DE LINGUA EN LINGUA


BLOG DE LINGUA GALEGA
Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA NO ESTADO ESPAÑOL
Linguas do Estado Español:
O galego
Fálano preto de 2 millóns de persoas dun censo de 2.800.000 e compréndeo case a totalidade.. Datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia: o 99% enténdeo, o 86% sabe falalo, competencia escrita máis baixa, pero grazas á entrada no ensino aumentou. A perda da transmisión interxeracional e o descenso de coñecemento e uso entre o sectores urbanos e a poboación xuvenil alertan sobre a súa situación xa que só o 38% da poboación o ten como lingua única de uso habitual. Un feito importante para o avance no proceso normalizador do galego foi o seu recoñecemento legal na Constitución Española, o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística. Ese novo status legal da lingua permitiu gañar nas últimas décadas usos e funcións, así como prestixio social.
Por outra banda, cómpre sinalar que é unha lingua cunha rica tradición literaria que chega dende a Idade Media ata os nosos días, con épocas de auxe e outras de decadencia. Só é cooficial en Galiza, no resto das zonas onde é a lingua habitual os galegofalantes non teñen garantidos os seus dereitos. O galego é lingua habitual na Asturias Eo-naviega (uns 50.000 falantes), no Bierzo occidental (León) e nas zonas limítrofes de Zamora cuns 25.000 falantes e tamén no Val do Ellas (Cáceres), empregado por unhas 5.000 persoas.
O astur-leonés
Ten dúas variedades:
a) O bable esténdese pola Asturias centro-oriental e franxa occidental de Cantabria. Cifras de falantes moi dispares: entre os 100.000 e os 450.000. O Estatuto de Autonomía declara que gozará de protección, mais o Parlamento Asturiano rexeita declaralo idioma cooficial. Salvo en activos e reducidos círculos, a súa normalización non é promovida.
b) O mirandés do concello de Miranda do Douro, con 10.000-15.000 falantes. Recentemente foi recoñecido polo Estado Portugués, pero ten que enfrontarse á enorme caída da súa transmisión interxeracional.
Graficamente diferéncianse en que o bable toma como referencia a ortografía castelá e o mirandés a portuguesa. No resto do seu territorio orixinario está practicamente desaparecido.
O catalán
Fálano uns sete millóns de persoas (a meirande parte bilingües) distribúense en Cataluña (agás o Val d’Arán), as zonas limítrofes de Aragón, as Baleares, gran parte da Comunidade Valenciana, a cidade sarda de L’Alguer (Italia), o Rosellón en Francia, Andorra e El Carxe (Murcia).
É oficial en Andorra e cooficial en Cataluña, Baleares e Valencia ( valenciano).
A súa recuperación en Cataluña colócana como unha das linguas minorizadas de Europa en mellor situación. A pesar de enorme inmigración vivida pola Comunidade, o mantemento dos seu prestixio, a súa ampla distribución social (nunca foi abandonada polas clases dominantes) e unha decidida política normalizadora subscrita pola case totalidade do arco político describen un panorama prudentemente optimista. Nas Illas Baleares e, sobre todo en Valencia, a situación é menos favorábel. En Francia e en Sardeña é difícil.
O éuscaro ou vasco
É a única lingua preindoeuropea existente na Europa occidental. Conta cuns 600.000 falantes (todos bilingües): 500.000 en Euskadi, norte de Navarra e o Condado de Treviño burgalés e uns 90.000 en Iparralde (País Vasco francés).Na actualidade, o éuscaro estase a recuperar entre a xente nova en Euskadi grazas á política lingüística levado a cabo polo Goberno vasco. En zonas de Biscaia e Guipúscoa aumenta o número de individuos co éuscaro como lingua inicial, iso significa que pais que aprenderon a falar en castelán, lle falan vasco aos fillos.
A enorme diferenza entre os dous sistemas lingüísticos dificulta unha maior expansión normalizadora. A sociedade vasca dálle un alto valor ao seu idioma.
O aragonés
Fálase nalgúns vales pirenaicos ao norte da provincia de Huesca unhas 15.000 persoas. A súa supervivencia está ameazada ao non contar con ningunha protección nin recoñecemento legais, malia a que o Estatuto de Autonomía 1982 instaba á súa protección. O certo é que está a sufrir un proceso de abandono relegando o seu uso ao ámbito das relacións familiares e veciñais.
O aranés
Variante do gascón, unha das catro modalidades do occitano, é a lingua habitual dunhas 3.800 persoas, máis da metade da poboación do Val d’Arán (Lleida). Protexido polo Estatuto de Autonomía de Cataluña, estase a impartir no sistema educativo obrigatorio.

Consultade este mapa que amosa o territorio destas linguas:

http://commons.wikimedia.org/wiki/File:Dialectos_del_castellano_en_Espa%C3%B1a.png

Estes son os datos de uso do galego do 2013, segundo o INE:

http://praza.gal/movementos-sociais/8383/o-galego-segue-perdendo-terreo-sobre-todo-entre-a-mocidade/


Nesta páxina do Consello da Cultura Galega temos varias gráficas que nos axudan a entender a situación social do galego:

http://consellodacultura.gal/arquivos/cdsg/loia/socio.php?idioma=1&id=3

Como curiosidade, ollade este vídeo dun falante de galego de Estremadura:

https://www.youtube.com/watch?v=Wrs_ZB8Ruq0

Ou este programa da TVG sobre o tema:

https://www.youtube.com/watch?v=RU2ZiZOdcOg
Comentarios (0) - Categoría: L. GALEGA 4º ESO - Publicado o 14-10-2011 12:21
# Ligazón permanente a este artigo
AS IRMANDADES DA FALA, RAMÓN CABANILLAS, GRUPO NÓS



[slideshare id=40864906&doc=cazadotesouro-141029065305-conversion-gate01]

Unha das facetas intelectuais de R. Otero Pedrayo foi a de orador. Como exemplo, podemos escoitar este discurso do escritor na coroación poética de Ramón Cabanillas, que tivo lugar na Alameda de Padrón, polas festas da Pascua de 1958. A audición acompáñase dalgunhas fotos do evento, que evidencia a expectación que suscitou este acto. Despois de escoitardes o discurso, tratade de responder estas cuestións:

1. No discurso hai continuas referencias á importancia de Padrón como lugar emblemático da cultura galega. Por que podemos supor que se seleccionou esta vila para o acto de homenaxe a un poeta que non era de alí?

2. Inicia o discurso referíndose á importancia da poesía para a humanidade. Intenta explicar a súa reflexión sobre este asunto.

3. Ao longo da alocución Otero refírese á Pascua e á primavera (época na que se celebra a festividade) como unha alegoría relixiosa do renacer de Galicia no ollar dos novos poetas. Explícaa

4. Referímonos na clase á firmeza de Otero na defensa do galego en pleno franquismo. Pode servir de exemplo este discurso? Para responderes, fíxate en que, ante unha das autoridades provinciais do franquismo, o Gobernador Civil da Coruña ao que saúda ao principio, critique que o antigo Hospital Real dos Reis Católicos se dedicase catro anos antes do acto a Parador Nacional de Turismo. Bota, ademais, en falta a un profesor de filosofía chamado Santiago Montero Díaz, cuxa curiosa evolución ideolóxica se recolle neste artigo da wikipedia, personalidade naqueles anos pouco afín ao réxime franquista . Por riba, o lema escollido para rematar o discurso, título dun poema de Rosalía, empregouse para finalizar artigos, discursos durante a época das Irmandades da Fala. Cal é ese lema?:
https://es.wikipedia.org/wiki/Santiago_Montero_D%C3%ADaz

5. Finalmente hai referencias, evidentemente, á obra poética de Cabanillas. Que libros lembra del?

6. En canto á forma do discurso, que calificativos seleccionarías para referirte á oratoria de Otero Pedrayo?

7. Imaxina que es reporteiro/a do desaparecido xornal compostelán La Noche, que xa daquela incorporaba algún artigo en galego, e redacta a noticia de prensa sobre esta homenaxe. Debe incluír os seguintes apartados en parágrafos independentes:
a) Lugar, data, personalidades asistentes á homenaxe.
B) Referencia á importancia de R. Cabanillas na historia da literatura galega.
c) Partes do discurso de Otero Pedrayo.
d) Referencia final a como acolleu o público padronés o acto e ás festas da Pascua.





Escoitade tamén esta conferencia que deu en Buenos Aires ante a colectividade galega en 1959, que evidencia a importancia da actividade cultural galeguista da capital arxentina cando en Galicia reinaba o silencio e a represión franquista:

Comentarios (0) - Categoría: L. GALEGA 4º ESO - Publicado o 14-10-2011 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal