DE LINGUA EN LINGUA


BLOGUE DE LINGUA GALEGA DO CPI DE PONTECESURES
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 WEBS RECOMENDADAS
 FOTOBLOGOTECA
 DESTACADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

A FIN DO MUNDO

Un día, eu estaba na miña casa facendo os deberes mentres meu pai estaba na sala mirando a televisión, porque chegara de traballar e sempre, ao vir, senta no sofá para descansar un anaco e ver as noticias. Acórdome ben que eu estaba estudando sociais cando, meu pai chamou a miña nai dicíndolle que nas noticias saíra que a fin do mundo ía chegar. Eu, toda asustada, fun xunto a eles e pregunteilles se iso era verdade. Eles dixéronme que si, que en todas as canles estaban dando esa noticia. Eu tiña dez anos e apenas entendía por que o mundo tiña que acabar, pero despois do que me explicara meu pai, máis ou menos xa tiña unha idea de como podía ser. Propúxenme que antes de que iso pasase tiña que facer unha listaxe de desexos que quería realizar xa había tempo. Pois ben, fun ao meu cuarto, collín unha libreta e un bolígrafo e marchei para o campo para alí anotar eses desexos. Empecei polo que podía facer coa miña familia. Ocorréronseme un par de ideas. A primeira era que podiamos organizar unha cea con toda a familia e a segunda era que lle ía regalar algo a cada un deles para demostrarlles o cariño que lles tiña. Continuei polos meus amigos. Ocorréuseme que podiamos ir todos ao cine unha tarde e tamén que, como estabamos en pleno verán, podía celebrar unha festa na miña casa, na piscina. Por último, seguín por un rapaz que coñecín cando estabamos en párvulos e do que me namorei dende o primeiro día que o vin, sentimento que foi medrando co tempo. Chamábase David. El non sabía que me gustaba, simplemente pensaba que eu só o consideraba un amigo. Nunca me atrevín a dicírlle que me gustaba pero, como ía acabar o mundo, pensei que sería necesario sincerarme con el. Había moitas máis rapazas namoradas del, así que, aínda que eu lle dixese a verdade, todo ía quedar como estaba. Estiven buscando o momento para llo dicir a el, pero nunca estaba só así que non me quedaba máis remedio que comentarllo diante de todos. Un día na escola, puxémonos a xogar na clase. O xogo consistía en que, se alguén te elixía tiñas que desvelar un desexo. Eu aproveitei ese día e díxenlle diante de todos que me gustaba. Marchei a correr e, durante uns días non tiña pensado volver ao colexio.
Uns días máis tarde púxenme a ver as noticias con meus pais e dicían que o do fin do mundo fora unha falsa alarma. Eu, coa vergoña, cambieime de escola, non quixen volver á que estaba, porque sabía que se volvía todos se ían rir de min e que, ía ser a rapaza máis patética da escola. Dende esa, ninguén volveu saber nada mais de min.

Verena Vieites Fernandes
2º ESO B Curso 2012/2013
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 11-03-2013 12:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal