Falar galego como afirmación e sostén da herdanza que levamos no corazón.
Unha susbstancial aposta de alumnos dos cursos de idioma galego de Bos Aires pola cultura de Galicia

O meu perfil
oterzodafala@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Xullo galego



A folla mecanografiada coa lista dos nomes dos integrantes da Comisión Directiva, ia pasando de man en man. A cada sinatura dos presentes na xuntanza, dedicábamoslle unha exclamación e un aplauso. Decote, a Secretaria da Asociación Galega Terzo da Fala, gardou celosamente os cumprimentos para dalle consecuente curso diante a Ley e normalizar finalmente a idea.
Esa foi, nunha preta síntesis, o sucedido naquela mañá do 11 de Xullo de 2012. Facía falta aínda máis?
Entendimos que sí, reuníndonos arredor do pano branco da banda transversal azul, para tomar o debido rexistro fotográfico que percorra a red informativa amosando a transformación nunha sociedade de feito, o que ata hoxe fose soamente unha morea de soños e lexítimas aspiracións.
Velaí que tomamos forza para cantar o himno e celebrar, nese simple acto,
habermos constituído en flamante sociedade da diáspora, reafirmando os principios trazados naquela unión de alumnos que naceu entre os pupitres dunha aula de lengua galega, no mes de Xullo do ano 2009.
En Xullo, claro; o mes de Galicia.

-------------------

Cumpre aínda salientar, neste actual mes de Xullo, a celebración galega por excelencia: o día de Santiago Apóstolo.
O mércores vindeiro teremos na xuntanza do Terzo da Fala, unha nova ocasión de ratificar a nosa teima en prol da cultura galega. Como sempre, cambiaremos opiñons, discutiremos novas, leremos, riremos, cantaremos? Neste esperanzador peregrinaxe, seica un longo camiño de ilusións e claros obxetivos.

Vémonos o mércores 25 de Xullo, 10:30 hs, no Centro Lalín.
NORBERTO LEMA REGINI
Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 20-08-2012 20:23
# Ligazón permanente a este artigo
O DOMINGO DA VITORIA AZUL E BRANCA




Domingo cando a tarde xa vai sendo noite. A marea humana dirixíndose cara a Catro Camiños envolta nas cores da bandeira galega. Camisetas, bufandas, caras pintadas, cintas no pelo e na fronte, calquera cousa vale para facer saír o sentimento.
A decepción primeira cando nas pantallas instaladas onde a mítica fonte non transmiten o partido. Seica lles pediran 42000 euros polos dereitos da transmisión. A multitude conflúe nos numerosos bares buscando dúas cousas: un sitio libre e un televisor sintonizado na ?Plus?. Case collemos no Hollywood xunto ás portas de saída, máis adiviñando que vendo as imaxes da televisión e, de súpeto, o mundo do revés, gol da visita no campo de Riazor. O berro na gorxa, os pantasmas todos de antigas decepcións e a frase que o resume todo: ?A estes hailles que dar dúas viaxes para que espabilen un pouco?. Non falta a infiltrada que vén da fin do mundo soltando un non moi galego ?la concha de la lora? con perdón dos presentes. Perde o equipo e gañan os dous perseguidores inmediatos: catástrofe en porta, de novo o penalty marrado, as meigas en contra e a pregunta repetida: canto falta para o descanso ?
Ás veces, as fadas aparecen no momento xusto, antes do remate do primeiro tempo, o berro conxunto multiplicado nos bares do Centro Comercial, das rúas que o limitan e de tódolos recunchos da cidade, estoupa nun GOL prolongado. No Hollywood, o alivio do ?Carallo, era hora?, mestúrase cos cánticos copiados dos ?números 12? arxentinos. É a hora do soño porque o empate a 1 permite ver máis preto o desexado ascenso. Cando o heroe da noite marca o 2-1 desátase a tolemia e ?o Dépor é de primeira? enche o aire da cidade herculina ata a fin do partido. Para que a festa sexa completa empata a 2 o Valladolid ( chamado Fachadolid polos retranqueiros) e o ascenso xa é un feito. Tanto ten que o outro equipo galego estea máis preto da fazaña, ata poden permitirse ser xenerosos e disimular un pouco o sentimento de rivalidade que os anima. ?Non creas, eu tamén quero que suban? di o meu curmán Arturo sen crer nas súas propias palabras. ?Acabade dunha vez?, ?coidado rapaces que nos empatan?, ?tranquilos que agora vén o terceiro?, ?Deportivo alé?, ? é de primeira, o Dépor é de primeira?.
A marea humana vén dos catro puntos e a fonte de Catro Camiños é un organismo vivente, saltando e cantando como nas épocas gloriosas da Copa do Rei ou da primeira liga gañadas. Miles de nenos vestindo as cores do Dépor,decenas de cans coas bufandas no pescozo, señoras que xa forman parte da terceira idade coa camiseta do equipo e as caras pintadas. Case tres horas despois, fartos de cantar e de garda-lo sitio, a culminación da noite: o autobús cos xogadores aparece e alí si que todo é do Deportivo. Os cánticos emocionan á xente e potencian a festa pero son dous os que máis impresionan polo que representan: o ?Valerón, Valerón, Valerón? repetido ata o cansazo e usado como verdadeiro berro guerreiro e o ?Quedate, Colotto, quedate? coma homenaxe ó xogador arxentino do equipo que aínda non ten claro o futuro. Fartos de cantar enriba do autobús, de lanza-las bufandas ó aire e anima-las multitudes, os xogadores son recibidos como auténticos heroes modernos destas loitas once contra once que tiveron a toda a cidade e a súa contorna pendente dos resultados. E na primeira fila, alá onde poucos poden estar, Eugenia, 14 anos fartos da inseguridade e do medo, levada polos seus curmáns ve pasa-los xogadores a centímetros e non pode crer que a tía cumprise a palabra de levala ve-la festa do Deportivo.
A xente compórtase de maneira exemplar. Malia os litros de viño e de cervexa que beberon, non hai incidentes que lamentar, agás algún que outro pasado de alcohol tirado no chan, desmaiado nunha rúa, durmindo o soño ledo da volta a primeira. Ninguén aproveita os feitos para roubar ou para face-lo parvo molestando os demais; cada quen coa súa felicidade participando da festa do conxunto.
Só unha cousa que salientar: a pena de que o máis galego dos equipos de fútbol fose agasallado cos cánticos en castelán e que a lingua empregada pola inmensa maioría das xentes que o acompañaron fose a dos conquistadores. Non chega co ?Forza Dépor? que aparece por toda a cidade, deberiamos ter máis amor polo noso e máis respecto polo que nos fai pobo. Non serve de consolo que espontaneamente se cante a Rianxeira ou que ?anden miudiño? porque a lingua de Castela volve no ?Coruña entera se va de borrachera?. ?Éche o que hai? diría algún filósofo posto a analiza-la realidade das cousas; non se poden cambiar séculos de crenzas nin se lle pode meter na cabeza a todo un pobo o orgullo de empregar unha lingua máis rica e máis fermosa, nin se pode volve-lo tempo atrás porque as novas xeracións utilizan o castelán case como a única lingua que senten súa mentres o tempo fai o seu traballo e os vellos van morrendo, como ten que ser.
Calamidades á parte, a festexar que o Deportivo xa está de volta; tremen o Barcelona e o Madrid; o equipo coruñés volve despois dunha campaña impecable, con moitos puntos e a só un ano de ter descendido de categoría. E o mellor de todo é que o domingo próximo a festa do fútbol galego será completa; o Celta vai ocupar seguramente o segundo posto do ascenso directo e para o seguinte campionato teremos Derby galego dúas veces ó ano na máxima categoría. Quen nos quita o cantado, ata ese ?Celtarra el que no bota? que desminte os bos desexos e proclama ós catro ventos que os ?portugueses? non son benvidos no olimpo dos deuses do fútbol galego. A festa foi toda dos "cascarilleiros" que cun só berro tentaron chegar de Turquía a Portugal ( como dixo o adestrador Oltra).
Si señor, a cantar que hoxe toca festa. Éche o que hai.
Alicia Lago Roca
Coruñesa
Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 02-06-2012 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
DIA DAS LETRAS GALEGAS

Nós, os galegos da diáspora que falamos galego por opción. Porque somos galegos e estamos orgullosos de selo.
Compartimos o agasallo que fai a Academia, e invitamos ós que podan vir ó Centro Bentanzos que facilitou tan xentilmente o lar, onde xunto a Herbas de Prata Galegas, e Os Gromos faremos o vindeiro sábado 19 ás 20 hs locais, unha sentida homenaxe a Valentín Paz Andrade. O autor, nunhas cartas que parecen feitas para nós, resalta a singularidade da nosa lingua, e afirma a necesidade de loitar por ela.
Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 17-05-2012 18:45
# Ligazón permanente a este artigo
A visita de Víctor Freixanes a Bos Aires
A visita de Víctor Freixanes a Bos Aires transformouse nunha data esperada. O mes de abril, ademáis do outono xa instalado, sempre trae a Víctor Freixanes que vén participar das actividades da ?Feria del libro de Buenos Aires?. Como a estas alturas xa se trata dun ?parente? querido e agardado, Víctor vai de percorrido por tódolos colectivos que están traballando para manter e espallar a cultura galega nesta cidade.

Dende que se creou o Terzo da Fala, alá polo ano 2009, o autor veu sempre falar con nós, sen preguntar nunca nin cantos eramos, nin se falabamos galego, nin se tíñamos coñecemento da súa obra. Con total xenerosidade, dedicounos o máis valioso: o seu tempo.

E esta vez non foi a excepción. Aproveitamos para face-la presentación do seu libro Cabalo de ouros cunha conversa aberta ó publico. Organizamos o acto en conxunto cos Lectores Galegos e coa colaboración da Federación de Asociacións Galegas de Bos Aires que puxo á nosa disposición a súa fermosa Biblioteca da rúa Chacabuco.
A emoción agardábao ó entrar porque alí, nunha listaxe de represaliados na provincia de Pontevedra, Freixanes atopou o nome do seu tío Xoaquín ( mencionado no libro ) e foi quen de compartir con todos nós a homenaxe que a memoria lle ditaba e as palabras non chegaban a describir. Alí estabamos todos, os Lectores do Tortoni, os alumnos do Santiago Apóstolo (que viñan de premialo coa súa Rosa dos ventos) co seu profesor Rodríguez Brandeiro, algunhas autoridades de centros da colectividade, e os estudantes de galego de tódolos niveles, desde o que pode ler e comprender pero non se anima a falar ata os que temos que ser calados á forza. Todos compartindo a marabilla da palabra, a dona das fantasías e das ilusións, capaz de levarnos a outro tempo na Vilanova de Alba mítica onde o medo era amo e señor, dono de vidas e mortes, e onde a única fuxida era o barco cara ás Américas.

Con todo, esta vez falouse máis do futuro, da nova editorial que terá sede en Bos Aires, da posibilidade de mercar libros en galego e ter acceso ás novidades que hoxe non dan chegado aquí, das accións a prol da lingua levadas a cabo nesta cidade que foi centro da cultura galega durante os tempos escuros.

Para todos nós, cada visita que chega desde a Terra é unha festa; ese anaco de Galicia que vén falar connosco trae o bosque e o mar, as aldeas dos nosos pais, os peiraos dos portos e as rúas das vilas, o fouciño do labrego e o libro. Todo cabe na palabra que vén da terra. Aínda os que nunca tiveron a sorte de volver a Galicia, todos participamos da cerimonia do encontro.
Non estivo ausente a morriña. Nós somos o mellor exemplo dela -??a vida toda suspirando por volver?- di Freixanes no libro e tanta razón ten que ata os que vimos a luz primeira nesta beira, pasamo-la vida enteira volvendo á Terra. O sábado na Biblioteca, estivemos todos a carón da lareira nun lugar indefinido de Galicia, escoitando un longo conto que oxalá non remate.


Alicia Lago Roca
Comentarios (0) - Categoría: Que estamos a ler? - Publicado o 01-05-2012 22:58
# Ligazón permanente a este artigo
FALANDO DA NOVELA CABALO DE OUROS CO AUTOR

Temos o prazer de convidarvos á xuntanza co escritor,académico e editor Víctor Freixanes que vén presentar o seu libro "Cabalo de ouros" nunha conversa cos galegos de Bos Aires. O acontecemento, organizado polos Lectores Galegos e polo Terzo da Fala de Bos Aires terá lugar no sábado 21 de abril ás 5 da tarde na Biblioteca da Federación de Asociacións Galegas, na rúa Chacabuco 955 desta cidade.
Agradecemos a difusión da presente e esperamos que nos poidades acompañar nesta festa para a lingua galega.
Atte
O Terzo da Fala
Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 19-04-2012 16:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0