PEDRIÑAS blog do ENDL do IES Pontepedriña


Blog do ENDL do IES Pontepedriña
O galego só é falado nunha esquina pola que se esconde o sol. Se tanto tempo aguantou neste recuncho máis ou menos pequeno, por algo será... Aquí podes atopar as pedriñas que imos deixando de todo o relacionado coa lingua deste recuncho chamado Galicia.

Para esta tarefa é imprescindible a túa axuda. Anímate a mandares as túas achegas a pedrinhas@hotmail.es




E ti de onde es? E que falas?

Dicionario de IR INDO




O meu perfil
pedrinhas@hotmail.es
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O neno soldado
Por fin!! Despois desa espera que tan longa se lles fixo a algúns e algunhas, xa podedes ler o relato completo de O neno soldado, que tanta expectación creou no último número da revista. Felicidades a Nel polo seu traballo,e a vós que vos preste!

Velaí o texto completo:


Soldado. Unha palabra da que se fala hoxe e sempre. Soldados sempre foron os seres humanos, sen diferenza de cores ou das súas armas. A historia que vou contar non é máis ca unha de entre moitas. Na miña terra seguramente hai centos de historias similares á miña, a única diferenza é que esta é a miña.
Na parte de África na que vivo esténdense longos desertos con dunas e area coma a dunha praia. O sol abrasa cos seus raios o chan e a quen o pisa. Aquel día non parecía distinto aos demais. Colléronme cun grupo de nenos elixidos ao azar. Non había pais ou familiares aos que lles dar explicacións. Os nenos orfos vagamos polas aldeas en busca de algo para comer ou beber, xa sexa traballando ou roubando.
Aquela mañá fora distinto. Un soldado grande e forte colleume e meteume na parte de atrás dun camión a cambio de darme auga. Xunto a min viñeron moitos outros nenos. Protexidos dos raios do sol por unha manta de plástico verde no teito do camión avanzamos polo deserto. Un par de horas máis tarde chegamos a un lugar moi distinto. Escoitábanse disparos por todos os sitios. Había nenos disparando contra bonecos feitos con trapo e cunha froita por cabeza. Os nenos disparaban apoiando as armas contra o ombro. Algúns caían ó chan polo retroceso, a outros as armas facíanlles negróns nos brazos. Oín algún berro dun ferido por unha bala sen rumbo claro, ou dalgún neno ao que se lle dislocaba o brazo tras disparar.
Ao novo grupo de recén chegados puxéronnos en fila. Fóronnos dando unha arma que dicían acorde coas nosas capacidade (en verdade tan só era unha arma sacada ao azar dunha caixa de cartón). Despois de moito tempo chegou o meu turno. Déronme unha desas armas sacadas da caixa. Era longa cun cargador de varias balas e unha culata castaña.
-Unha Kalashnikov- dixo un mirando para ela entre as súas mans.-Debe de ser o rifle de Sahara.
O compañeiro que estaba ao seu carón deulle un golpe co cóbado. Mirouno e dixo:
- Dubido que ao neno lle interese o obxecto co que vai matar ou o nome de quen antes morreu empregándoo. Miroume e entregoume a arma. Mandáronme ir na busca dun boneco e un monitor libre. Mandáronme agarrar a arma pola culata. Poida que aquel que lea isto saiba como funciona unha arma ou que é. Eu nunca antes tivera ou sequera vira unha.
Cheguei ata un que esperaba sentado nunha cadeira tocando unha harmónica. Levaba un sombreiro e gafas de sol. Detívenme fronte a el. El sorriu ensinando uns dentes brancos e máis brancos aínda en contraste coa súa pel. Ergueuse do asento e comezoume a explicar como empregar a arma. Para el era algo mecánico. Eu era a primeira vez que facía isto, pero el levaba todo o día explicándolles o mesmo a nenos. A única variante era a arma do neno.
Acabou de dicirme todo canto sabía sobre a arma e deume unha clase de anatomía. Naquel momento aprendín o pouco que sei sobre o corpo humano, e para que? Para poder facerlle máis dano á xente. Despois mandoume pór en posición e apuntar ao boneco. Sentou no seu asento e mandoume intentar acertarlle ao boneco. Apertei o gatillo e un forte ruído saíu do cano da arma acompañado dunha ráfaga de balas. O oído próximo á arma comezou a pitarme e por uns segundos esquecinme de onde estaba.
O home ergueuse e fíxome un sinal para que o seguise. Camiñamos ata o boneco que se atopaba a uns cinco metros. Sinaloume cinco furados no peito de trapo.
-Gran disparo. Mira os furados, están case pegados entre eles. Tes moi bo pulso e aguante neno. Afastou varios metros o boneco e logo mandoume ó meu anterior sitio. Sentou na súa cadeira e mandoume darlle á froita que tiña por cabeza o boneco. Apertei outra vez o gatillo, desta vez con máis naturalidade. As balas pegáronlle de cheo ao boneco, pero non na froita, bateron á altura dos pulmóns. Mandoume gardar a arma e díxome que non estaba mal. Levoume canda a el e díxome que podía deixar o rifle na cadeira. Xuntos fomos a un campamento. Foi falar cun home con bigote e de corto pelo rizo.
-Estes nenos non valen nada. Se os levamos á guerra tan só serviran para que o inimigo gaste balas. Están desnutridos, son débiles. De nada nos serve un exército que nin sequera se ten en pé-. Dixo o das gafas de sol.
- Ric, ti sabes mellor ca ninguén que a guerra é moi longa. E os nenos un día serán maiores. É mellor adestralos agora que non comprenden. O mesmo lles podes dicir que disparen contra un espantallo que contra un familiar. Ti sábelo mellor ca ninguén-.
Ambos falaban con toda naturalidade coma se eu non estivera alí. Falaban de obrigar a matar a nenos que nin puideron vivir.
-Non precisamos garantías a longo prazo. Queremos soldados agora. Estamos ante unha guerra de guerrillas. Precisamos soldados preparados xa. O único que logrei sacar en limpo foi este neno-. Dixo colléndome por un brazo.
-Necesitamos homes para a o asalto desta noite. Cres que poderá loitar?
O tal Ric miroume de arriba abaixo. E logo contestou:
- Si, pero quedará comigo toda a batalla. Logo mandoume a polo rifle. Fun correndo por el. A diferenza do que algúns pensarían non estaba contento. A guerra é o xogo de todo neno ata que se ve obrigado a xogar de verdade, entón a diversión vólvese sufrimento.
Cando cheguei ata a cadeira había dous homes mirando o rifle.
-Estás seguro de que é o rifle de Sahara?
-Seguro, só me pregunto quen o estará usando.
Adianteime a eles e collín o rifle da cadeira. Vireime e miráronme con cara de sorpresa.
-Es ti quen usa o rifle de Sahara?
Eu mirei para o rifle preguntándome se estaría en malas condicións ou algo así.
-Non che desagrada usalo? Inda debe cheirar a sangue de Sahara e de todos aqueles aos que matou.
Marchei co rifle sen sequera contestar. Vivira demasiado en moi pouco tempo. Nun día todo cambiou tan de súpeto que a miña cabeza quedou ausente. Camiñaba de volta ao outro campamento coma o faría un somnámbulo, sen conciencia. Dende que me deron ese rifle a miña capacidade de pensar reduciuse.
Cheguei ao campamento. Comezaba a anoitecer e un círculo de poucos soldados rodeaba un lume. Sentei con eles agarrando o rifle. Mirei para ese lume que a cada segundo que anoitecía era máis forte. O tempo pasaba e o frío volvíaseintenso. Algúns acercaban as mans ao lume case queimándoas. As súas mans estaban tan castigadas que só así podían sentir unha leve calor no corpo.
Déronnos de comer e de beber. Despois o berro dunha voz mandounos subir a un camión. Cando subín nel deime conta de que era o mesmo co que entrara neste inferno das armas. A suor dos nenos, entre os que estaba eu, a mesma capota, tan só cambiaba a súa carga. Xa non había nenos senón homes. Todos coa súa arma e a súa mirada baleira.
-Recorda rapaz que non te debes separar de min-, dixo unha voz fronte miña. Levantei a cabeza e vin a Ric. Sorríame dende detrás das súas gafas de sol. Estraño levar gafas de sol de noite...


-Estaraste a preguntar por que levo gafas de sol, non?-dixo sorrinte. Eu asentín coa cabeza.- Son un francotirador nocturno. Todos os que estamos neste camión somos soldados nocturnos. Levo estas gafas para que sempre sexa de noite desta forma a luz máis débil será coma a do sol. Hoxe hai lúa chea polo tanto a meus ollos hoxe tamén será día. Estas gafas e a mira do meu rifle son os meus ollos, pero creo que xa é hora de quitalas- sacou as gafas e deixou ver dous ollos dourados. Nunca vira unha cor semellante nos ollos dunha persoa.
-Ric este rifle... Por que a todo o mundo lle estraña que o use?- dixen.
- Ese foi o rifle de Sahara. A arma é un utensilio para matar. Para Sahara era outra parte do corpo, pois creceu con esa arma. El mesmo a modificou para matar mellor. A historia de Sahara empeza e acaba con morte-.
Co motor do camión de fondo e algún ronquidos Ric contoume a historia:
- Os soldados brancos mataron a case toda a súa familia diante del. Acusáronos de traizón por non colaborar co exército. A Sahara collérono con doce anos e adestrárono para matar xente de cor escura. Déronlle malleiras, rompéronlle ósos e fixéronlle cortes sempre cun mesmo coitelo. Cando domaron a Sahara coma a un can, ó cabo de dous anos, fixéronlle pasar unha última proba para nomealo soldado. Déronlle o coitelo que tanto lle fixera sufrir. Levárono a unha habitación na que había un home de cor escura atado e cunha bolsa furada na cabeza como única prenda. A Sahara mandáronlle cravarlle un coitelo no seu peito moreno. El así o fixo. Cando o xeneral que o adestrara retirou a bolsa da cabeza do home Sahara viu con horror o rostro do seu pai. Mirou con espanto o acto que fixera. O seu pai viu o rostro do fillo e sorriu ó ver que estaba vivo. Logo pechou os ollos e deixouse morrer cun sorriso na cara. Sahara pasou a proba, pero nunca se converteu en soldado. Abandonou o bando branco e pasouse ó noso. El xa matara a centos dos nosos coas súas mans e o rifle que tes na túas mans. Estaba a punto de ser un soldado, pero non o quixo así. No noso bando tampouco foi un soldado, pois matou campamentos enteiros el só. Sahara quedou coma unha alma entre o ceo e o inferno. Non era un mercenario pois non gañaba diñeiro. El era un asasino en busca de vinganza. Os seguintes catro anos serviu cos nosos comandos destruíndo campamentos. El tan só pedía que lle deixasen matar ao superior, ó mando de cada campamento. Mataba aos superiores co mesmo coitelo que matara ao seu pai. No fondo el era coma un vingador. Un día recibiu a oferta de ir asaltar unha casa. Era un posto de comunicacións. El aceptou sen dubidar ao saber quen estaba ao mando dela; era o xeneral culpable de canta desgraza fixera. Entrou na casa derribando a porta. Deixou atrás os seus camaradas. Dispoñíase a matar a todos cantos estiveran nesa casa. Pero algo fallou. Era unha trampa. Os seus compañeiros deixáronlle ir diante. Cando derribou a porta unha ringleira de cinco soldados esperábano. Apuntáronlle e mandáronlle tirar a arma. El así o fixo. Guindou a arma e puxo as mans en alto. De entre os soldados saíu un home aplaudindo. Era o xeneral.-Fixeches ben- díxolle acercándose ata poñerse fronte a Sahara. O xeneral púxolle unha man encima do ombro e mentres lles daba as costas aos seus homes mirou os ollos do asasino. O xeneral sorriulle, pero Sahara non se inmutou. A súa cara estaba baleira de alegría ou tristeza. Miráronse mutuamente sen moverse durante uns segundos. De súpeto Sahara esbozou unha cara de furia. Agarrou polo pulso o brazo do xeneral. Pegoulle un golpe coa cabeza no nariz. Os soldados ergueron as súas armas, pero non puideron disparar. O xeneral cubríalles o seu branco. Sahara sacou do cinto, coa outra man, o coitelo da vinganza. Cravoullo no peito xusto no mesmo lugar en que llo cravara ao seu pai. Apertou o corpo do xeneral contra el acercando a súa cara case tocando a súa. Sahara sorriu por primeira e última vez. Guindou cara a un lado o corpo do xeneral e saltou pola súa arma. Os soldados comezaron a disparar sen apuntar. Sahara abaixouse e colleu a arma. Non lle deu tempo a disparar. Disparaban contra el perforando todo o seu corpo coas balas. Sahara non caeu ao chan, cerrou os ollos e berrou ata que os soldados baleiraron os cargadores. Cando xa non había máis disparos para el, comezou a súa chuvia de balas. Disparoulles a todos en ringleira. A arma case non se movía polo retroceso, todas as balas acertaron nos corpos do soldados. Cando todos estaban mortos Sahara tirou co rifle salpicado polo sangue, xa non podía aturar o seu peso. Nin sequera podía aguantar o peso do seu copo. Caeu de xeonllos e mirou para o corpo do xeneral que aínda sufría. Aguantou mirando ata que por fin o corpo deixou de retorcerse. Sahara pechou os ollos e deixouse morrer. Días máis tarde un grupo de soldados encabezados polo fillo do xeneral atoparon esta carnicería. Os traidores de Sahara non se atreveron a mirar o que pasara na casa. Despois deuse cos traidores. Fomos á casa, pero nela tan só había sangue e seis corpos de soldados e descomposición. Nin sequera se molestaron en enterralos. Dos corpos de Sahara e o xeneral non quedou nada. Enterrámolos e rexistrámo-la habitación. Así foi como atopamos o rifle de Sahara. Estaba enchoupado en sangue seco. Debeu de morrer sobre el. Grazas a iso confundírono cunha poza de sangue e non o colleron. Agora es ti quen ten a arma-.
O resto da viaxe paseina mirando para a arma e pensando na historia de Sahara. Pensaba no que dixera Ric ?agora es ti quen ten a arma-. Unha historia que se repite unha e outra vez. A historia do neno soldado.
O camión parara. O ruidoso motor ao fin calou. O bigotes que falara con Ric mandounos baixar. Cando saímos o camión marchou. Camiñamos por un bosque de vexetación débil. Logo de saír do bosque camiñamos ata dar cun gran edificio.
-Aí esta o Cárcere Branco- dixo Ric.
Os soldados xuntáronse para escoitar o plan do bigotes. Eu andaba a dar voltas para recoñecer o terreo. O cárcere estaba coma metido nun gran foxo. Había que baixar unha costa de terra castaña. Logo había un valo de metal duns dous metros de altura. Despois, separado por un espazo, un segundo muro branco duns catro metros. Este tiña unhas aberturas sen porta. Finalmente había un terceiro muro. Este era o único que servía para conter, os demais eran para retardar as fugas. Desta forma ás sentinelas das torres daríalles tempo de abater aos fuxitivos. No lonxe estaban tres torres en total escuridade que parecían ser tres xigantes durmindo.
Os soldados dispuxéronse a entrar. Eu estaba deitado no chan a carón de Ric. A costa era de tan só dous metros e medio. Os soldados non tardaron en baixala e en subir o valado metálico. Este ademais de ser baixo estaba cerrado por barras que deixaban espazos cadrados. A continuación pasaron o muro branco que tiña unha gran apertura. Fronte a eles agora había unha porta metálica de cor negra. A luz das farolas iluminábaos delatando en todo momento a súa posición. Estaban fronte á porta e oín as explicacións do bigotes.
Eu seguía con Ric esperando. Empecei a mirar o cárcere todo de cor branca. Un forte son fíxome volver mirar cara aos meus compañeiros. Agora estaban disparando cara ao lado esquerdo. Disparaban de pé e sen cubrirse. Ric mirou polo seu rifle, pero o muro branco non deixaba ver nada. Tan só podiamos ver a gran apertura coma unha porta invisible entre parede e parede. Os oito soldados non pararon de disparar. Seguramente debían estar abatendo o inimigo. Disparaban enxordecéndose totalmente. Nin sequera puideron sentir a presenza duns soldados brancos detrás deles. Seis soldados avanzaban pisando coas dedas dos pés. Avanzaban coas súas armas apuntando aos meus camaradas. Encabezando o grupo ía un vestido todo de branco. Levaba un pano tamén branco que lle tapaba a cara do nariz para abaixo. Na man dereita agarraba un coitelo coa punta mirando cara abaixo.
-Ric hai que facer algo!-díxenlle.
-Non podemos facer nada salvo esperar. Mira- dixo moi baixo mentres me pasaba uns prismáticos.
Mirei por eles ao de branco. Achegábase lentamente coma unha serpe a un soldado. Poida que mesmo sen disparos os pasos seguirían sen ser oídos.
Axustei os prismáticos para ver toda a figura do branco e o que o rodeaba. Este colocouse detrás do último soldado. Estirou o brazo esquerdo e agarrou o soldado polo ombro. Tirou e coa forza fixo que este se dese a volta. Cando este se xirou o brazo do coitelo cortoulle o pescozo cun corte de dereita a esquerda. O gume entroulle e saíulle polo pescozo, era groso, mais pareceu ser fino coma unha folla de papel.
O soldado caeu de costas soltando a arma e levando as man ao pescozo. Comezou a sacudirse no chan ata desangrarse en pouco segundos. O de branco manchouse co sangue, pero iso non lle importou. O soldado que estaba diante do de branco deixou de disparar e volveuse de golpe. Era o bigotes, debeu de notar que o compañeiro que estaba as súas costas deixara de disparar. O de branco pegou unha alancada e abalanzouse contra o bigotes. Este apertou o gatillo, pero o branco pegoulle un golpe ao cano da arma, e sen sacarlla das mans apartouna cara a un lado. As balas chocaron contra unha parede. O branco agarrou cunha man a arma do bigotes, mentres coa outra lle chantou o coitelo entre o ombro e o pescozo. Logo aferrou a arma coas dúas man. O bigotes berraba pero non soltaba a arma. O branco tiña uns ollos cargados de furia. Primeiro bateulle coa cabeza no óso do nariz e logo co xeonllo na entreperna. O bigotes non puido aferrar a arma e escapoulle de entre as mans. O branco pegoulle un golpe coa culata da arma que o tirou ao chan. Logo apuntoulle a outro soldado moreno. Estes pararon de disparar e fóronse dando a volta. Cada soldado atopouse con outro apuntándolle. Eran seis para seis, o de branco nivelara os comandos en menos de medio minuto.
-Pull arms and hands up!- berrou o branco cun forte acento de Estados Unidos. Eles non lle entenderon pero si tiraron as armas a un lado. Ergueron as mans e puxéronse de xeonllos.
Os soldados brancos vestían cunha roupa de cores verdes e amarelas escuras. Catro estaban a rir e a falar dispersos vixiando e cacheando os soldados. Outro foilles pegando a cada moreno unha patada nas costas para que se puxeran contra o chan. O sexto, o de branco, foi onda o bigotes e arrincoulle o coitelo do ombro. Logo gardouno e foi camiñando a apoiarse na parede do terceiro muro. Sacou o pano e cunha man ocupada pola arma do bigotes sacou un cigarro e meteuno na boca.
-Agora é cando nos toca actuar- díxome Ric susurrando.-Ti vas baixar a costa. Dispara dende detrás do valo. Dá igual se acertas ou non. Tan só quero que tapes o ruído desta arma. Mentres eu abaterei os inimigos. Cando baleires o cargador, sube correndo e pégate á herba do chan. Non te acerques demasiado a min. De acordo?-
O plan era un completo suicidio, pero era o único que podía facer. Así que baixei esvarando pola costa de terra. Coloqueime fronte ao oco libre da segunda parede. Agacheime e apoiei o cano da miña arma nun dos espazos cadrados. Mirei entre as finas variñas que me separaban dos soldados e apuntei cara a un deles en especial. Un que esperaba as miñas balas apoiando as costas e un pé na parede. Cerrei un ollo, logo mirei co outro e finalmente cos dous xuntos. A distancia non debía ser maior de dez ou doce metros. Tremíanme as mans, pero non podían tremer. Tiña medo e unha suor que nacía cálida, baixábame arrefriada pola noite no meu costado. Respirei fondo, pechei os ollos e volvinos abrir. Apertei o gatillo e as balas brotaron do cano. O ruído da arma non me deixaba oír. A arma abaneaba con forza, subía ata chocar coa barra superior do cadrado. O ruído da arma non me deixaba oír nada máis. Sen podelo evitar empecei a berrar de ira. Quizais fora pola forza que precisaba empregar para centrar a arma ou para saber que non quedara xordo. Berraba mentres miraba como as balas perforaban o corpo daquel home. Durante uns segundos foi como se me durmise, deixei de oír a arma e os meus berros. Só vía o movemento do corpo contra a parede. Ao fin acabou o cargador da arma. As miñas mans seguían abaneando coma se da arma inda saísen balas. O corpo do home esvarou co sangue que había na parede. Quedou sentado contra a parede e logo caeu a un lado. Deixou detrás del un rastro de sangue e furados. Erguinme e subín correndo a costa. Axudeime cunha man, pois a outra sostiña o rifle. Subín e seguín contemplando o macabro espectáculo. Dous soldados caeran abatidos por un disparo na cabeza. Eu nin sequera me dera conta de todo canto pasara naquel momento. Só quedan tres soldados brancos. Estes botaron a correr na busca de protección trala segunda parede. O primeiro estaba case a carón do muro. O segundo, cunha escopeta, estaba no medio. Inda así chegou ao mesmo tempo que o primeiro. Houbo un terceiro máis afastado. Ese debeu ter corrido cara ao outro lado do muro, pero preferiu facelo xunto aos seus compañeiros. Bastante antes de que chegara unha bala entroulle polo sen e atravesoulle o cranio. Os dous soldados estaban pegados á parede a tan só un paso de mostrar o seu corpo. Ric apuntaba á espera de que deixasen ver o seu cranio.
Entón o bigotes ergueuse do chan berrando. Estaba asustado por todo o tiroteo. Botou a correr cara ao valo mentres cunha man tapaba o corte. O da escopeta saíu de detrás do muro. Tan só deixou amosar a metade do corpo. Pegoulle un tiro na dirección do bigotes. Unha fila de balas entráronlle polas costas e fixéronlle caer contra o chan sen vida. Xusto despois de disparar a arma o soldado intentou refuxiarse tralo muro novamente. Estaba a menos dun paso. Ric pegoulle un tiro que lle perforou o pescozo. O soldado logrou dar un último paso e refuxiarse. O problema é que para cando chegou xa estaba morto. Despois escoitouse un tiro de detrás do muro. O último soldado decidiu suicidarse. Os catro camaradas que quedaron vivos erguéronse e continuaron co plan coma se nada.
Mirei sorrinte para Ric pero este non me viu. Seguía deitado no chan mirando polo rifle. Non se movía, parecía estar morto. O inmenso cárcere tiña case toda a seguridade abatida. Fixeime nas grandes torres, e ao mirar cara á terceira da dereita, cegoume unha luzvermella. Era unha mira láser que me apuntaba. Rapidamente rodei no chan na dirección de Ric. Ao meu carón unha bala impactou chocando contra a terra. Non fixo ruído ningún. Vin como a mira láser buscaba o seu obxectivo rastrexando polo terreo. Da torre saía unha luz vermella como un pequeno ollo. Movinme arrastrándome polo chan ata o corpo de Ric. Tiña un furado no curuto do cranio. Sen embargo parecía seguir mirando pola mira daquel rifle. Podía ten morto había horas porque eu non me daría conta. Collín o rifle das súas mans mortas. A mira láser pasou por encima miña e de Ric coma un foco. Eu quedei quieto, a miña cor negra facíame invisible na noite. Mirei para a torre que antes era un xigante durmido e agora era un ciclope cun só ollo. Movín a lente do rifle e chisquei un ollo. Para moitos chiscar un ollo é un aceno como outro calquera. Para Ric e para min chiscar un ollo non era máis que un xesto para matar.
Apuntei ao cranio daquel home. Tan só tiña un disparo. De fallar, o son da arma delataríame. Podía ter o cargador cheo de balas, pero de entre todas elas só tiña unha. Apunteille á cabeza mentres collía aire. Retiven o aire e disparei. Dende a mira vin como un segundo máis tarde o cranio daquel home salpicaba sangue vermello. Afasteime da mira e decateime de que aquel home era negro. Estaba tan concentrado que nin me dei conta de que a súa cor era igual á miña. Observei os corpos de fronte á última porta e deime conta de algo. Non importaban as cores, o sangue das nosas veas sempre é da mesma cor. As balas non distinguían cores, igual que as armas non distinguen amigo de inimigo.
Apartei o rifle e collín o meu que deixara pousado xunto a Ric. Baixei a mirar o corpo do home de branco. Cachei o seu cinto e atopei un coitelo. Un coitelo manchado de sangue. Un coitelo que cheiraba igual que o meu rifle. Para un nariz calquera ningunha das cousas tiña un olor salvo o da pólvora ou o do ferro ensanguentado. Pero para min, que tanto vivira en tan pouco tempo, era o mesmo cheiro. O coitelo cheiraba ao sangue de Sahara, pai e fillo, e do Xeneral, pai e fillo. O rifle cheiraba tan só o sangue de Sahara e o xeneral.
Dende dentro do cárcere oín berros e cantos de Blues. Os presos, que xa se afixeran a pasar unha vida entre as reixas brancas eran libres.
Que, que pasou ao final no cárcere? Nada importante. Comemos e fixemos alí unha festa. Logo contactamos por radio e fomos a un punto de encontro. Ao fin marchabamos dese sitio. Subín no mesmo camión de sempre cos mesmos soldados, agora eran menos. Nas súas cara había sorrisos ao saber que vivirían un día máis. Doce horas máis tarde chegamos á cidade. Alí leváronnos a un hotel. A cidade era algo completamente distinto ao que todo este tempo vira. Quizais non fose tanto como as cidades do primeiro mundo. A cidade máis rica de África é a máis pobre no primeiro mundo. Era algo asombroso ver o que ocorría. Mentres no deserto un morriamos de sede, na cidade fontes desperdiciaban auga. A xente camiñaba vestida ao completo e tiña calzado. Compráronme roupa cómoda e deixáronme durmir nunha cama.
Aquela noite houbo unha cea, nela había moita xente. Todos con roupa elegante. Entre eles destacaba un home negro. Todos me daban a man e me trataban coma un heroe. As súas mans estaban manchadas polos cartos, as miñas tan só polo sangue.
Ao día seguinte debía ir a un discurso dese home gordo. Era ao que chaman presidente. Durante o discurso daríanme unha medalla. Todo o meu sufrimento, renunciar á infancia, todo por unha medalla de ignorancia. Por algunha razón quixen falar co presidente. El fora elixido pola xente, debíalle explicar todo canto ocorrera. Brancos que mataban negros, negros que se xuntan con brancos e negros que matan negros. Sen cita previa presenteime no seu despacho. Un home musculoso de seguridade agarroume cando abrín a súa porta.
-Este neno di querer falar con vostede señor- dixo. Ao verme o presidente fixo un aceno para que pasara e para que o garda marchase.
-O neno que volveu da guerra. Narráronme a túa historia. Matar ao fillo do xeneral co rifle de Sahara. Vouche facer unha pequena homenaxe na entrega de medallas.
-Iso dáme igual. Eu tan só quero saber, o porque.
-O porque? O por que de que?
-Quero saber por que tiven que asasinar a toda esa xente. Eu nin sequera sabía quen era. Loitei e vin como mataban a algúns dos meus, nin sequera sabía os seus nomes! Quero saber que valor pode ter un neno nunha batalla empezada polos que din ser os gobernantes deste país. Señor, o que non sabe, é que matei tamén a un moreno. A súa pel era igual á miña! Que diferenza hai entre matar a un branco ou a un negro?
-Diferenza? Non hai ningunha, a morte é igual para nenos, homes ou mulleres. O negro que mataches era do bando do norte, eles uníronse aos brancos.
-E por que nós non nos unimos a eles tamén? Despois desta batalla non vin vencedores señor, tan só vin mortos no chan. Eles intentáronnos apresar. Nós non lles demos esa oportunidade. Tiñan un cárcere, nos tan só os matamos, non lles damos esa opción.
-Estar preso é peor que morrer, fillo, ti non o ves, pero...
-Non me veña con ese conto! Cando fomos alí vin soldados angustiados e cando marchamos sorrían ao saber que vivirían outro día. Liberdade por vidas, é iso? No momento en que morre xente somos privados da nosa liberdade. Tanto o que mata por ser escravo dunha arma, coma o que morre por non poder vivir. Vostede terá os seus cartos e as súas posesións. Acaso cre que un soldado ten a súa arma? O único que temos é a vida, é a nosa maior posesión. De que serve ter o mundo se non tes a túa vida? Dígame de que nos serve matar esa xente?
-Insinúas que somos nós os que nos debemos unir a eles? Foron eles os que arruinaron a nosa terra no pasado e os que a arruínan no presente. Impóñennos o seu idioma, as súas crenzas...
-O seu diñeiro, non? A carteira que vostede ten está chea de billetes verdes cun S de dous paus. Equivócome señor?
-Son eles os que teñen as armas, o diñeiro; todo. Que sabes ti se non viches máis ala do que ven teus ollos. Os nenos de alí teñen como pesadelo vivir aquí. En cambio os de aquí non teñen como soño vivir alí. Sabes por que? Non queren vivir en occidente porque é occidente o que mata á súa familia, o causante da súa pobreza.
-Os nenos de aquí non soñan porque non se lles deixa. Polas noites son espertados polo son das bombas, e polos días tan só poden aspirar a comer ou beber.
-Neno, tan só che vou dicir unha cousa. Cando en Europa a economía baixa ou sobe, eles pensan que hai equilibrio. Se un país perde valor monetario, gaña turismo e recupérase. Pensan que o mundo está equilibrado e así é. África non é outro continente é outro mundo.
-Se son eles os causantes da nosa dor, por que van nenos á guerra? Por que matamos a xente coa pel tan escura coma nós? Por que matamos a xente que ten a nosa mirada?
El enfureceuse e ensinoume os dentes. Coa man aberta deume un golpe na cara. Eu agarreino e tireino contra a mesa do escritorio. Cun brazo tíñao inmóbil, co outro apalpei a mesa ata dar cun abrecartas dourado que vira ao entrar no despacho. Erguín o brazo por riba da cara daquel home. Este cerrou os ollos e esperou a fina punzada. Mais non o matei. Podía matalo, nada o impedía. Daba igual o seu poder, seguía sendo un humano. Non o matei porque iso demostraría o que el conseguira, o que quería facer comigo ao igual que con tantos outros nenos. Sempre se buscou o soldado perfecto. A mellor forma de conseguilo é dende nenos. Do soldado ao asasino só hai unha palabra de diferenza.
Marchei da habitación deixando a aquel home atemorizado. Collín o ascensor e fuxín dese sitio. Horas máis tarde sentado nun banco oín un discurso que falaba de unir África. Un discurso feito de mentiras, no que se empregaban como argumentos soldados aos que se lles daba unha medalla. A xente aclamaba ao gobernante que pensaban elixir eles. Todo o mundo se dirixía á praza na que se daba o discurso. Por contra eu camiñaba na dirección oposta. A cada paso afastábame do bando polo que loitara. Camiñaba a contracorrente da xente. Coas mans nos petos e a cabeza baixa. As miñas mans agarraban uns billetes dos meus petos. O deserto era o meu fogar e non esa cidade.
A miña terra chámase África. Nela uns están no máis alto. Aséntanse en tronos elevados por montes de cadáveres. Cren ser os donos da terra mais non teñen nada. Esa é a miña África. Unha terra que tivo que escurecer por tanto sol. Unha terra marxinada á que só se lle presta atención en guerras de telexornal.


Nel de Toro. 3ºESO, B
Categoría: 6.-A revista - Publicado o 29-05-2008 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal
ENDL IES Pontepedriña

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0