OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A ignorancia de Aymerich
A imaxe de Carlos Aymerich quedou en dúbida, ao demostrar unha soberana ignorancia histórica e unha enorme torpeza política cando impediu que no Parlamento Galego se aprobara unha declaración institucional de condena do Holocausto. O 27 de xaneiro celébrase todos os anos no mundo enteiro, instituído pola ONU, o Día Internacional de Lembranza das Vítimas do Holocausto. Ayme­rich evitou que se aprobara esa resolución por parte das tres organizacións políticas galegas representadas no Parlamento, porque segundo el cumpría que se engadise á mesma unha condena dos ataques actuais de Israel contra Palestina.

Nunca mellor aplicado a este caso o dito popular de "confundir o touciño coa velocidade". Só desde a ignorancia da historia se pode vincular o Holocausto co Estado de Israel. Porque nin sequera as vítimas principais da barbarie nazi eran israelís, senón cidadáns xudeus de distintos países europeos. Alén diso, a creación do Estado de Israel -1947- foi posterior á persecución e ao exterminio dos xudeus europeos, ocorrido nos anos 30 e no primeiro lustro dos anos 40. Que culpa teñen os pobres xudeus masacrados polos nazis das falcatruadas que poida cometer hoxe en día Israel cos palestinos?

Torpeza política é deixar mal o nacionalismo galego no interior e con posíbel e inxusta sona de antisemita no exterior, por non condenar un dos feitos máis espantosos da historia, e por prexudicar gravemente a súa organización ao montar de xeito gratuíto este escándalo en plena precampaña electoral. Alguén da executiva nacionalista lle pedirá contas por este gravísimo erro?

Aymerich, coñecido "quintanista", defensor no primeiro momento do plus dos altos cargos, de xeito contraditorio coa súa praxe e pertenza, acostuma a erguer o puño nos actos aos que asiste. Quizais tamén con actitudes así tenta reconciliarse con certa militancia nacionalista veterana e nuclear. Isto non pode querer presupoñer pola súa parte algo tan grave como é a simpleza da base militante bloqueira que non se decataría das demagoxias?
Comentarios (1) - Categoría: Galiza - Publicado o 15-02-2008 03:12
# Ligazón permanente a este artigo
Máis sobre o veto do BNG no Parlamento galego
É POR ISO...
Manuel Jabois
Publicado no diario gratuíto L-V
11.02.2008



A negativa do BNG a condenar o Holocausto se non se inclúe no documento a repulsa da ocupación militar de Palestina é un movemento fabuloso que corre en dúas direccións: a electoral, porque en España nada lle dá máis votos ás esquerdas nacionalistas que os insultos da dereita episcopal; e a inmoral, porque a postura deste portavoz Aymerich consegue bater récords de inmundicia nun país xa afeito a tales cousas. “É por iso que”…, presenta o BNG despois de recoñecer o malo que foi o Holocausto para mandarlle un recado ao Estado de Israel. “¿Xa estaban planeando a ocupación de Palestina no gueto de Varsovia?”, pregunta un intelixente co-mentarista de Vieiros. O texto que quería propoñer o BNG é dun racismo xa non impropio dunha democracia, senón da especie humana: mataron millóns de xudeus, pero os xudeus tamén están a matar agora. “E por iso que…”, di axitando o dedo o portavoz nacionalista, nun exercicio de incultura que, ben visto, ten máis de sectarismo que de racismo. A simpleza argumental, no entanto, anima tamén os militantes de base (de moita base: básicos), que apoian a postura nacionalista cunha coartada intelectual de altura: “fica clara a cousa. PP-Ultradireita mediática-AGAI por unha banda e o BNG pola outra”, di outro comentarista en Vieiros. E pregunta, sobrevoando o debate: ¿cantos millóns máis de mortos necesita o Bloque Nacionalista Galego para non condicionar a condena dun exterminio?
Comentarios (1) - Categoría: Galiza - Publicado o 12-02-2008 16:02
# Ligazón permanente a este artigo
Campaña pola liberdade de expresión en China ante os XXOO 2008
As autoridades chinesas néganse a pór en liberdade ó centenar de informadores e ciberdisidentes detidos e a mellorar a liberdade de expresión.A organización Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) anunciou a posta en marcha dunha campaña internacional Pequín 2008 para denunciar o "cinismo" das autoridades chinesas, que se negan a pór en liberdade ó centenar de xornalistas e ciberdisidentes detidos, e a mellorar a liberdade de expresión.RSF destaca que "o goberno, e o Partido Comunista Chinés conceden a maior importancia ó éxito dos Xogos Olímpicos para o seu propio beneficio, pero sen ningún respecto pola palabra dada". Nesta ocasión, RSF reeditará a súa campaña Pequín 2008, cun visual dos aneis olímpicos substituídos por esposas."Cando só faltan meses para o inicio dos Xogos Olímpicos de Pequín, o goberno chinés non respectou os seus compromisos", adquiridos cando se lle concedeu a organización dese evento en 2001, "de mellorar a situación dos dereitos humanos", destacou RSF nun comunicado. En vésperas da Asemblea do Comité Olímpico Internacional (COI), que terá lugar en Guatemala do 4 ó 7 de xullo, a organización de defensa da liberdade da prensa dirixiu unha carta ó presidente dese organismo, Jacques Rogge. "En todo o mundo aumenta a preocupación polo desenvolvemento dos Xogos de 2008, reféns do goberno chinés que se nega a actuar para garantir a liberdade de expresión e respectar os valores humanistas, contidos na Carta Olímpica", escribe RSF nesa misiva a Rogge.
RSF, que ten a súa sede en París, destacou que "o goberno, e o Partido Comunista Chinés conceden a maior importancia ó éxito dos Xogos Olímpicos para o seu propio beneficio, pero sen ningún respecto pola palabra dada".

Aínda non é tarde

Non obstante, a organización está convencida de que "aínda non é demasiado tarde para conseguir dos organizadores chineses, a maioría dos cales son tamén altos responsables políticos, a posta en liberdade dos presos de opinión, a reforma de leis represivas ou a fin da censura".Por iso, RSF convidou a Rogge a realizar "acenos significativos" e que lles diga "claramente ás autoridades chinesas que non é aceptable o desprezo con que tratan á comunidade internacional". "Xa non é momento para os comentarios tímidos, feitos a agachadas. chegou o momento de que o COI, a través da súa voz, fale claramente dos problemas. As súas peticións serán escoitadas e o movemento olímpico sairá engrandecido", segundo RSF, que espera de Rogge que actúe "polas liberdades en China", antes do comezo dos Xogos Olímpicos de 2008. Nesta ocasión, RSF reedita a súa campaña 'Pequín 2008', cun visual dos aneis olímpicos substituídos por esposas. A organización vai difundir esta campaña en todo o mundo, sen parar, durante un ano.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-02-2008 05:05
# Ligazón permanente a este artigo
O BNG e a memoria do Holocausto
O BNG e a memoria do Holocausto
María Pou

Mentres nos repomos do susto dunha Serbia ultranacionalista, decatámonos de que o BNG, o nacionalismo galego, negouse a asinar unha condena contra o Holocausto nazi no Parlamento de Galicia con motivo do Día da Memoria. Argumentan que se condenamos o Holocausto hai que condenar tamén a política actual de Israel.
A formulación é tan demagóxica que resulta pueril explicala pero os tempos dinnos que hai que insistir no obvio e nos principios básicos da convivencia e do ser humano. Sexa como sexa a política de Israel, non engade nin quita un chisco de vergoña ao que sucedeu nos campos nazis. E en toda Europa, pois se os campos chegaron a ser o que foron foi porque todo un continente miraba cara a outro lado e deixaba que nas súas cidades algúns seres humanos fosen rebaixados a un estrato inferior ao animal.
Que hoxe os políticos israelís se equivoquen, cometan todo tipo de tropelías, incumpran mandatos de Nacións Unidas e, ate, adopten decisións dignas de condena pola comunidade internacional non rebaixa a infamia cometida polos nazis. Poderá resultar paradoxal ou incoherente pero non fai que aquilo deixe de ser condenábel. Por iso non pode condicionarse a repugnancia cara á Shoá por parte de calquera persoa de ben en todo tempo e lugar. Sexa xudeu ou non o sexa, sexa alemán ou non o sexa. A razón é que o ataque foi ao ser humano no máis profundo, como recordaba o presidente da Comunidade Israelita de Valencia no acto celebrado o 27 de xaneiro: aos xudeus perseguíuselles non polo que fixeran ou pola súa oposición ao réxime senón por ser xudeus.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 07-02-2008 06:00
# Ligazón permanente a este artigo
Pilar Rahola escribe hoxe sobre o veto do BNG á condena do Holocausto no noso Parlamento
O neno que fuxiu de Polonia
Por Pilar Rahola
LA VANGUARDIA (05.02.08)

Warum?", preguntouse o venerable rabino, asindo o brazo do mozo SS, que ía matar a un neno. O mozo facía contrabando, no gueto de Varsovia, e o soldado descubriuno. Anos máis tarde, o pai de Marek Halter explicou esta anécdota a Primo Levi, quen a narrou no seu extraordinario libro "Se isto é un home". A resposta do soldado marca a lume a memoria de Europa, e define a esencia da maldade: "Hier ist kein warum" (aquí non hai ningún porqué). É dicir, o mal non necesita respostas, pero, sobre todo, non necesita ningunha pregunta. Non había un porqué, e orfos do porqué, mataron a millóns de persoas. Se Hannah Arendt descubriu, no proceso contra Eichmann, que o mal era banal, anos antes un rabino descubrira que nin tan sequera tiña un motivo. E a ausencia de motivo era a raíz máis profunda do horror.

Esta semana celebráronse múltiples actos en recordo das vítimas do holocausto. Logo de décadas de esquecemento, a ONU instaurou un día para o recordo, o 27 de xaneiro, e desde entón réndese tributo aos dous terzos da poboación xudía europea, desaparecidos na shoah. Familias completas, nenos, adultos e anciáns, pobos enteiros coas súas historias de séculos, os seus médicos, os seus mestres de escola, os seus panadeiros, os seus músicos, todos convertidos en fume. A historia da humanidade está chea de xenocidios, e, como di a Torá, o mal (chamado alí Amelek), cambia de faciana, pero o holocausto é o primeiro intento industrial de exterminio masivo, e case consegue chegar ao seu obxectivo. Sete mil persoas, lixeiros como espectros, quedaban en Auschwitz cando "fixeron a súa aparición catro novos soldados soviéticos dacabalo", relata Levi. E segue Marek: "Sorprendéronse visiblemente ao descubrir, nunha bruma de neve, esa inmensidade branca, dominada por chemineas negras e rodeada de aramados, tras as que uns esqueletos humanos movíanse no medio dun silencio ensordecedor". Restos do naufraxio do holocausto, os poucos sobreviventes foron a voz da memoria. Esa memoria, estes días, tivo a súa expresión en múltiples actos, e en Barcelona, da man do escritor Marek Halter, coñecemos a un neno que puido fuxir do gueto de Varsovia co seu pai, deixando atrás o recordo de toda a súa familia asasinada. Fundador de SOS Racismo en Francia e loitador pola paz en Oriente Medio, Marek é, en carne propia, a expresión da palabra hebrea nabí, traducida historicamente como profeta. Dicíanos, no acto do Institut Francés que tiven a honra de presentar: "Nabí significaría o que grita palabras", é dicir, aquel que usa o verbo para conseguir o ben. E desde ese verbo loitado, este xudeu polaco nacionalizado francés recordounos que "cada neno que nace, xa estivo na ladeira do monte Sinaí", e xa que logo comprométese coas Táboas da Lei. Gritar palabras, ese é o combate nos tempos das espadas... Este artigo só tiña vocación de tímida homenaxe ás vítimas do holocausto, convencida da culpa que todo europeo ten no horror que desembocou en Auschwitz.

Pero o BNG obrígame a un engadido. Froito da empanada mental que determinados grupos de extrema esquerda padecen, este partido impediu que o Parlamento Galego aprobase unha declaración institucional de condena do nazismo e en memoria das vítimas. En coherencia con outros actos de corte antisemita -como a persecución a un militante, Pedro Gómez-Valadés, porque fundara unha Asociación cultural de amizade con Israel-, o BNG conseguiu o imposíbel: aliñarse coa extrema dereita. Será que os extremos se tocan. E será que, no nome dunha pretendida solidariedade cos palestinos, hai partidos de esquerdas que desprezan o horror nazi, que non senten ningunha piedade polas vítimas xudías e que son os culpábeis da banalización actual do holocausto. Máis aló das simpatías de cada cal cos protagonistas dun sanguento conflito que dura décadas, os millóns de europeos asasinados son vítimas puras, e o seu desprezo é unha vergoña lacerante. En fin. Un motivo máis para crer que determinada esquerda chega a tal nivel de dogmatismo que acaba sendo cómplice dos sectores máis reaccionarios da historia. Díxoo un deputado do BNG: "Os nosos amigos son a república islámica de Irán, Libia e Venezuela". Todo queda dito.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 05-02-2008 19:00
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal