Falar galego como afirmación e sostén da herdanza que levamos no corazón.
Unha susbstancial aposta de alumnos dos cursos de idioma galego de Bos Aires pola cultura de Galicia

O meu perfil
oterzodafala@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A celebración do Día das Letras Galegas
(17 de maio, serán)

Satisfacción, emoción, orgullo; como cualificar o pasado Día das Letras Galegas? A celebración do Terzo da Fala e Herbas de Prata concentrouse na tarde do sábado 17 de maio no Centro Lalín, onde conxuntamente coa Secretaría de Cultura da casa dos comarcáns do Deza, renderon unha cumprida ofrenda ao brillante poeta lugués, Xosé María Díaz Castro.
O acto, baseado na proxección dunha aplaudida produción audiovisual que relata a vida e obra do bardo de Guitiriz; comezou cunha ilustrada recensión apoiada nunha secuencia de nove carteis ilustrativos a cargo de María Elena Da Silva. De seguido, a visualización do filme que specialmente nos recomendara o profesor Armando
Requeixo, estudoso da obra de Díaz Castro, que nos visitou hai unhas semanas xunto ao escritor Luís G. Tosar, quen tamén emitiu eloxiosos conceptos sobre a película.
A representante de Herbas de Prata, Inés Martínez Abollo, deixounos a lectura de ?A cerna? e a nosa Rosa María Rodríguez, espallou entre a
concorrencia copias impresas da célebre ?Penélope?; dúas imprescindibels pezas collidas de Nimbos, precioso poemario do poeta homenaxeado ao longo de 2014. Como xa é costume, a reunión rematou cunha deliciosa cunca de chocolate con churros.
E así foi que a celebración gañou xa entensidade, porque dunha tarde singular no microcine do Centro Lalín pasamos a unha velada musical no Teatro Avenida que non fixo máis que prolongar pola noite o goce dun día de xúbilo.


Roi Casal: ?E un alto honor tocar en Bos Aires no Día das Letras Galegas?

(17 de maio, noite)

Estivo connosco na xuntanza da mañá do xoves 15. Quixo coñecer de preto o Terzo da Fala e estendernos a amábel invitación á única función que daría en Bos Aires do seu espectacular recital Pura esencia de Galicia; unha auténtica embaixada itinerante da música popular galega.
Cando Roi Casal fala non xesticula case, pon o antebrazo encol do respaldo da cadeira e agasalla sorrindo sedutor e bonachón. Amósase moi atento diante a pregunta máis trivial do mundo: Tocas a arpa e aínda cantas? Se es de Catoira es pontevedrés; ou equivócome? Como se chama, ?sampona??, ?sempoña???
Relatounos unha axenda riopratense inzada de reviravoltas por mor das entrevistas, xuntanzas preparación do recital?; obrigas que vai rexistrando a puntual coordinación da secretaria Maribel nun caderno de citas que xamais abandona.
−Se mañá tocas en Montevideo, esta noite tes que ir para aló. E que máis, despois de tocar en Bos Aires, o sábado próximo?
Despois será Cuba, e recibir alá o Premio internacional Cubadisco 2014, no habaneiro Centro Galego. Nin máis nin menos, que aquel grande templo da galeguidade alí na illa caribeña.
É un novo de mirada diáfana, que gusta vestir cores claras o que fai imaxinar unha escenografía de negros panos, de maneira que as luces do Teatro Avenida aniñen na súa loura cabeza e lle dean máis brillo a unha música atraente e renovadora que se
retroalimenta das sutís sonoridades que agroman da terra, do mar e do vento enxebres.
Acompáñase Roi dunha banda que integran guitarra, baixo electrónico e contrabaixo clásico, gaita, violín, piano e batería, aos que hai que sumar as cordas vibrantes da arpa, a zanfona e o bouzouki (guitarra de orixe grego en forma de figo).
Arcaicos instrumentos sabiamente rescatados e postos en valor pola mestría do músico de Catoira e a ideal compaña dos cinco integrantes da banda.
O grupo conta aínda coa meritoria achega de Silvia Ferre, a que encanta cantando cal mítica serea que habita nas rías. Unha sensíbel artista que parece levar a música metida dentro do corpo, engadindo á súa clara e doce voz o elegante e sensual
abalar da súa guapa figura.
E presentouse en Bos Aires cos seus ritmos e as melodías engaiolantes que se combinan cos doces arpexos e pizzicatos que experimenta Roi en arranxos que fan lembrar intres e lugares vividos por aqueles soñadores impenitentes que aspiran volver sempre a Galicia. E lévaos adiante polo mundo, nunha xira americana na que Roi seguramente seguirá explicando de que xeito se apertou á arpa céltica, ao bouzouki e ao mecanismo da zanfona. Comentará os seus comezos no grupo Milladoiro. Fará riraos públicos coa graciosa historia do loro do boticario; e falando e escoitando atento,
responderá candidamente que non coñecía Bos Aires; tampouco Montevideo e que nunca estivo en La Habana. E nada parece inquietar a este Mr. Éxito, pois leva consigo o definitivo aval da aprobación dos aplausos dun público ávido das gratas revelacións
que a súa música contemporánea propón sen esquecer o compoñente telúrico.
No programa non faltaron as inspiradas palabras en respectuoso homenaxe a Xosé María Díaz Castro, o escritor do ano 2014 e a ocasional celebración: ?É un alto honor tocar en Bos Aires no Día das Letras Galegas?, sincerouse cativando a platea.
O recital incluía ademais os musicalizados temas clásicos da literatura como ?Rosa?, extraído dos rosalianos Cantares Galegos e ?O sol na corda? (Coma un anxo airado), que pertence á escolma de poemas reunidos nos Nimbos do homenaxeado Díaz
Castro. Pero había máis.
Nun fascinante in crescendo, o público coreaba ao unísono o refrán ?Quen poidera namorala, meu amigo?? do entrañábel poema do tamén lucense Álvaro Cunqueiro. E a festa chegou ao esplendor coa picaresca dos versos do tradicional
mexicano La vieja, cando subiron a escena os integrantes do conxunto Xeito Novo na compaña do pai de Roi, Nando Casal, un especialista dos instrumentos de vento −a gaita e melodioso "tin wistle" nesta oportunidade−, profesional de longa experiencia e notable repercusión.
De aí en máis foi a apoteose, todo o mundo abandonou a butaca e, en pé, aclamou con aplausos interminables e cos conseguintes bravos!
O final tomounos fronte a eximios executantes dos máis variados instrumentos musicais nun escenario ledo e pletórico no que non faltou a grácil achega coreográfica.
Remataba un concerto de música galega de hoxe, do que quixeramos participar unha e outra vez.
E esa vibrante simbiose xerada entre artista e público deixounos pensando nunha verosímil mutación da mensaxe do poema de Xosé María Díaz Castro, na esperanzadora ilusión dunha Penélope que abandona o seu enganoso tecido para dar os
pasos concretos nun único vieiro posible, para adiante e ollando ao futuro; pois a tea do
teus ollos, Galiza, ten que mudar dun día para sempre.
Nunha privilexiada situación avant-scène, o entusiasta e participativo Terzo da Fala tivo a propicia ocasión de conectarse cun novo aceno cultural galego diverso e alentador.

Norberto Lema Regini





Comentarios (0) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 27-05-2014 03:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0