Falar galego como afirmación e sostén da herdanza que levamos no corazón.
Unha susbstancial aposta de alumnos dos cursos de idioma galego de Bos Aires pola cultura de Galicia

O meu perfil
oterzodafala@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O MAPA DE TODOS - 18/09/2014
Por Alicia Lago Roca


Foi unha idea colectiva que, como tódolos grandes feitos, tivo un ou dous iniciadores que recibiron despois as achegas dos compañeiros na xuntanza dos mércores. O mapa de Galicia que fora un agasallo do irmán de Rosa, os alfinetes máis grandes para que se visen ben, e despois a pendurar o mapa cunha lamia de "telgopor" que deixase poñer a marca de cada quen. O transporte a cargo de Fabián con moito mimo para que non rompese. Todo se fixo, ata botarlle o seu aquel cunha pequena póla dun carballo verdadeiro ó lado da que leva o fermoso símbolo dos terceiros.
E alí comezou o milagre: cada paisano que pasaba paraba fronte ó mapa e marcaba un, dous e ata catro lugares en lembranza dos pais ou avós. Emocionaba ver estes netos, con medio século ás costas, dicindo ?aquí naceu a miña avoa? para, uns minutos despois, volver cos seus propios netos para que coñecesen o sitio onde todo comezou. E, como se fose obra das meigas boas, escoitábase deles o galego que aprenderon de pequenos e que nunca falaran antes.
Nada faltou, aquel que lembraba as cartas que escribía de pequeno, cos enderezos cravados na memoria; o que buscaba sen ter idea certa do sitio; a que lembraba a última viaxe en procura da terra amada; e tamén os que querían ver os portos de saída dos seus; os asturianos nados no límite que tamén atopaban alí a súa aldea e os do Bierzo ( o León galego) felices de ver que alí estaba apuntado o sitio. Non faltaron os despistados de Navarra ou de Castela que tamén querían deixar a súa pegada ! Ata a parella de mozos galegos que estaban aquí como turistas e non entendían a emoción dos arxentinos de segunda xeración cando vían o mapa de Galicia.
Moitos coidaron que, co feito de sinalar a aldea, convocaban á festa os espíritos dos seus familiares e marchaban cos ollos brillantes cheos de morriña; e tamén quen quixo levar a foto poñendo alí o dedo. Unha ducia de fotos anda polas redes contándolle ó mundo que case 300 lugares foron sinalados nun mapa de Galicia pendurado no ?chiringuito? deste colectivo de galegos que se negan a esquecer lingua e cultura da Terra.
Privilexio dos que estivemos alí axudando, orientando e sentindo a mesma emoción dos que atopaban cada lugar. Agasallo extra nun día cheo de maxia, este mapa quedará gardado para as próximas festas, ata que o último dos galegos de Bos Aires poida deixar a súa pegada nel.
Permitídeme que, de maneira persoal, remate dicindo que puxen a pegada de meu pai en ( Sisán) Ribadumia, a de miña nai na aldea de Vilarraso ( Aranga ) e, como desexo e promesa, tamén a do meu futuro en Miño. E que sentín como propios cada un dos sinais deixados alí como marcas permanentes de amor e agradecemento ós que foron antes.


Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 19-09-2014 05:09
# Ligazón permanente a este artigo
BOS AIRES CELEBRA GALICIA - 14/09/2014

Os asistentes a Bos Aires celebra Galicia na nosa querida Avida de Maio opinaron...

Alicia Lago Roca: "Bos Aires celebra Galicia, por primeira vez e para os vindeiros anos.
Na avenida máis galega, pasado, presente e futuro de Galicia en América. Grazas a tódolos que o fixeron posible; grazas por permitirnos ser parte da festa.
E un grazas moi especial para Helena, a terceira máis pequena, que encheu de alegría o noso chiringuito".

O Terzo da Fala: "Así quedou o noso mapa. Máis de 300 pegadas dos galegos e galegas que un día aquí chegaron. Milleiros de palabras feitas historias de vida, lembranzas dos que xa non están pero viven nos fillos e netos, a emoción dos que atopaban a pequena aldea dos seus e ata aquel que nos dixo "se poño o sinal no mapa parece que o espíritu de meus pais está aquí, agora". Non faltou quen tiña o enderezo aprendido de tantas cartas escritas e buscaba en toda a provincia o pequeno niño sen saber máis que o nome da aldea. Tamén a rapaza bilbaína que quixo deixar a súa pegada na Coruña por amor á cidade e ata os do Bierzo que contentos encheron de marcas as aldeas do León galego.
Así debería escribirse a historia, coa xente común enchendo de amor un mapa".

Federico Trillo: "A festa xa acabou. Nin a incesante choiva foi quen de parar os nosos corazóns sedentos de verbas, de gaitas, de danzas, de ver unida a toda a colectividade galega traballando para que o día galego na diáspora saíra o mellor posible. ¡Que alegría cando se decidiu face-lo festival, incluso coa posibilidade (e logo, realidade) dun clima adverso! E que agradable sorpresa cando, coas primeiras gotas dunha tarde que tería milleiros, a nosa actitude ben reflectía os nosos pensamentos: ?Que así é aínda máis parecido a Santiago, ho!?

A festa xa acabou; o primeiro festival deste tipo en Bos Aires, de moitísimos máis por facer, rematou cun cúmulo de persoas decididas a resistir o temporal (entre os que eu estaba) ata que alguén dixera que iso".
(Ex alumno Colexio Santiago Apostol)

Patricia Alonso: "O Mapa de Galiza no stand de O Terzo da Fala foi unha idea marabilosa!

Co correr do día fóronse enchendo de amor moitos corazóns, pois...quen pasaban por alí, ao buscar o lugar de nacemento dos seus pais ou avós e marcar o sitio, sen sabelo, ía debuxando no mapa unha rede de "partidas e encontros" neste simbólico e fondamente emotivo reencontro galego á beira da Avenida de Mayo porteña.
Comentarios (1) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 16-09-2014 00:14
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0