Falar galego como afirmación e sostén da herdanza que levamos no corazón.
Unha susbstancial aposta de alumnos dos cursos de idioma galego de Bos Aires pola cultura de Galicia

O meu perfil
oterzodafala@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

“GUERRA QUIMICA”, de J. Coletti (escritor mendocino) - 19/12/2014
“Saíron das covas subterráneas, silandeiras e atentas. A enceguecedora luz varría o contorno de sombras e sorprendeu a vangarda. Os seus corpos eran delgados e fortes. (…) Enxergaron o horizonte e aspiraron a fresca brisa. Lonxe divisábanse os luminosos pétalos da árbore do recendo, vermellos e carnosos, sobre os cimbreantes talos protexidos de espiñas. (…) Case invisibeis, entrecortados pola brétema, podían divisarse os membros do comando de técnicos que se adiantaran para demarcar a área da recolleita. Abaixo, nos apousentos, húmidos e mornos, bulía a vida da familia das exploradoras, á carón dos depósitos dos alimentos. (…) Observaron a vella pegada que conducía ao val achegado; viron como o vento apertaba a multitude de cadavres calcinados sobre a herba. Un sentimento de pavor percorreu a columna escura e apertada das obreiras que agardaba a orde de avanzar. Lixeiros contactos dos seus corpos, coma se fose un diálogo codificado, poñíanas nas condicións para unha boa receptividade. A enerxía toda e máis o poder da vontade eran para a causa do traballo da comunidade. (…) Os corpos armoniosos e perfectos, case inmóviles, agardaban a orde, e cando chegou a sinal vibrátil, unha multitude emerxeu das catacumbas e encamiñou cara ás praderías verdes para coller canto cada unha podía transportar con rapidez á cidade subterránea. Os seixos e máis as follas dos piñeiros xigantes entorpecían o paso. (…) Nin os lóstregos de luz que viñan do espazo, nin o esforzo ata o límite, nin o aburante po que destruíra tantas xeracións, era impedimento para esta nova invasión. (…)Mentres un grupo cortaba, outro comezaba o regreso. De súpeto, un son inesperado estalou no aire, mentres unha sombra voluminosa, multiplicando o efecto da luz sobre as outras sombras, formou unha tempestade de pavor sobre a caravana. As máis fortes trataron de chegar, apresurando o paso e sostendo con forza a carga que levaban sobre os seus ombreiros. Outras, fébles e atemorizadas, procuraban agocharse entre as altas herbas que estaban á beira do camiño. Os berros dos gardians para impoñer orde, foron esmagados polo estrondo áspero que chegaba do ceo e, antes que se puidesen gorecer, unha choiva pestilente caeu sobre o camiño e cubriunas. (…) A asfixia e máis o terror provocáballes en segundo unha morte dolorosa. Unha tras outra, as formidábeis atletas sucumbiron xunto ós ennegrecidos corpos das que integraran as expedicións anteriores, vítimas do mesmo mal.
-“¡Malditas! Non dexarei unha soa con vida”- Berraba o xardineiro mentres espallaba o veleno para formigas no xardín.”
(Tradución: Susana García Otero)

Comentarios (0) - Categoría: Traballos do grupo de estudo - Publicado o 20-12-2014 01:43
# Ligazón permanente a este artigo
NADAL... - 05/12/2014





Así se expresou O Terzo da Fala en Faceboock mentres esperamos a chegada de ... o Apalpador!

Neste mes de Nadal baixa da serra un señor que, como non pode ser doutro xeito, fala galego.
Comentarios (0) - Categoría: Contámoslles que... - Publicado o 05-12-2014 16:21
# Ligazón permanente a este artigo
UN RECUNCHIÑO DE OURENSE EN AVELLANEDA - 04/12/2014
Por Susana García Otero


No mapa de Galiza, onde o 14 de Setembro nós todos marcamos, con múltiples alfinetes de cores , as cidades e máis as aldeas dos nosos pais e avós, pódese ver que esas pegadas se espallan por case todo o territorio galego. No sur de Ourense, preto da fronteira con Portugal, só hai dúas marcas vermellas que sinalan Arzádegos e Enxames. Esas dúas están soíñas, moi preto unha da outra, marcando un recunchiño coma aquel que, coa mesma soidade, formaron María Adelaida Rodriguez Carballo e Clemente García Alvarez, os meus avós paternos, cando casaron o 5 de Outubro de 1914, en Avellaneda.
María Adelaida vivía en Arzádegos, coa súa nai, na casa dos seus avós maternos. Non coñeceu a seu pai. Ela e máis a súa nai traballaban na casa, facendo puntillas de encaixe. Tiña só un irmán, que emigrara a Arxentina e, dende alí, sempre lles escribía que el tiña un bo traballo e unha casa pequena para vivir con elas. En Xaneiro de 1913, as dúas mulleres chegaron a Bos Aires, mais atoparon que a casa eran dous cuartos nunha casa de “inquilinato” e o traballo non bastaba para viviren os tres. O seu irmán díxolles que mentira porque as estrañaba moito. As mans delicadas de María Adelaida, afeitas ó encaixe, tiveron que afacerse ó traballo duro na fábrica téxtil. A pouco de chegaren, o seu irmán marchou ó mares do sur, á caza das baleas. Houbo un naufraxio; endexamais volveu. Elas quedaron sóas. Os paisanos axudáronas. Entre eles, estaba Clemente.
Clemente era de Enxames, non tiña familia en Arxentina. Os dous estaban sós, coma eses dous alfinetes vermellos. Tiveron cinco fillos. Viviron e morreron na súa modesta casa, sempre no mesmo barrio, onde tamén viviron e morreron os seus fillos. Deixáronnos unha herdanza moi prezada: cando alguén pregunta polos García, os veciños máis vellos contestan: “Xente boa coma eles non é doado atopar”.

Foto: María Adelaida y Clemente (avós paternos de Susana).
Comentarios (0) - Categoría: Traballos do grupo de estudo - Publicado o 05-12-2014 03:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal