Falar galego como afirmación e sostén da herdanza que levamos no corazón.
Unha susbstancial aposta de alumnos dos cursos de idioma galego de Bos Aires pola cultura de Galicia

O meu perfil
oterzodafala@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Homenaxe a Rosalía
Onte mércores 26 de febreiro, o Terzo dá Fala, rendeu unha fermosa homenaxe no Xardín dos Poetas de Bos Aires a Rosalía de Castro.
Colocáronse flores na estatua que a perpetúa e cantáronse cancións galegas. Ademais, participaron do evento turistas e xente da cidade que paseaba polo lugar.


"Rosalía de Castro (1837-1885), poetisa. Filla natural de Teresa de Castro, pertencente a unha nobre familia galega e dun sacerdote, nunca superou de todo a crise desencadeada cando se decatou, aos quince anos, da súa procedencia ilexítima. O seu primeiro libro de versos, La flor (1857), non será máis que o comezo dunha obra na que o amor desgraciado e a denuncia social serán temas recorrentes. A súa importante produción poética encádrase dentro do máis claro e melancólico romanticismo. Ademais, colaborou de forma decidida no renacemento da lingua galega". (Fonte: Mulleres na historia - Rosalía de Castro, feminista na sombra. www.rtve.es).
Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 27-02-2014 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
TV Galicia no Terzo




O Terzo dá Fala recibiu á televisión galega, na súa reunión semanal do mércores 5 no Centro Lalín.
Ademais de facer reportaxes a varios membros do grupo, os enviados compartiron a reunión. Poden ver fotos da gravación e da reunión na FOTOBLOGOTECA do blog.
Comentarios (1) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 07-02-2014 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
O San Ramón
Alicia Lago Roca


Meu avó paterno fora bautizado co nome de Ramón. Cousa rara nunha aldea galega, ninguén o chamaba “Moncho” ou “Ramucho” nin calquera dos seus diminutivos agarimosos, el era para todos Ramón, o “Poila”.
Moitos anos despois do seu pasamento, cando fun por primeira vez a Galicia, souben dese alcume. Seica de pequeno, Ramón persignábase cun contundente “Poila señal de la Santa Cruz” que lles quedou marcado na memoria a tódolos rapaces que compartían o catecismo e a misa. O “Poila” foi medrando e perdurou no tempo acompañándoo ata o cemiterio.
En homenaxe a este avó que non tiven a honra de coñecer, fun o 31 de agosto último á romaría de San Ramón, no lugar de Bra en Sombreu, a medio quilómetro escaso de Miño subindo pola estrada que leva a Vilarmaior. O programa da festa anunciaba misa na capela á 1 da tarde, posta do Santo, fogos, romaría na carballeira amenizada por orquestra e un xantar de campo con postos de polbeiras e rosquiñas. Alá fun, ante a gozosa promesa de ver pasear a imaxe de San Ramón baixo o sol dun mediodía que marcaba os 33° na farmacia da Rúa da Carreira.
No medio dunha aldea con hortas e leiras de millo, unha capela pequena doada por unha freguesa. Unha carballeira frondosa e fresca ocupada por ringleiras de mesas e cadeiras. Unha multitude de romeiros, algúns coas mellores roupas para a festa, outros preparados para sentar no chan e algúns máis subindo directos da Praia Grande. Multitude, dentro e fóra da igrexa; cheiro a empanadas e viño e un altofalante que repetía a pregaria do crego.
Decateime do remate da misa ó atacar o dúo de cantantes, a orquestra Maracaibo, e xa me quedou claro que non ía saír o santo. Na porta da capela había unha longa ringleira de xente agardando para entrar porque unha muller do lugar, cun santiño na man que non tiña máis de 20 cm, botaba unha longa leria en galego prometendo boa e permanente saúde diante de cada persoa para despois facer o sinal da cruz coa imaxe do Santo. Agardei a miña quenda e pasei diante do pequeno San Ramón participando da famosa “posta” do Santo.
Algúns días despois souben que o meu avó vestía as mellores roupas cada 31 de agosto, collía da man a súa neta Mariloli e marchaba cara a misa de San Ramón, na parroquia de Castrelo, preto de Cambados. A miña curmá díxome que nunca faltou mentres puido valerse e que non había para el día máis sinalado que o último de agosto cando acudía á posta do Santo.
Quen diría que, máis de catro décadas despois do seu pasamento, a súa neta arxentina ía participar, por el, da mesma cerimonia!
Comentarios (1) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 07-02-2014 15:27
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal