PEDRIÑAS blog do ENDL do IES Pontepedriña


Blog do ENDL do IES Pontepedriña
O galego só é falado nunha esquina pola que se esconde o sol. Se tanto tempo aguantou neste recuncho máis ou menos pequeno, por algo será... Aquí podes atopar as pedriñas que imos deixando de todo o relacionado coa lingua deste recuncho chamado Galicia.

Para esta tarefa é imprescindible a túa axuda. Anímate a mandares as túas achegas a pedrinhas@hotmail.es




E ti de onde es? E que falas?

Dicionario de IR INDO




O meu perfil
pedrinhas@hotmail.es
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

55 mentiras sobre a lingua galega


A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o próximo venres 5 de febreiro a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas.


Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

O libro presentarase simultaneamente en máis de medio cento de localidades espalladas polo noso país –todas as cidades e principais vilas-, polo Estado español –Ponferrada, Madrid, Barcelona, Vitoria/Gasteiz e Trintxerpe- e no estranxeiro – Tübingen, Buenos Aires, Lisboa, Tel Aviv, Nova York, Bethelem, Nablús, París, Saraievo, Londres, Bruxelas e Copenhague.
Podes ir á páxina web da Plataforma Prolingua
Comentarios (0) - Categoría: 1.-Taboleiro da lingua - Publicado o 28-01-2010 19:01
# Ligazón permanente a este artigo
Eu falo

Un novo espazo acaba de aparecer na rede, Eufalo.TV, un proxecto de documental colaborativo sobre a lingua, dende o punto de vista dos/as falantes. É, por tanto, unha historia feita a partir de pequenas historias, un discurso feito con moitos discursos diferentes e variados.


O proxecto conta co traballo da empresa A Navalla Suíza e un equipo de colaboradores formado por Noa García, Manu Mayo, Belén Regueira, Araceli Gonda, Xandra Tedín, Mabel Montes, Mónica Ares e Matías Tarrío, entre outros.

A pesar deste soporte, Eufalo.TV, accesíbel no enderezo http://eufalo.tv/ é un proxecto que pide a colaboración dos e das internautas para que envíen vídeos onde conten historias ou vivencias, propias ou alleas, sobre a lingua e nosa relación con ela.


Tiramos esta noticia da páxina da CTNL
http://www.ctnl.org/web
Comentarios (0) - Categoría: 1.-Taboleiro da lingua - Publicado o 28-01-2010 18:55
# Ligazón permanente a este artigo
Ferrín presidente da RAG
Para que saibades algo máis sobre o novo Presidente da RAG reproducimos a seguir o artigo de Manuel Bragado no Faro de Vigo:


A elección de Xosé Luís Méndez Ferrín como presidente da Real Academia Galega é unha noticia feliz para a nación dos galegos, tanto por tratarse da figura cimeira da cultura galega contemporánea, como dunha das personalidades políticas máis decisivas das últimas cinco décadas. A indiscutible envergadura moral do autor de “Estirpe”, como a súa capacidade para xuntar vontades nunha angueira común, facilitaron unha elección na que, como sucedera xa en ocasións anteriores, se acadou un consenso máximo nunha institución que sabemos moi plural e diversa.
A estensa nómina de méritos literarios de Méndez Ferrín, avalados de forma unánime pola crítica literaria e, sobre todo, polos seus milleiros de lectores e lectoras, xa foron recoñecidos co Premio Pedrón de Ouro de 1987, o Premio Nacional da Cultura Galega na categoría de Literatura de 2008 e coa súa candidatura ao Premio Nobel de Literatura presentada cada ano polo Pen Clube. Dende que hai máis de cinco décadas, cando publicou “Voce na néboa” (1957), o seu poemario alboral, e “Percival e outras historias” (1958), o seu primeiro libro de relatos, Ferrín traballa devagariño na construción dun grande macrotexto literario, no que tanto dende a obra poética como da narrativa, procura unha renovación constante das formas artísticas que permita “a defensa da autonomía do campo literario como camiño para a consolidación da literatura galega como literatura nacional”. Sinálao así, o profesor Anxo Angueira, o maior coñecedor da obra literaria de Ferrín, no seu ensaio máis recente, “A Espiral no Espello” (Xerais 2009), no que analiza a achega decisiva de “Bretaña, Esmeraldina” (Xerais, 1987, 2007) ao sistema literario galego como obra central dentro do proxecto artístico ferriniano.
O autor de “Arraianos” (1991) vencellou este compromiso na defensa da autonomía plena do noso campo literario ao seu labor no eido da investigación e crítica literarias, nos que ten realizado estudos decisivos, como “De Pondal a Novoneyra” (1984), sempre mantendo unha relación constante coa literatura medieval, expresada singularmente no seu discurso de ingreso na RAG o 30 de setembro de 2000, “A poesía medieval galega vista desde os relanzos derradeiros do século XX”. Labor investigador, transformado con grande mestría didáctica (algo que non resulta extraño tras a súa experiencia docente de máis de catro décadas no Instituto Santa Irene das Travesas), en actividade divulgadora e publicística da cultura galega nas diversas seccións que leva mantendo ininterrumpidamente no suplemento “El Sábado” de “Faro de Vigo”, como “No fondo dos espellos”, a páxina literaria máis fermosa e interesante das publicadas hoxe pola prensa en Galicia. Outrosí, sucede coa súa presenza bisemanal nestas páxinas de “Faro de Vigo”, onde dende hai dúas décadas desenvolve un xornalismo de opinión elegante e cívico, miniando en cada artigo ese galego radical e puro, que sen refugar un rexistro popular, se amosa como o máis axeitado para todos os usos da lingua.
Tras a presidencia de don Paco Fernández del Riego (ese home luz que cumpriu este mes 97 anos) na que dende 1997 se crebaron vinte anos do conformismo de García Sabell; despois da profundización dese proceso de renovación, no que se incorporaron novos académicos e algunhas, poucas, académicas, acometido por Xose Ramón Barreiro Fernández, correspóndelle a Ferrín e ao seu equipo a tarefa de consolidar a institución centenaria no século da cultura dixital.
Continuando o ronsel aberto por Manuel Murguía de acadar a plenitude para a lingua e a cultura galegas, os obxectivos primeiros da institución da rúa Tabernas, Ferrín deberá facer fronte a retos complexos da institución, tanto os que afectan a súa presenza social e consolidación institucional como ao traballo corporativo nos eidos que lle son propios. Mais, experiencia, capacidade de diálogo e firmeza abondas non lle faltan a Ferrín para darlle ese novo pulo que precisa a RAG.
Nun momento decisivo, no que determinados sectores da sociedade galega pretenden facer retroceder as políticas de fomento da nosa lingua e o prestixio da nosa creación literaria, priorizar o traballo interno dos equipos e seminarios académicos nos eidos da lexicografía, gramática ou historia; consolidar un sistema estable de financiamento institucional (a nosa primeira institución cultural padece un vergonzoso déficit crónico, que lle dificulta manter un funcionamento digno) e, sobre todo, profundizar na súa presenza social empregando os medios da comunicación cultural contemporánea serán prioridades deste período. Os nosos parabéns para Méndez Ferrín por tan merecida elección e os nosos desexos dos maiores éxitos para tarefas tan ilusionantes que inicia co seu equipo.
bretemas@gmail.com


Comentarios (0) - Categoría: 1.-Taboleiro da lingua - Publicado o 25-01-2010 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3] [4]
© by Abertal
ENDL IES Pontepedriña