Falar galego como afirmación e sostén da herdanza que levamos no corazón.
Unha susbstancial aposta de alumnos dos cursos de idioma galego de Bos Aires pola cultura de Galicia

O meu perfil
oterzodafala@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O MAPA DE TODOS - 18/09/2014
Por Alicia Lago Roca


Foi unha idea colectiva que, como tódolos grandes feitos, tivo un ou dous iniciadores que recibiron despois as achegas dos compañeiros na xuntanza dos mércores. O mapa de Galicia que fora un agasallo do irmán de Rosa, os alfinetes máis grandes para que se visen ben, e despois a pendurar o mapa cunha lamia de "telgopor" que deixase poñer a marca de cada quen. O transporte a cargo de Fabián con moito mimo para que non rompese. Todo se fixo, ata botarlle o seu aquel cunha pequena póla dun carballo verdadeiro ó lado da que leva o fermoso símbolo dos terceiros.
E alí comezou o milagre: cada paisano que pasaba paraba fronte ó mapa e marcaba un, dous e ata catro lugares en lembranza dos pais ou avós. Emocionaba ver estes netos, con medio século ás costas, dicindo ?aquí naceu a miña avoa? para, uns minutos despois, volver cos seus propios netos para que coñecesen o sitio onde todo comezou. E, como se fose obra das meigas boas, escoitábase deles o galego que aprenderon de pequenos e que nunca falaran antes.
Nada faltou, aquel que lembraba as cartas que escribía de pequeno, cos enderezos cravados na memoria; o que buscaba sen ter idea certa do sitio; a que lembraba a última viaxe en procura da terra amada; e tamén os que querían ver os portos de saída dos seus; os asturianos nados no límite que tamén atopaban alí a súa aldea e os do Bierzo ( o León galego) felices de ver que alí estaba apuntado o sitio. Non faltaron os despistados de Navarra ou de Castela que tamén querían deixar a súa pegada ! Ata a parella de mozos galegos que estaban aquí como turistas e non entendían a emoción dos arxentinos de segunda xeración cando vían o mapa de Galicia.
Moitos coidaron que, co feito de sinalar a aldea, convocaban á festa os espíritos dos seus familiares e marchaban cos ollos brillantes cheos de morriña; e tamén quen quixo levar a foto poñendo alí o dedo. Unha ducia de fotos anda polas redes contándolle ó mundo que case 300 lugares foron sinalados nun mapa de Galicia pendurado no ?chiringuito? deste colectivo de galegos que se negan a esquecer lingua e cultura da Terra.
Privilexio dos que estivemos alí axudando, orientando e sentindo a mesma emoción dos que atopaban cada lugar. Agasallo extra nun día cheo de maxia, este mapa quedará gardado para as próximas festas, ata que o último dos galegos de Bos Aires poida deixar a súa pegada nel.
Permitídeme que, de maneira persoal, remate dicindo que puxen a pegada de meu pai en ( Sisán) Ribadumia, a de miña nai na aldea de Vilarraso ( Aranga ) e, como desexo e promesa, tamén a do meu futuro en Miño. E que sentín como propios cada un dos sinais deixados alí como marcas permanentes de amor e agradecemento ós que foron antes.


Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 19-09-2014 05:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0