DE LINGUA EN LINGUA


BLOGUE DE LINGUA GALEGA DO CPI DE PONTECESURES
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 WEBS RECOMENDADAS
 FOTOBLOGOTECA
 DESTACADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

O LEÓN DE PEL BRANCA NON CHEGA

Nove da mañá. As radios anuncian guerras.
A noite das amargas pistolas ameaza con volver.
¿A onde fuxiron os pianos suicidas?
Miles de corazóns tinguidos de odio
Envían paquetes cheos de calafríos vermellos.
Desespero.
¿Como chora o piano cando as súas notas non son escoitadas?
Alguén pregunta.
Non se oe resposta na habitación dos xerróns podres.
Seguen chovendo do ceo as negras entrañas do inferno.
Das covas dos países saen diaños capaces de matar.
¿Onde irá o león de pel branca?

ALUMNADO 2º ESO D
CURSO 2011/2012
Comentarios (3) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 27-10-2011 09:42
# Ligazón permanente a este artigo
FERNANDO QUERE MEDRAR
Fernando tiña unha teima. Necesitaba ser máis alto, facíalle falla medrar uns 20 cm máis ou menos.
Fernado era un neno loiro de ollos azuis, tiña 5 anos e soamente medÍa 98 cm. Era o máis pequeño da súa clase, pero iso non era o que lle preocupaba, o maior dos seus problemas, era, que non chegaba a alacena para coller as chocolatinas que tanto lle gustaban. Tamén o ser pequeño dáballe outro tipo de problemas, como as burlas dos seus compañeiros ou incluso algún comentarios dos profesores como por exemplo: ``A este rapaz na casa non lle deben dar moitos ``petisuis´´ porque mira que pequeno é´´.
Él estaba farto de todo iso así que ideou un plan. O seu plan consistía en atar unha corda aos pés e logo a mesma á correa do seu can (un``Haski Siberiano´´)Lis, e logo facer o mesmo paso coas mans, pero en vez de atalas a un can pensou que sería mellor atalas ao poste da luz.
Cando Lis comezou a correo, o pobre can case afoga, e Fernando o único que conseguiu foi dislocar un ombro.
Seus pais berráronlle bastante, pero non o suficiente como para que o rapaz deixara a un lado a súa teima.
Despois de varios días ocorréuselle un novo plan, pero primeiro decidiu que sería mellor que lle curase o ombro. O plan ocorréuselle despois de ver unha apisonadora diante da súa casa. Veu como ao pasar por enriba do asfalto o estiraba un pouco, así que pensou que se el se poñía debaixo da máquina ao mellor tamén o estiraba, así que decidiu facelo.
Á mañá seguinte, Fernando ergueuse cedo. Mirou pola fiestra e, xusto como el tiña previsto, a apisonadora estaba en marcha.
Vestiuse e almorzou o máis rápido posible, iso sí sen espertar aos seus país. Saíu da casa e dirixiuse rapidamente á estrada onde estaba traballando a máquina. Fernando como era tan pequeno, pasou desapercibido entre a xente, polo que non lle foi moi difícil chagar ao lugar desexado.
Unha vez alí, deitouse na estrada, e xusto cando a apisonadora lle ía pasar por enriba, a súa veciña María Xosé sacouno de alí rapidamente. O rapaz quedou enfadado porque non lograra o seu propósito.
Cando os seus país se enteraron do que o seu fillo fixera, quedaron abraiados. Non sabían como podían facer para castigar aquela trasnada, así que antes de poñerlle o castigo preguntaronlle por que fixera iso.El respondeu que era para ser máis alto, xa que no colexio burlábanse del e tamén porque non chegaba a alacena onde estaban as chocolatinas favoritas.
Despois dese testemuño á súa nai ocorreuselle o castigo perfecto: ``NON VOLVERÁS PROBAR ESAS CHOCOLATINAS NA TÚA VIDA´´.
Fernando levou unha grande decepción, ata se lle quitaron as ganas de intentar alguna outra cousa, así que, despois daquel día, Fernando foi coñecido como: ``FERNANDO O NENO QUE QUERÍA MEDRAR POR UNHA CHOCOLATINA´´.

Carla Constenla Barral
2º ESO Curso 2011/2012
Comentarios (3) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 24-10-2011 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
O SOÑO DE ETHAN

Un dia pola mañá espertei e vin que me estaban a facer o almorzo
os xogadores da selección española: Fábregas o colacao,Villa as galletas,
Iniesta os ovos, Xavi os cereais e Casillas foime comprar o pan. O que me acabara de pasar resultoume moi insólito. Entón díxenllelo aos meus amigos pero non foi boa idea porque me insultaron dicíndome:"Cala chulito". Así que díxenlles a todos os meus amigos que viñeran comer á miña casa.E efectivamente aí viron que Xabi Alonso estaba facendo as hamburguesas e Silva
as patacas fritidas. Eu quedei rindo da cara dos meus amigos avergonzados, polo mal que quedaran. Á tarde fomos todos ao 3x3. Por mala sorte Fábregas doume co balón na barriga e empezoume a doer tanto que espertei e dinme conta de que era todo un soño.

Ethan Potel Gómez

1º ESO Curso 2011/2012
Comentarios (10) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 24-10-2011 12:48
# Ligazón permanente a este artigo
FUXIDA NO TEMPO E NO ESPAZO
DÍA INSÓLITO CUN HOME INSÓLITO

Estou na cama pensando unha escusa perfecta para dicirlle á miña nai que suspendín o exame de Naturais. Son as once da noite e ela vén ás once e media. Pénsolle dicir que un compañeiro...

-FIUUUUUUUUU... ¡PLOF..!
-¿Que foi iso?

Miro pola xanela e vexo que unha cabina telefónica, como as de Londres, acaba de estrelarse xusto diante da miña casa. Saio para fóra con moito coidado, e silenciosamente voume acercando, cando de repente sae un home da cabina:

-Hei, hola, e , perdón pola cabina, quizais puxen mal as coordenadas. ¿Cal é o teu nome?-
-... ¿Quen es? -Pregúntolle.
-Oh, perdón, chámome Doc, e esta é a miña máquina do tempo.
-¡¿Que, como que máquina do tempo?!
-Si, ¿queres vela? É máis grande por dentro. - Contestoume-.

Entrei dentro da cabina, e dentro había: unha piscina, dúas habitacións, cociña, baño... Era impresionante.

Doc preguntoume que a onde quería ir, a calquera lugar do tempo e espazo. Díxenlle que me sorprendera. Tamén me preguntou o meu nome e eu respondinlle que me chamaba Mel.

Despois dunha viaxe movida duns minutos, a cabina fixo un son estraño, e Doc díxome que estabamos perdidos, a punto de caer nun burato negro. Pero eu non sabía o que era porque suspendera o exame de Naturais.

Para poñer a cabina en marcha, tiña que ir á sala de máquinas mentres Doc a pilotaba. O que tiña que facer era contestar unhas cuestións, que casualmente eran as preguntas que me saíran no exame, en cuestións de minutos. Pensei e pensei, cando me dei conta de que as preguntas tiñan trampa. Puxen a resposta, ¡e era correcta! Mentres a cabina se poñía en marcha, eu volvía con Doc.

-¡XERÓNIMOOOO..! - Gritaba Doc mentres caiamos en picado.
-¡PLOF..!

Aterramos, saímos da cabina, e dinme conta de onde estaba...

-¡¡Estou na hora de Naturais, teño un exame!!

Saín correndo para clase mentres Doc me dicía que me estaría esperando. ¡¡Fixen o exame e sabía as respostas, saquei un dez!!

Volvín xunto Doc e seguimos a viaxe no tempo e espazo xuntos.

Candela Lafuente López
1º ESO Curso 2011/2012
Comentarios (17) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 11-10-2011 11:01
# Ligazón permanente a este artigo
BLOGUES DE ALUMN@S
http://ocadernodospensamentos.blogspot.com

Blogue de Pablo Potel Mariño



http://ivancesgandara.blogspot.com.es/


Blogue de Iván Ces Gándara


http://www.activistadendeasombra.blogspot.com/

Blogue de Fran Bragado Souto
Comentarios (1) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 17-11-2010 21:10
# Ligazón permanente a este artigo
XOGRARESCA DE CESURES
Na Idade Media xograres e trobadores compuxeron e interpretaron numerosas cantigas coas que as clases poderosas se divertían. Os xéneros principais eran as de amigo, amor e escarnio. Os dous primeiros tiñan en común a temática amorosa mentres que a de escarnio satirizaba defectos e vicios da época.

Imos atrevernos a continuar o seu legado, intentando pórnos ao seu nivel ou se cadra superalos. Imaxinamos un día de outono, a carón da igrexa de San Xulián e debaixo dun carballo, unha xuntanza dos mellores xograres e xograresas da vila. Compartían os seus cantos, que podían soar así...


A senhor que non me deixa durmir
sempre con pena a teño a carón de min.
Sempre con pena,
non te saco das miñas veas.
Sempre fostes a miña senhor,
por ti vivo, meu amor.


Raquel Diz Gil
3º ESO CURSO 2010/2011


A ti minha senhor
declaro todo o meu amor.
Ti fazes coita en mim
mais es a mais fermosa que vim.


A minha vida estará acabada
se non che tenho minha amada.


Tamém me quitaches o sono
e para min es o meu dono.
Namoreime cando te vim
e este amor non terá fim.


A minha vida estará acabada
se non che tenho minha amada.


O home máis feliz sería
se te vira cada día.
Moito dano me fai esta coita
mais nunca cesará esta loita.


A minha vida estará acabada
se non che tenho minha amada.


A ti rendirei preitesía
ata o fim dos meus días.

Alberto Rivas de Jesús
3º ESO CURSO 2010/2011 “Lingua de Serpe”

Comentarios (3) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 12-11-2010 11:37
# Ligazón permanente a este artigo
A FÁBULA DO LEÓN


Había unha vez un león que paseaba tranquilamente polo bosque. Viu un cesto de comida e empezou a zampalo. De repente levantouse unha rede e quedou capturado nela.
-Que parvo fun! –exclamou o león –Isto pásame por gorxón.
Nisto pasou por alí unha rata e o león preguntoulle:
-Pódesme axudar, por favor?
-Non, porque sei que se te solto, vasme comer.
-Non te como, prométocho.
Pero ao final a rata desconfiou e non o axudou.
Ao pouco tempo apareceu un esquío por alí e o león preguntoulle de novo:
-Pódesme axudar, por favor, a sacarme desta trampa?
-Non, porque, se te solto, vasme comer.
-Non te como, prométocho.
Pero o esquío non se fiou e botuse a andar.
De alí a un pouco tempo achegouse ao león un coello todo contento e dando brincos.
-Que che pasou, león?
-Non o ves? Estou atrapado, pero xa sei que non me vas a axudar.
-Estás equivocado, porque si que che vou axudar.
-De verdade?
-De verdade da boa.
O coello empezou a roer a rede na que o león estaba atrapado e este, despois de saír, convidouno a tomar un manxar.

Manuel Gómez Iglesias 1ªESO.
Comentarios (2) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 10-11-2010 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
A MESA SUICIDA


Na clase de 1ºA de ESO, había 27 mesas.Todas eran altas menos unha. Aquela mesa, estaba triste, pero á vez enfadada co carpinteiro que a fixera, pois para aforrar tempo e madeira, construíuna máis pequena que as demais.
Unha mañá, cando os alumnos de 1º estaban en piragüismo, as outras mesas aproveitaron para falar e burlarse dela. Ela, farta de que a tratasen así, decidiu suicidarse tirándose por unha das fiestras. Cando recobrou o sentido, deuse conta de que só tiña unha pata rota, e ocorréuselle a idea de ir ao río a xunto cos alumnos da clase na que estaba. Ao chegar alí, díxolles que quería ir para unha aula de infantil, porque alí polo menos sería igual que as demais mesas. Pero os rapaces de 1º dixéronlle que ían pensar algo, e que ao día seguinte llo dirían. A mesa foi de novo para a clase, e agardou alí ata o día seguinte. Cando os alumnos a espertaron, dixéronlle que o seu problema tiña un fácil arranxo, facer unha cirurxía estética para deixala tan alta coma as demais. Ela non estaba moi segura, pero aceptouno de todas maneiras. Os rapaces aledáronse, pero agora viña o maior dos problemas: de onde ian quitar os cartos?.
Despois de pensar e pensar, a un deles ocorréuselle organizar unha colecta para pagarlla, e a todos lles pareceu unha magnífica idea. Cando lograron xuntar os cartos, levaron a mesa a un cirurxián, primeiro el revisouna, e díxolles que era moi difícil que quedara como as demais. Despois de varias operacións, a mesa deuse por vencida, pois nunca a deixaban tan alta como as demais. Cando saiu da 6º operación, a mesa decidiu non volver a entrar no quirófano, pero os rapaces insistironlle tanto, que acabou indo outra vez, asegurando que esa era a derradeira vez que o faría.
Os alumnos estaban impacientes esperando por ela. Cando viron sair ao cirurxián, preguntáronlle que tal fora esa vez, e el con cara triste, díxolles que falecera na metade da operación. Eles, moi tristes, preguntáronlle o porqué, e o cirurxián díxolles que o seu axudante, en vez de pórlle anestesia, inxectáralle un gas moi tóxico. Os alumnos moi apenados, decidiron facerlle unha estatua na súa honra, e levantárona ao lado do Pino Manso


Carla Constenla Barral e alumnado de 1º ESO
Curso 2010/2011
Comentarios (12) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 28-10-2010 13:50
# Ligazón permanente a este artigo
ESPREITADA
Xa sei, xa sei... Puiden chamar a alguén para comentarllo, para non estar na casa soa, pero a pesar diso tremíanme demasiado as pernas como para facelo.
Todo pasou unha noitiña de outono ao carón da lareira na casa que herdara tras a morte de meus pais. Era unha pequena casa na aldea de Carreiras, rodeada por unha morea de árbores autóctonas. A escuridade consumía a casa en canto se puña o sol. Pero sempre me gustara a soidade que ofrecía aquel lugar.
Xa comezaran a saír os primeiros cogomelos e castañas. Iso era o que máis me gustaba do outono. Botara toda a tarde recollendo estes manxares para cear pola noite. Despois de picar e lavar toda a colleita que fixera, saín fóra da casa para apañar unha pouca madeira e así prender a lareira. Todo ía ben ata que detrás miña sentín coma se uns ollos me fitaran.
Moitos de vós diredes que sería algún veciño, pero iso era pouco probable porque a miña era a última casa na que remata o camiño e a vivenda máis próxima estaba a trescentos cincuenta metros. Erguínme sen ningunha présa e ollei ao meu redor. Ninguén. Alí non había ninguén. Nin un paxaro, nin un rato, nin sequera un morcego.
Volvín axeonllarme para seguir enchendo a caixa con máis leña. Pechei a porta ao entrar.
As pernas tremíanme, non sabía se co frío ou co medo. Eu non son unha desas persoas que se asustan con facilidade, pero sentía alguén rondar fóra da casa, espreitándome nas sombras, cavilando como dar conta de min. Que estou a esaxerar? Non, non estou.
Ceei ben e, cando xa non tiña máis fame, deiteime enriba do sofá que quedaba preto da lareira para repousar a comida.
Eran as doce menos vinte máis ou menos cando un golpiño na fiestra da cociña me fixo espertar. Erguinme tan ás présas que case caio do sofá. Decidín que era mellor que fose para a cama, non fora ser que comera demasiado ou que os cogomelos fosen alucinóxenos.
Baleirei a xerra de auga na lareira para apagar o lume e camiñei coa cabeza baixa ata o cuarto de baño que había ao final do corredor, fronte á porta de entrada á casa. Non sentín a necesidade de pechar a porta xa que só ía cepillar os dentes e eu era a única que habitaba naquela casa. Non sei como, a miña vista quedou fixa nas chaves que había penduradas na porta porque se movían freneticamente. Todo o meu corpo ficou quedo e obrigueime a enxugar a boca e liscar decontado para a cama.
Cando saín do baño, as chaves continuaban a axitarse. Corrín todo o que puiden e pecheime no meu cuarto. Non son covarde! Só precavida. Cerrei tan forte a porta que os cristais da xanela retumbaron. Foi un alivio pechala, pero levei un bo susto cando me comezaron a chiar os oídos. Camiñei coas mans nas orellas cara á cama e sentei nela. No momento no que o chiar comezou a amainar, aproveitei para pór o pixama e meterme na cama.
Xireime de forma que quedei mirando a xanela. Era unha noite bonita, cunha magnífica lúa chea nun infinito ceo estrelado. Sopraba unha airexa fría, propia do tempo.
De súpeto o reloxo marcou as doce da noite. Un corvo berrou ao lonxe. Volvín sentirme vixiada. Pechei con forza os ollos e tapeime coas mantas ata as orellas. Que non, que non... Que non son covarde.
Oín uns pasos fóra da casa, xustamente no soportal traseiro. O corazón semellaba que ía estourar. Sentinos como un camiñar pausado, seguro e letal, como o camiñar dun predador antes de saltar pola súa vítima.
Tapei as orellas. Non quería seguir oíndo. Quedei durmida.
Cando espertei, a iso das sete menos vinte da mañá, o primeiro que fixen foi prestar atención aos ruídos do mencer e o único que oín foi o latricar dun can ao lonxe. Isto foi o que me ocorreu. Revisei a casa e os arredores coa luz do día para ver se fora algún ladrón, pero nada de nada, estaba coma sempre.


MARÍA GUERRA LAFUENTE
3º ESO
Comentarios (6) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 20-10-2010 10:58
# Ligazón permanente a este artigo
UXÍO NOVONEYRA
LETRAS GALEGAS 2010
Nace o 19 de Xaneiro de 1930, na aldea de Parada de Moreda, en plena serra do Courel, dentro dunha familia labrega acomodada. O escritor pasa a nenez e mocidade nesa aldea o que fai que se convirta na fonte de inspiración dos seus futuros poemas.
En 1945 trasládase a Lugo para estudar o bacharelato, que remata en 1948. Nese mesmo ano coñece ao escritor da Terra Chá Manuel María. No 1947 xa tivera unha profunda relación persoal con María Mariño Carou, que deixara unha forte pegada na obra de ambos. De 1949 a 1951 matricúlase na carreira de Filosofía e Letras en Madrid. Un ano máis tarde regresa a Galicia para facer o servizo militar. As experiencias compostelás (o contacto co pintor Carlos Maside, os escritores Ramón Otero Pedrayo e Ramón Piñeiro) así como o regreso ao Courel motivaron ao autor para escribir en galego.

En 1962, cando tiña 32 anos comezou a traballar en Madrid na radio e na televisión; dirixindo diversos espazos culturais dedicados aos grandes poetas españois e internacionais. Mentres, asistía ás tertulias de Café Gijón, onde coñeceu os membros do grupo galeguista Brais Pinto . Estes mozos, de ideoloxía de esquerda e nacionalistas inflúen na conformación do seu ideario político.

Nos seus textos destaca o seu compromiso antiimperialista de raíz marxista sen deixar de preocuparse en ningún momento pola forma poética e pola linguaxe. Formalmente procuraba ó mellor resultado visual e, sobre todo, sonoro para os textos (botando man para tal efecto de diversos recursos como fonosimbolismo, a utilización de dialectalismos, os silencios, o simbolismo gráfico, etc. ) As poucas palabras pretenden evocar dun modo máxico o mundo no que o ser humano está inmerso designando as cousas para que estas aparezan perante nós. Así aparece retratado o Courel na súa obra, manifestando a súa comuñón coa natureza, o paso do tempo, das estacións, o inverno nas montañas con todo o que iso significa, a fauna, a flora, o silencio… Poesía social, intimista, paisaxística e existencial, polo tanto, conforman o seu universo poético. É conveniente destacar tamén a mestura que fai de diversas artes (música, pintura, gravado…) nos seus poemas.


ALUMNADO DE 4º ESO
CURSO 2009/2010


VIETNAM CANTO


CUMES CUMES CUMES COM’ESTES ECHEN
UNHA VEZ POR CADA MORTE
VIETNAMMMMMMMMMM
VIETNAMMMMMMVIETNAMMMMMMMMMM
VIETNAMMMMMMMMMM
metan na casa a verba na cociña na mesa na cama xa está
e calar calarcalaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaarrr
hastr’o berro que te acusa USAUSAUSAUSAUSAUSAUSA
un
morto
dous mortos
tres / trinta mortos
trescentos / tres mil mortos
OFENSIVA DO TEIT 22000 / 100000 mortos
tódalas os se volven ceros 00000000000000000000
baixo de cada un 10 / 100 / 1000 / 10000 mortos á máquina
difuntiños que a noite acolle entre cañas baixo o torbón
do monzón
na lua do TEIT
dá vergonza vivir
dá vergonza estar vivo e ver a PRIMAVERA
cándo remata un pobo?
un pobo nace sempre
non remata nuncanuncanuncanuncanuncanuncanunca
seino por vós
pobo como o meu
GALICIA pequeniña
sola cousa de todos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos mortos
mortos caindo polos teletipos
lúas de LI PO afondadas pra que a lus seña a A de
LIBERTÁAAAAAAAAAAAAAAAAAA
ouh cánto teño de vós pequeno que son de esta paz morta
noitenoite
partir esta n / o / i / t / e en anacos
que en cada un só quepia un home
en

entran nas cidades do SUL ESTE lonxe
e xa todas son a aldeiña dó lado
HUE SAIGON DANANG
con irmaos e parentes meus
galegos de a diario
mais que nono esqueceron como nolo esquecemos
tanto que ás veces perto chaman home
e
ollamos por quén.
non son eu tamén
quen eiquí quedo
que estou matando eilí
luxando GALICIA como luxan
KANSAS NEW JERSEY CALIFORNIA COLORADO
IOWA
nomes tan limpios?
perdón por esta paz
PAZ en carteles xunto a COCACOLA
PAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZPAZ
pra tapar tanto tanto
muro





Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 19-05-2010 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal