OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O estanque do BNG

O estanque do BNG
Manoel Santos

A desfeita electoral do BNG non me sorprendeu tanto como a torpeza do PSdeG, que nin con tan millonarias siglas, que traballan por si soas, foi quen de soster o goberno. Mais os seus efectos para a malpocada identidade do país serán, de seguro, moito máis graves.A sucursal galega de Ferraz irase recuperando aos poucos apoiada no xigantesco aparato estatal, tanto máis axiña como se decate de que a opción Pachi Vázquez -causante de moitas das mobilizacións sociais que nos dous últimos anos foron minando o bipartito- é un mal parche. O dos nacionalistas é outra cousa. A sangría de escanos semella non ter paranza e fala dunha realidade que moitos non quixeron ver. Accedérase ao poder, si, mais cunha notábel perda de actas -de 17 a 13- que anunciaba dende había anos que as cousas non ían ben. Era un vivir no autoengano, se cadra propio da cegueira que produce o poder. Se o proxecto con Beiras estaba estancado, como dicían daquela, con Quintana e a UPG afogou no estanque. Centos de análises falan estes días das causas do ridículo electoral-gobernamental do BNG, e moitas auguran un futuro ben escuro para a fronte. No entanto, poucas conclúen que iso é o de menos. Aferrarse a unha marca ou unhas siglas non parece ter sentido cando o que realmente periga no país non é a organización do BNG, que ao cabo só é un instrumento, senón o proxecto que abandeirou o BNG, imprescindíbel para a supervivencia dos sinais identitarios -e até etnomentais- que nos definen como pobo. Hai tres destas análises, moi estendidas entre os cegos xestores da derrota, nas que un non pode coincidir. Primeiramente, falar dos efectos da crise parece máis ca nada unha mala desculpa. Considerar que o pobo ten tan pouca capacidade de análise como para pensar que o bipartito é o causante da crise e que o PP a vai resolver é desprezar o bo sentido das xentes da nación. En segundo lugar, ese "non fomos quen de transmitir á sociedade o labor de goberno" ao que se alude sempre dende o BNG para xustificar fracasos, non parece moi realista. Ao meu xuízo aconteceu exactamente o contrario. óubose transmitir e moi ben, mais non era ese o camiño desexado polas bases, foran estas militantes ou non. Alguén pensou que se podía producir o cambio sen cambiar, e ninguén reparou en que o primeiro que había que facer era retirar as tropas de Iraq e pechar Guantánamo.
Terceira análise. É esa que fala da excesiva crítica á que as bases da esquerda sempre someten a quen levan ao poder. A esquerda, deberiámolo saber, é crítica por definición, certo é, pero tanto máis como se sinta apartada dos proxectos que emprende. Porque un proxecto como o do BNG non pertence a quen dirixe a organización. Naceu do pobo, sen apoio empresarial, nin burgués, nin mediático, e no pobo cómpre que resida. Ese "de costas ao pobo" do que tanto se fala. Ese foi o motivo de máis peso. E as desculpas que o Beiras esixiu o mércores de cara aos movementos sociais un paso imprescindíbel, mais non único, para colmatar o estanque.
Comentarios (1) - Categoría: Galiza - Publicado o 10-03-2009 17:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Decide to buy a replica appreciate, have a look at ma#blgtk08#ny web sites in which sell off Rolex replica watches.
Comentario por Replica Rolex (08-07-2013 04:17)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal