Poemas da Mariña


Comentarios a propósito deste poemario, sen descartar outros anteriores ou posteriores.
Miguel Anxo Mouriño

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO

DÍA DE GALICIA
Felicidades no noso día. Eu adoito vivilo con certo halo de tristeza debido ao minifundismo que se manifesta na súa celebración. Xa hai tempo que publiquei isto en Camariña, sete cruces e unha esperanza:

A Patria pide un feixe de vontades,
un xugo de camiños,
unha rosa de ventos camariños,
un fouciño que a todos nos traballe
nunha rexa cultura pangalega
que faga formigón coas discrepancias,
pois tal e como roda a nosa alma
axiña acabarán as diferenzas.

E no meu poemario E segues a tirarme das entrañas, escrito a xeito dun diario descontinuo, o diario dun namorado no que ela é Galicia, o día de hoxe anotábao así:


Felicidades
no día do teu santo
de parte deste teu enamorado.

Envíoche con esta
un cambullo de flores escolleitas:
camariñas de sábrego e cemento
con magnolias de pólvora
e camelias de brétemas de abrente,
nun vurullo espiral de teima e tempo.

Perdoa a brevidade
mais sabes como, en transos semellantes,
me soben á garganta terra e cántiga
e ponme a voz antiga de borralla.

Hoxe habita o aire unha corrente fresca que pide (e traballa nese rumbo) a concentración parcelaria, unha brisa solermeira que as nosas almas agradecen baixo este sol esmagador da era seca. Oxalá este vento mareiro sopre coa forza necesaria para arrastrar a chuvia regadeira e fertilizante do oeste.

Feliz día a todos.
Comentarios (0) - Categoría: Poemas da Mariña - Publicado o 25-07-2014 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
HERDEIRA
Aínda convalecente do recente parto que tivo lugar nunha prestixiosa clínica compostelá chamada Sacauntos, cooperativa gráfica, na que atopei un grato equilibrio entre formalidade, prezo e calidade, párame un amigo pola rúa para parabenizarme, como se leva agora, nunha demostración de cariño que agradezo; e mostrouse estrañado da dedicatoria á herdeira do que non leguei.

- Aínda non liches o libro ?díxenlle, e seguín despois do seu asenso-; verás como, cando o fagas, queda clara.

Recordei, cando se foi, a miña caída do cabalo. Eu era un neno castelanfalante namorado do galego; os meus poemas adolescentes eran xa maioritariamente galegos; vivía nun universo onde, exceptuando a miña familia, todos falaban sempre galego; na vila próxima había moita xente nova que falaba castelán; e consideraba absolutamente normal aquela situación. Eu empregaba un idioma ou outro dependendo do meu interlocutor, e para nada pensaba que a lingua do meu corazón correse perigo.
Con 14 anos marchei a Cuenca para estudar o bacharelato, logo a Madrid, e alí vivía cando casei; os veráns pasábaos aquí, pero seguía na inopia lingüística. Por suposto, seguindo a inercia adquirida, falaba na casa en castelán, pois, ademais do lugar de residencia, empurraba nesta dirección o feito de ser a miña muller castelanfalante. No ano 73 (vivía eu en Fuengirola) desconcertoume a saída dun texto de Alonso Montero, Informe ?dramático- sobre la lengua gallega, que non puiden ler ata uns anos máis tarde. De volta a Galicia decidín facer Maxisterio e no meu primeiro destino, encetando a década dos 80, sucedeu. Era unha escola rural na península do Morrazo, todos os pais (e nais), agás un (que era andaluz), falaban galego, pero máis dun 80 por cento dos alumnos falaban castelán. E observei como, nos máis pequenos, a porcentaxe subía ata aproximarse a 100. Aí decidín que sería monolingüe en galego. Pero xa non fixera a transmisión.
O meu primeiro poemario, Camariña: sete cruces e unha esperanza, dedicáballo aos meus fillos con este poema inicial:

Non vos dei en herdanza
o talante que na pedra agachara,
cómplice dunha historia
depredadora,
porque mentres erades sementeira
eu era sombra, esmorecida sombra,
sombra apestada e longa como a noite
que agachaba o talante, que tripaba,
insensible, camariñas e tempo;
sombra de saramago.

Debédesme o non ser;
só me debedes iso: sombra e nada.

Pero se un día herdades
o que non vos leguei, antes da era,
antes da fin da fin,
e a sombra que vos dei se vira sangue,
volvede a vista a min
aquí, se estou aquí, ou cara os sete
luceiros... E calade.

Eu saberei que existo de verdade.
Comentarios (0) - Categoría: Poemas da Mariña - Publicado o 15-07-2014 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
INICIO
Boa vida a todos.
Hai algún tempo que teño un poemario no que falo dos senti-mentos que me suscita a miña neta Mariña adobiado coas miñas reaccións polo feito de ser a primeira neta educada dende o berce en galego. Ante as dificultades dunha publicación ao uso, decidín editalo como libro de autor. Tiven a inestimable colabo-ración de Fernando Casás que me regalou a ilustración da capa, fotografía de parte dun cadro pintado por el para esta ocasión (pintura sobre tea, 28x25cm), ademais de ocuparse do seu deseño.
O libriño xa saíu á luz e agora busco darlle un pouco de vida, xa que sen lectores ningún libro existe. No apartado "Como adquirir este libro" tedes os datos necesarios para facervos con el.
O contido está dividido en catro partes. Na primeira (Azul intenso) falo da voda da nai: consellos, reflexións, alegría, bos desexos... A segunda (Benvida) está ocupada polos sentimentos e esperanzas suscitados polo seu nacemento. Ocupa a terceira parte (Un ano mariñán) unha homenaxe polo seu primeiro aniversario. E, por fin, a cuarta (O Anxo da nosa agarda), un só poema, recolle a benvida ao seu irmán aínda no seo materno.
E xa abonda como presentación. Irei deixando caer por aquí algunhas reflexións que se me ocorran centradas neste poemario. Deixo, como mostra, un poema da primeira parte:

Florecerá
seguro
para dar unha flor de camariña
que ince na ribeira
na que tanto me teño sementado,
a que agacha as arelas
vellas e desgastadas
deste meu desvarío esnaquizado
nos farallóns
cortantes
da inhóspita ribeira que me toca habitar
no naufraxio anacrónico
que nos arrastra cara á nada,
cara ao non ser,
cara a un misterio gris, extravagante.

Florecerá
na converxencia fértil
dunha franxa de ceo e de esperanza
que racha decidida
a inmensa intensidade branca
das nubes que nos cobren.

Florecerá,
seguro,
femia ou varón, mais camariña sempre.
Comentarios (0) - Categoría: Poemas da Mariña - Publicado o 13-07-2014 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
Como adquirir este libro
Podedes conseguir Poemas da Mariña ao prezo de 7? en Libraida (Gondomar) ou en Librería Seijas (Pontevedra). Se queredes recibilo a domicilio debedes pedilo no correo manxomou@gmail.com
Comentarios (2) - Categoría: Como adquirir este libro - Publicado o 11-07-2014 01:28
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

contador web

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0