DE LINGUA EN LINGUA


BLOG DE LINGUA GALEGA
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O ASTEROIDE
Xa hai unha semana desa noticia. Eu aínda non mo creo, ou iso intento pensar. Non paran de saír na televisión ou nas redes sociais fotos dese gran asteroide que se dirixe rapidamente cara á nosa fráxil Terra. Os ricos e multimillonarios están fabricando enormes búnkers soterrados a grandes profundidades, só para eles, para as súas familias e a súa fortuna. O resto de persoas temos que esperar, sen poder facer nada, a nosa morte. A NASA e outras axencias espaciais, como a ESA, están traballando contrareloxo para evitar esta gran catástrofe.
Como dixen antes, confío en que todo isto sexa unha equivocación, que, debido a un erro de cálculo, a órbita deste gran satélite non estea en rumbo de colisión.
Hai moita xente que pensa coma min, pero hai moita máis que pensa o contrario. Vandalismo, roubos, atracos a tendas, pasan todos os días. As persoas queren vivir as últimas semanas que lles quedan da súa vida ao grande, sen importar as consecuencias. Faltan dous meses. O segundo día de outubro producirase esta tremenda apocalipse.

Só queda un mes. A medida que van pasando as horas, vou perdendo máis a miña esperanza. Un pequeno fragmento que se desprendeu do gran asteroide chocou en Rusia, preto dunha cidade. O tremor sentiuse ata en Finlandia. Locais pechados, coches ardendo, xente descontrolada e borracha pola rúa... A policía non pode conter todo este descontrol. Pero non todo son cousas malas. Polas noites celébranse grandes festas nas que a xente se divirte e baila. A NASA lanzou onte unha nave espacial cunha carga nuclear dentro. O seu obxectivo é chocar contra o asteroide para desviar a súa órbita. Dentro de dous días chegará ata o seu destino. En moitos países de Europa estanse construíndo búnkers públicos, pero por desgraza hai que pagar moito diñeiro para reservar unha praza, e non hai espazo para todos os millóns de persoas que somos no mundo.

Unha semana para o impacto; xa é oficial. O xuízo final está preto. Nostradamus tiña razón, o mundo que nós coñecemos acabarase debido a un gran asteroide. Eu estou nun avión que se dirixe a Pontevedra. Quero pasar esta última semana cos meus pais. Xa hai tres anos que non os vexo.
Moitos gobernos de países asiáticos e africanos caen na anarquía, a xente non obedece as leis, non pagan os impostos, hai manifestacións violentas e os cárceres, atestados de xente.
Xa hai tempo que baixei do avión e agora estou percorrendo as estradas de Pontevedra montado nun taxi. Miro pola ventá. Os parques están cheos de nenos xogando, divertíndose, a maioría alleos a todo o que está pasando. Os pais miran para os seus fillos con cara de alegría, mesturada con tristura e bágoas.
O taxi para diante dun edificio de pedra, antigo, verde polo musgo. É a casa onde me criei, xa case non a recoñecía. Toquei ao timbre e pouco tempo despois un señor xa vello e de pelo cano abriume. Deixo as maletas no chan e apértoo; é meu pai.

Vintecatro horas, vintecatro escasas horas para a extinción masiva de todo o que estea na superficie da Terra. A xente aférrase ao único que lle queda: a fe. As igrexas cheas de devotos católicos e incluso de persoas desesperadas que buscan consolo en Xesús e en Deus. Eu nunca fun moi católico, a diferenza dos meus pais.
Unha gran bóla de fogo movíase lentamente polo ceo azul. Onte á noite este gran asteroide apareceu no firmamento, e segue aí. Vese tan preto... pero en realidade aínda está moi lonxe, o suficiente para desfrutar un pouco máis da vida. A NASA segue intentando ser a salvadora da Terra e o superheroe de todos os humanos que habitamos nela, pero en balde. Xa son decenas as misións espaciais fallidas, miles de millóns de dólares investidos nesta causa perdida.
Unha gran festa celebrarase esta noite, xusto cando o asteroide pasará a ser un gran meteorito. Eu non vou ir, prefiro pasar os meus últimos momentos cos que máis me importan. Toda a miña familia quedamos no xardín da casa dos meus pais para poder ver o noso asasino no seu máximo esplendor.
Últimos cinco minutos da miña vida. Xa é de noite, pero parece que estamos a plena luz do día. A lúa xa non se ve e non hai nin unha estrela no ceo. Os meus sobriños están mirando fascinados a gran esfera luminosa, os meus primos e irmáns están abrazados ás súas esposas. O meu pai está agarrando á man da miña nai, e unha pequena bágoa esváralle polas meixelas. Segundo a radio, quedan uns poucos segundos para que impacte na costa leste de Florida.
Un amplo e estresante silencio. Por primeira vez en meses, toda a cidade está en silencio. Non hai coches, non hai xente pelexando pola rúa, nada. Un cegador feixe de luz atravesa o ceo nocturno e fainos pechar os ollos a todos. Despois chegou cun pouco de retardo un gran ruído e unha calor abrasadora. Abro os ollos e o que vexo é unha gran masa de lume destruíndoo todo ao seu paso.

NOSTRADAMUS

CENTURIA II, Cuartilla 91

"Ao amencer un verá un gran lume,
Ruído e luz estendéndose cara Aquilón (Norte)
Dentro do globo, morte e un escoitará berros,
Polo medio de aceiro, lume, fame, morte esperando."



Xenxo Santiago Lorenzo.
4º ESO Curso 2015/2016
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 19-06-2016 12:18
# Ligazón permanente a este artigo
PEREGRINO

Era un señor, que xa tiña o pelo branco. Pareceume xeneroso. Tería eu arredor de oito anos cando este entrou pola porta do bar dos meus pais. Era un peregrino; estaba a facer o camiño de Santiago só. Miña nai preparoulle unha tapa especial, porque parecía que tiña fame. Polo visto viña de lonxe. Contounos algunhas historias da súa vida. A min deume moita pena cando nos contou que perdera a súa muller e a súa única filla. Que era a familia que tiña. Elas tiveran un accidente de coche. Todo o que tiña, en tan só un segundo xa non o tiña. E víase el só neste mundo. Sorprendeume o forte que era, el a pesar dos últimos desgrazados acontecementos que vivira, tiña esperanzas na vida. O caso é que antes de que lle ocorrera esta desgraza, ía facer o camiño de Santiago coa súa muller e a súa filla. Pero como iso non puido ser, decidira facelo só, en honor a elas.
Recordo que me regalara unha figura feita de arame… A forma da figura era dun peregrino, o cal se podía impulsar cun dedo e parecía que corría. Esta figuriña se non recordo mal ten unha historia tamén, a cal penso que nunca se me esquecera. Sempre que vexo a figuriña vénme a mente o peregrino daquel día, era tan simpático! Lémbrome como se ocorrera onte. As palabras do peregrino foron: ¨Cando túa nai che bote a bronca ou precises axuda, colle esta figura e impúlsaa. Cando o peregrino estea correndo… eu estarei vindo como un raio para axudarche¨.
Cando só tes oito anos isto chega a ser impresionante, como os contos de Disney, onde todo se converte en real. O certo é que despois de tanto tempo ao ver a figura, pregúntome: Que sería deste señor? Espero que tivera algo de sorte na súa vida. Porque era unha gran persoa, ensináballe un sorriso á vida, por moi mal que o estivera a pasar. Decateime que neste mundo hai persoas boas. Regálanche un sorriso e fan que ti te sintas ben.

Jenny Garanger Domínguez

3º ESO
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 25-05-2016 11:32
# Ligazón permanente a este artigo
VISITA Á CASA MUSEO DE MANUEL MARÍA

O 7 de abril o alumnado participante no club de lectura e de 4º de ESO realizou unha excursión á Terra Chá, patria literaria e biográfica de Manuel María, para visitar a súa Casa-Museo e outros lugares emblemáticos para entender a súa obra: As Penas de Rodas, a Carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei e o Castro de Viladonga.

Deixamos aquí o enlace á páxina web da fundación do autor para pescudardes sobre a súa vida e obra:

http://www.casamuseomanuelmaria.gal/portada.htm;jsessionid=C8430274F41CAA278A58723533AADB25
Comentarios (0) - Categoría: A FORXA DAS LETRAS - Publicado o 08-04-2016 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal