NOVA INICIATIVA DINAMIZADORA DA PARROQUIA FERROLÁ
REPORTAXE DE DUARTE ROMERO
A parroquia de Esmelle sempre vai un paso por diante no que a dinamización do patrimonio se refire. Hai pouco máis de dúas semanas, a Asociación de Veciños abriu un Centro BTT para que todo aquel que o desexe poida percorrer o lugar montado nunha bicicleta todo terreo. Neste tempo, bastantes persoas se achegaron ao centro para pasear por algunha das rotas existentes no lugar, xa fose levando unha bicicleta propia ou alugando alí unha. Esta iniciativa está inserida no Proxecto Esmelle, que xa leva restaurados cinco muíños, varios lavadoiros e que está a contribuír decisivamente para dar a coñercer a parroquia e o seu patrimonio.
Para un visitante non habituado ás dinámicas colaborativas e de participación veciñal, a parroquia de Esmelle pode resultar sorprendente. Este lugar destaca desde 2003 por un proxecto de recuperación do seu patrimonio material e inmaterial e por situar a colaboración da veciñanza como eixo vertebrador. Esta é unha zona moi vinculada á auga debido á proximidade do río, polo que a cantidade de muíños e fontes é moi grande. A Asociación de Veciños de Esmelle leva anos traballando na rehabilitación destas construcións e na creación dunha importante oferta cultural que poña en valor o patrimonio local. Deste xeito, os visitantes poden disfrutar de rotas de sendeirismo, paseos a cabalo, practicar nordic-walk e desde hai dúas semanas, empregar Bicicletas Todo Terreo (BTT).
Se nos achegamos ao centro BTT que a Asociación ten situado ao carón do seu local social, atoparemos o recibimento de Sara Sabín, unha moza do lugar que xa traballou na rehabilitación dos muíños e que agora se encarga de xestionar as rotas en bicicleta. Un exemplo moi claro do voluntarismo que caracteriza a esta iniciativa.
Segundo nos explicou Sabín, as posibilidades que ofertan son varias. Por un lado podemos elixir se percorrer as rotas coas nosas propias bicicletas ou alugar unha por un prezo que oscila entre os dous e os dez euros dependendo do tempo que a utilicemos. Por outra banda, temos a posibilidade de seguir as rotas a través da sinalización que está a poñer a asociación, ou facer unha rota guiada por un veciño con moita afección ao ciclismo. Para solicitar esta opción hai que conformar un grupo de catro persoas como mínimo e o prezo, loxicamente, ascende, pero sen superar nunca os dez euros, que van a parte do alugueiro das bicis.
Polo de agora, non todas as rotas están sinalizadas, a que vai ao cabo Prior aínda queda pendente. Alén do alugueiro das seis bicicletas cos seus respectivos cascos, o centro BTT oferta outros servizos como o de vestiario con duchas, lavadoiro de bicicletas e aparcadoiro para os coches dos usuarios.
Coñecer Esmelle> Manuel Lorenzo Ramos, un dos promotores do proxecto, sinalou que o principal obxectivo que perseguen coas rehabilitacións e con todas as rotas, é dar a coñecer a parroquia. Este desexo parece que se está a cumprir, xa que son moitas as persoas que se achegan a este lugar para desfrutar da natureza e percorrer algunhas das rotas que a Asociación ten habilitadas. Unha das usuarias da bicicletas de montaña, Marta Higuero Luaces, sinalou que unha das cousas que a movía a coller este servizo era a posibilidade de ver paisaxes moi diferentes e ir coñecendo a comarca pouco a pouco. En tan só dúas semanas, as rotas de BTT están a ter moito uso. Segundo declarou Miguel Parra, presidente da Asociación de Veciños, o balance que fai nestes pouco máis de quince días ?é moi positivo, hai unha media de dez persoas por xornada e cada vez se dá máis a coñecer?. Destacou que moita xente trae as súas propias bicis e infórmanse no centro BTT das rotas que poden facer e das recomendacións que deben seguir.
O mago Merlín > Alén da veciñanza, existe un elemento inmaterial que, de xeito máxico, está presente nas rotas: trátase do lendario mago Merlín. Esta presenza débeselle a Álvaro Cunqueiro, que foi o que ambientou na ?selva de Esmelle? un dos seus libros, ?Merlín e Familia?. Conscientes desta referencia, a Asociación de Veciños quixo homenaxear a este personaxe fantástico colocando unha escultura coa súa figura no merendeiro situado ao carón do Muíño de Otero. Asemade, a obra de Cunqueiro está presente en toda a parroquia grazas aos distintos paneis que se foron colocando ao carón dos muíños. Ademais da información xeral, podemos atopar pequenos anacos do ?Merlín e Familia?.
|