PEDRIÑAS blog do ENDL do IES Pontepedriña


Blog do ENDL do IES Pontepedriña
O galego só é falado nunha esquina pola que se esconde o sol. Se tanto tempo aguantou neste recuncho máis ou menos pequeno, por algo será... Aquí podes atopar as pedriñas que imos deixando de todo o relacionado coa lingua deste recuncho chamado Galicia.

Para esta tarefa é imprescindible a túa axuda. Anímate a mandares as túas achegas a pedrinhas@hotmail.es




E ti de onde es? E que falas?

Dicionario de IR INDO




O meu perfil
pedrinhas@hotmail.es
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A lingua inútil
Nós tamén queremos facer nosas as palabras de Manolo Rivas do seu artigo de hoxe de El País. Velaí a tradución:


Equivócase vostede, señor titular do xulgado número 6 de Alcorcón, ao proclamar a carencia de "utilidade pública" do idioma galego. Nunha caricatura de Castelao, un campesiño di: "Deus nos libre da Xustiza!". Quizais estaba a pensar en vostede, señor xuíz. Fíxese que útiles e previsoras son as linguas "subalternas".

Fíxese se son previsoras que nos contos galegos de Álvaro Cunqueiro hai personaxes que como último desexo piden que no cadaleito, ademais da Biblia, lles metan o Código Civil por se teñen que preitear na outra vida. Á vista de como recúan os tempos, adiántome a pedir para a derradeira viaxe un exemplar da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, ademais da Constitución española (subliñado o artigo 3º, apartado 2) por se o barqueiro Caronte se pon pesado, "dispensando", e me negaa "utilidade pública do galego" no Máis alá, seguindo a doutrina da súa señoría.

Xa que estamos coa verdade narrativa dos contos e as últimas vontades, permítame unha breve historia. Un ancián campesiño manda chamar ao notario para facer o testamento definitivo. Di: "Da terra, deixo un terzo para Ramón, un terzo para María, un terzo para Concha, un terzo para Manuel, outro terzo para Andrés..." O notario interrómpelle: "Pero, non serán moitos terzos?" E o campesiño responde: "Non sabe vostede o grande que é a terra!" Pois coas linguas ocorre algo parecido. Que hai sitio para todas. Que non pesan na cabeza. Que non hai lingua inútil.

Inútiles, inútiles non lle somos, señor xuíz. Hai moitas persoas que nos comunicamos normalmente en galego e non nos consideramos do todo inútiles. Como ocorre mesmo na xudicatura, uns somos menos útiles que outros, facemos o que podemos, pero respectamos. Iso si, temos unha educación mínima do respecto. Os nosos pais arroláronnos, criáronnos e contáronnos contos en galego para espantar o medo. E non eran uns inútiles, créao. Grazas a eles, non lle teño medo, señor xuíz.

Na súa Tese sobre o concepto da Historia, di Walter Benjamin: "Non hai ningún documento da civilización que non sexa ao mesmo tempo un documento de barbarie". Eu antes non entendía moi ben esta frase, xúrollo, pero aclaráronseme de súpeto as ideas, como por un raio, despois de ler o seu fundamento "lingüístico" para negarlles o traslado escolar a Vigo dunhas nenas no auto tramitado nun caso de divorcio. Nese aspecto, o documento non resiste o principio de realidade. En Galicia, as nenas non só aprenderían galego, senón que poderían enriquecer o seu castelán coas "marabillosas curvas" que Unamuno admiraba en Valle Inclán.

Non vou falarlle agora de Alfonso X o Sabio, nin de Rosalía de Castro, nin do tronco común galaico-portugués, patrimonio lingüístico que nos permite comunicarnos con millóns de persoas no mundo, desde Brasil ao Timor Oriental. Como ademais temos a sorte de compartir o castelán, vexa vostede, señor xuíz, que non imos tan mal pertrechados, sempre, claro, que aos nenos non lles amputen a lingua "inútil". Creo que o que procede neste momento é ir ao argumento protoecolóxico enunciado por Xullo Camba. Segundo demostrou nun irónico artigo, o galego é un idioma moi apto para falar non só entre as persoas senón tamén con todo tipo de animais. Fíxese vostede se será útil!
Comentarios (0) - Categoría: 1.-Taboleiro da lingua - Publicado o 20-11-2009 11:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
ENDL IES Pontepedriña

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0