OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Intolerancia israelí
Isto sucedeu en menos de 72 horas esta mesma semana.
1-) Unha casa de Sderot resultou alcanzada por un foguete disparado desde Gaza,
2-) Irán probou un mísil capaz de colocar en calquera punto de Israel calquera tipo de bomba que queira Ahamideyad, convencional, biolóxica ou nuclear (cando a teña)
3-) O xefe de Hizbullah, Hassan Nasrallah, declarou que a súa organización está disposta a "unha nova guerra total contra Israel".
Pero, ao parecer, o verdadeiro problema é a tozudez do primeiro ministro de Israel a realizar grandes concesións sen que ninguén máis mova un dedo. Os xornalistas aseguramos:
1-) que está a fomentar novos asentamentos en Cisxordania. Esta semana forrámonos a explicar que se empezou a construír un novo: Maskiot. Pero onte xoves, as forzas de seguridade desmantelaron un e diso, nin unha palabra.
2-) que se nega a negociar nada, cando todo o Gabinete israelí non se discute se haberá retirada final dos últimos redutos do Sur do Líbano, senón cando se producirá a retirada.
3-) que se nega a recoñecer aos palestinos o dereito a un Estado pero ocultamos que nin son os palestinos os que se negan a recoñecer o caracter nacional do estado de Israel e ademais nin sequera as dúas grandes faccións palestinas son capaces de porse de acordo sobre iso.
4-) que se nega a dividir Xerusalén. é dicir, pasámonos o día criticando "o muro" pero nos parece estupendo que se levante outro.
Francamente, non entendo nada. A ameaza sobre Israel non é palabrería senón algo que calquera pode comprobar (primeiro parágrafo) que carallo se lle conta á xente?
Velaí un vídeo dunha publicidade israelí. De verdade que a recomendo para que se vexa o lavado de cerebro intolerante ao que se somete aos isralíes.
Comentarios (0) - Categoría: Mundo - Publicado o 30-05-2009 00:17
# Ligazón permanente a este artigo
En defensa da lingua propia

Arredor de 40.000 persoas recuperan o espírito das mobilizacións contra a marea negra do "Prestige" para rexeitar a política lingüística do Partido Popular "O galego une", un dos lemas que usa a Mesa pola Normalización Lingüística nas súas campañas, foi onte máis certo ca nunca na manifestación que concentrou en Compostela miles de persoas para rexeitar o desregulamento do idioma propio do país proposto polo goberno do Partido Popular (PP). A manifestación, convocada pola Mesa e apoiada por 600 colectivos, converteuse na máis multitudinaria en Galicia desde as marchas pola marea negra do Prestige no 2002 e nun fito histórico das mobilizacións para a defensa do galego, advertencia clara ao presidente Alberto Núñez Feijóo de que a conflito lingüístico aberto polo seu partido na pasada campaña electoral pode ser só o comeza dun incendio que sacuda a lexislatura. Nin o frío nin as continuas chaparradas impediron que arredor de 40.000 persoas marchasen durante case tres horas polas rúas da cidade desbordando as máis optimistas previsións dos organizadores. De feito, a Praza da Quintana, onde concluía o percorrido, tivo que ser baleirada dúas veces para dar cabida a todos os asistentes, repetindo en cada ocasión a lectura do manifesto. Gaitas, pandeiretas ou caracolas acompañaron a manifestación nun espectáculo onde non só se vían as pancartas de partidos como o BNG, sindicatos como a CIG ou a CUT ou organizacións como Galiza Nova. Máis alá das bandeiras coa estrela vermella, o que había eran carteis con enormes corazóns, familias enteiras berrando "En Galicia, en galego!" e manifestantes sen unha adscrición política concreta que fan pensar no rexurdir do movemento social xestado a finais dos anos noventa e elevado ao rango de fenómeno de masas con Nunca Máis. Nun dos seus discursos máis incisivos e enxeñosos, o presidente da Mesa, Carlos Callón, arremeteu especialmente contra Núñez Feijóo e a súa tese recente de que el defendería a linguas dos que pretenden apropiarse dela, en alusión ao nacionalismo galego. "Que se apropie o seu goberno", escenificou Callón sobre o estaribel, "que se apropie a conselleira de Sanidade, analfabeta en galego. Que se apropie o consell eiro de Economía, Javier Guerra, analfabeto en galego tamén. Que se apropie a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que quixo xurar o seu cargo en castelán, como se fose tan difícil aprender dúas frases en galego". Callón tamén criticou o conselleiro de Cultura -"exhibe moito curriculum cosmopolita pero non ten vergonza de dicir que a cultura galega está moi ben, pero é limitada"- e a "demagoxia e manipulación" do Goberno do PP. "As persoas que falamos en galego tamén temos dereitos civís" e "o feito de gañar as elección non fai que as mentiras se convertan en verdade". Desde esta prespectiva, o presidente da Mesa advertiulle a Feijóo que "non conten con ningún consenso para reducir a nosa lingua". O acto concluíu coa lectura do manifesto en defensa do galego "impulsado por 30 personalidades" en xuño de 2008 e que conta xa "con máis de 20.000 apoios individuais e de 600 entidades sociais, deportivas e culturais".
Durante a súa lectura -que se realizou en dúas ocasións- as escritoras Teresa Moure e Yolanda Castaño pediron "igualdade de dereitos entre galego e castelán". Pola súa banda, Avelino Pousa Antelo e Nemesio Barxa recordaron que o Consello de Europa advertiu que en Galicia "non se aplican os tratados internacionais para promocionar a lingua no ensino ou os servizos públicos" e que lle corresponde ó pobo galego definir a súa política lingüística a través das institucións". O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, deputados deste partido como Teresa Táboas ou Carlos Aimerich, escritores como Bernardino Graña, Cesáreo Sánchez e Manuel Rivas, militantes socialistas como Mercedes Rosón, o patriarca nacionalista Xosé Manuel Beiras, o cineasta Antón Reixa ou a académica Margarita Ledo -que prefriu Compostela a Láncara, sede da sesión extraordinaria da RAG- son algúns dos nomes que acompañaron desde distintos ámbitos aos manifestantes."Unha lingua", díxolles Manuel Rivas aos periodistas, "só nace unha vez. É un don marabilloso que pertence ao mundo" e "aínda que existan 5.000 non chegan". Son, engadiu, como "6.000 ríos ou 6.000 bosques, que sempre parecerán poucos". E o mesmo que cómpre defender a natureza, a defensa do galego é "unha obriga" porque o benestar da lingua "está asociada ao benestar xeral".

REACCIÓNS A "desconfianza" de Feijóo O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó, expresou onte a súa "desconfianza" cara a "aqueles que queren apropiarse do que é de todos", en referencia ás 40.000 persoas que onte se manifestaron en Compostela en defensa do galego. "Creo que tódalas manifestacións en democracia son lexítimas. Se hai un partido político e outras organizacións afíns que queren manifestarse, só podemos expresar ou noso absoluto respecto. Defender o galego dende a liberdade e promocionar a lingua galega dende o bilingüismo cordial é a posición maioritaria na que conflúe a sociedade galega e na que está instalado o Goberno da Xunta", dixo. "O galego", engadiu, "é de todos, non ten siglas e é un idioma oficial en Galicia, xunto co español". Na mesma liña, garantiu que a Xunta "protexerá" e "promocionará" este idioma.
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 18-05-2009 10:31
# Ligazón permanente a este artigo
Carte Aberta de Camilo Nogueira
"Quero mostrar o meu total desacordo con a decisión tomada, a instancia de CiU, pola Comisión Executiva en funcións do BNG, e depois polo Consello Nacional, sobre a renuncia ao escano de deputado que me pertence. Creo que tomaron unha decisión moi prexudicial para Galiza e o que nela representa o nacionalismo galego. Perante a posibilidade de estar como BNG no Parlamento Europeu no remate desta lexislatura a Comisión Executiva aceitou decontado as posicións de Converxencia e Unió, a mesma que contra os nosos intereses acababa de romper o pacto Galeusca que outorgaba a Galiza a terceira posición na candidatura das eleicións europeas. A negativa Carta de CiU nen siquer foi apresentada na reunión da Comisión Executiva que tomou a decisión favorábel a organización catalá.
Coido tamén, e teño abondas razóns obxectivas para facelo, así que na decisión tomada e na forma de facelo influi determinantemente o feito de que defendo e partillo con compañeiras e compañeiros no BNG, e con muita xente da nación, ideas diferentes ás da maioría actual na direción da organización.

Ainda así, teño a intención de renunciar a acta de deputado no Parlamento Europeu.”

1.-“Demitido o deputado Ignasi Guardáns (depois de serlle negada por CIU a posibilidade de apresentarse de novo nas eleicións europeas e como consecuencia de incorporarse a un cargo no Ministerio de Cultura do Governo do Estado) correspóndeme legalmente substituilo por ocupar a terceira posición como candidato do BNG, logo do deputado do PNV Josu Ortuondo. A pasada semana o Parlamento Europeu debe principiar o proceso de substituición para ser trasladado á Xunta Eleitoral Central do Estado Español, organismo que comprobada a lista apresentada debe dar resposta á Camara europea.

2.-A ocupación do escano non sería debida a ningunha ilexítima pretensión pola miña parte, como deu a entender a Comisión Executiva, nen sería un simples produto da miña vontade, senón a consecuencia legal da posición mantida na lista conxunta. Sería en todo o caso coerente co Pacto de Coalición Eleitoral de Galeusca, que asinamos os candidatos.

4.- Teño a convición de que a entrada do BNG ao final da lexislatura tería un carácter simbólico beneficioso para o nacionalismo na campaña eleitoral que se aviciña.

5.-Mais, depois de receber unha Carta de Convergencia i Unió na que demandaba a miña renuncia, dirixentes do BNG aceitaron decontado as posicións da mesma organización catalá que acababa de romper o pacto Galeusca no que BNG ocupaba o terceiro lugar nas listas eleitorais.

6.-A Carta de CiU non foi posta en coñecimento dos membros da Comisión Executiva que, celebrada o 22 de abril, tomou estrañamente unha decisión favorábel a esa organización e contraria aos intereses do BNG. A maioría dos membros da Comisión Executiva, e todos no sentido formal, ignoraban o contido concreto da Carta. Afectado directamente, eu tamén o descoñecía. Pasaron dous días até que o 24 de Abril me fixeron chegar a nota que enviaran aos medios de comunicación e os documentos que pretendían xustificar a renuncia pedida por CiU.

7.-A Carta tampouco foi apresentada como tal ante o Consello Nacional do sábado 25 de Abril, cuxo contido foi dado a coñecer por min nese acto. Membros da Comisión Executiva tiveron noticia por esta vía do contido exacto da mesma.

8-Depois de manter o silencio posíbel, defendin a miña postura perante o Consello Nacional, o orgao ao que lle corresponden as decisións políticas depois da dimisión da Comisión Executiva a consecuencia do fracaso nas eleicións galegas. Dixen que os termos e os argumentos da Carta refletían moi discutíbeis intereses de CiU, que non respeitaban o sentido do Pacto de Coalición e eran contraditorios cos intereses do BNG.

9.-Depois de facer apelación ao Pacto da Coalición Eleitoral, e en particular a Norma Oitava do mesmo, a Carta de CiU reclamaba que “o candidato Camilo Nogueira, do BNG, presente a súa renuncia a tomar posesión da súa acta de eurodeputado”. Non a pedían, surpreendentemente en favor do cuarto candidato, de Unió Democrática, que parece estar separado de CiU, senón do quinto militante de Convergencia, o outro partido da federación CiU. Agregaban que reclamaban a renuncia “tamén para evitar alteracións laborais na equipa de asesores a cargo de CiU”, engadindo: “trátase tan solo de manter a continuidade da equipa até o mes de xullo, data en que tomarán posesión os novos deputados”, asunto que podía arregrarse sen renunciar aos intereses galegos e do BNG outorgándolle a CiU o direito a receber a asignación para secretariado proporcionado polo Parlamento.

10.-En todo o caso, a cuestión central reférese á interpretación daquela Norma oitava do Pacto de Coalición, referente á substitución no caso de “falecimento, incapacidade ou renuncia de un deputado”. A Norma di que nese caso “os partidos integrantes da Coalición se comprometen a posibilitar o acceso á condición de Deputado a outro candidato pertencente á mesma formación política que o que causa baixa, para respeitar a proporcionalidade que saia das urnas”, rematando con unha frase referente a que os partidos se comprometen a por esta circunstancia en coñecimento de todos os integrantes da candidatura, chamamento este que pertencente ao Protocolo global da Coalición que asinamos os candidatos e debemos respeitar.

11.- Contra a decisión tomada pola Comisión Executiva do BNG, tan prexudical para Galiza e o nacionalismo galego, defendín no Consello Nacional que esa “proporcionalidade saida das urnas” está máis que respeitada tendo en conta que CiU tivo o escano cinco anos, entanto que o BNG non o ocuparía máis que un mes até o momento das eleicións e outro máis até a toma de posesión dos novos deputados. Non se trataría, pois, de no cumprir os acordos con CiU e o PNV, ou de non respeitar a literalidade dos acordos, como pretendeu a Comisión Executiva, senón de consideralos desde o ponto de vista galego, utilizando unha argumentación máis correcta, racional e xusta.

12.-Débese lembrar que, contra os argumentos difundidos pola Comisión Executiva en funcións esa cláusula non se refere para nada a acordo de non rotación contemplado no Pacto de Coalición, senón a unha situación sobrevinda que, obviamente, se pode dar tanto se existe o acordo de rotación como se non.

13.-Non está en demais recordar de novo que foi a organización catalá a que, negándolle a última hora ao BNG o terceiro posto nunha coalición posíbel para a próxima lexislatura europea, obrigouno a procurar outra alianza.

14.-Por estes motivos, ante o Consello Nacional reclamei a reconsideración da posición da Comisión Executiva en funcións para evitar os prexuizos na próxima campaña eleitoral que se orixinarían tanto no caso da renuncia, contraria á presenza simbólica do nacionalismo galego no Parlamento Europeu no final desta lexislatura, como no caso de ser mantida por min a decisión persoal de ocupar o escano que me corresponde legal e politicamente.

15.-Sigo considerando que a Comisión Executiva tomou unha decisión moi prexudicial para o nacionalismo galego e para o que representa en Galiza. Estou en total desacordo con esa decisión. Penso tamén, e teño abondas razóns obxectivas para facelo así, que na decisión tomada e na forma de facelo influi determinantemente o feito de que o candidato son eu, que defendo e partillo con compañeiras e compañeiros no BNG e muita xente na nación ideas diferentes e contraditorias coas da maioría actual na direción da organización.

16.-Ainda así, teño a intención de renunciar a acta de deputado que me corresponde no Parlamento Europeu.

17.-Non lle teño medo aos xustos conflitos mais, desexando uns bós resultados nas próximas eleicións , non quero que a miña presenza no Parlamento Europeu se relacione con nada do que suceda. Abonda co que xa pasou sen eu ter nada a ver. Depois de defender en 1999 a idea de o BNG apresentarse en solitario, en 2003 non pensaba repetir como candidato e así o anunciei na Comisión Executiva do BNG á que pertencía. Acabei aceitándoo. Faltaron 160 votos e fallaron muitos máis. Con todo, tiven o privilexio de ser deputado do BNG por Galiza na lexislatura 1999-2004 e teño tamén a experiencia excepcional de ter sido deputado eleito por unha semana no principio da lexislatura 2004-2009 e deputado virtual por uns días ao final da mesma. Debo agradecer o voto das mulleres e dos homes que o posibilitaron. Fica moito por facer.

Camilo Nogueira
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 29-04-2009 08:29
# Ligazón permanente a este artigo
Irán: Liberdade para Abbas Hakimzadeh! Liberdade para todos os prisioneiros políticos!
Irán: Liberdade para Abbas Hakimzadeh! Liberdade para todos os prisioneiros políticos!
Iranian Workers' Solidarity Network
12 Abril 2009


Tras a liberación de Mohsen Hakimi e o segundo ataque contra os estudantes da Universidade Amir Kabir, a Rede de Solidariedade dos Traballadores Iranianos quere destacar o horrible trato que as forzas de seguridade do réxime iraniano están a propinar a Abbas Hakimzadeh para denunciar a continua represión que sofren traballadores, estudantes, mulleres, minorías nacionais e outros moitos sectores da sociedade iraniana. Abbas Hakimzadeh é un dos catro prisioneiros políticos cuxa situación fará pública a RSTI.

Abbas Hakimzadeh, membro do Consello Central da Oficina para a Promoción da Unidade (o grupo de estudantes prol reforma máis grande) e antigo membro da Sociedade Islámica da Universidade Amir Kabir, foi arrestado o 24 de febreiro. Axentes do Ministerio de Intelixencia arrestáronlle a el e a varios estudantes máis despois dalgúns ataques violentos e negáronse a responder as preguntas das familias acerca do seu estado e paradoiro.

En xuño de 2007 Abbas Hakimzadeh foi un dos dous estudantes da Universidade Amir Kabir (Politécnica de Teherán) que foron encarcerados na coñecida prisión Evin. O 13 de xuño un grupo de estudantes gritaba consignas como "Abaixo o ditador" e "Abaixo o despotismo", o que provocou unha reacción violenta por parte dos gardas da prisión. O virulento ataque deixou a Hakimzadeh en coma, tras ser golpeado polos gardas na tempa.

A crise na Universidade Amir Kabir comezou o 30 de abril de 2007, cando os estudantes publicaron unha revista que contiña artigos que os funcionarios da universidade consideraron insultos ao Islam.

Liberdade para Abbas Hakimzadeh!
Ferir a un é ferir a todos!
Liberdade para todos os prisioneiros políticos de Irán!
Comentarios (1) - Categoría: Mundo - Publicado o 25-04-2009 06:27
# Ligazón permanente a este artigo
Ahmadineyad se sincera
Comentarios (0) - Categoría: Mundo - Publicado o 24-04-2009 02:37
# Ligazón permanente a este artigo
UPG, o cancro do BNG

Un artigo de Miguel A.Boo

A UPG quere perpetuarse cun enroque político que ao cabo será a súa tumba. Agora ven de apadriñar a Guillerme Vázquez como verdadeiro gardián das esencias do marxismo leninismo, pero controlando baixo corda a Aymerich, ao que nos presentan como quintanista cando en realidade é tan radical e sumiso como o anterior. Só que de cara á galería, cando Carlos Aymerich trunfe, venderánnos a moto de que a UPG manda menos. Pero a “U” sigue chuchándolle o sangue ao BNG, no que se agocha camuflado o último partido comunista que con máis poder conta en toda Europa (alcaldías, concellerías, diputados a Cortes…). Calquera maña lles sirve para manter o seu férreo control sobre os demais nacionalistas que vexetan na Fronte, aos que acotío lles abren (ou pechan) os locais e lles acenden e controlan os ordenadores. A estas alturas deberían saber que a sociedade galega xa percibiu que debaixo da súa pel de ovella ocúltanse os mesmos que no seu programa político vixente falan duns inquietantes “principios científicos da prevención do delito e defensa racial…” (1)
(1) http://www.uniondopovogalego.org/upg/Programa_Politico/Politico_Administrativas.htmb>
Comentarios (2) - Categoría: Galiza - Publicado o 16-04-2009 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
Un galego en Mauthausen

Un impresionante relato dun preso republicano galego no campo de concentración nazi de Mauthausen.
---------------
O mar desde esa banda
Carlos Penela*

Na traxedia insondábel e metódica que, noite a noite, se larvaba na raíz dos homes, aquel silencio era o único que remitía ao mundo, aquela pulsión do silencio era o único que daba un pouso de verdade e fuxida na madrugada hórrida e sen alma dos barracóns. Concentrarse naquel silencio, nas esferas últimas do silencio, pois, era quizais o único que podía dar paso a certo xeito de serenidade e ésta, se cadra, a algún recordo menor, semellante a algo tépedo e familiar. Por iso, como un illote perdido nunha sordidez imensa, oceánica, o prisioneiro tentou lembrar un otro mar, outro horizonte lonxe da cotación infernal do Lager. Fechou os ollos con forza, apertouse a si mesmo como quen acouga o abalo dunha nave á deriva e bisbillotando un breve nome tentou lembrar...outro mar, o escorzo luminoso e fresco do seu mar cando rapaz, o tacto real e vivo, aquel, dos limos da ría mentras enredaba apañando ameixa e caramuxo coa mamá e a madriña, cos primos, cos seus, tan lonxe. Volveu repetir lento e fráxil, como se for algo moi valioso, aquel nome no idioma do seu mar e procurou formar así as imaxes de outrora, a xeira cansa dos veciños ao pé da praia, o regreso á tarde, os espellos tornasolados da beiramar. Cómo lle prestaban as cancións da madriña con aquela voz salgada e gasta, o brillo das patelas pesadas, cheas co xornal do día, as olladas piscas e paveras dos vellos, as carreiras cando ía facer os recados á tenda de coloniais. Daquela pensaba que o mundo sempre sería así, a roda lóxica das angueiras e os soños; cómo lle prestaba ficar deitado na duna quentiña, amodorrado logo da merenda, alí, aparvado ollando o ceu baixo e mol na cerna do verán, a pasaxe das gaivotas, sentindo a brisa mareira como unha certeza da infancia que sempre existiría. Enriba do seu camastro arfaba ennovelado, cos laios vidrados pola disentería, Marek, o militante de orixe polaca; estivera de voluntario no frente de Aragón e ás veces falaba con el nunha sorte de lingua franca, castrapa, apenas intelixíbel. El fora quen lle advertira do que realmente significaba aquel lugar durante a viaxe do traslado, durante aquela travesía alucinada por camiños de ferro que se prolongou varios días desde as terras altas de Francia. Contoullo para que fora endurecendo o seu ser, para que o fora tensando, para que a súa sombra non fora ferida tan rápido pola maré de frío e desolación que agardaba, á espreita, no Lager. Na xelatina pestilente en que se convertera o ar escuro do vagón podía distinguir outros rostros cheos de medo que aínda comprendían menos aquel relato, tamén cabezas que asentían de xeito febril perante as palabras de Marek, bocas entreabertas, manchadas polo destrozo da desgraza e o esgotamento. A burocracia da crueldade non axía de balde, o mozo polaco non se enganara. Desde os primeiros momentos comprendeu, como se algo vencera no seu interior de xeito miserábel, que era mellor dar os pasos que daba a maioría, levar ben visíbel o triángulo azul da chaqueta e non ollar nunca de frente aqueles rostros de papel (oficiais bradando cousas durísimas, executando á toa); por iso pensaba sempre nos contos de luces de ánimas das xuntanzas onda a madriña, cando fóra batía a galerna, para non sentir a tentación de cruzar o ollar con aquelas miradas acuosas, fantasmais dos SS. As vellas afirmaban que non había que mirar de frente aos defuntos porque, se non, a alma dun ficaba para sempre no seu feitizo e a vida baleirábase de nós. Por iso evitaba a atención dos capos, dos soldados ferrados con cans e trallas, para ficar desta banda das cousas, sobrevivindo cara adentro. Vira convois completos desaparecer no mesmo día en que chegaban ao Campo Central. O fervor ordenado e frío con que se mantiña aquela lei homicida puxérao a ramo da loucura; e con todo aínda estaba alí, con todo abocaba a vida como o fixera noutro tempo entre as liñas inimigas, entre as ráfagas de metralla, entre os días da derrota e o exilio. Era aínda moi novo, daquela non sabía máis que o peso dalgo novo que dicían era a esperanza e as leituras acendidas e atrapalladas dos boletíns atrasados que lle enviaban os da Célula. Rematara o seus cursos de torneiro naquela academia da capital e estaba á procura dun emprego estábel para axudar na casa. Un veciño da pensión, un viaxante do Levante moi mullereiro, faloulle duns talleres na súa cidade onde traballaba un curmán seu que estaban precisando persoal especializado. Non o pensou moito, mesmo fixo a metade da viaxe co fulano, escoitando recomendacións de fondas baratas e outros garitos naquela nova cidade. O mundo abríase nunha baralla insólita, infinita, e el quería estar alí, no medio do tremor, no medio dos días facéndose en si mesmos, avantando neles. Mais todo bulía xa como un avispeiro perigoso na cidade aquela…por horas medraba unha tensión cega e en varias ocasións mesmo dubidou do que estaba facendo. Pero, que podía acontecer? Eran os compañeiros outra vez a falar da esperanza, eran rapazas bonitas con pucha e palabras firmes, incendiarias...eran bandeirolas nas prazas, cancións a fío, noites de pándega e poemas nas tabernas. E alí vería estourar a Guerra. Alistouse a unha columna anarquista porque a moza pola que debecía militaba nela. Non era pouco. No marasmo dos días máis espesos do confronto, ela desapareceu sen dar sinal algún e entón foi cando decidiu fuxir a Barcelona, lonxe do desconcerto e a dor, das bombas, dos horrores. Achou unha cidade alucinada, dunha vitalidade malsá...nun pulo de sorte, cando a capitulación era cousa apenas xa de semanas, deu cuns tipos que o deixaron a uns quilómetros da fronteira...pagáralles co que, por primeira vez na súa vida, roubara. Como un animal encanallado, durmiu en refuxios de portos de montaña, rillando en códeas de pan duro e en frebas de touciño rancio. Deu tombos por cuadrillas de traballo, como peón, como xornaleiro, xunto con outros exilados, a carón de antigos lexionarios e exconvictos de mirada esguía. E pouco tempo despois, cando tentaba refacer as pezas fanadas da súa vida clandestina, nunha pensión suxa de Marsella soubo que a Guerra abrira outra fenda nas entrañas de Europa. Tamén nesa arriscaríao todo. Aos poucos situábase máis alá do frío e o tremor naquela noite de naufraxio; contodo, quería atinxir aínda o seu mar, as ondas rebuldeiras e calmas da baía, botar de canto os seixos contra a tona calmiza daquel mar e conseguir que desen cinco, seis, até sete ou oito chimpos rápidos...cómo lle prestaba a preguiza do mediodía na praia, o cheiro vivo das sardiñas grelladas baixo o emparrado, na casiña branca dos seus tíos, as risadas das mozas no baile da noite, os fogos do folión...A Marek baleirábaselle a vida no xergón de enriba, coitado, se cadra envenenárase con aquela observación de pedernal contra a que xa avisaban as vellas da súa aldea. A el non, a el non lle podía acontecer nada, aquilo só era frío, sempre se coidara de non pousar a mirada nos óculos tintados do terríbel Obersturmführer, de picar sen pausa no pedregullo, de esquecer as chagas que lle trababan os membros como farpas de fósforo...por iso, aquilo só era frío, colléralle o frío, como dicía a madriña, iso era todo., mais con aquel ponche quente de leite e ovo todo sanaba, só tiña que dormir ben tapado polo agocho dos cobertores e botar a febre suando...dormiría tanto que sentiría logo febleza no corpo todo e acordaría coa luz clara do novo día a perfillar siluetas contra as rendas das cortinas...cómo lle prestaba entón fechar os ollos e intuir a orixe daquelas voces que ecoaban desde o patio, sentir os pasos suaves da irmá maior a traerlle o pratiño de caldo limpo e a pavía fresca...non, nada lle podía acontecer, só era frío e devagar el xa estaba máis alá do frío porque agora estaba entrando na boca da ría, bogando na “Aurora”, na dorna do seu tío, que ía farta e brillante de camarón, de lula, de martiños, que ía tan farta que se cadra podería mesmo afundir antes de chegar á outra banda...escoitaba agora dos beizos de Marek aquela ladaíña, de novo aquel rezo nunha lingua rara e fermosa que non era a da misa do domingo, a mesma pregaria que compartillaran axeonllados cinco homes de nacións diferentes (tres gregos de Thesalónica, o estudante húngaro e un señor moi alto que dicía ter sido actor en Berlín), antes dun mallar de culatas e varios tiros de graza do Obersturmführer, como cuspes negros, dar cabo de vez do seu alento humillado. Fixéranlles presenciar toda aquela encenación obscena da execución, escoitar logo as advertencias histéricas do oficial que descobrira os homes tentando fuxir, recoller a masa dos corpos desfigurados. Xa non quedaba moito para chegar á bocana da ría, pero o mar estaba a virar moi picado, cunha marexada traicioneira...tiñan que bulir, remontar os cons e atinxir a outra banda, o ceu cubrírase de cores aceiradas e zoaba un vento que non era de verán...comezara a chviñar e a dorna semellaba non dar termado xa co peso dos canastos a rebordar de peixe fresco... tiveron medo, polo ceu cruzaban perdidas aves grasnando e a serea dun barco pequeneiro resoprou ao lonxe como un presaxio... ou sería a voz de Marek? Ésta convertérase nun asobío rouco, perdido nas tábuas de enriba... xa non daba apalpado nada co frío que lle entrara no sámago do corpo... a mamá tería un tazón de sopa recén feita para eles, poríase ben contenta por aquela xornada tan boa...había que alcanzar a praia como fose...tiveron medo...o volume da dorna alastrábase ferida entre aquelas ondas bravas... só era frío, frío e un mar alleo de lamentos, a nave terminal, sen anxo, dos barracóns... rompera a chover con máis forza e as batidas do mar mantíñaos anicados co medo...e entón souberon que non chegarían nunca á outra beira...cunha certeza ameazante, definitiva, souberon que aquela tarde non chegarían á marxe da costa...e perdido, perdido nese frío, decatouse ao fin, como nunha iluminación tremente, que a súa voz se afundiría tamén coa do mozo Marek, que ningún dos dous chegaría ao perfil gañado doutros días, doutros abrentes...porque, se cadra, naquela noite non loitaban pola vida nos lombos feros do mar de Noia, porque se cadra aquilo chamábase en verdade Gusen-Mauthausen e o mar desde esa banda non era máis ca un país descoñecido e morto.
Coda:
Entre 1940 e 1945 perto de douscentos exilados galegos foron deportados desde Francia a campos concentracionarios nazis: Dachau, Bergen-Belsen, Mauthausen...foi sobre todo neste último e nos seus anexos de Hartheim e Gusen onde pereceron máis da metade deles. Estímase que, entre xaneiro do 41 e marzo do 42, uns setenta e seis destes cidadáns foron directamente asasinados por diferentes métodos, naquela imensa industria nazi de eliminación; así por exemplo, dezaoito deles foron gaseados no campo satélite de Hartheim antes citado. A biografía resumida neste relato breve, ainda que ficticia, quixera testemuñar como recordatorio necesario a noite dun prisioneiro calquera sen nome, a súa ensoñación última do mar, noite e ensoñación que ben puideron ser, talvez, as dalgún daqueles outros galegos devorados polo deserto negro e real dos KZ.
Carlos Penela é escritor (Vigo 1975). Licenciado en Filoloxía galego-portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela-USC. Reside en Viena. Obtivo o Premio Espiral Maior de Poesía (1997), o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón (2000) o Premio Esquío de poesía (2004). En 2007 gaña o Premio de Poesía Caixanova-Pen Clube coa obra Sombras, rosas, sombras.
Mañá de Sábado
Editorial Toxosoutos (2008)
ISBN 13:978–84–96673-61-8
Web de Amical Mauthausen
Web do campo de Mauthausen
Comentarios (1) - Categoría: Galiza - Publicado o 19-03-2009 01:27
# Ligazón permanente a este artigo
O estanque do BNG

O estanque do BNG
Manoel Santos

A desfeita electoral do BNG non me sorprendeu tanto como a torpeza do PSdeG, que nin con tan millonarias siglas, que traballan por si soas, foi quen de soster o goberno. Mais os seus efectos para a malpocada identidade do país serán, de seguro, moito máis graves.A sucursal galega de Ferraz irase recuperando aos poucos apoiada no xigantesco aparato estatal, tanto máis axiña como se decate de que a opción Pachi Vázquez -causante de moitas das mobilizacións sociais que nos dous últimos anos foron minando o bipartito- é un mal parche. O dos nacionalistas é outra cousa. A sangría de escanos semella non ter paranza e fala dunha realidade que moitos non quixeron ver. Accedérase ao poder, si, mais cunha notábel perda de actas -de 17 a 13- que anunciaba dende había anos que as cousas non ían ben. Era un vivir no autoengano, se cadra propio da cegueira que produce o poder. Se o proxecto con Beiras estaba estancado, como dicían daquela, con Quintana e a UPG afogou no estanque. Centos de análises falan estes días das causas do ridículo electoral-gobernamental do BNG, e moitas auguran un futuro ben escuro para a fronte. No entanto, poucas conclúen que iso é o de menos. Aferrarse a unha marca ou unhas siglas non parece ter sentido cando o que realmente periga no país non é a organización do BNG, que ao cabo só é un instrumento, senón o proxecto que abandeirou o BNG, imprescindíbel para a supervivencia dos sinais identitarios -e até etnomentais- que nos definen como pobo. Hai tres destas análises, moi estendidas entre os cegos xestores da derrota, nas que un non pode coincidir. Primeiramente, falar dos efectos da crise parece máis ca nada unha mala desculpa. Considerar que o pobo ten tan pouca capacidade de análise como para pensar que o bipartito é o causante da crise e que o PP a vai resolver é desprezar o bo sentido das xentes da nación. En segundo lugar, ese "non fomos quen de transmitir á sociedade o labor de goberno" ao que se alude sempre dende o BNG para xustificar fracasos, non parece moi realista. Ao meu xuízo aconteceu exactamente o contrario. óubose transmitir e moi ben, mais non era ese o camiño desexado polas bases, foran estas militantes ou non. Alguén pensou que se podía producir o cambio sen cambiar, e ninguén reparou en que o primeiro que había que facer era retirar as tropas de Iraq e pechar Guantánamo.
Terceira análise. É esa que fala da excesiva crítica á que as bases da esquerda sempre someten a quen levan ao poder. A esquerda, deberiámolo saber, é crítica por definición, certo é, pero tanto máis como se sinta apartada dos proxectos que emprende. Porque un proxecto como o do BNG non pertence a quen dirixe a organización. Naceu do pobo, sen apoio empresarial, nin burgués, nin mediático, e no pobo cómpre que resida. Ese "de costas ao pobo" do que tanto se fala. Ese foi o motivo de máis peso. E as desculpas que o Beiras esixiu o mércores de cara aos movementos sociais un paso imprescindíbel, mais non único, para colmatar o estanque.
Comentarios (1) - Categoría: Galiza - Publicado o 10-03-2009 17:07
# Ligazón permanente a este artigo
Beiras pide a dimisión de Quintana
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 07-03-2009 05:13
# Ligazón permanente a este artigo
Morreu Pepe Rubianes
Comentarios (0) - Categoría: Mundo - Publicado o 05-03-2009 06:23
# Ligazón permanente a este artigo
Quintana non debe demitir

A culpa foi do PSOE por baixar de máis. E da Voz de Galicia claro.
Comentarios (3) - Categoría: Galiza - Publicado o 05-03-2009 05:35
# Ligazón permanente a este artigo
A xustiza islámica. A Sharia.
Comentarios (0) - Categoría: Mundo - Publicado o 28-02-2009 02:00
# Ligazón permanente a este artigo
Obama´s Elf
Obamás
Comentarios (0) - Categoría: Mundo - Publicado o 18-02-2009 18:55
# Ligazón permanente a este artigo
Retrato dunha xenófoba vergonzante
Comentarios (0) - Categoría: Galiza - Publicado o 14-02-2009 04:18
# Ligazón permanente a este artigo
Audiencia universal
En coherencia coa seica ilimitada xurisdición internacional da xustiza española na voz da "Audiencia Nacional", o xuíz Fernando Andreu admitiu a trámite unha querela contra o Estado de Israel por un bombardeo en Gaza que, no 2002, acabou coa vida de quince civís. O obxectivo era un dirixente terrorista de Hamás. O auto do xuíz se encarrila na mellor doutrina do xuíz Garzón, animado por tantos precedentes nos que a xustiza española se erixiu en xendarme do mundo mundial. O Supremo intentou sen éxito coutar a xurisdición universal dos tribunais españois no «caso Guatemala» esixindo unha condición que non prevé a lei, a presenza dun interese directo do caso co Estado español. O Tribunal Constitucional tumbou a idea do Supremo e, desde entón, o goteo de denuncias por crimes contra a Humanidade foi tan incesante como frustrante. Non só é un exercicio xurisdicional abocado ao total fracaso -porque sen colaboración do Estado acusado non hai probas, nin autores, nin xuízo-, senón tamén enganoso, porque ningunha vítima foi reparada. Sen embargo, diplomaticamente teñen un alto custo, determinante de decisións paradoxais e ate hipócritas, como as que fixeron da morte de José Couso unha bandeira partidista e logo forzaron ao fiscal Conde-Pumpido a pedir e obter o seu arquivo. Despois do alarde antiisraelí do PSOE, esta iniciativa xudicial achega agora o seu grano á campaña de criminalización do Estado xudeu, obviando que a Audiencia Nacional tamén ten competencia para perseguir, por exemplo, o terrorismo palestino. Por qué non o fai?
Comentarios (0) - Categoría: Mundo - Publicado o 31-01-2009 19:24
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [17]
© by Abertal