OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Veciños. De Andrés Pavón
Imaxinemos que os veciños dunha parroquia monfortina do rural que, por unhas razóns ou outras, tiveron que emigrar a Barcelona, Alemaña ou Venezuela, deciden converter nunha nova parroquia os terreos e casas que -co seu esforzo fora de Lemos- foron mercando pouco a pouco. E que a esa nova parroquia lle poñen o nome que tiña antes da chegada dos romanos. Constrúen unha estrada, instalan a traída de augas, colocan farolas e beirarrúas, plantan frutais e mesmo levantan un templo sobre as ruinas doutro máis antigo. Invirten sabiamente os cartos que fixeron no estranxeiro e tentan levar unha vida pacífica. Ademais, tanto o concello como o bispado, logo de senllas votacións, aproban a creación desa nova parroquia e faise unha concentración parcelaria para que residentes e emigrantes queden satisfeitos.

Pero os veciños que quedan na parroquia orixinal non están dacordo. Din que toda a terra é súa, que só o culto da súa igrexa é o válido e que non aceptan a eses emigrados preto deles (e eso que moitos son parentes). Como non teñen razón, ninguén lles fai caso. E deciden pasar a acción: primeiro danlle unha malleira a un cativo, logo préndenlle lume ás árbores e, finalmente, poñen petardos “trueno” nas portas das casas. E xa envalentonados, chaman a veciños das parroquias lindeiras para que se sumen á “ofensiva”.

Logo de anos fóra e de sufrir humillacións por seren estranxeiros, os emigrados deciden que ninguén os moverá da súa terra e, como teñen recursos suficientes, contestan unha por unha as agresións. Tamén colocan arame de espiño para defender o seu e disuadir os agresores. Só queren estar tranquilos.

Os da parroquia “orixinal” comezan entón unha campaña de vitimismo baseada en falsedades: que se nos rouban a auga, que se nos moveron os marcos, que se nos mataron tres ovellas cando nós só matamos unha. Todo excusas para camuflar o seu odio. E o peor é que consiguen ter éxito e gañan numerosos adeptos.

O caso é que a situación se prolonga no tempo e, mentres os emigrados van prosperando, os “orixinais” cada vez son máis pobres por estar ocupados nun enfrontamento que consume todos os seus recursos e no que non poden (nin deben) gañar e no que se deixan arrastrar polos membros menos capacitados do grupo.

Nótase que o meu non é ser guionista xa que estas cousas non poden pasar no mundo actual. Ou si que pasan?
Comentarios (0) - Categoría: Mundo - Publicado o 21-11-2012 03:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal