OUTRA VISIÓN


CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO (Oficial ou alternativo)
Se repetimos unha mentira unha e outra vez, a xente terminará por crela.

(Joseph Goebbels)



O meu perfil
teixeira1970@hotmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Beiras, o neno que rompia os xoguetes
It's still the same old story
the fight for love and glory
a cause of do or die
The world will always welcome lovers
As time goes by
Sam no bar de Rick, en Casablanca, 1942.

Por Xoán Salgado
Sam, o pianista do Bar de Rick en Casablanca, non era Sam e non viñera de París. En realidade era Dooely Wilson, un actor secundario que nacera en Texas, cantaba e tocaba a batería pero nunca soubo tocar o piano. Do mesmo xeito Beiras non é Vitor Laslo, non lidera ningunha oposición nin está fuxindo máis que das súas pantasmas. E, desde logo, non vai facer cantar ao bar enteiro, en pé contra a "ocupación española" por moito que soñe e aínda que el saiba tocar, seica, o piano.

Xosé Manuel Beiras Torrado acaba de cometer outro grave erro político ao preferir unha alianza con IU en vez de con Compromiso por Galicia.

Pero a cousa non estraña, porque, realmente, Beiras non é un político, é unha estrela, unha grande estrela mediática, un divo, unha vedette histórica, pero non un politico.

Como ideólogo é pobre, non ten corpus producido que alimente aos seus seguidores máis alá da paixón cega polo lider. Nin constituiu unha escola de economistas, nin é recoñecido alén das nosas fronteiras. Segue coa renda d'O atraso económico de Galicia e a definición intoxicadora de "colonia iInterna" (poderíase substentar tal cos datos socioeconómicos de hoxe en día?). Nin chegou a entender a trascendencia que podía significar a administración única propugnada por Fraga e presentou para contrarrestala, disparatado brindis ao sol, unha iniciativa parlamentaria para incluir a autodeterminación na constitución española.

Como estratega, sempre escolleu o máis beneficioso para o seu brillo, pero en xeral o máis ineficaz para o país. Falamos de 1977 cando os socialistas da FPS se integran no PSOE e son hexemónicos e marcan politicas nos seus territorios, como o PSC de Reventós e Pallac. El non quixo facer tal e logrou que o PSG baixase ao inferno da marxinalidade. E el con el. Falamos de 1984 cando o nacionalismo leva uns anos anovándose con Esquerda Galega para fuxir da marxinalidade antisistema, e en vez de apostar pola anovación, incorpórase ao BNG liderando -só ouropel- esa dura alternativa. E brillando el, como deputado, no medio do ermo. Falamos dos anos seguintes no seo do BNG onde é incapaz de liderar ningunha alternativa de cambio eficaz á hexemonía da UPG e chega a ser expulsado da súa organización, daquela Esquerda Nacionalista, por ir por libre. Falamos do período de cogoberno nacionalista 2004-2009 onde se mantivo ostentosamente á marxe, dedicado aos altermundismos e á defensa da independencia do pobo mapuche entre outros temas trascendentes para o futuro de Galicia. Falamos da súa ruptura despois de ter perdido o congreso de febreiro. Falamos de como en vez de propugnar unha unión entre os escindidos que optase pola anovación do galeguismo e nacionalismo incorporando a moitos sectores dispersos nos que gurgullaba a esperanza, opta por achegarse aos que o deixen brillar máis.

Non, non é un estratega. Terá, si, un alustar final -non hai moito percorrido politico por diante dun home seis anos máis vello que Fraga cando asumíu a primeira presidencia en Galicia no 1990- pero deixará moita terra queimada ao redor.

Pero tampouco un xestor. Nos seus 74 anos, e vivindo en democracia desde os 41, nunca tivo responsabilidades de xestionar ningún nivel de poder no que puidesemos contrastar a súa brillantez coa súa eficacia. Non sabemos como gobernaría un poder, pero si sabemos como fixo nas súas casas políticas. Terra Queimada. Estamos ante unha estrela que brilla, como os vellos iconos bizantinos. Pero nós somos iconoclastas.

É parte da nosa historia. Beiras foi mimado ata o extremo polo vello galeguismo. Era fillo de Manuel Beiras, fundador da Dereita Galeguista con Vicente Risco e Filgueira Valverde. Pero de algún xeito proxectaban nel a esperanza de que fose Vitor Laslo ou Castelao outros galeguistas sen fillos como Ramón Piñeiro e Francisco del Riego. Mimo de francés, piano, misas galeguistas, presenza nos actos dos cincuenta, coñecemento directo do panteón de vivos e adoración dos mortos rosalianos... logo estudos en Compostela, París, Londres...Coñecedor das terrazas de Saint Germain e dos paseos por Bloombsbury... e non, por sorte para el, da suor de arrincar das patacas, do manexo da coitela nas vendima, da xestión da supervivencia na cotidianeidade gris das cidades galegas, dos barracóns de emigrantes en Xenebra...

Beiras é unha estrela. E as estrelas teñen luz e lume. E antes de consumirse, arden e queiman. Se cadra, pola súa coidada estética de descoidada luz imperial sobre o resto dos mortais precisaba, como Xulio César cando entraba en Roma triunfante de mil batallas, un escravo ao seu lado que lle fose repetindo, Respice post te, hominem te esse memento . Ou sexa, "Olla detrás de ti e lembra que só es un home".

En fin unha vez máis a Vanitas vanitatis que pexa o avance do país. Sairemos adiante, pois tamén dicía Sam, "The fundamental things apply, as time goes by".
Comentarios (1) - Categoría: Galiza - Publicado o 04-10-2012 06:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 You can find Replica watches which can be exceptional, custom-made as well as.In choo#blgtk08#sing Rolex Replica watches,large is an additional factor that must 't be overlooked.
Comentario por Replica Rolex (08-07-2013 04:16)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal