O galego só é falado nunha esquina pola que se esconde o sol. Se tanto tempo aguantou neste recuncho máis ou menos pequeno, por algo será... Aquí podes atopar as pedriñas que imos deixando de todo o relacionado coa lingua deste recuncho chamado Galicia.
Para esta tarefa é imprescindible a túa axuda. Anímate a mandares as túas achegas a pedrinhas@hotmail.es
O venres despedimos unha xeración de 2ºde Bacharelato moi especial para todos nós.
O Equipo de Normalización, co que tanto colaboraron, quere desexarlles unha andaina moi ventureira; sabemos que han ser unha boa sementeira para espallar o xermolo da lingua que xa comezou a medrar nelas e neles.
Non hai mellor xeito de despedida que as agarimosas palabras que Carmen Fandiño lles dedicou:
"Alguén dixo, ó mellor fun eu mesma e xa nin sequera me acordo, que o ensino non é unha ciencia: é una clase de arte, e polo tanto, só o artista está capacitado para ensinar. Artista en números, en hilvanar os fíos da historia, en mostrarvos que as linguas son, non só fáciles, senón a única maneira de comunicarse con tódolos marabillosos e diferentes seres humanos que poboan o noso difícil mundo. Pero ó fin, artistas. Non sei se todos estaredes de acordo con isto, pero ¿como lle chamariades vós a poder asumir con certo, só certo, repito, garbo, o ser ademais de mestres e mestras, mamás e papás, enfermeiros, guías turísticos, proveedores de comida coa suficiente cantidade de chocolate para que vos permita levantar o ánimo, tantas veces polo "puritito" chan, etc? Pois iso, artistas...
Á parte desta introdución coa que podemos todos estar de acordo ou non, a primeira palabra que se me ocorre ó tervos diante é: gratitude. Gratitude cara a vós e cara ás vosas familias por mandarvos así de fábrica, para que simplemente vos melloraramos. Gratitude especialmente por ter confiado a vosa formación á escola pública, o xeito máis libre e igualitario de ser instruído. Gratitude a vós por ter mostrado paciencia e comprensión nunha etapa da vida onde se deciden tantas cousas e na que os profes asumimos unha responsabilidade que ás veces nos desborda. E no que a mín respecta, grazas por non terdes acudido urxentemente ó Consello Escolar ou á nosa Xefa por chamarvos cafres atómicos, tontos de … ou infelices, sementando dubidas máis que razoables sobre a miña estabilidade mental. Gracias, pueblo! Grazas tamén por ter aprendido tanto de vós, e en agradecemento voume permitir darvos uns pequenos consellos: Non prestedes demasiada atención ás nosas monsergas de vellos , pero a estas últimas si: Non fagades nada que poida avergonzarvos, e se o facedes, non teñades medo de pedir perdón. O perdón permite avanzar. Sede tamén ambiciosos, nunca perdades o afán de superación. Todos vós valedes moito, queridos!
Non quero rematar sen recordar ós que non aprobaron todo(nobody is perfect. Ánimo!Sodes moi novos e uns meses da vosa vida non son nada..."
Do completísimo traballo que fixo Elvira Roiz collemos prestados estes vídeos. Tamén vos deixamos a ligazón ao blog da Biblioteca Saturnino Hermida de Ferrol para que poidades ver o traballo completo (paga a pena!)