PEDRIÑAS blog do ENDL do IES Pontepedriña


Blog do ENDL do IES Pontepedriña
O galego só é falado nunha esquina pola que se esconde o sol. Se tanto tempo aguantou neste recuncho máis ou menos pequeno, por algo será... Aquí podes atopar as pedriñas que imos deixando de todo o relacionado coa lingua deste recuncho chamado Galicia.

Para esta tarefa é imprescindible a túa axuda. Anímate a mandares as túas achegas a pedrinhas@hotmail.es




E ti de onde es? E que falas?

Dicionario de IR INDO




O meu perfil
pedrinhas@hotmail.es
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Eles si que saben
Científicos galegos no exterior fan público un manifesto en defensa da lingua.

Nove destacados investigadores, vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear, dan un paso adiante para rebater prexuízos lingüísticos.

O forte debate sobre a normalización lingüística que se está a dar no noso país nos últimos meses trascende as nosas fronteiras. Un grupo de nove científicos galegos vinculados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (un dos máis prestixiosos do mundo) acaba de dar un importante (polo seu simbolismo) paso adiante en defensa da lingua do país. Nun manifesto que remiten a Vieiros subliñan que, contra o que sosteñen algúns, o galego é un idioma plenamente válido para a investigación científica.

Ofrecémoslles o manifesto íntegro:

Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN
Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.

En declaracións ao ?Faro de Vigo?, o voceiro da ?Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados? (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: ?Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder?. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.

No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009,


Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Patricia Conde Muíño, Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de Física e Instrumentação de Física de Partículas) - Lisboa (Portugal), experimento Atlas.
Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb.
Teresa Fonseca Martín, Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal Holloway University - Londres (Reino Unido), experimento Atlas.
Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb.
Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental.
Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedratico de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza).
Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University - Montreal (Canadá), experimento Atlas.

Nova tomada de Vieiros

Categoría: 1.-Taboleiro da lingua - Publicado o 27-05-2009 19:28
# Ligazón permanente a este artigo
Os paraugas de Manolo Rivas
Reproducimos a seguir o artigo publicado por Manolo Rivas no Luces do xornal El País o pasado día 22.

O Paraugas contra o Apartheid
MANUEL RIVAS 22/05/2009

Disque en Santiago a chuvia é arte. O que é arte son os paraugas. Os paraugas cando combinan e marchan por Compostela. Esvaeceuse na turbulencia histórica o soño dun gran Partido Galeguista. Mais o que temos nestes limiares convulsos do século XXI e unha magnífica ferramenta cívica de marca PG: o Paraugas Galego. Ou o Parachuvias de Galicia.
En Galicia hai que estabelecer un índice pluviométrico para medir as multitudes.

-E vostede de que partido é?
-Eu non son de partido. Son do Parachuvias de Galicia!

Velaí as dúas máis grandes 'performances' de saudade vangardista na historia da arte universal. O 1 de decembro do 2002, o día do Nunca Máis, centos de miles de paraugas ateigaron as rúas as prazas todas. O temporal tiña o xeito dunha catástrofe ecolóxica agravada polo desleixo político e a cobiza delincuente. O 17 de maio do 2009, outra chea de paraugas fixo levitar Compostela. Desta vez a metáfora do temporal é unha ameaza de seca para o idioma nacido en berce galego, de prexudicar o medio ambiente no que se desenvolve a lingua galega. Se cadra por iso choveu tanto en Compostela. Polo medo á seca. E por iso había tantos paraugas. Para comunicarse. Para ter conta das palabras. É unha misión que Elias Canetti atribuíu aos escritores: ser custodia das palabras. Mais en Galicia esa función fana os paraugas.

En primeiro lugar, os paraugas galegos adoitan ser competentes, mesmo hainos co alcume de 'sete parroquias', para albergar alomenos unha parella, unha familia ou unha asociación. Son, pois, fogares en marcha. Que outra cousa é a verdadeira cultura? Por outra banda, os paraugas galegos comunícanse e convócanse entre si ao emitiren un ultrasón en morse de chuvia que repica. E ademais, o Paraugas Galego, esa converxencia de paraugueiros ceibes, comunica Galicia co planeta. É un agrupamento de pequenos satélites, co seu xeito parabólico. Así pasou no 2002. E, en certa medida, volveu a pasar este domingo 17 de maio. Despois da manifestación na Quintana, chamou unha amiga de Arxentina e o primeiro que me dixo foi: "Che, viste! Acabamos de verlo acá, en la televisión. Eran miles de paraguas!".

'Eran miles de paraguas!' Non é para emocionarse? Un pacífico xentío alzado alegremente con paraugas! Espectadores no planeta, na China, en Canadá ou no Irán, co ollar enfexo ante a revolta ética e estética do Paraugas Galego. As Irmandades da Fala definiron Galicia como "célula de universalidade". Pois hai días que a célula é un paraugas. Un paraugas de universalidade. Dixeron que habería vinte mil persoas, os da policía local. Home, haber habería vinte mil paraugas. Caendo como caía a chuzos, debaixo de cada paraugas ía polo menos un cuarteto. En Galicia hai que estabelecer o índice pluviométrico para medir as multitudes. Un plus de mollados. Agora que hai tanta gratificación, que o goberno subvenciona a compra de furgonas novas, pois poderían aboar o importe dun paraugas por galego que se molla. Pola ganga de dez euros, non se merca un ben útil, senón tamén un símbolo vivo da liberdade galega. Para cando os xornais, que reparten toda clase de atípicos, levarán o agasallo dun paraugas co seu exemplar do domingo?

