. O sufrimento que provocan as guerras e a fame, oculto moitas veces polo silencio informativo ou simplemente minimizado polo efecto da distancia, fíxose patente ante parte da opinión pública europea, que demanda unha resposta política fronte esta situación. Este texto que imos ler trata precisamente disto.

1. Lemos con atención o texto.

href=http://www.noticieirogalego.com/2015/09/xunta-entidades-sociais-e-concellos-mantenen-a-primeira-xuntanza-para-coordinar-a-acollida-dos-refuxiados/ target=_blank class=tEnlac>http://www.noticieirogalego.com/2015/09/xunta-entidades-sociais-e-concellos-mantenen-a-primeira-xuntanza-para-coordinar-a-acollida-dos-refuxiados/

2. Procuramos nun dicionario virtual as seguintes palabras: protocolo, axilizar, eloxiar, solidariedade. Intentamos explicar o significado sen copiar a definición literal que dá o dicionario. Indicamos tamén, coa axuda do dicionario se fose necesario, a categoría gramatical das palabras anteriores.

3. Respondemos ás seguintes preguntas de comprensión do texto:
a)Cales son as entidades sociais que estiveron presentes na reunión cos representantes da Xunta e os Concellos ?
b) Con que intención houbo esta xuntanza ? Para responderes, completa con catro infinitivos seleccionados do texto o seguinte enunciado:

........... e............. unha serie de medidas para ...........e .............os refuxiados que cheguen a Galicia.
c) Segundo a conselleira, cal foi a actitude do pobo galego ante esta situación? .

4. Pescudamos información sobre o conflito sirio coa axuda de internet. Trata de entender as ideas globais do resumo que ofrece a canle BBC Brasil, para explicalas na clase:
http://www.bbc.com/portuguese/noticias/2014/11/141112_siria_explainer_hb

5. Contrasta esta información coa que ofrece este artigo do Jornal de Notícias portugués, que comentaremos oralmente:

http://www.jn.pt/Dossies/dossie.aspx?content_id=3407383&dossier=Conflito%20na%20S%edria


6. Redacta un texto na casa de máis de 10 liñas sobre este tema. Debes seguir este guión e lembra que cada idea do mesmo desenvolverase nun parágrafo independente:
-Introdución: resumo da situación da que imos falar, a chegada de refuxiados a países europeos.
-Medidas que adoptan ou deberían adoptar os gobernos dos países europeos ante esta situación.
-Accións que podemos levar a cabo os cidadáns.
-Reflexión persoal final sobre este acontecemento.

7. Copia no cartafol de galego do teu computador o texto, presentándoo adecuadamente:

-Comproba nun corrector ortográfico que todo estea ben e corrixe aquilo que faga falta.
-Tipo de letra: Times New Roman, cor negra.
-Tamaño: Título 18, corpo do texto 11.
-Espazo entre o título e o corpo do texto.
-Título centrado na páxina e en maiúsculas.
-Espazos entre os distintos parágrafos.
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 15-09-2015 09:35
# Ligazón permanente a este artigo
COMEZA UN NOVO CURSO ESCOLAR RODEADO DE TRACTORES
As cidades galegas, particularmente Santiago e Lugo, recibiron estes días de comezo de curso a reivindicación de moitos gandeiros/as que protestan pola preocupante baixada no prezo do leite nos últimos tempos, que pon en perigo a pervivencia deste sector clave da economía galega.
Este artigo do xornal Praza intenta esclarecer unha das cuestións de fondo do problema: os custos de produción do leite e o prezo de venda.
Leremos o artigo nas aulas de 3º e 4º de ESO para logo analizar e interpretar as gráficas que nel aparecen.
http://praza.gal/economia/10122/canto-custa-producir-un-litro-de-leite-galego/

Logo, intentaremos responder as seguintes cuestións:
1. Explica en que consiste o apartado denominado "Recría".
2. Que tipo de gastos se inclúen no apartado "Varios"?
3. Que parte dos gastos na produción dun litro de leite é a máis cuantiosa?
4. Segundo o artigo, que consecuencias ambientais e económicas para unha explotación leiteira trae que esa parte dos gastos de produción sexa tan cuantiosa?
5. Por que os gandeiros/as inciden tanto en protestar por que se venda o litro de leite por debaixo de 61 céntimos?
6. OPINA: Por que cres ti que algunhas empresas comercializadoras venden por debaixo deste prezo? Cales cres ti que serían as posibles solucións a partir do que se expón neste texto?
Comentarios (0) - Categoría: DE ACTUALIDADE - Publicado o 13-09-2015 12:29
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal