Onte fixen unha pequena "autoinvestigación". Co gallo de preparar as presentacións, das que logo vos falarei, estiven escollendo poemas para que os meus netos vaian ensaiando, pois pretendo que reciten eles algúns. E pareime no que di:
Durme soños irisados
de algodón
e non queiras, non, saber
por que andamos procurando novos nomes
pra esta terra salgadora
de solpores
que peitean os piñeiros
na mariña,
que cando morre unha lingua
esvaécese unha patria
canda ela.
Como non é estraño que ocorra, este poema repetía un tema que xa tratara, pero fíxeno sen pensar niso e sen reler o xa escrito (sabendo, iso si, que me estaba a repetir). Onte busquei, curioso, o antecedente en Camariña: sete cruces e unha esperanza e pareceume que tiña máis forza e contundecia có actual:
Ide buscando un nome pra esta terra
de solpores salgados, que peitean
piñeiros na mariña,
pois se morre unha lingua
tamén morre unha patria canda ela.
¡Ide buscando un nome pra esta terra!
Pois ben, xa hai datas para as presentacións. Serán o día 24 de outubro, venres, en Gondomar, ás 20:30 (no IEM, con Marta Dacosta) e o 5 de novembro, mérecores, en Pontevedra, ás 20:000 (na Casa das Campás, con Pepe Cáccamo). |