Poemas da Mariña


Comentarios a propósito deste poemario, sen descartar outros anteriores ou posteriores.
Miguel Anxo Mouriño

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

CAMARIÑA
Na presentación do blog reproducía un poema que remataba dicindo:

... femia ou varón, mais camariña sempre.

A camariña está presente nos meus versos dende hai moito tempo. E, agora, está tamén presente na cabeceira deste blog.
Esta planta, pequeno arbusto verde de bagas brancas comestibles e flores vermellas na época, era moi abundante na nosa costa e tiña moitos usos, dende medicinais ata prácticos, pois con elas facíanse vasoiras (o nome científico é corema album, isto é, vasoira branca). A súa extraordinaria abundancia deixou testemuños perennes: aí está Camariñas, aí está a Pobra do Caramiñal.
O meu primeiro contacto (impactante contacto) con ela tivo lugar na década dos oitenta, cando Fernández de la Cigoña fixo circular un SOS, acompañado de semente para plantar nun intento máis romántico ca efectivo: a camariña está a morrer sen remisión na nosa costa se non facemos algo por ela. Efectivamente, podíanse contar sen atrancos os poucos pés que quedaban en Galicia.
Para alguén que está sensibilizado coa lingua, a comparación deste feito coa situación desesperada do galego foi inmediata. Entón escribín un poema que, a seguir, desenvolveuse nun libro: Camariña, sete cruces e unha esperanza. Nel cheguei a identificar esta planta cos galegofalantes, e mesmo coa lingua. E sigo facéndoo, como neste poema da terceira parte:


Lingua de xoaniña
setestrelada
e promesa de verbas encantadas
na voz engaiolante de serea
que ensaia rechouchíos,
camariña en abrente nesta seca mariña
en cuxo ceo
recortarás axiña
abrancazadas bagas rutilantes,
adorno e alimento
deste ser ou non ser que me estremece

Daquela, nos oitenta, descubrín que na costa próxima de Portugal, en Moledo, unha franxa dunar de centos de metros amosaba orgullosa unha mesta poboación de camariñas. Hoxe xa son escasas as plantas que alí permanecen.

O poema co que encetaba o libro antes citado era este:

Eu sementei un gran de camariña.
Esmorecida xa, sobre as mariñas
queda fungando un grito degoreiro
que que soamente é un eco...
Camariña ¿onde estás?
O vento tiña
po de raíces, pétalos e tempo.
¡Camariña!, berrou Estanislau
que quixo ser cegoña camariña
buscando niño en peitos xenerosos.

Eu escoitei o berro
laiando nun salaio maino e mouco;
eu recollín o gran,
eu arroleino
como se arrola aquel amor primeiro,
eu acocheino en niño mol e tenro
facendo da terraza campanario.
¿E poderá medrar no breve espazo
dun testo, como medra unha esperanza
no colo dun desexo?
¿Ou morrerá, por fin, desarraigada
como unha lingua mártir,
como un amor sufrido e ventureiro
que carece de amantes?

Eu sementei, na area engaiolada,
unha esperanza tola.
En amarelo berce, unha esperanza,
un anaco de cosmos e de historia,
dorme o soño fantástico
de estrar o chan dourado da mariña
co difícil albor vermello e máxico
das flores camariñas.

E alí recei unha pregaria parva
na lingua esmorecida
da planta mariñá, da pobre planta
que chora, silandeira, unha agonía:

"Que non sexan ecólogos profetas
os únicos que plantan camariñas;
que non sexan soamente os poetas
da lingua ecoloxistas;
que a lingua camariña nunca sexa
camariña das linguas, camariña".

Eu sementei unha esperanza vella
por darche, camariña,
semente, niño, arrolo, flor e lingua.
Comentarios (0) - Categoría: Poemas da Mariña - Publicado o 16-08-2014 18:27
# Ligazón permanente a este artigo
TEIMA
Uns días atrás interrogoume un amigo sobre o uso de certas palabras (misteriosas, dicía el) nestes versos de Poemas da Mariña:

Neste mundo que habito
patrialinguado,
alumno do poeta mensaxeiro,
has ser a conmatriota
que me descende.

Faleille de Pessoa, autor de Mensagem, e da súa teima coa lingua que o levou a dicir: Minha pátria é a língua Portuguesa. Eu compártoa, a teima, digo, e síntome máis realizado ao saber que vou ter descendentes co galego como lingua de instalación.
Esta teima lévame, como tamén levou a Pessoa, a tratar de corrixir o mal uso que se lle dá con tanta frecuencia; e non persigo o autor (ben, é un xeito de falar, non persigo a ninguén) senón a realización. Porque penso que un idioma non pode vivir se non se sente querido e respectado, e iso demóstrase falándoo e escribíndoo coa pertinente corrección.
Fala Pessoa por boca dun heterónimo: ... odeio, com ódio verdadeiro, com o único ódio que sinto, não quem escreve mal português, não quem não sabe sintaxe, não quem escreve em ortografia simplificada, mas a página mal escrita, ... como o escarro directo que me enoja independentemente de quem o cuspisse.
Sim, porque a ortografia também é gente. A palavra é completa vista e ouvida. E a gala da transliteração greco-romana veste-ma do seu vero manto régio, pelo qual é senhora e rainha.

Livro do Desassossego, por Bernardo Soares.
Comentarios (0) - Categoría: Poemas da Mariña - Publicado o 06-08-2014 16:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

contador web

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0