PEDRIÑAS blog do ENDL do IES Pontepedriña


Blog do ENDL do IES Pontepedriña
O galego só é falado nunha esquina pola que se esconde o sol. Se tanto tempo aguantou neste recuncho máis ou menos pequeno, por algo será... Aquí podes atopar as pedriñas que imos deixando de todo o relacionado coa lingua deste recuncho chamado Galicia.

Para esta tarefa é imprescindible a túa axuda. Anímate a mandares as túas achegas a pedrinhas@hotmail.es




E ti de onde es? E que falas?

Dicionario de IR INDO




O meu perfil
pedrinhas@hotmail.es
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Jaureguizar na Pontepedriña
O día 12 de novembro estivo con nós Santiago Jaureguizar. Veunos falar do seu libro Corazón de chocolate, pero acabounos contando moitas outras cousas. Corazón de chocolate foi o libro de lectura do alumnado de 3º da ESO para este primeiro trimestre.

Aínda que Jaureguizar naceu en Bilbo o 14 de agosto de 1965, pasou a súa infancia e adolescencia en Ribadeo, lugar no que traballaba seu pai. Isto explica como un apelido tan vasco forma parte da literatura galega máis actual. Isto foi o primeiro que nos sorprendeu. Como cun apelido vasco acaba en Galicia e escribindo en galego? A resposta é dunha lóxica contundente: “Escribo en galego porque son de Galicia e vivo aquí. O contrario non sería normal”. Mira ti cando casos de anormalidade hai en Galicia.

Jaureguizar é periodista e traballa en El Progreso de Lugo. Por algo o protagonista de Corazón de chocolate quere ser xornalista e ademais dos de antes, dos que investigan na rúa, dos que pescudan a información entre os cidadáns... Este é o periodismo que lle gusta a Jaureguizar. “Agora esta profesión cambiou moito e informámonos a través do ordenador. Perdemos o contacto coa cidadanía e coa rúa” . “O traballo no xornal é sempre a correr. Case non hai tempo de volver ler o que escribimos. Menos mal que hai correctores.” Non ocorre o mesmo coas súas obras. Ata 20 probas poden lerse antes da publicación final. “Por iso case nunca hai erros nos libros”. Se nós tamén fixeramos así, seguro que a nosa profesora estaría máis contenta.

A historia de Corazón de chocolate xira arredor dun mozo de 16 anos que vai vivir só. A moitos, sobre todo á profesora, sorprendeunos un protagonista tan novo e tan independente. Jaureguizar buscaba alguén adecuado a un público novo: “ Se a protagonista é unha muller de 80 anos ó mellor non vos identificades con ela, porque non cadra nada convosco”. Uxío, o protagonista de Corazón de chololate, non vive exactamente só. Ademais do piso de seu pai, herdou unha morea de gatos da rúa que dormen alí. “Cando eu era pequeno había moitos gatos na vila onde eu vivía” Sería polo peixe do porto!!! “Ademais pareceume unha imaxe moi plástica, moi visual, coma se fose unha escena dunha película. Imaxino a cámara gravando desde os ollos de Uxío cando esperta o primeiro día e ve todos aqueles gatos”. Velaquí o primeiro paso dun futuro director.

Uxío quere seguir os pasos do seu pai (que faleceu na guerra de Iraq). Por iso aparece na historia Señor Grozni, un gato con poderes especiais, que vai posibilitar o descubrimento do labirinto baixo a catedral, da Irmandade Xelmírez... ¿Canto hai de verdadeiro nesta historia? Algo hai. Sobre o descubrimento de América “Sábese que os vikingos do norte de Europa estiveron en Norteamérica antes do suposto descubrimento deste continente”. Con respecto á Irmandade Xelmírez “Téñenme falado moito, cando vivía en Compostela, dos supostos corredores subterráneos que comunican varias dependencias da catedral e arredores”. E de Xelmírez sabemos “que converteu unha aldea nun centro de peregrinacións a nivel planetario. Foi un personaxe clave na historia desta cidade”.
Todo o demais é froito da imaxinación do autor, pero con base na realidade. “Sempre quixen contar a historia dunha maneira máis divertida. Todas as referencias ós edificios (construción, arquitecto, función...) e ás rúas que aparecen son reais. A única excepción é o instituto no que estudan os protagonistas. Para que non lle parecese mal ós que non estudaban nese mesmo instituto”.

Corazón de chocolate ten continuidade. É o primeiro libro dunha serie de sete obras ambientadas nas sete cidades máis importantes de Galicia. Santiago Jaureguizar presentounos o segundo libro da colección, A Coroa de Napoleón, que se desenvolve na cidade da Coruña. Coa excusa de recuperar a coroa de Napoleón, o xornalista Tintimán e Señor Grozni presentaranos currunchos e curiosidades da cidade que seguro nos descubrirán os seus encantos.

Ó rematar a charla, Santiago ofreceuse para asinarnos os nosos libros. Pareceunos un home divertido, preocupado por caernos ben e que nos entretivo con temas tan diversos coma o futbol ou o noso futuro.

alumnado de 3º da ESO

Comentarios (3) - Categoría: 3.- Novas - Publicado o 02-12-2010 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
Xabier Docampo na Pontepedriña
Xabier Docampo veu falar cos rapaces e rapazas de 1ºda ESO que lemos o seu libro O pazo baleiro.

Cando chegou díxonos que non sabía de que nos ía falar, pero era mentira.

Preguntounos para que servía a literatura e contestámoslle moitas cousas, todas lle pareceron ben. Explicounos que o máis importane era que a literatura servía para entender o mundo.

Despois contounos cousas da súa vida, de cando era pequeno e ía ao cine co seu curmán. El, un día contoulles unha película e o primo quedou asombrado porque non a vira (sempre ían xuntos ao cine), e ademais Xabier, ao contárllela, dícía "o personaxe pensaba..." Despois xa lle confesou que en realidade era unha novela que lera.

Preguntámoslle moitas cousas sobre O pazo baleiro e el contestounas todas.

A verdade é que foi moi simpático con nós. Aínda que el dixo que se parecía moito ao personaxe de Delio, non debe ser verdade, pois el é foi mestre e gústanlle moito os nenos, non como a Delio que non os atura e é un pouco antipático.
A verdade é que valeu a pena coñecelo.

Alumnado de 1ºR e 1ºS
Comentarios (0) - Categoría: 3.- Novas - Publicado o 02-12-2010 11:30
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
ENDL IES Pontepedriña