Falar galego como afirmación e sostén da herdanza que levamos no corazón.
Unha susbstancial aposta de alumnos dos cursos de idioma galego de Bos Aires pola cultura de Galicia

O meu perfil
oterzodafala@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ao ?troesma? con agarimo
O profesor Brandeiro cos alumnos da Col. Santiago Aspóstol
Por Norberto Lema Regini*

Os cativos da escola primaria e secundaria do Instituto Santiago Apóstol; coinciden cos alumnos adultos das clases de Cultura e Lingua galega que imparte na Asociación Civil Unión de Residentes de Outes e na Universidad de Belgrano. Sosteñen uns e outros, que detrás dun home novo, amábel e culto hai un mestre que ensina e entretén ensinando. É así de simple?


Coma un mar escuro e bravo de ondas que se negan a aceptar a orde do peite, o seu abondoso cabelo negro remata nun rolo que bica a fronte como se fose a súa rúbrica persoal.

A contextura de Carlos Xavier Rodríguez Brandeiro é a dunha atalaia dun metro noventa de altura e corenta anos de antigüidade que se sitúa todos os días á fronte dun aula onde as ordes se imparten razoabelmente e as consignas se explican unha e outra vez.

Ilustra no encerado ?con poucos trazos? unha folla de carballo, unha dorna, un forquito...; aínda que sexan monifates, da súa man saen suxestivos debuxiños que veñen resolver o seu obxectivo pedagóxico: a máis efectiva transmisión dos coñecementos dirixida coa maior claridade a alumnos de todas as idades.

Tras impartir unha consigna, aconsella, dispón, sorrí, entra, sae. Xúntase cos outros profesores, organiza as festas e actos institucionais...Vai á fotocopiadora e fai sacar moreas e moreas de copias para encher de información e exercicios prácticos os pupitres dos alumnos. Así, ata esgotar o día...

Prevén, sinala e consulta. Ten ben gañado o apoio e confianza das autoridades do Instituto Santiago Apóstol. Síntese moi orgulloso da liberdade de acción que os señores Manuel Peleteiro, presidente da Delegación arxentina da Fundación Galicia América, e José María Vila Alén, presidente do Centro Galicia de Bos Aires, lle dispensan dende que chegou.

Tal vez aló, no San Román natal; o Carliños sancristán que onte petaba as campás da igrexa nunca soñou que o eco que se lle achegaba sería o mesmo que hoxe sente cando a voz de bronce chama polos cativos para a clase. Será posible que naquel repique afastado cantaruxase a súa vocación? ?Polo colexio, eu dou todo o que podo e un pouco máis?; non é unha frase máis que agroma do seu peto.

Atopamos a Carlos Brandeiro no despacho da Secretaría Técnica Educativa entrementres falaba por teléfono ó calor da estufa nunha fría mañá de xullo. O colexio estaba baleiro; máis ben oco. Falto da ledicia que lle dá a presenza da xente miúda. Pero aínda no medio do goce das vacacións de inverno e coa actividade nula, o home empeñábase nalgúns detalles de planificación organizativa.

Carlos: por que filólogo, e non enxeñeiro, avogado, médico?

?De cativo gustoume sempre a radio; de maneira que traballar nunha emisora era a miña ilusión. Gozaba escoitándoa, e gustaba ser un home dese medio e conducir un programa radial de información xeral. A filoloxía non era aínda un obxectivo moi preciso.

E como pesou ese ideal radiofónico nesa etapa tan incerta que todos tivemos que pasar?

?Sen maiores inconvenientes. Fixen a secundaria en Cariño, e con aquela vocación inicial finalicei o bacharelato. Finalmente, logo de darlle algunhas voltas ao asunto, cheguei á seguinte conclusión: o meu, era ser xornalista.

Ó abandonar Cariño, tivo que pensar en ir respirar outros aires. Non?

?Si. Entón tiven que escoller entre estudar xornalismo en Madrid ou outra disciplina en Galicia, algunha das que daquela se ditaban na comunidade. Optei pola Coruña como lugar de asentamento, e comezar os estudos de Filoloxía. Na decisión tivo moitísimo que ver o escritor Manuel Forcadela, por entón profesor meu de Lingua e Literatura Galega nese 2º de bacharelato, o único ano que estivo ensinando en Cariño.

-O literato entrevía que a preservación do idioma dos galegos descansaba naqueles novos que falaban castelán nas cidades pero que, ao pisar a aldea natal, recuperaban a fala enxebre.

?Manuel Forcadela abriume os ollos a unha realidade que eu non valoraba en exceso. En San Román falabamos galego decote. Aínda lembro as bromas e ironías que faciamos perante de quen insinuaba unha mínima frase na lingua de Castela. Coido que o que fixo Forcadela, tal vez inconscientemente, foi animarme a través das súas clases a afondar na realidade cultural e lingüística da nosa terra. As observacións do meu querido profesor foron determinantes.

A Coruña, a universidade... e despois?

?Licencieime no ano 1993 en Filoloxía Hispánica, subsección Galego-Portugués. En xeral, aló paseino moi ben. Gardo moitas lembranzas moi gratas tanto das aulas como do Campus da Zapateira, onde fixen amizades que aínda atesouro, as mesmas que en todo momento están aí para axudarme e darme o seu apoio, sempre. Por sorte, quizá polo concepto particular que teño da palabra ?amigo? ese grupiño segue a estar vivo.

E que foi de vostede cando o diploma ficou pendurado nun cadriño e os libros nos andeis?


?Ao rematar os estudos e despois do servizo militar, comecei a traballar para a Xunta de Galicia impartindo clases de Linguaxe Xurídica e Administrativa Galega ao funcionariado da comunidade. Asemade, entre outras ocupacións, daba clases nunha academia de linguas.

-Entrementres ía acumulando experiencia como profesor.

?Si, claro; ata que no ano 2001, a ?daquela? Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta Galicia, dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria me propuxo como profesor durante dous meses do curso de Lingua Galega da Universidad de Belgrano. Iso significou unha aproximación a Bos Aires, un anticipo prometedor do que viría despois.

-Baixei do avión en Ezeiza e case sen intervalo comecei a dar clases. Aquilo era saír do hotel e afrontar ese impoñente macromundo, sendo que eu viña dunha aldea de catrocentos habitantes e tendo a única experiencia cidadá como estudante nunha capital de provincia coma A Coruña.

-En agosto de 2002 regresei a Bos aires, xa como profesor do Instituto Santiago Apóstol. Isto significou unha verdadeira transformación na miña carreira.

-Un ano despois creouse o Departamento de Lingua e Literatura Galega do que me nomearon director. E no 2004, fun nomeado secretario da Secretaría Técnica Educativa.

-Como pode verse, todo foi distinto no medio da intensidade e o nervio desta sobrecolledora Bos Aires.

-Cal é a valoración que fai o profesor, da achega de coñecementos, ata agora alleos, naqueles alumnos que xamais tiveron contacto co acerbo
cultural do país galego?


?Absolutamente normal. Todos os estudantes aprenden o idioma nun nivel máis que apreciábel e en condicións de valerse dabondo nun medio galego ? hispano - luso falante, incorporando aínda a semente das cousas e as causas galegas. Asemade, e cunha carga horaria importante, os alumnos tamén estudan inglés. É paradigmático que unha das alumnas con media de sobresaínte, comezou a aprendizaxe da lingua galega no secundario, sen ter ningún estudo previo.

-Como é o home ? profe, cando está na banda da fóra do portal do colexio; como é por exemplo, un día domingo de Carlos Brandeiro?

?Érgome cedo, xa que esperto aproximadamente á mesma hora a cotío (se non houbo saída o día anterior, claro; aínda que co paso dos anos estas nocturnidades xa non son habituais), sento diante o ordenador e percorro por esta orde ?coma case que todos os días? as páxinas da Editorial Galaxia, do Consello da Cultura Galega, da Voz de Galicia, do Diario de Ferrol, de Xornal.com e de El País. No primeiro dos xornais citados atendo, en primeiro lugar, ao artigo de opinión de Víctor Freixanes e no segundo ao do meu profesor Xosé María Dobarro. Logo, despois da ducha saudable, saio mercar o xornal arxentino e na cafetería que está ao carón da casa, mentres tomo o almorzo, leo as novas do día.

-Despois do anterior, vou para a casa e sento unha vez máis diante do ordenador xunto coa axenda e vou riscando consignas mentres as logro concluír, algo que non sempre é doado. Xanto tarde e se hai fútbol vexo ao meu querido Dépor, ben no televisor ou ben a través da Internet. No serán, a iso das 6, volvo para o ordenador e remexo páxinas, contestando correos electrónicos e ?tecolexando? un pouco tolemias que se me ocorren. De cando en vez, vou ao cine ou paseo un pouco respirando aires porteños.

-C. X. R. B. Sabe que moitos dixeron o mesmo e nunca puideron desfacer o atraínte abrazo americano, pero... xa ten feito a virtuosa simbiose de home e lugar. Xa ten cravado o alfinete no plano para levantar aló, os catro muros e un teito onde morar e morrer embaixo.

E onde está ese, o seu lugar no mundo?

?Eu amo A Coruña e quero vivir aló, pero sen desdeñar coñecer aínda máis. A verdade, son un analfabeto turístico. Pouco viaxei, aínda que os desexos non faltan; quizá non posúa a suficiente arroutada para facelo, e os cartos, abofé, tampouco.

-De todos os xeitos, encantaríame coñecer Cuba; non a Cuba dos hoteis e praias acoutadas, senón a Cuba real. Tamén querería algún día visitar os EE.UU., fundamentalmente Nova York e Chicago. A viaxe a esta última cidade, debe estar inspirada nalgunha película, que sei eu!.

Profesor: son as doce do mediodía. Tomamos un café?

-Abaixo do acantilado da súa fronte xamais despexada, asoman dous ollos ben abertos, pendentes de todo e un nariz apuntando como proa a súa amada misión de educador.

?Con esta cunca cumpro coa miña cota cafeteira diaria; di, entrementres revolve un cafeíño apenas azucrado. E retoma o fío:

?Os meus próximos corenta anos téñoos idealizados na base do meu traballo que coido terá que ver coa ensinanza, algo de xornalismo se cadra, e coas boas lecturas. Ó único que aspiro é seguir aprendendo todos os días traballando no que me gusta.

Que autores e lecturas lle parecen imprescindibles?

Bota a cabeza atrás, pecha os ollos e ...

?Penso que calquera escrito merece o respecto máximo, estea asinado por quen estea. Polo tanto, podería responder, todos e todas. Na miña infancia lin coma calquera neno da miña idade, supoño, ?Los Hollister?, ?El capitán Trueno?, ?Las aventuras del corsario negro?; encantábanme e aínda me encantan ?Mortadelo y Filemón?? Polo tanto, penso que cada quen ten que ler o que mellor lle compraza; hai moi boa ciencia ficción nos xornais, por exemplo.

-Se de literatura galega se trata, ?No ventre do silencio? de Xosé Luís Méndez

-Ferrín, ?Os libros arden mal? de Manuel Rivas e ?Cabalo de ouros? de Víctor F. Freixanes coido que son de lectura obrigada, fundamentalmente por seren, entre outros máis, redutos de memoria, esa tan necesaria nos días que andamos. Como poder vivir sen aquela literatura que gocei e esoutra que vou gozar!

-Síntese na rúa o balbordo dos coches e o ir e vir das xentes. Vai moito frío fóra do bar.

Tomamos outro?

?Non, grazas. Xa teño que dar a volta e rematar o que comecei cedo.

Nese intre, soa o seu teléfono portátil e contesta comprometéndose axiña ao trato dalgún aspecto pedagóxico pendente.
O mestre érguese e, saudando, refúxiase no abrigo co pensamento posto nos proxectos e ilusións que o agardan na quentura do seu despacho.


Unha distinción


Tocante aos porteños, hai un xeito que vén da xerga dos arrabaldes da cidade. Esta variante do Lunfardo úsase especialmente en Bos Aires. Chámase ?El vesre? e consiste en pronunciar as sílabas das palabras ao revés. Velaí: (camisa) samica; (mujer) jermu; (libro) broli, e así por o estilo; zabeca; mionca, etc.

A inefábel graza popular, agroma todas as veces que se escoita un agarimoso ?Troesma?. Trátase dunha eloxiosa distinción que só gaña aquela xente que practica con sabedoría e honor o xeito de ensinar e dar exemplo. Segundo os séus alumnos, no caso deste coruñés que vive, pensa e soña en galego; aquilo de ?Ao ?troesma?...?, axústase moi ben.

* Alumno das clases de lingua galega que dita o profesor Brandeiro na sede da Asociación de Residentes de Outes.





Comentarios (1) - Categoría: As Nosas Historias - Publicado o 28-01-2014 02:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Xurdio artigo! Carlos Brandeiro quedou magnificamente retratado, de corpo entei#blgtk08#ro. Parabens a Norberto e ao 'troesma'! (Ollo! Non se confunda con 'prosma').
Comentario por Henrique Monteagudo (06-02-2014 00:14)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0