Falar galego como afirmación e sostén da herdanza que levamos no corazón. |
|
Unha susbstancial aposta de alumnos dos cursos de idioma galego de Bos Aires pola cultura de Galicia |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
E de novo Bos Aires celebrou Galicia A visión parcial da festa desde o ?chiringuito? de O Terzo da Fala. - 04/11/2015. |
|
Impresións dos integrantes de O Terzo da fala - Agradecemento especial a nosa columnista Alicia Lago Roca.
Na mesma avenida mítica, na que pisaron tantos miles de paisanos, na que loitaron a súa propia guerra de dous bandos rúa por medio en cadanseu bar; na dos desfiles de colectividades ó compás de milleiros de gaitas; na Avenida de Maio da que falaban os que volvían e coa que soñaban os que agardaban para embarcar, esta Buenos Aires porteña, a Bos Aires galega, celebrou Galicia.
A nosa agrupación O Terzo da fala participou cun ?chiringuito? propio como xa fixera na primeira edición. Desta vez, cun espazo máis longo gañado a forza de traballo e representación, debuxamos na rúa ?con teas, fotografía xigante, pólas de carballo, loureiro e piñeiro galego e bandeiras- unha fraga galega. Habitada por meigas como calquera fraga das épicas literarias e por árbores da Terra medrou ata se converter nunha atracción que convidaba a ser visitada e percorrida.
Por veces, unha rubia galega de nome Berta ideada por Celín e debuxada maxistralmente por Norberto chamaba a rapaces e adultos para que lle axudasen a atopar o rabo perdido. A cambio, algunha lambetada para os nenos e unha garantía de sorrisos cómplices para facer a foto. Di a nosa Marita que os nenos gozaban coa vaca porque ?era para eles, para non aburriren coas cousas de grandes?. Pero como os galegos temos unha ligazón co gando, a Berta convocaba tamén os pais e os avós que xogaban como nenos a poñerlle o rabo.
E se os nenos recibían algunha larpeirada, para os maiores había como agasallo follas de loureiro para facer cachelos como Deus manda e poesías de poetas que sentimos amigos: Helena Villar Janeiro, Eduardo Estévez e o Mestre Manuel María. Non eran estes os únicos regalos: unha fermosa serie de fotografías de bosques galegos acompañada de versos escollidos. Unha, a de Helena Villar Janeiro, inédita e especial para esta celebración cun haiku que moito lle agradecemos. Para recibilas, debían acreditar ?con algo de axuda- algún coñecemento da lingua relacionando unha palabra co seu significado. Segundo as meigas Lela, Marisa e Susana, todos querían participar aínda que non soubesen galego dabondo. Cando acertaban, a frase era: ?Regáloche un bosque galego?.
Igual que o ano pasado houbo mapa de Galicia. Un mapa xa cheo de alfinetes marcando os lugares de orixe de tantos e tantos emigrantes que tiña desta vez un título ?E ti, de onde vés sendo?. Ó longo do día foise enchendo coas pegadas de galegos e galegas de orixe que buscaban a súa aldea ou a súa vila con bágoas nos ollos, de fillos e netos daqueles que viñeron, de bisnetos que só coñecían os seus bisavós de nome. Houbo tamén algunha parella de mozos acabados de chegar e algúns que repetían visita e conversa. Manuela Meiga, Alicia, Fabián, Celín, Mirta Gosende e Xosé poden dar fe da emoción presente en cada alfinete colocado. A muller e a irmá dun galego falecido de Ponte do Porco que viñeron, ámbalas dúas por separado, para deixar o seu recordo emocionado nese pequeno recuncho da ría de Betanzos, no mesmo exacto sitio onde o deixara el no 2014 cando aínda habitaba a terra dos vivos. Bágoas nos ollos e un ?grazas? cando tocaban o mapa como se tocasen a terra e moitas historias que nos encheron o corazón: a velliña que nunca volveu miraba o mapa pero o que vía era a aldea que deixou, o home que lle contaba ó neto o camiño que fixera para embarcar en Vigo, o recordo permanente, inesquecible e inesquecido, dos moitos que quedaron aquí.
Ò chegar as dúas da tarde, e coa promesa dun importante sorteo de libros en galego para o final, comezou a clínica do Terzo no Auditorio. Tivo a particularidade de ser a primeira, abrindo a quenda de clínicas, cando aínda estaba rematando a procesión. Con todo, encheuse o espazo para escoitar unha lenda da fraga e participar despois lendo as coplas de entroido preparadas por Lela. Moitos terceiros foron responsables do traballo durante a clínica, Cova co seu fermoso traxe, María Elena como fotógrafa, mentres o resto quedaba atendendo na fraga. E xa no final, nove libros de autores galegos, doados en forma persoal polos terceiros, foron facer camiño en novas mans.
A Patricia, que andou por tódolos ?chiringuitos? chamoulle a atención a cantidade de mulleres que devecían por facer unha foto coas meigas do Terzo. Ou que pedían o sombreiro para facer de bruxas boas elas tamén.
Mulleres e nenos que fixeron das nosas meigas as persoas máis fotografadas do sábado: alí andarán en centos de fotos, Susana, Marisa, Lela, Manuela, Celín e ata a marabillosa nai do noso Xosé Augusto montada na súa vasoira voadora. As árbores non tiveron tanto éxito fotográfico pero por alí andaron, pólas de carballo na cabeza e no peito, Mirta, Cecilia, María Elena e Alicia.
Para as nosas galegas de traxe típico Isabel e Cova a festa tivo outras características. Isabel, gaiteira oficial da misa e da procesión, tívose que repartir entre as obrigas musicais e a atención do ?chiringuito? e Cova estivo connosco demostrando que o sangue novo segue adiante nesta cadea de galeguidade.
?Chiringuito? cheo, daba gloria velo ! Tantas visitas de amigos queridos, imposible contalos pero por alí pasaron terceiras de pura cepa como Ana, Amalia, Sabrina, coas súas familias, Inés, Rosa a nosa anfitriona das épocas do Centro Español, a compaña dos irmáns de Xosé e de Mirta Gosende, as amigas que participan dos Lectores e os do grupo de facebook de Gallegos e descendentes que viñeron facer a foto de familia diante da nosa fraga. E non faltaron a TVG e algún outro xornalista que filmaba meigas e entrevistaba galegas.
Dende a nosa fraga vimos pasar a procesión de Santiago arroupado por centos de gaiteiros, bandeiras e estandartes. Para que o Santo non a botase de menos, apareceu a chuvia que non durou máis que o camiño da procesión ata o escenario.
À tarde, muiñeira para o ?Guinnes world record?. Tan longa que ocupaba as dúas rúas completas, chegaba xunta nós e aínda lle sobraban unhas ducias de metros. Para quen vía o espectáculo dende a beirarrúa, parecía un soño ver tanta parella vestida co traxe da súa rexión bailando ò son da Muiñeira de Chantada. Os pés, case sen querer, marchaban a ritmo de muiñeira, tanto que ata Marita bailou ! Para Isabel e o resto dos músicos que asistían dende o escenario mentres tocaban, era imposible non emocionarse ó ver tocando xuntos vellos e novos, fillos ou netos daqueles gaiteiros que xa non están. Había alí a certeza de que Galicia en Arxentina segue sendo Galicia por riba de calquera diferenza ideolóxica ou de pertenza xeográfica. Nesa gran romaría estabamos tódolos que somos e queremos seguir sendo galegos.
O Enterro da Sardiña, o loro pontevedrés, os peliqueiros, moita cousa para ver; moitas comidas típicas para saborear ou cheirar de lonxe, tanta familia traballando xunta como a da nosa Mirta La Gamma, o seu home Enrique e a filla Cecilia transformando o noso espazo nunha fraga, aquelando o que fixese falta como auténticos terceiros. Era tan Galicia en festas que rematou cunha Rianxeira cando xa só quedaban poucos saudando a noite.
A reflexión do final: a alegría de ver tantos nenos e nenas que son os elos dunha longa cadea de galeguidade en América, feita de xeracións que non esquecen de onde veñen. Un exemplo vivo está moi preto de nós: Heleniña, filla de Sabrina que veu de galeguiña bebé no seu carriño no 2014 e andando de meniña galega no 2015. Ela foi o símbolo desta festa en centos de fotos porque leva na súa imaxe dúas verbas: ?esperanza e futuro?.
Longa vida ó ?Buenos Aires celebra Galicia? !
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|