DE LINGUA EN LINGUA


BLOGUE DE LINGUA GALEGA DO CPI DE PONTECESURES
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 WEBS RECOMENDADAS
 FOTOBLOGOTECA
 DESTACADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

SERIE DE XOGUETES NATURAIS: ASUBÍO DE LANDRA.ACTIVIDADE PARA 1º DE ESO

Xosé López González e Xosé Manuel García son dous maiores coa mesma ilusión no maxín que cando eran nenos. Manteñen unha sección fixa no Noticieiro galego denominada "Picaraxadas", que revisaremos con certa frencuencia en 1º e 2º de ESO para descubrir xoguetes que temos á altura de calquera peto, que non deixan pegada contaminante nin xeran desigualdades ou discriminacións sociais. Iso si, debemos fabricalos nós mesmos empregando o que a natureza nos ofrece en cada estación.
Comezamos o curso buscando debaixo dos carballos o froito que tiran no chan agora que remata o verán: as landras ou belotas. Con elas poderemos fabricar chifres cos que asubiar.

1. Lemos con atención o texto.

http://www.noticieirogalego.com/chifre-ou-asubio-de-landra/.

2. Procuramos nun dicionario virtual as seguintes palabras: fastío, lecer, enredar, asesoramento, mester, suplir, furabolos, matapiollos, carapucho, fenda. Intentamos explicar o significado sen copiar a defición literal que dá o dicionario. Indicamos tamén, coa axuda do dicionario se fose necesario, a categoría gramatical das palabras anteriores.

3. Respondemos ás seguintes preguntas de comprensión do texto:
a) Con que laboura agropecuaria asocian os autores do texto a elaboración dos chifres?
b) Con que finalidade acostumaban asubiar os rapaces?
c) Cita as tres maneiras das que se fala no texto para asubiar.

4. Na casa, intentamos seguir os pasos da elaboración do chifre. Se consegues un bo resultado podes amosalo na clase o seguinte día.

5. Redacta un texto na casa de máis de 10 liñas no que expoñas a túa experiencia na elaboración deste xoguete natural. Debes seguir este guión e lembra que cada idea do mesmo desenvolverase nun parágrafo independente:
-Introdución: explicación resumida da actividade.
-Partes do proceso que che resultaron máis complicadas ou divertidas.
-Anécdota/s curiosa/s que sucederon durante o proceso.
-Reflexión persoal sobre esta actividade.

6. Copia no cartafol de galego do teu computador o texto, presentándoo adecuadamente:

-Comproba nun corrector ortográfico que todo estea ben e corrixe aquilo que faga falta.
-Tipo de letra: Times New Roman, cor negra.
-Tamaño: Título 18, corpo do texto 11.
-Espazo entre o título e o corpo do texto.
-Título centrado na páxina e en maiúsculas.
-Espazos entre os distintos parágrafos.
Comentarios (0) - Categoría: RISOS E SORRISOS - Publicado o 14-09-2016 10:51
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal