 Dende hai uns anos, o PROXECTO ESMELLE embarcouse na recuperación do patrimonio "material e inmaterial" do Val de Esmelle, proxecto amplamente recoñecido a todos os niveis.
Nesta recuperación contamos a continuación a historia do cruceiro que se ergue a carón do Lavadorio de Río Daneiro.
Contan os máis vellos da parroquia, que desde o século XVIII existía en Esmelle, en Cha da Mariña, no cruzamento do camiño que ía dende a igrexa ó Cha co de Mougá, xusto detrás da Casa de Evarista, un cruceiro de granito de características pouco coñecidas, case seguro pegado a un muro. En 1936 o cruceiro foi derrubado, segundo parece por veciños de ideoloxía de esquerdas, aínda que para evitar represalias, díxose que o fixo un veciño coas facultades mentais diminuídas.
A versión oficial, apoiada polo cura párroco, dicía que o veciño, molesto por entender que o cruceiro se atopaba en terreos da súa propiedade, colocou as vacas no xugo, amarrou unha corda á cruz do cruceiro, e derrubouno.
En 1937 e pola achega de 137 veciños de toda a parroquia, levantouse un novo cruceiro en pedra de Moeche, nun lugar próximo á localización do anterior ( Cha da Mariña), e cunhas características moi parecidas a este que nos ocupa.
Do cruceiro vello pouco ou nada se sabía. O Proxecto Esmelle, a través da súa recuperación do patrimonio, descubriu a través do que contaban algúns veciños que o cruceiro vello estaba nas “Pontes de Días” no lugar do Soído, polo que aproveitando unhas obras na estrada recuperáronse partes do cruceiro vello: a base, o tinteiro e o Varal, que agora lucen no novo cruceiro. |