OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

É tempo de que Beiras se retire
Manuel Fraga, Paco Vázquez e Xosé Manuel Beiras teñen en común varias cousas. A principal, é que son políticos que pertencen ao pasado, non ao futuro.

Outra cousa que comparten eses tres políticos do post-franquismo é que, louvados incondicionalmente polos seus seguidores e criticados cegamente polos seus rivais, provocaban paixóns políticas intensas e non deixaban indiferente a ninguén.

Xosé Manuel Beiras, ex-voceiro nacional do BNG, foi sempre recoñecido como un líder carismático tanto dentro como fóra do seu eido na esquerda nacionalista.

Nacido con pedigree, como fillo do respeitado galeguista conservador Manuel Beiras, Xosé Manuel cursou estudos universitarios en Santiago de Compostela, París, e na prestixiosa London School of Economics, convertíndose nun dos homes mellor formados académicamente na Galicia franquista do seu tempo.

No contexto de represión política da dictadura, a aposta silenciosa do Galeguismo interior esperaba formar a Xosé Manuel como un futuro líder da Galicia post-franquista, seguindo os pasos do seu pai, cofundador do Partido Galeguista en 1931. Mais foi durante as estadías de Xosé Manuel na Franza onde o xoven estudante, que inicialmente se autocalificara de "liberal-progresista", acabou influenciado polos postulados revolucionarios do marxismo, ideoloxía que hipotecou a sua futura carreira política.

Cun enorme atractivo cosmopolita, xoven e dinámico, antítese da autarquía franquista, Xosé Manuel Beiras comezou unha impresionante traxectoria profesional como cofundador do Partido Socialista de Galicia en 1963, subdirector da Revista de Economía de Galicia, e profesor na Facultade de Económicas da Universidade de Santiago.

No que está considerado como o periodo álxido da súa carreira académica, en 1972 publicou "O Atraso Económico de Galicia", unha análise daquela innovadora e aínda hoxe extraordinariamente influínte, esencial na historia do pensamento económico galego.

Tras un fallido intento de entrar na política como cabeza de lista do PSG, Beiras participou na fundación do BNG e entrou no Parlamento Galego como deputado en 1985. Beneficiándose da desaparición de Coalición Galega, da crise interna do PSdeG, e da concentración do voto anti-Fraga, o BNG medrou en votos ata acadar o seu teito eleitoral de 18 deputados en 1997, aínda a moita distancia dos 42 deputados gañados polo PPdeG.

Mais mentres rivais políticos como Manuel Fraga ou Francisco Vázquez gañaban repetida e cómodamente maiorías absolutas, Xosé Manuel Beiras non era capaz de moderar e convertir o BNG en alternativa real de goberno.

Unha das varias claves da falta de apoio popular á formación liderada por Beiras foi a súa imaxe radical, cando non directamente agresiva. Mentres que o seu núcleo de admiradores incondicionais aplaudían ao Beiras enfant terrible, a maioría social galega víao máis ben como o neno problemático da clase. As súas expulsións do Parlamento na lexislatura do 1989-1993, culminando co infame episodio do zapato imitando a Khrushchev, foron uns dos momentos máis embarazosos da historia parlamentaria galega.

Nas eleccións do 2001 Beiras comezou a perder votos. Se durante a súa década como líder do BNG non foi quen de sumar maiorías sociais, tampouco foi capaz de utilizar o seu liderazgo para reformar a frente. O BNG estivo sempre controlado por un partido comunista, a UPG, que puxo a Beiras como líder cando éste lle era util, e botouno cando deixou de selo.

O longo enfrontamento que mantivo Beiras coa UPG terminou coa derrota do primeiro, que anunciou a súa marcha do BNG o pasado 12 de febreiro. Naquel momento crítico, como líder do seu novo colectivo Encontro Irmandiño, Beiras volveu mostrar máis espectáculo que xestión marchando do BNG con desafogo mais sen claro plan de ruta, sen coordinarse cos outros grupos descontentos que logo terminaron nun minifundio de partidiños diferentes anque de ideoloxía similar.

Xosé Manuel Beiras aínda goza dun extraordinario carisma en boa parte da esquerda nacionalista, mais a súa autoridade é cada vez menor, igual que lle pasou a Fraga antes de perder as eleccións do 2005. Dos grupos escindidos do BNG, hai indicios que o que está a gañar máis adhesión social non é o dos beiristas, mais o chamado Compromiso por Galicia, promovido en gran parte polo sector moderado que escapou do BNG.

Non cabe dúbida de que o vehículo político do que comunmente se chama 'nacionalismo galego' está a sufrir unha transformación vital. O BNG, cada vez máis controlado pola UPG, radicalizou o seu discurso e encara á posibilidade da marxinalidade electoral.

Todo o mundo é consciente de que non hai espazo eleitoral para máis dunha forza no eido minoritario da esquerda nacionalista, mais o líder dos escindidos Irmandiños semella non ter presa en confluir cos outros desencantados do BNG. Coas eleccións ao Parlamento de Galicia á volta da esquina, Beiras continúa teorizando sobre conceitos pouco concretos como o de "crear un movemento, non un partido", mentres que cada vez máis nacionalistas comezan a dubidar da súa falta de iniciativa e liderazgo.

Entre a indiferencia da maioría da sociedade galega, que xa perdeu pista da sopa de letras de partidos creados e escindidos fóra do BNG, o último proxecto político promovido por Beiras -Novo Proxecto Común- celebrará a súa asemblea fundacional o próximo día 14 de xullo. Perguntado pola prensa se vai ser candidato da nova formación, o veterano político, que vai camiño dos 80 anos, declarou "Eu non pecho a porta a nada".

Despois de medio século sen ter gañado nengunha elección, Beiras debería xa pechar a porta e abandoar a política.

As súas recentes declaracións calificando de "terroristas perigosos" aos líderes do PP e PSOE, e chamando "axente do fascismo internacional" ao gobernador do Banco de España, lembran unha vez máis que o autor de "Homenaxe a Marx no 1º centenario da súa morte" sigue sen estar capacitado para gañar o voto da maioría do País.

Teñen razón os siareiros beiristas ao dicir que Xosé Manuel Beiras é "a historia viva do nacionalismo galego". Mais esa é unha historia do nacionalismo do pasado, non do futuro. É a historia dun proxecto de oposición, para minorías; dunha aposta fracasada por fórmulas marxistas que non foron aceptadas pola grande maioría da sociedade galega.

A saúde de toda democracia require alternancia de gobernos, e para que esa alternancia poida darse son precisos partidos de vocación maioritaria. Non está claro o que vai emerxer despois do afundemento da actual terceira forza politica galega -o BNG- mais este é o momento ideal para que o principal protagonista daquel pasado minoritario se retire e deixe de interferir no traballo dos protagonista
s do futuro de Galicia.
EDITORIAL DE INDEPENDENTE.GL
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 12-07-2012 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal