NOTA DE PRENSA - CONCELLO
Concello e veciños de Esmelle se unen en favor da recuperación da ruta da Poza da Lagoa
A cidadanía poderá participar esta tarde nunha andaina popular organizada para inaugurar a ruta de sendeirismo
A edil María López subliña a extraordinaria labor que están a desenvolver na recuperación do patrimonio natural
Ferrol, 18 de decembro de 2008.-
O Concello de Ferrol e a Asociación de Veciños Val de Esmelle se unen de novo na súa aposta pola recuperación e conservación do patrimonio natural e etnográfico de Ferrol e, tras un intenso traballo de meses, inauguran unha nova ruta de sendeirismo nesta parroquia ferrolá, a da Poza da Lagoa, cunha andaina aberta á participación de toda a cidadanía. Así o anunciaba esta mañá a edil de Medio Ambiente, María López, para animar aos ferroláns e ferrolás a sumarse a esta actividade, que arranca esta tarde ás cinco.
Neste contexto explicaba que a marcha sairá da parroquia de San Xoán de Esmelle, concretamente do local social, e discorrirá ao longo dunha paisaxe verde e frondosa de montes, prados, leiras, vistas panorámicas e regatos que cruzan o val ata chegar ao mar. De feito, María López explicaba que un dos puntos do percorrido se achega ata o miradoiro de Pedrouzo, situado no cume do Monte Vello, un lugar estratéxico utilizado no seu día como punto de control do tránsito marítimo polos militares e dende o que hoxendía se pode contemplar a beleza da costa ártabra. O final da andaina rematará na Aula de Educación Ambiental Reciclaterra, situada no antiguo vertedoiro de Mougá e popularmente coñecida como Poza da Lagoa da que toma o nome a ruta. O tempo estimado de duración é dunha hora de dificultade media. E, ao fío, a edil de Medio Ambiente indicou que se as condicións climatolóxicas o permiten as persoas que participen poderán comtemplar as estrelas co telescopio da Sociedade Galega de Historia Natural.
María López subliñaba, así mesmo, a extraordinaria labor de recuperación do patrimonio material e inmaterial que está a levar a cabo esta entidade veciñal a través do Proxecto Esmelle. Un papel que levaba á corporación municipal a outorgarlle este ano a Insignia de Ouro do Concello ferrolán (unha decisión que será ratificada no pleno de fin de mes). Unha distinción que a Administración local concede como recoñecemento público ás persoas ou entidades que durante tempo viñeron desenvolvendo unha actividade altruísta en favor dos demáis ou que teñen un labor ou mérito merecente de premio pola súa utilidade pública e social. E unha distinción que se vén a sumar a outros recoñecementos públicos procedentes de organismos como as Nacións Unidas.
Gabinete de Comunicación
|