Hai moi diferentes respostas a un temporal. Mesmo hai quen non o quere ver, o temporal. Ou quen di que abre o sol cando o ceo tolda. No noso acervo, hai un proverbio durísimo que expresa con escatolóxica claridade o que dende Hegel se chama alienación ou negación do real: "Mexan por nós e dicimos que chove". Nunca entendín moi ben porque hai xente que ri o dito como se fose da familia das brincadeiras, ai que irónicos somos!, que relativismo!, etcétera, etcétera, cando é unha denuncia directa aos miolos conformistas. Para min humor, fina retranca, sutil pensamento heterodoxo, haino nestoutro ferrete que semella ter nacido do caletre popular como aforismo crítico para definir o tipo de político e xornalista que agora andan moi farrucos polos nosos eidos: "Por cada verdade que di cáelle un dente e aínda os ten todos".

Xa temos, pois, dous aforismos complementarios que resumen un tempo. Un, o do mexo, que expresa o mecanismo de interiorización da tradición servil. E outro, o da dentadura perfecta, que apunta á fabricación das trolas que alimentan esa tradición. Tradicións hai moitas, e o presente de cada día tamén é un pretérito futuro onde se dilucida que tradición pode ser dominante ou inspiradora. Hai tradición mexona e hai tradición de auga limpa. Hai tradicións que feden e hainas que dan vida, que fertilizan a historia. O paraugas está dende hai moito tempo presente na nosa iconografía. Hai moito paraugas nas viñetas de Castelao. E hai paraugas máxicos na imaxinación de Cunqueiro. Mais é agora cando se está a crear unha tradición liberadora e solidaria co Paraugas Galego. Un pretérito de futuro paraugueiro.

Co ocorrido nas pasadas eleccións, volveu a retomarse o tópico da Galicia de xeoloxía política conservadora. Despois do sismo que abrira á porta a un cambio progresista, produciuse un movemento á contra e as pedras asentaron onde estaban. Moitos comentaristas e analistas respiraron confortados. Non porque en Galicia gañase a dereita, senón porque así non tiñan que facer fronte á rareza de que en Galicia gobernase unha rara coalición de esquerda e de nacionalistas rabudos. A situación en Galicia, dende os dez días que fixeron abanear a Aznar e chimparon a Fraga, esixía unha análise complexa. E non estamos para análises complexas. Imos ver. Cantos caracteres e cantos píxeles se necesitan para analizar unha realidade complexa? Dez mil, vinte mil? Pois non pode ser. Non hai espazo nin tempo para tanto. Non é obriga do xornalista analizar unha realidade complexa. Pola contra, é obriga da realidade complexa o simplificarse. Agora xa andan contentes os analistas. Xa teñen outra vez Galicia metida no tópico.

Mais non andan pola rúa con paraugas para comprobar que a realidade é un ser mutante. E para detectar que a contabilidade electoral ten que asemellarse ao que Lester R. Brown chamou o "mercado honrado". É dicir, ten en conta en cada medida os custes humanos e ecolóxicos. Agora xa sabemos o que había detrás da gran trola da "imposición lingüística": o intento de estabelecer no ensino un réxime de segregación e 'apartheid' en función da lingua. Terá tamén o seu correlato no transporte público escolar? Irán no autobús a un lado os "negros" que falen galego e ao outro, os "brancos" que falen castelán? Haberá dous autobuses? Non son partidario de aconsellar lecturas. Que cada quen goberne o seu canon. Mais é urxente enviarlle a este goberno 'O factor humano', o libro que John Carlin escribiu sobre Nelson Mandela e a súa habelencia e intelixencia para unir un país e non para esgallalo. Antes, pois non dicían 'sexo', separación por 'saias' e 'pantalóns'. Agora, pola lingua, dividir a infancia e a mocidade dun país en cuartos separados. Velaí utilizando a Autonomía para isto. Que noxo, que fedor, que maldade!

Algo que parecía incríbel, pode ser certo. Así ocorre ás veces cos pesadelos. Hai xente que fabrica soños e haina que fabrica pesadelos. A min a que me gusta é a que leva un paraugas.

Categoría: 1.-Taboleiro da lingua - Publicado o 25-05-2009 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
Catro cousas sobre Ramón Piñeiro

Agradecémoslle ao ENDL do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia que comparta connosco esta sinxela presentación sobre os feitos máis salientables da vida e obra do homenaxeado nas Letras este ano. Catro datos, moi ben escollidos e moi ben lidos, polos rapaces e rapazas deste CEIP.


Categoría: 1.-Taboleiro da lingua - Publicado o 15-05-2009 11:17
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal
ENDL IES Pontepedriña

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0