PEDRIÑAS blog do ENDL do IES Pontepedriña


Blog do ENDL do IES Pontepedriña
O galego só é falado nunha esquina pola que se esconde o sol. Se tanto tempo aguantou neste recuncho máis ou menos pequeno, por algo será... Aquí podes atopar as pedriñas que imos deixando de todo o relacionado coa lingua deste recuncho chamado Galicia.

Para esta tarefa é imprescindible a túa axuda. Anímate a mandares as túas achegas a pedrinhas@hotmail.es




E ti de onde es? E que falas?

Dicionario de IR INDO




O meu perfil
pedrinhas@hotmail.es
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Convocatoria de folga

Achegámosvos a convocatoria de folga no ensino que fai para o xoves 21 a plataforma Queremos Galego:


A plataforma Queremos Galego convoca as comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.

A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na contestación social.

Folga Xeral no Ensino 21/01/2010



Por que rexeitamos este decretazo?

Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego. Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.

Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega. O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.

Porque a aplicación deste decreto suporá enfrontamentos nos centros. A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.

Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar. O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de ?plurilingüismo?, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos.

Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos. O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.

Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país. Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.

Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, as comunidades educativas e o conxunto da sociedade galega reclamamos que se escoite a nosa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.

O 21 DE XANEIRO PARAMOS O ENSINO
EN DEFENSA DA CONVIVENCIA E DO GALEGO


Quermos Galego
Comentarios (0) - Categoría: 1.-Taboleiro da lingua - Publicado o 19-01-2010 18:07
# Ligazón permanente a este artigo
Ás de moscas para Anxo.

Este libro gustoume bastante, pois non é nada aburrido.
A personalidade de Estrela era moi especial, cría todo o que lle dicían e ela facía todo, xa fose verdade ou mentira. Por exemplo: unha rapaza, un día, díxolle que levara un anaco de xamón porque o mandara Don Carlos(o mestre) e ela levouno,sen pararse a pensar que era unha broma.
Pouco a pouco vas vendo como os compañeiros da clase se van facendo amigos de Estrela e todos a queren axudar, sobre todo o mestre, Don Carlos, que fai o posible para que leve mellor os estudos. Pois o estudar non é o seu. O detalle que máis me gustou da obra foi cando Estrela se sobe ao tellado porque pensa que o seu pai está secuestrado e ata que non o liberen ela non baixará. Ao principio os seus amigos pensaban que estaba morta ou que lle pasara algo moi malo e estaban preocupados,pero todo quedou nun susto.
Foi un libro bastante divertido e demostra como é a verdadeira amizade,porque se é boa,tanto ten que alguén sexa especial,raro ou diferente porque ese sentimento perdurará por sempre.

María Rial 2ºS
Comentarios (0) - Categoría: 5. A caixa dos libros - Publicado o 19-01-2010 17:47
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal
ENDL IES Pontepedriña

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0