DE LINGUA EN LINGUA


BLOGUE DE LINGUA GALEGA DO CPI DE PONTECESURES
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 WEBS RECOMENDADAS
 FOTOBLOGOTECA
 DESTACADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

O DEBATE NORMATIVO: ILLACIONISMO/REINTEGRACIONISMO
Ao longo do proceso de codificación do estándar galego mantivéronse dúas visións claramente diferenciadas sobre cal debe ser a variante padrón do noso idioma:

A) Por un lado, a que se consolidou como oficial a partir de 1982, coñecida como postura illacionista ou oficialista, que defende que o galego padrón debe manterse separado do portugués estándar. Ortograficamente parte basicamente do castelán, con pequenas modificacións para adaptarse a fonemas inexistentes neste idioma (o caso do "x") ou para optar por unha vía etimolóxica (caso do v/b, h). Morfoloxicamente opta por establecer como estándares as variantes dialectais con máis distribución no galego oral: diferenza te/che, pronome ti, desinencias verbais maioritarias, formas tipo "catro, cando, cal" sen ditongar... En canto ao léxico, no caso de consideraren que a palabra do galego oral é un castelanismo ou ben recorren á palabra portuguesa, que é a solución máis común (orzamento, parafuso, porca...), ou xérase un neoloxismo: beirarrúa, beiravía...

Consulta a historia da normativa actual en galipedia:

http://gl.wikipedia.org/wiki/Normativa_oficial_do_galego


B)Por outro lado, a Reintegracionista ou Lusista, que, partindo de que galego e portugués son variantes da mesma lingua, aquel debe utilizar a norma portuguesa ou, polo menos, aproximarse o máximo a ela. Defenden, por tanto, que empregando a norma portuguesa ou a do AOLP(Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa) o galego formaría parte do conxunto lingüístico denominado lusofonía que inclúe 250 millóns de falantes en distintos países: Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guiné Bissau, Angola, Moçambique, São Tomé e Príncipe, Timor Leste e Macau.

Para unha presentación breve e enlaces sobre as teses reintegracionistas, podes ler:

http://gl.wikipedia.org/wiki/Lusismo




Ollade nesta presentación os interesantes testemuños históricos e actuais dun e do outro lado:



Ideas para debatermos na aula:

Os illacionistas argumentan:

1.Adoptar a norma portuguesa supón rexeitar solucións propias do galego que non coinciden coas do portugués padrón e que tampouco son do castelán, co cal perdemos tamén parte da nosa esencia diferencial.

2. Adoptar a norma portuguesa sería un atranco a maiores para estender o galego entre a poboación e, por tanto, para o proceso de normalización do galego, dado que a o estándar luso élle alleo á inmensa maioría da poboación galega.

3. Pódese defender que o galego dialectal e o portugués dialectal son a mesma lingua, aínda tendo normativas diferentes. A proximidade das dúas non impediría a intercomprensión no ámbito da lusofonía, nin o intercambio cultural ou comercial recíproco se hai vontade política e social en todas as bandas.

4.Os avances na normalización do galego non dependen da normativa que se use, senón doutros factores (políticos, sociais...)


Os reintegracionistas argumentan:

1. O galego normativo actual perde a súa esencia para disfrazarse de castelán. A ortografía non é unha cuestión secundaria nin arbitraria e utilizar a do español supón someterse á súa colonización cultural. Na oralidade pódese manter a pronuncia galega aínda que estea escrito en portugués

2. Se houbese interese, a poboación aprendería o padrón portugués. A normativa actual do galego tamén lle é estraña á xente e ao principio aínda o foi máis.

3. Coa normativa portuguesa o galego situaríase como unha lingua de prestixio mundial con moitos falantes, maiores opcións de intercambio comercial e cultural.

4. O fracaso do proceso de normalización do galego pon en cuestión a normativa oficial, que ao longo destes anos non conseguiu que o proceso de normalización avanzase, nin asentarse no uso fóra de casos rituais: TVG, administración, ensino...


O DEBATE CARA AO FUTURO:

Ante a aparente imposibilidade de chegar a un acordo ou solución de concordia, parece que o debate vai perpetuarse porque as posturas parecen irreconciliables. O conflito veralo a miúdo na prensa dixital galega, que recolle acotío comentarios que caen na tentación das mutuas descalificacións e simplificacións que só conducen a un desencontro fraticida. Os oficialistas cren que é un debate estéril que provoca frustración e máis desafección polo noso idioma. Os reintegracionistas vense apartados da industria cultural oficial.

Paréceche a ti un debate inútil? Cres que sería conveniente valorar as dúas posturas como posibles, darlle estatus de oficialidade ás dúas, tal como se recolle no seguinte artigo? Habería algunha outra maneira de solucionalo?:

http://www.sermosgaliza.com/opinion/carlos-calvo/por-umha-nova-alianca-pola-lingua/20130516150557014925.html


NOVAS DOS ÚLTIMOS TEMPOS QUE TEÑEN RELACIÓN CON ESTE TEMA:

INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR SOBRE GALICIA E A LUSOFONÍA
http://praza.com/politica/4452/unanimidade-no-parlamento-para-que-galicia-aproveite-a-lusofonia/

FEIJOO E A LUSOFONÍA
http://dioivo.eu/nacional/politica/800-feijoo-qen-galego-podeste-comunicar-con-mais-de-200-millons-de-habitantesq

O CONCELLO DE VIGO ANTE O E-MUNDIAL

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/10650.html
Comentarios (0) - Categoría: LINGUA E SOCIEDADE - Publicado o 28-05-2013 21:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal