Hai quen bota a lingua a pacer con moita facilidade; outros chegan a perderse pola lingua ou teñen que morder a lingua para non irse da lingua. Nós, neste caderno de bitácora, imos tirar da lingua para dicir todo aquilo que temos na punta da lingua aínda que fiquemos coa lingua fóra. Tentaremos non ser lixeiros de lingua, ou si, se cadra...pero nunca malas linguas...Iso deixámosllelo ás linguas viperinas, que cospen veleno. Quizais cheguemos a ter don de linguas, mais o que nos importa de verdade é que a nosa lingua vaia de lingua en lingua.
Que é Son d?Aldea?
Son d?Aldea é unha actividade dinamizadora da cultura rural que procura amosala, proxectala e dignificala a través dunha xornada de participación activa das persoas que se acheguen a Albá (Palas de Rei, Comarca da Ulloa) nesa xornada festiva.Trátase dunha aproximación ás coordenadas sociais e culturais do rural no pasado, e dunha reflexión sobre novas vías de ruralidade no presente.
Un recoñecemento á súa riqueza e á súa heteroxeneidade a través dun espectáculo teatral que transita por diferentes escenarios e que ofrece unha visión de diversos oficios do rural galego a mediados do século XX; dun Xantar con produtos elaborados por xente que traballa no rural na actualidade e dunha Romaría Tradicional que pechará este evento.
Esta xornada acompáñase dunha Mostra de Artesanía Alimentária e outra de Oficios Artesáns, que pretenden amosar as novas formas da economía na aldea. Unha radiografía subxectiva da situación do rural cargada de emoción e sensibilidade e con vontade de reflectir a filosofía vital do ser humano que habita esa contorna.
O poeta Carlos Negro reflexiona neste artigo de opinión sobre a importancia deste evento:
Despois de leres o artigo, responde a esta cuestión:
1. Explica por que ás distintas actividades do festival "Son d'aldea" lles acaen estas características:
"recreación etnográfica"
"dignificación cultural"
"manifestación lúdica"
"carácter reivindicativo"
"carácter divulgativo"
2. Pon ao lado de cada característica a actividade do festival que mellor lle acae.
3. Indica cales son as medidas que se sinalan no vídeo para revitalizar o medio rural en Galicia.
4. Redacta un texto no que expliques cales cres ti que son as vantaxes e desvantaxes de desenvolver a vida profesional no medio rural na actualidade. Reflexiona tamén sobre as medidas políticas que se deberían adoptar para que aumente a poboación nas aldeas e, finalmente, explica un proxecto profesional que che parecería interesante para levar a cabo nelas. Lembra que o teu texto debe ter tres parágrafos.
Partiremos da lectura e a análise deste emblemático poema dun dos grandes poetas galegos do momento, Luís Pimentel.
Logo leremos e comentaremos a Unidade 2 da Presentación sobre Manuel María que elaborou a súa Fundación, que contén documentos interesantes para situarnos na Galicia daqueles anos.
A Consellería de Educación vén de divulgar na súa web unha serie actos que se van celebrar por toda Galiza para conmemorar a figura e a obra do poeta Celso Emilio Ferreiro ao longo de todo este ano, con motivo do centenario do seu nacemento. Botádelle unha ollada ás actividades:
Entre os poemas máis coñecidos e combativos do escritor de Celanova (por certo, colaborador durante un tempo no xornal ABC cun espazo no que divulgaba a literatura galega) está o titulado "Deitado frente ao mar", incluído no libro Longa noite de pedra e musicado polo grupo Dios que Crew, no que manifesta o seu compromiso co idioma propio de Galiza. Esta homenaxe supón o xusto recoñecemento público a un escritor que se implicou tanto na defensa do galego.
O que parece evidente é que, como pasa coa súa obra en xeral, este poema non perdeu actualidade. Só cabe desexar que o ruído das celebracións non deixe nun segundo plano as súas verdadeiras palabras, gusten ou non, coincidamos ou non con elas. Só para que azouten o noso pensamento e nos fagamos preguntas, que de medos, susceptibilidades feridas e silencios impostos andamos fartos. Así que a proposta é a seguinte: consultade na páxina da Biblioteca Virtual Galega a súa obra poética, seleccionade un dos seus poemas, investigade sobre as referencias extraliterarias que se mencionan nel e reflexionade sobre se o poema pode relacionarse con algún asunto de actualidade.