http://alucenzadoabade.wordpress.com/category/herdeiros-pola-forza/
Estes labregos incultos mobilízanse a día de hoxe a prol do patrimonio. Hoxe mesmo recibín as propostas para presentar comunicacións nun congreso internacional sobre socialización do patrimonio que vai ter lugar en Malpartida de Cáceres en setembro deste ano. Entre tanta ponencia firmada por arquitectos, arqueólogos, catedráticos e técnicos topei cunha marabillosa proposta firmada por dous veciños das Asociación Val de Esmelle, Rafael e Manuel. Titúlase: Recuperación del Patrimonio material e inmaterial del valle de Esmelle (Ferrol, España) (Fernández e Lorenzo 2013). No resumo da comunicación atopamos frases como as que seguen: El proyecto Esmelle se concibe para intentar no perder definitivamente un patrimonio etnográfico que se encontraba sumido en el olvido. [?] Nuestro fin es que este proyecto ayude al desarrollo de Esmelle de cara al futuro; pero si no es así, por lo hemos habremos salvado nuestro patrimonio. Este no es un proyecto excluyente, sino que su máxima es la unión y cooperación de todos. En él participan mujeres con las mismas responsabilidades y tareas que los hombres.
Estes homes e mulleres recuperan voluntariamente o patrimonio local, dende muíños, pasando por bosques autóctonos e acuíferos, até lavadoiros, castros e cruceiros. Un destes cruceiros era o de Cruceiro, que rematou os seus días escangallado servindo de cachote nunha pontella. O asociacionismo de base acadou recuperar este elemento etnográfico e reconstruír a súa microhistoria (Gasalla 2010, 87-8):
Desde o século XVIII existía en Esmelle, en Chá da Mariña, no lugar do Cruceiro, un cruceiro de granito, de características pouco coñecidas, case seguro encostado a un muro. En 1936 o cruceiro foi derrubado, segundo parece por veciños de ideoloxía de esquerdas, aínda que para evitar represalias, díxose que o fixo un veciño coas facultades mentais diminuídas. A versión oficial, apoiada polo cura párroco, dicía que o veciño, molesto por entender que o cruceiro se atopaba en terreos da súa propiedade, colocou as vacas no xugo, amarrou unha corda á cruz do cruceiro, e derrubouno. En 1937, e pola achega de 137 veciños de toda a parroquia, levantouse outro cruceiro, que é o que existe actualmente, nun lugar próximo á localización do anterior. Foi construido en pedra de Moeche.
Nós cremos firmemente nos valores das comunidades locais deste país, educadas consuetudinariamente nunha tradición asemblearia de reunión en adros e concellos, nunha cultura de resolución de conflitos baseada na procura do consenso. Dende estes presupostos pódese acadar unha socialización real do patrimonio en Galicia. |