OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Un pouco de respecto ao sionismo
Xa está ben desta ignorancia cómplice que asimila nazismo ou calquera forma de totalitariasmo a sionismo. Hai que se informar un pouco e deixar de repetir ocos ecos sen reflexionar nin informarse. O fundador do sionismo moderno é Theodor Herzl. No seu libro "El Estado Judio" de 1896, baseándose no antisemitismo que circulaba por Europa e que ía en aumento, fala de procurar un lugar no mundo para o facer un estado xudío. O sionismo –simplemente nacionalismo hebreo- como todo sionismo, acobilla unha pluralidade de tendencias. Non é o mesmo ser de ETA –un asasino- ou do PNV. Non é o mesmo ser de Al Qaeda –un asasino- ou dun partido confesional musulmán calquera. Pois ben, o dominante dentro do sionismo moderno é a esquerda, nacida das ideas precursoras do amigo de Marx e Engels que era Moses Hess, quen xa en 1862 publicara “Roma e Xerusalén”, adiantando unhas ideas que logo sería recollidas polo laborismo israelí. Por esta tendencia esquerdista, dominante, insisto, no sionismo, unha das bases do estado de Israel é o comunitarismo dos kibuts, a solidariedade cos que chegan, etc. etc. Os xudeus ultra-ortodoxos, son antisionistas porque din que eles non teñen dereito a un estado, porque deus os castigou botándoos de Israel, alá hai dous mil anos -e de aí que non podan contradicir a deus. Son unha minoría que respresentarían eses imbéciles vestidos de negro que foron visitar Irán e apoiar non a negación do Holocausto –eles non a negan- senón dicir que foi un castigo de deus contra o sionismo, por quereren construír un estado xudeu.Despois de barallaren varias posibilidades no movemento sionista –desde a Patagonia a Kenia- escolleron para promover a súa construción nacional a zona de Israel, polo mito histórico que tanto lle turraba, como pola atracción que o sultán de Turquía, exerceu sobre eles, posto que consideraban a zona erma e case baleira. Despois de décadas de asentamento progresivo, sabemos todos o que pasou: 1942-45 o maior crime planificado da historia da humanidade, 1948 proclamación dos estados de Israel e Palestino por parte da ONU, guerra árabe contra Israel, fuxida de moitos árabes de Israel, e comezo da vida nos campos de refuxiados para estes fuxidos, sen sequera a posibilidade de integración nas nacións árabes de acollida –Líbano, Xordania, Exipto, etc.

Na proclamación de independencia do estado de Israel, o 14 de maio de 1948, recóllese en dous dos seus puntos esta clara vontade de convivencia pacífica cos árabes.

EXHORTAMOS - aínda en medio da agresión sanguenta que é lanzada en contra nosa desde hai meses - aos habitantes árabes do Estado de Israel a manter a paz e participar na construción do Estado sobre a base de plenos dereitos civís e dunha representación axeitada en todas as súas institucións provisionais e permanentes.
ESTENDEMOS a nosa man a todos os estados veciños e aos seus pobos nunha oferta de paz e boa veciñanza, e os exhortamos a establecer vínculos de cooperación e axuda mutua co pobo xudeu soberano asentado na súa terra. O Estado de Israel está disposto a realizar a súa parte no esforzo común polo progreso de todo o Medio Oriente.

E isto é o que dicían os xudeus nacionalistas, ou sexa sionistas. Por iso, os galeguistas históricos, desde Castelao a Seoane, sempre tiveron unha gran amizade e profunda simpatía polo sionismo e os xudeus. Saúde. Shalom.
Comentarios (0) - Categoría: Mundo - Publicado o 29-07-2008 06:20
# Ligazón permanente a este artigo
Consulta vasca: O Estado íspese
Consulta vasca: O Estado íspese
Un artigo de Imanol Murua


O Goberno de España, para que negalo, ten razón. A consulta non obriga a nada, de acordo; non é un referendo, de acordo, pero a Constitución española tamén declara as «consultas mediante referendo» competencia exclusiva do Estado. Sufraxio universal, censo electoral, comisións electorais, campaña... din que son moi bos, pero os xuristas do Goberno vasco terán choio razoando que a do 25 de outubro non é unha «consulta mediante referendo».

Esta non é unha batalla xurídica. E se alguén o pensa, que lea a cuarta razón do recurso que deu en presentar o Goberno de España ante o Tribunal Constitucional. O fondo do conflito na súa crueza. Iso ten a iniciativa de Ibarretxe, a de agora e a de hai catro anos. Non se ve claro, mesmo se finalmente vai celebrar a consulta, que efectividade tería realmente para solucionar o conflito político e traer a paz. Non se ve nada claro se, como se agarda, o Tribunal Constitucional a prohíbe, como levarán a cabo a consulta o Goberno vasco e os partidos que a apoian. Pero, cando menos, visibiliza claramente cal é o cerne do conflito que hai que resolver aquí.

O recurso do Goberno de España, entre as páxinas 25 e 29, está ganduxado de verdades, cheo de verdades sobre o terreo de xogo e as normas establecidos pola Constitución española. Os que argumentan que grazas ao Estatuto de Gernika alaveses, biscaíños e guipuscoanos teñen o dereito a decidir deberían ler unha frase subliñada, e non unha vez, no recurso: «a autonomía non é soberanía». Díxoo o Tribunal Constitucional por primeira vez en 1981, confirmouno en 1984 e volveuno lembrar novamente en 2007, como fixo notar no recurso o avogado do Estado. É dicir: «o titular da soberanía é o pobo español»; «a unidade indivisíbel da nación española é fundamento da propia Constitución»; «o suxeito constitucional [español] recoñece e garante autonomía ás nacionalidades e rexións». E, xa que logo, en caso de ter que pasar «dunha patria común e indivisíbel de todos os españois a un estado plurinacional» debe ser «como consecuencia da decisión de todo o pobo español».

E postas estas bases sobre o tema da consulta, velaquí dúas conclusións do recurso. Unha: para realizar «unha consulta autonómica» a autorización non a pode dar o Parlamento vasco, senón o Congreso español, co apoio da maioría absoluta, e a convocatoria non pode facela o lehendakari, senón o Consello de Ministros do Goberno de España, mediante un decreto asinado polo rei de España e confirmado polo xefe de goberno. E dous: «as decisións políticas que teñen importancia especial para toda España non deben consultarse en referendo autonómico, senón en referendo nacional».

Velaí o terreo e as normas de xogo, explicadas polo avogado do Estado cunha claridade digna de agradecemento. O de sempre: que quen di que o suxeito de decisión é España -e só España- ten o amparo de toda a lexislación, e quen din que a cidadanía vasca ten dereito a formar un suxeito político está apreixado no marco xurídico-político, sen opción ningunha de materializar unha reivindicación política lexítima. Ibarretxe dixo que o Goberno de España interrompeu «o noso autogoberno político», pero, desgrazadamente, non fixo máis que utilizar as ferramentas que lle dá o Estado autonómico pero indivisíbel.

E agora que? Ziarreta (1) dixo que a consulta se vai celebrar malia todos os atrancos, mais Urkullu (2) que respectarán a legalidade. É moi difícil que se se cumpre o de Urkullu se cumpra o de Ziarreta. E o de Urkullu, iso di a experiencia, cumprirase.

O próximo capítulo, de aquí a dous meses: o Goberno vasco pediu ao Tribunal Constitucional que decida antes do 15 de setembro, para poder realizar a tempo a convocatoria de consulta. Entre mentres, paréntese.

NOTAS
(1) Presidente de Eusko Alkartasuna, un dos partidos que forman o actual goberno da Comunidade Autónoma Vasca.
(2) Presidente do Euskadi Buru Batzar, máximo órgano do PNV.

Artigo tirado do xornal ‘Berria’do 16 de xullo de 2008]
Comentarios (0) - Categoría: Mundo - Publicado o 19-07-2008 19:58
# Ligazón permanente a este artigo
O común

O común
Manuel Rivas

1. "Da luz nace a escuridade", anotou de forma enigmática Nicholas Hytner, director de cine das bruxas de Salem.
2. Goethe empeñouse en demostrar, sen querer considerar outras evidencias, que a teoría das cores de Newton era unha estafa. Segundo el, a suma de todos colores era o gris. E xamais recoñeceu o seu erro: "Este sentimento de superioridade permitiume soportar a estúpida arrogancia dos meus adversarios".
3. En 1932, un grupo de intelectuais brasileiros presentou un manifesto clamando polo "Principio de Autoridade".
4. Na posguerra, un profesor de dereito de Santiago comezaba as súas clases con este saúdo: "Damas, cabaleiros e alféreces provisionais...".
5. Entre os asinantes do Manifesto pola lingua común hai alféreces que propuxeron, en xocoso ton intimidatorio, publicar as listas de "non asinantes".
6. Non abre a boca a literatura: a que pregunta. 7. Nada se di das "outras" linguas, da súa "sorte", situándoas na sospeita difuminada, falas espectrales sen hábeas corpus.
8. é un texto apodíctico, con pasta de decreto, que axitará como providencial trofeo a gran dama do "novo lerrouxismo".
9. Fervorosos "constitucionalistas" propoñen no substancial darlle unha dentada á Constitución, a pesar de que di da lingua castelá: "Todos os españois teñen o deber de coñecela".
10. Cal é o concepto do común? Forman parte as "outras" linguas do patrimonio común?
11. Este Manifesto, esta torpe campaña, provocará o erizamiento de todos os nacionalismos.
12. Co seu manifesto Anti-Dantas, o futurista Negreiros fixo soado a Dantas.
13. Non coñezo a ningún cidadán que renuncie ao castelán. Si a algúns que humillan proclamando a inutilidade das "outras" linguas.
14. Abrazo o castelán no exilio, nos sefarditas, no Sahara, en Porto Rico.
15. España necesita manifestos de convivencia e lexemas de simpatía: cultivar a biodiversidade e non a bioperversidade.Postado por administrador
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 10-07-2008 05:36
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal