Recomendacións de urxencia para montes queimados
Coa fin dos lumes non rematan os problemas ambientais. Alén da perda de biomasa e de biodiversidade, prodúcese tamén un empobrecemento do chan e, coas chuvias, o lavado do horizonte superficial do solo arrastrando grandes cantidades de sedimentos. Esta erosión e a diminución da materia orgánica no solo, unidas á brusca inxección de materiais nas canles fluviais e nas rías, son causa de graves impactos mesmo en áreas alonxadas das áreas queimadas. Eis uns consellos para evitar estes efeitos negativos.
Un ecosistema forestal despois dun incendio queda nunha situación moi vulnerábel fronte a calquera outra agresión humana ou ambiental. Hai unha serie de recomendacións que convén ter en conta para non acumular impactos sobre os ecosistemas, ante todo hai que evitar danar máis o solo, a vexetación e a fauna supervivente.
O dano causado polo incendio depende especialmente da intensidade dese lume, pero as consecuencias van a ser complexas. En relación co solo hai dous factores importantes:
a) A pendente do terreo, que si é moi acusada fai ao solo moi erosionábel.
b) A vexetación (viva ou morta), que protexe ao solo, tanto na parte aérea, protexéndoo do impacto da chuvia, como na parte soterrada, fixando ese solo e evitando a erosión.
QUÉ PODEMOS FACER?
Evitar a erosión do solo:
-Talar o menos posíbel, só as árbores de tamaño comercial, para evitar danos ao solo.
-Non talar os esqueletes do mato.
Reter o solo ao máximo. Para elo, se pode:
-Repartir palla ou virutas (mulching), en zonas sensibles, en zonas con forte pendente, en zonas próximas a cursos de auga,...
-Deixar os restos forestais sobre o solo en sentido perpendicular á pendente, para frear a escorrentía.
-Poñer filtros vexetais (restos de podas, broza,...) preto das canles dos ríos, para frear os arrastres do solo e evitar a contaminación das augas.
Favorecer a alimentación e o refuxio da fauna, que actúan como dispersantes de sementes e favorecen a recuperación da vexetación.
QUE NON DEBEMOS FACER?
-Pisotear as zonas queimadas, xa que se aceleraría a erosión.
-Cortar árbores e romper polas, porque supoñen unha protección contra a erosión.
-Realizar sacas de madeira de modo agresivo para o solo.
-Laborear e roturar o solo. Utilizar maquinaria pesada ou agresiva co solo.
-Asustar ou danar á fauna.
-Pastorear demasiado pronto, para evitar os efectos do gando sobre o solo e sobre a vexetación.
Finalmente, ante calquera dúbida, pódese preguntar ao axente forestal ou á Consellaría do Medio Rural cal é a normativa vixente en materia de usos dun espazo forestal incendiado.
Información avalada por:
X. M. Pesqueira e M. Casal.
Departamento de Bioloxía Celular e
Ecoloxía. Facultade de Bioloxía.
Universidade de Santiago de Compostela.
Agosto de 2006. |