Falar galego como afirmación e sostén da herdanza que levamos no corazón.
Unha susbstancial aposta de alumnos dos cursos de idioma galego de Bos Aires pola cultura de Galicia

O meu perfil
oterzodafala@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O PÍCNIC DA PRIMAVERA




Foron cedo as cativas escapadelas cos meus amiguiños, esas furtivas incursións afastados dos nosos pais. Máis tarde a primeira moza, o primeiro cigarro; despois nos vintetantos anos, as lecturas nun banco silandeiro, e co tempo, o paciente ensino ós fillos a andar en bici.

Moitas vivencias do meu pasado que sentín e lembrei entrementres pegaba ao tronco da árbore a bandeira galega no mediodía do 21 de setembro.

A xuntanza comezaba e as galegas do Terzo da Fala, acendidas as meixelas polo ar e o sol, e tocadas as súas cabezas con bonitos panos de vibrante cor, preparaban a táboa debaixo das typas frondosas que lle dan sombra ao sector do auditorio.

O xantar non podía esperar máis. O xamón e queixo, a empanada, o chourizo e as sardiñas, xa nos facían chiscadelas. Logo, as filloas e a torta de Santiago, nunha alegre sobremesa coas cancións ao ritmo da pandeireta, animadas polas cantareiras Mirta e Graciela, do célebre grupo “Mouchos e coruxas”.

Foi un día alegre e feliz para todos, que non fixo máis que me engadir unha nova e intensa vibración como daquelas que aínda perduran dentro de min.

Entre a follaxe do tempo empeñábase en xurdir a evocación do principio de todo; cando naquelas mañanciñas domingueiras o coruñés Abelardo Lema Barja, me mercaba no camiño unha mazá e me abría paseniño o portal do meu amado Parque Lezama.

Seica as mesmas vellas typas, nos viron gozar.

Norberto Lema Regini / Setembro de 2011

Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 12-10-2011 14:09
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal