Falar galego como afirmación e sostén da herdanza que levamos no corazón.
Unha susbstancial aposta de alumnos dos cursos de idioma galego de Bos Aires pola cultura de Galicia

O meu perfil
oterzodafala@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O MÉRCORES NO LALIN

Ledicia é a palabra xusta para explicar os momentos vividos na compaña dunha destacadísima figura do galeguismo. En Víctor Fernández Freixanes, a Galicia da cultura, a do desenvolvemento económico e social, e a Galicia enxebre atopan sen variar, unha palabra cálida, amena e sensata, que as describe e analiza.

Laureado escritor; -recibiu o Premio Torrente Ballester en 1993 coa novela A cidade dos Césares -; é tamén periodista e editor de marcado acento na difusión e o fomento das letras galegas A súa personalidade é respectada en todas as esferas do quefacer de Galicia.

Logo dunha nerviosa espera, matizada coa chegada dos compañeiros e dos amigos invitados, presentóunolo Débora Campos, dando comezo a unha conversa que dende o inicio, amosou as cualidades dun home de fala clara, non exenta do mellor humor, e oportuno e medido histrionismo.

Nado e feito para a divulgación dos mellores valores da nosa terra, na súa exposición non faltaron detalles de fineza, como por exemplo, o ir lembrando os nosos nomes na medida que a conversa espallábase en diálogos reveladores cunha platea cada vez máis entusiasta.

Nun intre, ollou de fronte a Miguel e a Diego para insistir en que hai que preparar a xuventude americana perante unha plena integración na Galicia que vén.

Unha Galicia na que a tasa de natalidade é moi baixa, os novos de América como eles parecen ser a reserva substitutiva.

Non esqueceu a súa paixón pola literatura e brindouse en estímulos aos presentes pola escritura en galego. Dirixíndose a Débora, fixo unha mención sobre a idea da creación dos “grupos de Bos Aires” e, non menos importante, o oferecemento como Director Xeral de Editorial Galaxia, da publicación de textos escritos en galego xurdidos da pluma de escritores deste continente.

Débora Campos, pola súa parte, interviu tamén con encendidos aportes: “son galego porque me peta”, lle escoitamos, referíndose á decidida actitude que vale, e que hai que ter; e encheu con pertinentes subliñados os relatos e as relacións do invitado de honor.

O faladoiro rematou cando a sensación era que aínda ficaba moito máis para falar e aprender, pero as obrigas de cadaquén - esa implacable tiranía - decidiron a fin dunha verdadeira e amable clase de galeguismo coa plena participación de todos.

Ante nós pasara, deixando a súa estela, un home completamente vestido de negro e marfil na cabeleira. 21 de abril, de 2010
Norberto Lema Regini

Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 29-04-2010 22:52
# Ligazón permanente a este artigo
¿Só curso da lingua galega?
O meu pai, cando era nena e tiña medo de algunha cousa, cantábame:
"Paxariños que andades voando
polas follas do loureiro
e subides polos ameneiros
a buscar o raiño do sol..."
Non me lembro como segue a letra, pero sí que o medo pasaba cando imaxinaba os paxariños voando, os loureiros e os raiños do sol. El falábame da súa aldea, da carballeira de Santa Minia, do río, e eu medrei imaxinando Pedrouzos e seus paxariños.
El morreu hai unha chea de anos. Pero sei que si soubese que estou falando e escribindo galego estaríase moi feliz. Hoxe eu podo falar e escribir porque meus compañeiros están doutro lado escoitándome. Sen eles e sen nosos profesores non estaría dicindo isto, porque cando fun á escola na miña casa deixouse de falar galego.
Manuela Barca Fernandez
Comentarios (1) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 18-04-2010 23:09
# Ligazón permanente a este artigo
ÁBRESE O PANO NO TERZO DA FALA
Na reunión do sete de abril estivo conosco Dona Delfina Blanco. A escritora e directora teatral presentouse na xuntanza do Centro Lalín, onde vivimos unha amable e inspiradora mañá.
Delfina falounos das súas experiencias e inquedanzas ao redor do teatro galego. Fixo unha pasaxe na conversa lembrando o rexurdimento da escena en Galicia, e ata logrou o concurso de dúas novas actrices, Gisela Barbeito e Lela Barca, para interpretar dous das personaxes de "La esperanza era Galicia", unha comedia da súa autoría de próxima estrea.
A especial experiencia rematou cunha quenda de teatro lido á que nos prestamos todos con moito agrado e emoción. Sen dúbida o espíritu de Talía estivo sobrevoándonos no mediodía daquel mércores distinto.
Norberto Lema Regini
Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 18-04-2010 22:33
# Ligazón permanente a este artigo
Do libro Follas Novas, de Rosalía de Castro, edicións Patronato 1992

VIII
¡Que hermosa te dou Dios, terra querida,
desdichada beldá!
¡Que brando e melancólico sosego
sinto ó te contemprar!
¿Por qué, por qué antre as frores as espiñas
entretexidas van,
nesa coroa que a túa testa ciñe
de verdor eternal?
¡Ouh Galicia, Galicia!, a arpa sonora
pronto descolga xa
da seca ponla onde olvidada dorme,
dorme, a sigros contar.
Os bardos fillos teus a voz levanten
das cordas ó compás
i enchan o mundo armónicas i altivas
tan só pra te alabar.
Comentarios (4) - Categoría: Que estamos a ler? - Publicado o 01-04-2010 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal