Falar galego como afirmación e sostén da herdanza que levamos no corazón.
Unha susbstancial aposta de alumnos dos cursos de idioma galego de Bos Aires pola cultura de Galicia

O meu perfil
oterzodafala@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Sen maquillaxe



Dez da mañá dun mércores, no barrio de Congreso. Pola rúa Moreno ao 1900, unha muller dende a beira sur e outra pola norte, avanzan co paso decidido ata atoparse no mesmo punto, a porta do Centro Lalín. A trafega dun día normal de traballo na cidade mostra a habitual indiferenza pero, en troques, as dúas belas e novas porteñas, achéganse á escena imbuídas dese xeito especial que só palpita na alma dun artista. E a ese singular espírito que as une -a paixón polo teatro- súmanse as saudades e o agarimo que agroman dun amor ben gardado dentro dos seus corazóns.

O Centro Lalín ten todo preparado. As portas ábrense de par en par, as luces do salón enfocan o seu paso. Unha platea ansiosa de renovadas sensacións e gañas de coñecelas de preto acólleas. Un mundo alleo as táboas, pero cheo de fervor galeguista.

Alguén ordena o café e a animosa sala das reunións pobóase de anécdotas, lembranzas, e bo humor.

A función vai comezar.

Silvia “Angustias” Ramos e Marcela “Consuelo” Fernández Señor van sentíndose máis en confianza. Apoltrónanse, e xa ninguén saberá distinguir a realidade da ficción.

Marcela lembra: “...e aló no cume do monte, abrazada ó meu home, arredor daquela inesquecible paisaxe; souben da máis completa felicidade”; e subliña o dito abrindo os brazos nun aceno inconfundible de pracer.

Silvia entón, afirma a súa experiencia: “...nese intre, cando a miña tía avoa me díxo ollando os meus ollos: ´miña queridiña, ti es unha de nós´; foi que o comprendín todo; chorei e sentín a necesidade irrenunciable de escribir para explicar aquilo”.

E continuaron con algúns pasaxes da peza que fan naquel acolledor teatro de San Telmo. Un xogo actoral exclusivo, para o goce dos ollos e dos ouvidos dos perplexos integrantes do Terzo da Fala.

A tan agarimoso encontro so lle faltaban as cancións que, amodo, foron chegando; cancións que estaban axiña de acordo co entusiasmo da roda. So esperaban que as ensaiara a doce voz de Marcela para botalas ao ar. Unha canción trae a outra e o sentimento, sábese, adoita provocar algunha que outra bágoa furtiva. Inevitable pranto que ás veces dá o presente na mesa das xuntanzas. A grande mesa do Centro Lalín, do vermello pano de mesa onde conflúen os distintos vieiros do noso soño de alén do océano.

Arredor dela, estiveron “catro” galegas; Silvia, Marcela e Angustias e Consuelo, e alí nos deixaron a pegada da súa estimulante compaña. Unha irrepetible función privada que rematou ao mediodía do mércores 8 de setembro de 2010.

Xente de teatro. Xente, que sabe ben como se pode vivir un anaquiño de felicidade aínda sen maquillaxe.

Norberto Lema Regini

Comentarios (0) - Categoría: Que estamos a escoitar? - Publicado o 30-09-2010 05:05
# Ligazón permanente a este artigo
PARA ANGUSTIAS... CONSUELO; E VICEVERSA
Esta peza teatral, creación do colectivo de fillos e netos de inmigrantes chamado “De los barcos”, conta as tristuras e as alegrías dun relato que amosa a amizade entre dúas veciñas dunha aldea galega. Amigas as que as penurias económicas e a escaseza de oportunidades apartan inevitablemente da súa entrañable relación.

Entrambas vanse tecendo sen interrupcións e á distancia, os “consuelos” e as “angustias” recíprocos, mentres ven pasar a vida nun longo desexo de reencontro.

Angustias e Consuelo son galegas, pero ninguén pode ignorar ese destino rachón e non buscado, que existe na natureza de todo inmigrante do mundo.

A sinxeleza e claridade do texto de Silvia Ramos, sinala puntualmente que o afastamento físico dos seres queridos non fai máis que aproximar os seus corazóns e que, maila o que sucede nos seus corpos ao longo dos anos, a esperanza de atoparse algún día, non envellece xamáis.

A posta en escena de Patricio Azor amosa con intelixencia e moita imaxinación, unha conversa que permanece no tempo e no espazo. Os 11.000 km. de lonxanía e a proximidade dos sentimentos son ben explícitos e convencen ao espectador que, aos poucos, vai deixándose levar pola mán de dúas estupendas actrices de teatro independente que non falan senón unha mestura de galego e castelán, moi común e grata ao noso oído rioplatense. Nótase nas intérpretes que a alma galega non é indiferente para elas.

Nunha parte, fan un contrapunto de palabras soltas cos nomes de obxectos e vivencias; lembranzas queridas que expresan con moita dor e amargura, nun diálogo de ida e volta; case berrándoas. Noutro, Marcela Fernández Señor, mentres vai arranxando unhas frores dándolle a espalda ao público, entrega unha interpretación antolóxica da fermosa canción “O maio”, coa súa doce e melodiosa voz. Estes son dous momentos sublimes que non se poden deixar de subliñar.

E aquela cereixeira que se secou na horta, onde Consuelo ía sentarse á súa sombra, e mesmo as vágoas verdadeiras de Silvia Ramos no papel da namoradisa Angustias das “pernas aínda boas”; son particularidades que lle engaden intensidade á narración.

Quen coñece ou coñeceu alguén coma Angustias ou Consuelo, vai sentir fronte a escena, a viva presencia desa persoa. E, quen sabe delas, pero nunca as viu e as ouviu, ten agora a oportunidade de facelo nun acolledor teatriño de San Telmo, os domingos ás oito da noite. Elas presentaranse a si mesmas: son Angustias e Consuelo, nada máis que dúas amigas como para coñecelas de preto e rematar queréndoas.
Norberto Lema Regini
Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 16-09-2010 03:19
# Ligazón permanente a este artigo
María do Cebreiro tróuxonos a Rosalía
Ela gardaba respectuoso silencio. Entrementres o anfitrión, un compracente Don Francisco Lores, tendo a carón seu unha disertante de luxo, ia invitándoa a expresarse con “ enteira liberdade” nese ámbito tan acolledor coma a Biblioteca Galega de Bos Aires onde na fronte esperaba a súa palabra unha platea con ansias renovadas de escoitar, ampliar coñecementos e gozar da boa compaña.
Pero foi na benvida do historiador Ruy Farías e na introdución ao tema da periodista Débora Campos, cando a súa atenta mirada asomaba perplexa, por riba dos seus brazos cruzados, sen poder evitar o rubor que lle producían os conceptos e as loas.
Despois dunhas moi divertidas ocorrencias entrámbolos dous presentadores, a súa graciosa presenza ergueuse decidida para dar comezo ao seu meduloso repaso da vida e obra da insigne escritora galega.
Nese intre, o seu bonito sorriso dun leve trazo agatuñado, coloreou as súas meixelas de rosa, e unha voz clara e precisa agromou da súa gorga invadindo a Biblioteca. O público entusiasta estimulado por todo o que mobiliza Rosalía, desempeñouse cunha participación moi activa. Certamente, quen teña lido un só poema rosaliano non pode ficar indiferente. Preguntas e relacións xurdiron axiña e as adecuadas respostas non se fixeron esperar. María do Cebreiro Rábade Villar, que tamén é ela mesma poetisa,ademais de estudosa analista da mitolóxica Rosalía, reflectiu acerca da relevancia dos escritos en prosa da figura liminar do Rexurdimento nada en Santiago de Compostela..
Non lle pareceu pertinente abondar nos sempre controvertidos vieiros da vida desa muller sete veces nai, esposa de Manuel Murguía; inda que afirmou nos tópicos coñecidos e comprobables. Leu unha persoal escolma de vibrantes poesías. Estudantes e estudosos, lectores e relectores, ou aqueles que se acercaron por curiosidade, sentíronse unha vez máis, seducidos pola paixón daquela escritora polo seu país, o seu pobo, e os seus sentimentos. Doces e doridos versos que se tornan severos cando é preciso reivindicar a dura realidade nun cantar. Rosalía de Castro, tamén fulgurante autora da novelística castelá, atopou en María do Cebreiro unha referente válida que ten a frescura propia dunha disertante erudita e nova.
Na sala do primeiro andar da Federación de Asociacións Galegas vese un carteliño que a eficiente Cecilia Escalhao colocou no teito dun armario; o anuncio di: “Sala de silencio”.
Nunha atmosfera de moita tenrura, admiración e respecto sen falsa reverencia; rematou a tertulia e o imprescindible silencio volveu dominar. Lentamente a biblioteca ficou baleira e o auditorio retirouse satisfeito de estar un pouco máis preto da luz intensa desta grande da literatura universal, inequívoco símbolo da galeguidade.
Norberto José Lema Regini
Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 09-09-2010 17:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal